Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 18 de abril de 2016

Pola mellora e ampliación das medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral

A Xunta de Persoal vén de aprobar no seu último Pleno e dirixir un escrito con diversas propostas de mellora e ampliación das medidas actuais de conciliación da vida persoal, familiar e laboral aos departamentos correspondentes.

Algunhas trátanse xa de vellas aspiracións que levan enriba da mesa desde que botou a andar o tema da flexibilidade laboral (coma a de poder traballar o venres pola tarde ou a bolsa de hora positivas para o mes seguinte), outras tratan de aplicar o que xa teñen no estado (como o horario de verán ampliado) ou ben de que os servizos de persoal apliquen correctamente a flexibilidade familiar sen impoñer máis limitacións que as que recolla a resolución favorable.

Ampliación do horario de referencia no exercicio do dereito da flexibilización da xornada laboral

Desde a entrada en vigor da orde e posta en funcionamento desta modalidade de xornada laboral, pasou xa suficiente tempo, durante o cal este órgano de representación demandou a modificación e ampliación do dito horario para aumentar tamén as posibilidade de conciliación.

Non hai ningún impedimento material nin técnico, nin impliacaría un aumento de custo para a Administración autonómica, as seguintes medidas de mellora do dereito de conciliación:
  • Ampliar o horario de referencia aos venres pola tarde. 
  • Ampliar o horario de referencia, con carácter xeral para todos os centros ata as 20.00 horas.
  • Redución do horario de presenza obrigada de 9.00 a 14.00 horas.
  • Posibilidade de que o horario mensual acumulado se poida desfrutar no seguinte. 

Ampliación da xornada de verán para persoal con fillas e fillos menores de 12 anos

Mediante Resolución de 25 de novembro de 2015, da Secretaría de Estado deAdministracións Públicas (BOE 10/12/2015), a Administración do Estado ampliou a duración da xornada de verán para o seu persoal que conte con fillas e fillos menores de 12 anos do seguinte xeito. Esto debera ser aplicado analoxicamente para o persoal da Xunta unha ampliación semellante do período da xornada intensiva.

Neste eido, cómpre destacar que nesta instrución do estado fálase tamén que a adaptación progresiva da xornada laboral pode ser concedida para  procesos de recuperación de outros tratamentos de especial gravidade (non necesariamente oncolóxicos); a instrución de permisos vixésimo cuarta da Xunta non recolleu a dita excepción.

Información aos servizos de persoal para garantir o exercicio da flexibilidade familiar nos termos establecidos nas resolucións

Son varias as queixas que nos chegan respecto a algúns servizos de persoal que dan información errónea ao persoal funcionario que ten concedida unha resolución de flexibilidade familiar. Sen que a resolución contemple ningún horario de presenza obrigado, desde algúns servizos indícanlle que teñen que vir fichar “aínda que sexa por un minuto” todos os días.

Consideramos que isto non só é erróneo senón contrario ao propio dereito da flexibilidade familiar, onde a norma non establece un horario de presenza obrigada con carácter xeral, senón só como excepción antes as necesidades do servizo, algo que debe figurar en todo caso na resolución da propia flexibilidade. 

Comprendemos que non estamos en Suecia en materia de respecto de dereitos laborais e de conciliación, aínda que cara aí deberamos camiñar;  aquí os días que as traballadoras e traballadores faltan ao traballo por motivos de coidado familiar non son pagados polo Estado, senón que teñen que ser recuperados en tempo de traballo. Pero polo menos, debera permitir que estes días que se teñan que faltar completamente poidan ser recuperados con total normalidade sen malinformar ao persoal de que ten que vir a fichar “aínda que sexa un minuto”. 

A Xunta podería implentar estas sinxelas medidas e sen custo adicional de xeito inmediato se tivera vontade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario