Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 26 de marzo de 2018

A CIG solidarízase co pobo catalán e exixe a urxente e inaprazábel liberación das/os presas/os políticos

Denuncia a represión e a violencia institucional exercida polo aparello do Estado español


A Confederación Intersindical Galega manifesta a súa máis enérxica repulsa ante a violencia institucional exercida polo aparello do Estado contra o pobo catalán, as súas institucións e as/os súas/seus lexítimos representantes. Denuncia que a persecución e encarceramento de representantes políticos e sociais, por razóns ideolóxicas, atenta gravemente contra os máis básicos principios democráticos. Rexeita a persecución de ideas políticas, a vulneración do principio da separación de poderes e a utilización do Tribunal Constitucional, da Fiscalía e da Audiencia Nacional como prolongación do Partido Popular.

A Confederación Intersindical Galega cualifica de aberración antidemocrática decretar prisión contra representantes do pobo catalán por ter auspiciado un referendo de autodeterminación. Unha resposta represiva, que supón unha auténtica perversión, en termos xurídicos e democráticos máis propia dun réxime totalitario que se exerce contra quen, por vías pacíficas e democráticas, intenta superar o corsé imposto coa Constitución do 78.

A central sindical denuncia a actitude dun Estado con gobernantes e clases dirixentes, económicas e políticas, que se enriquecen a costa da corrupción, do saqueo da clase traballadora, do espolio de nacións sen estado no Estado español, mentres exerce unha brutal e intolerábel represión contra traballadores e traballadoras; contra voces críticas ao sistema ou a monarquía ou contra representantes sociais e políticos, avalados polas urnas, por defender dereitos fundamentais inalienábeis.

A Confederación Intersindical Galega reitera pois a súa solidariedade co pobo catalán, exixe a liberación das presas e presos políticos e afirma a súa inquebrantábel defensa dos dereitos e liberdades democráticas, individuais e colectivas, así como do dereito dos pobos a decidir libremente o seu futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario