Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 8 de marzo de 2018

Miles de mulleres participan nos paros laborais e nas mobilizacións convocadas pola CIG este 8 de Marzo

"As galegas estamos situando Galiza no mapa mundial do Paro Internacional de Mulleres"



Mulleres traballadoras da sanidade, do ensino, do comercio, da industria, dos centros de chamadas, da administración, do téxtil, do mar, das conserveiras,...; mais tamén as xubiladas, as estudantes, as desempregadas, as mulleres que traballan arreo pero non teñen unha remuneración; miles de galegas están a secundar os paros laborais e as mobilizacións convocadas pola CIG neste 8 de Marzo ao longo de todo o país, demostrando que se as mulleres paran, o mundo para.

"As galegas estamos demostrando a nosa capacidade de mobilización, a través da que somos quen de situar Galiza no mapa mundial do Paro Internacional de Mulleres e participar activamente nunha xornada histórica, revolucionaria, que marca un punto de inflexión na conmemoración do 8 de Marzo e en como temos que concibir a celebración desta data".

Amplísimo seguimento dos paros e mobilizacións


Así de contundente se amosaba a secretaria confederal de Mulleres da CIG, Margarida Corral durante a multitudinaria concentración realizada en Vigo, coincidindo coa segunda quenda de paros laborais convocada pola central nacionalista, que abrangue a franxa horaria das 12 ás 14 horas. Un tempo no que a CIG está a desenvolver máis de 40 mobilizacións polas cidades e vilas de todo o país que no seu conxunto suman miles de mulleres e que son reflexo do amplísimo seguimento que está a ter esta xornada de loita.

No conxunto do país, na sanidade pública só están entrando os servizos mínimos, e nos centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o paro sitúase arredor do 90%; malia os abusivos servizos mínimos decretados polo Goberno galego. No ensino público a folga atinxe a máis do 70%, e no caso do secundario podemos falar de que está practicamente paralizado, ao estar rexistrando tamén a folga estudantil un amplo seguimento.

Seguimento en Vigo


En Vigo é de destacar a incidencia do paro no sector industrial, no que se rexistra un seguimento do paro do 100% das traballadoras de empresas como Alonarti, Denso e Rodman, mentres que noutras como Domiberia foi secundado polo 85%, porcentaxe que no caso de Copo Ibérica ronda o 60%. En compañías do sector químico como Biofabri (93%) ou (CZ 85%) tamén tivo unha importante repercusión.

Na industria dos conxelados e da conserva, en Pescanova Chapela parou o 93%, mentres que en Conservas Iglesias e Valcárcel o paro foi do 100% nos dous casos. Tamén o 100% das mulleres de Madeiras Iglesias se sumaron á folga, como o fixo o 90% de Bimba & Lola. Nos centros de chamadas o paro tivo unha incidencia elevada ao acadar o 75% de seguimento en Unísono e o 70% en Bosch.

No sector público, hai un seguimento do 70% no Concello de Vigo e do 40% no edificio da Xunta e na área de Política Social da Administración autonómica. Na Admnistración de Xustiza atinxiu o 65%. En canto á Administración estatal (ISM, Tráfico, Misión Biolóxica, SEPE, Fogasa), o seguimento foi do 35%. Na Oficina Emprego Calvario rexistrou unha incidencia do 100%.

No centro de ensino Mártin Códax, e nas escolas infantís municipais Atalaia de Teis, a de Saiáns e a de Tomás Alonso o paro foi do 100%. Tamén foi total na E-Trad (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional) e na Asociación Lenda. No caso dos institutos, o seguimento foi do 35%. Galescolas como as de Nigrán, Soutomaior ou Salceda rexistraron un 100% de seguimento.

No sector servizos, as traballadoras de Alcampo secundaron o paro nun 60%, mentres que no comercio téxtil do Centro Comercial Gran Vía e Urzaiz fixérono o 85% (con excepción de Zara e Stradivarius).

Seguimento en Pontevedra


En Pontevedra estase a rexistrar un seguimento moi bo na área pública, tanto no edificio administrativo da Xunta de Galiza, como na administración do Estado (Tráfico, Axencia Tributaria) e tamén na administración local, na Deputación Provincial e no propio concello de Pontevedra, ao igual que acontece no resto dos concellos da comarca.

Na limpeza hospitalaria, da universidade e da Biblioteca o paro é do 100% das traballadoras, e o mesmo pasa na limpeza viaria. Ademais o paro foi amplamente secundado no Grupo Aludec, mesmo por parte das compañeiras das ETTs, e en Tréves, ambas as dúas empresas de automoción.

Tamén tivo grande repercusión na conserveira Orbe, de Pontevedra; un amplísimo respaldo nas empresas de elaboración e conserva do peirao de Marín e tamén nas de Vilagarcía, O Grove e Cambados. No caso de Conservas Roma e Pérez Lafuente a folga é do 100%. Como tamén se rexistra un paro do 100% das mulleres de Carsa.

En Pontecesures parou até Nestlé; en Moraña secundaron o paro as traballadoras da fábrica de velas de barcos Northsails; constatouse un seguimento maioritario no Servizo de Axuda no Fogar de Forcarei, en Silleda e pararon, en xeral, as traballadoras de todos os concellos; as traballadoras de Ferrovial de limpeza dos colexios.

Nos hospitais houbo unha ampla participación no do Salnés e Montecelo e nos centros de atención máis importantes.

Seguimento en Compostela


En Compostela, cómpre salientar o amplo seguimento no comercio téxtil, nomeadamente nas tendas do Grupo inditex. De feito nas Cancelas unha morea de tendas tiveron que pechar porque o 100% das traballadoras se sumaron aos paros como Geox, Casa, Massimo Dutti, Bershka, Oysho, Stradivarius, Pull and Bear, Lefties, a propia Zara e mesmo as cafeterías (calcúlase que o paro atinxiu, no centro comercial, a preto do 90 % das traballadoras), mais tamén foi secundado por todas as traballadoras de Zara da Praza de Galiza –agás as encargadas- e máis do 50% das tendas de Bershka dos centros de Xeneral Pardiñas e da Praza Roxa pararon.

Na administración, nos complexos de San Caetano e de San Lázaro o paro tivo mesmo máis seguimento entre as mulleres que en folgas anteriores e no concello de Santiago tamén foi secundado masivamente.

A incidencia do paro até foi visíbel no Grupo Gadis. En empresas como TECNOCOM foi de preto do 70% e até pararon o 100% das traballadora da taquilla da Catedral.

En Sanidade os paros de mulleres fixéronse notar en centros de saúde e hospitais malia os excesivos servizos mínimos que, no caso do Clínico, incluíron ao persoal contratado para peonadas en quirófano pola tarde e pararon todas menos unha das traballadoras do servizo de limpeza do hospital Provincial.

Seguimento na Coruña


Na Coruña cidade o paro está condicionado ao feito de que hoxe é festivo local, polo que en boa parte dos sectores produtivos e do sector servizos non se puido facer efectiva a folga. Aínda así, o paro está ter un seguimento relevante en moitas empresas do sector servizos e nos centros de chamadas, e tamén nos museos da cidade hai unha notábel incidencia.

Nos concellos da área metropolitana, as traballadoras da administración local están secundando o paro de xeito maioritario e tamén hai seguimento da folga entre as empregadas da fábrica de Cerámicas do Castro.

No relativo á Costa da Morte, practicamente o 100% das mulleres de Ferroatlántica secundan o paro da mañá, así como a totalidade das traballadoras dos concellos de Cee, Carnota e Corcubión. De igual xeito unha porcentaxe elevada das traballadoras do centro comercial Carrefour están paradas; o comercio local tamén pechou as portas nesta quenda de paro e as traballadoras saíron na conserveira Calvo, en Carballo.

Seguimento en Ferrol


En Ferrol, o paro entre as mulleres que traballan nos estaleiros de Navantia da cidade chega case ao 100%, na planta de Einsa (As Ponte) e Masol Iberia Biofuel. Tamén a metade das traballadoras de Leche Celta (Pontedeume), Indipunt (Narón) e Geriatros Ferrol están secundando esta quenda de paros.

Rexístrase paro tamén en Arteixo Telecom, na delegación da Xunta e no Concello de Ferrol. E o seguimento nos centros do Consorcio  é practicamente do 100%, só están traballando os servizos mínimos e non é difícil ver entre as mulleres nomeadas para estes servizos colantes apoiando a folga.

Seguimento en Lugo


En Lugo hai que destacar o seguimento que está a ter o paro no Centro Comercial As Termas, onde o 100% das traballadoras non cooperativistas do Eroski están en folga ao igual que o están as traballadoras do Lefties. Do 100% tamén é o seguimento da folga en Xenética Fontao.

O paro tamén ten un notábel seguimento no pequeno comercio local e en estabelecementos relevantes como Ajedrez, onde as traballadoras tamén secundan o paro. No sector da banca o paro rexistra un seguimento arredor do 40%, unha porcentaxe similar á que hai en Abante BPO.

O amplo seguimento da xornada de paro na cidade quedou de relevo na impresionante mobilización que a CIG tiña convocada para as 12:30 horas, e na que participaron arredor de 5.000 persoas.

Na comarca da Mariña as traballadoras de Conservas Albo sumáronse ao paro ao igual que fixeron as compañeiras do comedor de Alcoa (servizo que presta a empresa Eures Colectividades) ou as da sanidade pública. O seguimento do paro tamén se estende a boa parte do comercio local. En toda a provincia no sector da administración local, a folga está a ter unha incidencia relevante, coa maioría das traballadoras secundando o paro.

Seguimento en Ourense


Na Comarca de Ourense o paro tivo un notable seguimento no pequeno comercio local, onde un gran número de establecementos pecharon as portas para secundar os paros praciais na xornada da mañá.

No Barco de Valdeorras destacar a alta participación das traballadoras da empresa Irosa, xa que arredor dun 70% secundou os paros.

Os sectores da sanidade, Administración pública e ensino foron os que rexistraron un maior seguimento da convocatoria.

Ao mesmo tempo, a concentración convocada pola CIG na Praza Maior de Ourense reuniu a máis de 2500 persoas, a inmensa maioría mulleres.

A problemática da muller no centro dos debates


Máis alá de porcentaxes, para a secretaria das mulleres da CIG, esta folga é un éxito polo feito de termos sido capaces de pór no centro do debate social a explotación laboral, as discriminacións e as desigualdades, os acosos e as agresións que sofren as mulleres polo feito de ser mulleres, logrando que mesmo aquelas mulleres que non identificaban como propias as desigualdades sexan agora quen de facelo.

Unha realidade que a CIG leva anos denunciando e tentando combater día a día a través da nosa acción sindical, da negociación colectiva,  promovendo a implantación de protocolos de actuación, interpondo denuncias xudiciais, propondo medidas de actuación no ámbito laboral e social e demandando políticas que nos permitan vivir e traballar en igualdade de condicións que os homes. Unha realidade seguirá existindo cando pase este 8 de marzo "e que dende a CIG seguiremos a combater na nosa acción diaria hoxe, mañá e pasado, sen descanso nin tregua", afirmou.

100 anos despois das revoltas protagonizadas polas "galegas combativas"


"Hoxe as mulleres paramos, tanto as que teñen empregos remunerados como as que traballamos no seu fogar ou no doutras persoas, as asalariadas por conta allea ou por conta propia, as desempregadas, as mozas, as xubiladas, as que viven nas aldeas e as que viven nas cidades. Todas abandonamos por unhas horas o que estabamos a facer, identificando así o espazo baleiro que deixamos e denunciando ao tempo o importante valor social que desempeñamos nas esferas produtiva e reprodutiva, en moitos casos invisibilizado, oculto e non retribuído", valorou a secretaria confederal de Mulleres da CIG.

Margarida Corral puxo o acento no feito simbólico de que este 2018 se cumpren 100 anos das revoltas contra a suba de prezos nos alimentos e os motíns de subsistencia que protagonizaron as mulleres bravas e combativas de Galiza, "mais tantas vece esquecidas neste país colonizado, e que deben ser todo un referente da autoorganización e de loita polos nosos dereitos".

De igual xeito, nesta data senlleira quixo lembrar as denuncias de Rosalía de Castro, plenamente vixentes na actualidade, cando falaba do sexismo, da cousificación das mulleres, do individualismo egoísta, da dependencia de Galiza a respecto do Estado, da súa crítica profunda á burguesía "como clase social ascendente e do seu arsenal de novas imposicións e dogmas, hoxe asentada en demasiadas instancias de poder, culpábeis en moitos casos das discriminacións e da precariedade que sufrimos as mulleres da clase traballadora", denunciou.

Loitar contra a precariedade e as discriminacións


A este respecto, a secretaria das Mulleres da CIG denunciou que as mulleres temos os empregos máis precarios, os salarios máis baixos, moitas dificultades para acceder a postos de alta responsabilidade, maiores taxas de contratación a tempo parcial e de temporalidade. "A pesar da lexislación existente, a discriminación salarial que padecemos as mulleres é unha realidade xeneralizada en todas as ramas de actividade, e nos sectores feminizados, os salarios son máis baixos que naqueles nos que os homes teñen unha presenza maioritaria".

As mulleres enfróntanse a enormes dificultades para poder conciliar e "vivimos con medo a ser despedidas cando nos convertemos en nais; somos as que de xeito maioritario solicitamos excedencias para coidar crianzas ou familiares dependentes e asumimos unha dupla ou tripla xornada dentro e fóra do fogar, pola falta de corresponsabilidade. Temos as pensións máis cativas que os homes; e sufrimos acoso na rúa, na casa, no lugar de traballo, nos agriden, nos violan e nos asasinan polo feito de sermos mulleres".

Por iso, engadiu, "tamén queremos facer un xesto con todas aquelas mulleres que, pola súa situación, hoxe non poden parar non seus empregos ou non poden participar na folga de coidados, por todas elas tamén paramos as mulleres que hoxe saímos á rúa".

Chamamento a participación nas mobilizacións do movemento feminista


Dende a CIG tamén se fai un chamamento a secundar as mobilizacións que o feminismo galego ten convocadas para a tarde deste xoves en diferentes cidades e vilas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario