Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 27 de abril de 2016

A Xunta segue destruíndo emprego público a pesar de presumir que cumpre co déficit: hoxe RPT Infraestruturas

Escoitando iso de que xa "saímos da crise" e do ben que dan os números na Xunta de Galiza, non o parece cada vez que vemos unha nova proposta de modificación de RPT. Xa pasou coa de Cultura e Educación, cunha destrución neta de 29 postos de traballo público. Agora vén a Consellaría de Infraestruturas, "só" cunha destrución neta de 7 postos porque "non son imprescindibles para o funcionamento da consellaría".

Tendo en conta a deriva actual de aumento relativo dos postos discrecionais respecto dos de concurso (que son os que sempre se amortizan), isto vai acabar nunha pirámide tan invertida como a da poboación galega: cada vez máis vellos e cada vez máis "xefes/as". Pola contra, mentres se constrinxe o capítulo de gastos de persoal, deixando sen orzamentar postos vacantes, vaise o traballo polo capítulo de investimentos en forma de privatizacións. De feito, un dos 2 postos que crean é por unha sentenza xudicial de indefinición de subcontratación ilegal de tarefas informáticas.

Breve referencia á proposta

Trátase en primeiro lugar de separar oficialmente en RPT a parte da antiga MATI que corresponde a Infraestruturas e Vivenda. Esta modificación non afecta ao IGVS nin á Axencia de Infraestructuras senón á Secretaría Xeral Técnica (SXT), Mobilidade, Xurado de Expropiación e Xefaturas Territoriais.

Amortizan 7 postos vacantes -que din estar sin orzamentar- e 2 ocupados por persoas que está prevista a súa vindeira xubilación (xa nin agardan a que estean vacantes). Os postos son 5 bases C2 (2 en Mobilidade, 1 no Xurado de Expropiación, 1 na Xefatura territorial de Lugo e 1 na de Pontevedra), 2 postos base A1 (1 na SXT e 1 na Xefatura territorial de Lugo) e 2 limpador/a (1 na Xefatura territorial da Coruña e 1 na de Pontevedra); os de xubilación son o posto base A1 de Lugo e o de limpador/a da Coruña.

A xustificación que dan é a explicación sucinta de sempre: "non son necesarios" os das xubilacións, "non son imprescindibles" os que deixamos sen orzamento; resultado 9 amortizacións. Como sigan así, xa non sabemos que lle van ofertar á xente que aprobe os vindeiros procesos de promoción interna ou acceso libre...

Pola contra crean 2 postos: 1 xefatura de sección 25 de  "asuntos xerais" na xefatura de Lugo co mérito de licenciatura en dereito (non era de "asuntos xerais"?) e un base A1 no Xurado de expropiación por sentenza de indefinición.

O saldo económico entre amortizacións e creacións é de 157.208,96 € positivos.

Con parte desta pasta supoñemos que financian o seguinte (supoñemos porque tampouco temos a memoria económica):

- 5 postos de persoal subalterno SXT: incremento do complemento específico por facer tarefas habituais de condución (de 4.834,08 € a 5.447,88 € anuais); ollo, un deles ademais xa tiña "xornada de mañá ou tarde" sen retribución diferenciada. Seguimos coa estratexia redutora e centralizadora que xa vimos na Consellaría de Presidencia, con todos os postos de subalterno colgando das secretarías xerais técnicas. Métenlle agora o complemento de condución a todos os postos (antes só o tiñan 3), "con independencia de onde presten servizos habitualmente" para facilitar que "quede cuberto o servizo, fundamentalmente nas dependencias que están fóra do complexo de San Caetano así como nos períodos de vacacións, permisos, baixas etc.

- 11 postos de persoal inspector de transportes: introdución do plus de perigosidade segundo convenio colectivo (80,81 €/mes).

Con isto sobraríanlle 143.473,92 € co que poden non eliminar todos eses postos e, aínda así, manter o sacrosanto equilibrio orzamentario.


Concurso específico, titulitis en dereito con carácter xeral e outras pequenas modificacións

Chama a atención o feito de que poñan con carácter xeral en todas as seccións de mobilidade das xefaturas territoriais a licenciatura en dereito como mérito. Actualmente hai máis de 500 postos en RPT de corpos xerais (para acceder aos cales vale calquera titulación) que inclúen esta coletilla de "licenciatura en dereito" como mérito ou requisito. O curioso neste caso é que se estableza "con carácter xeral" para toda unha serie de postos por realizar funcións de "autorización e inspección" nos servizos provinciais de mobilidade.

Pasan un total de 11 xefaturas de servizo a "concurso específico", un concurso específico que non ten pinta de chegar nunca e sobre o que tamén moito se podería falar.

Homoxenéizan 2 postos de Técnico/a facultativo do Xurado de expropiación ás mesmas titulacións: arq. técnico/a, enx. téc. agrícola, enx. téc. forestal ou enx. téc. de obras públicas.

Incorporan como mérito a experiencia en xestión económica a un posto xefatura de grupo 14 e outro xefatura de negociado 18 na Xefatura Territorial de Ourense; deberían potenciar a formación que é máis fácil e obxectivamente acreditable.

Ningún comentario:

Publicar un comentario