Siguen recaendo as sentenzas favorables á recuperación da parte divindicada da paga extra de xuño de 2013, tanto nos tribunais do contencioso para persoal funcionario, como para os diferentes colectivos de persoal laboral, primeiro no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e agora no Tribunal Supremo (TS).
E a Xunta como se oíse chover, segue coa súa "folla de ruta": négase a devolver de oficio o que recoñece a Xustiza para o recorte ilegal na paga extra de xuño de 2013 e prefire embarcarse nunha espiral de recursos e xuízos para minimizar o impacto político. Iso a pesar do custo extraordinario que supón para a cidadanía que a Xunta pleitée o que sabe que non pode gañar.
A primeira sentenza afectaba ao persoal laboral que no 2013 traballara na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza. Estoutra que recaeu recentemente afecta ao persoal laboral que no 2013 tamén traballara no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Porén, son varios os conflitos colectivos de varias entidades instrumentais pero sobre todo, polo número de persoal afectado, o que máis destaca é o do persoal laboral da Administración xeral da Xunta de Galiza, que entendemos que o TS acabará fallando no mesmo sentido. O que non podemos saber é cando virán estaoutra sentenza e sobre todo, cando se executará e se o farán de xeito universal; estas dúas últimas cuestións son, ademais, decisións que orbitan dentro do terreo político.
Que é o que recoñen estas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza e o Tribunal Supremo? Nestes casos non se admite a reclamación principal da devolución do total do recorte nas pagas extras do 2013 (sobre un 5% da masa salarial) pero si a reclamación subsidiaria da súa parte devindicada ao entrar en vigor a Lei de Orzamentos dese ano o 1 de marzo (algo así como 1/3 dun complemento específico ou equivalente para persoal laboral). Estimamos que este recorte ilegal supuxo unha apropiación indebida duns 33 millóns de euros das nosas nóminas.
A historia comezou no 2013; daquela o goberno de Feijoo decidiu recortar o complemento específico (ou concepto equivalente para o persoal laboral) nas dúas pagas extras de todo o seu persoal pasando a ser Galiza unha das escasas comunidades nas que se aplicou un recorte adicional. Recorte que continúa hoxe en día e que continúa na Lei de Orzamentos do 2016, medida co que aproximadamente están a quitarnos uns 200 millóns de euros por ano a todo o persoal que cobramos da Xunta.
As organizacións sindicais presentaron no 2013 diferentes conflitos colectivos para os diferentes colectivos de persoal laboral da Xunta de Galiza. No 2014, o TSXG fallaba favorablemente as reclamacións subsidirias de varios colectivos de persoal laboral, tanto da Administración xeral da Xunta de Galiza como dos diferentes entes instrumentais autonómicos.
Porén, a Xunta embarcouse nunha espiral de recursos de casación ante o TS co obxecto de atrasar todo o posible o inevitable e sen máis espectativas que gastar os cartos da cidadanía en reclamacións estériles xudicialmente pero moi frutíferas desde o punto de vista político. Case dous anos despois, o TS dille á Xunta que non ten razón e desestima o primeiro de tantos recursos de casación, adquirindo polo tanto firmeza a sentenza do TSXG. Iso si, non lle impón costas á Xunta polas molestias ocasionadas.
Para o persoal funcionario a única posibilidade xudicial vén sendo a reclamación individual e neste sentido son xa decenas as sentenzas favorables na reclamación subsidiaria e, dadas as peculiaridades da vía do contencioso-administrativo, son xa 5 (canto menos nos servizos centrais da Xunta) as sentenzas favorables no sentido de recuperar a totalidade do recorte nas dúas pagas extras no caso de silencio administrativo. O que si entendemos que de facer unha "aplicación universal", a Xunta debería devolvernos os cartos roubado a todo o seu persoal, laboral e funcionario. En todo caso, ista é unha decisión política.
A Xunta leva desoíndo as nosas advertencias da ilegalidade das súas
actuacións en canto a reclamación subsidiaria. Tamén ignora a nosa
demanda lexítima da devolución destes complementos a todo o persoal
afectado polo recorte.
A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais tamén reclamaba recentemente, a raíz das recentes sentenzas, a devolución desta reclamación subsidiraria de oficio sen necesidade de seguir alongando o inevitable e ocasionándolle un gasto innecesario á cidadanía. Dálles igual, o único que lles importa son as eleccións... pois tomaremos nota.
Ningún comentario:
Publicar un comentario