Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 2 de marzo de 2018

Adaptación ao EBEP do grupo E: reclamación por inactividade da Administración

O Estatuto Básico do Empregado Publico, introducía, xa hai máis de 10 anos, unha nova estrutura de grupos de clasificación para os corpos e escalas de funcionarios. En lugar dos cinco grupos existentes, a nova estrutura introducía dentro dos grupos (A e C) dous subgrupos en cada un (subgrupos A1 e A2 e subgrupos C1 e C2). E deixaba foga o antigo grupo E onde estaba encadrado, no caso da Comunidade Autónoma de Galiza o corpo subalterno da Administración xeral da Xunta de Galiza.

Agora ben, xa no ano 2008, tanto a Administración como nós percibimos que estes cambios, ao quedar a nova agrupación profesional descolgada da estrutura de grupos, sen posibilidade de carreira profesional dentro da propia agrupación ao non existir niveis, e cun detrimento grave para o persoal en relación á promoción profesional, debían de implicar que se abrira un espazo de negociación sobre este asunto, igual que se fixo noutras administracións,  e iso formalizouse a través do apartado B.1.3 do Acordo para a ordenación e mellora do emprego público no ámbito da Administración da Xunta de Galiza do 21 de abril de 2008.

Posteriormente e coa Lei 2/2015 de emprego público de Galiza, creábase a agrupación profesional do persoal funcionario subalterno da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, pero seguimos sen que se reuna a mesa especifica de negocación prevista.

Con data 23 de decembro de 2015, a CIG presentou un escrito perante a Dirección Xeral da Función Pública solicitando a inmediata constitución da mesa específica de negociación para a promoción profesional do persoal funcionario do antigo grupo E, prevista no Acordo para a ordenación e mellora do emprego público, pero a día de hoxe segue sen convocar.

A enorme demora da Administración en levar a termo a constitución da devandita mesa específica para o grupo E está a producir un atraso inxustificábel na promoción profesional específica comprometida pAra este colectivo funcionarial.  Polo que a CIG, ao abeiro do disposto no artigo 29.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (LXCA), formulou unha reclamación contra a inactividade da Administración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario