Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 9 de marzo de 2018

A Xunta convoca oposicións para cubrir 614 prazas de emprego público en distintas áreas da Administración galega

Tras varias OPEs sen executar, a Xunta acumula en dous días a convocatoria de 614 prazas, o 60% destinadas á promoción interna.


A Xunta de Galicia conocou entre o DOG do 7 e do 8 de marzo un total de 18 procesos selectivos para cubrir un total de 614 prazas de emprego público en distintas áreas da Administración galega. Esta é a maior convocatoria simultánea de oposicións no eido da Administración xeral nos últimos anos, e a previsión da Xunta é que haxa unha alta participación dado que un número importante de prazas é de acceso libre. Non é de estrañar pois o total das prazas vén de executar con atraso prazas de ofertas de emprego público que veñen non só do 2017, senón taén do 2016 e 2015. En canto á alta participación, é habitual nun país como o noso onde a precariedade laboral e o desemprego é alto.

Un total de 248 prazas –o 40% do conxunto- son de acceso libre e a elas poderá acceder calquera persoa que queira traballar na Xunta e cumpra os requisitos de acceso. As outras 366 prazas son de promoción interna, é dicir, reservadas a persoal que xa traballa na Administración galega e que quere promocionar a un posto de maior categoría ou que se adapta mellor ás súas preferencias. Porén, como denunciamos estes días, aquí acaba todo o impulso á promoción interna que dá a Xunta.

Entre as convocatorias que se publican esta semana no Diario Oficial de Galicia inclúese as oposicións para cubrir 76 prazas na categoría de camareiro/a-limpador/a e axudante de cociña, coas que malamente cubrirán a alta demanda nos centros de servizos sociais dependentes da Xunta. Son as primeiras oposicións convocadas nesta categoría desde 2006 e nelas poderá participar calquera persoa que acredite ter o certificado de escolaridade obrigatoria. Son categorías, como a maioría de persoal laboral, que acumulan pois unha alta temporalidade.

Ademais, a Xunta tamén convoca 121 prazas de corpos xerais de acceso libre. Desta cifra, 53 prazas correspóndense con auxiliares administrativos (grupo C2), 38 para o corpo superior da Administración (grupo A1) e outras 30 prazas para o corpo de xestión da Administración (grupo A2). De novo, insuficiente para paliar as amortizacións e despedimentos destes últimos anos.

A Xunta inclúe tamén nestas convocatorias de acceso libre 51 prazas de corpos especiais ou escalas, que inclúen 28 prazas en catro escalas de enxeñaría, 16 prazas para a escala superior e técnica de finanzas e outras 7 para a escala de informática e para inspección urbanística.

En canto á promoción interna, as convocatorias contan con 350 prazas para persoal de corpos xerais –incluídas 44 para grupo A1, 70 no grupo A2, 130 no grupo C1 e 106 no C2- e outras 16 prazas para as escalas de informática.

Inscrición nas oposicións


As 18 convocatorias publicáronse no Diario Oficial de Galicia entre o mércores 7 e o xoves 8 de marzo. Todas as convocatorias incluirán as normas xerais, os requisitos que deberán posuír as persoas que queren inscribirse nas probas e os programas que rexerán os distintos procesos selectivos.

Todas as persoas interesadas en participar nestas oposicións poderán presentar a súa solicitude no prazo de 20 días naturais, que empeza a contar desde o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG. Posteriormente, a Xunta publicará a lista de persoas admitidas e excluídas en cada convocatoria.


PUBLICACIÓN CONVOCATORIAS EN DOG:



ACCESO LIBRE:
Prazas
Camareiro/a limpador/a – Axudante de cociña (grupo V)
76
Corpo superior da Administración (A1)
38
Corpo de xestión da Administración (A2)
30
Corpo auxiliar da Administración (C2)
53
Escala de enxeñeiros/as de camiños, canles e portos
9
Escala de enxeñeiros/as técnicos/as de obras públicas
5
Escala de enxeñeiros/as agronómicos/as
6
Enxeñería Técnica Agrícola
8
Escala de subinspección urbanística
3
Escala de informática - Sistema e tecnoloxías da información
4

ACCESO LIBRE:
Prazas
Escala superior de finanzas
6
Escala técnica de finanzas
10
PROMOCIÓN INTERNA:
Corpo superior da Administración
44
Corpo de xestión da Administración
70
Corpo administrativo da Administración
130
Corpo auxiliar da Administración
106
Sistemas e tecnoloxías da información
8
Escala xestión de sistemas de informática
8

Ningún comentario:

Publicar un comentario