Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 27 de xuño de 2025

Rueda culmina a creación do «Instituto Galego de Trolas» (IGT), en suplantación do IGE

    

Co silandeiro cesamento do director do IGE, Rueda liquida o que até o de agora fora o Instituto Galego de Estatística, vendido ás empresas privadas e transformado nun medio de censura máis, xunto coa RTVG

Esta é a crónica dunha suplantación fría e rapidamente calculada. Dende o intre en que Rueda encargou un informe á medida á empresa Sondaxe —grupo de La Voz de Galicia— para desdicir, previo pagamento, a «Enquisa estrutural a fogares. Coñecemento e uso do galego» do Instituto Galego de Estatísica (IGE), feita pública o 11 de outubro de 2024, e que destapaba a situación crítica da lingua galega, xa todo quedou dito. A cabeza do até entón director do organismo de maior relevancia da estatística pública de Galiza quedou sentenciada, só era cuestión de tempo... As críticas a Rueda, Feijoo e, en xeral, a todo o PP, pola deliberada incompetencia na xestión da política lingüística, non tardaban en chegar, e dirixirse tamén cara ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Saldábanse de contado dende dentro do propio PP, coa dimisión e baixa no partido do seu coordinador de Cultura o 19 de novembro de 2024

venres, 13 de xuño de 2025

É A XUNTA DE GALICIA UN ESPAZO SEGURO PARA AS MULLERES?

 

Despois da denuncia por presunta agresión sexual ao conselleiro Alfonso Villares, descubrimos varias cousas:

- A primeira é que o seu homónimo, Alfonso Rueda, sabía dende hai meses a existencia da denuncia sobre o seu home de confianza.

- A segunda, que o presidente de todas as galegas prefire darlle unha aperta a un presunto agresor (os tribunais determinarán se o é ou non) á vista de todo o mundo que solidarizarse, aínda que fose dun xeito xeral, coas vítimas de agresión sexual.

Vaia, que en vez dun presidente prudente (perdón pola rima) que acepta a dimisión do seu conselleiro sen máis comentario e que se solidariza con todas as vítimas de agresión sexual, este HOME, con maiúsculas, non dubida en falar da posibilidade de recuperar a Villares para a política e de darlle unha aperta fraternal en público. Só lles faltou poñer unha alfombra vermella e despedilo con bágoas e panos, un agasallo e a  promesa de que farán todo o que sexa para que retorne. A verdade, que case o fixeron... O espectáculo foi vergoñento.

En paralelo, faise un xuízo mediático pola dereita periodística escudriñando até o último detalle da vida da presunta agredida, como se non tivera suficiente coa experiencia.

Pero imos ó importante: que tipo de mensaxe está transmitindo ás mulleres? Que tipo de mensaxe está transmitindo á sociedade?

Horario de verán 2025: corta e pega o do 2024


Función Pública vai publicar a seguinte nota sobre o horario de verán do 2025:

HORARIO DE VERÁN 2025

Horario oficial:
Do 16 de xuño ata o 15 de setembro deberán realizarse 6 horas diarias continuadas de traballo entre as 8:00 e as 15:00 horas. O cálculo do cumprimento da xornada laboral será en cómputo diario.

Horario flexibilidade automática:
Do 16 de xuño ata o 15 de setembro, deberán realizarse 6 horas diarias continuadas de traballo entre as 8:00 e as 15:00 horas. O cálculo do cumprimento da xornada laboral será en cómputo diario.
Ata o 30 de xuño será posible compensar débeda do mes de maio e ata o 31 de xullo débeda da primeira quincena do mes de xuño. O tramo horario de compensación será de 8:00 a 15:00 horas.

Horario flexibilidade conciliación:
Do 16 de xuño ao 15 de setembro, deberán realizarse 6 horas de traballo diarias na franxa horaria autorizada pola Secretaria Xeral Técnica na resolución de concesión de flexibilidade por conciliación. O cálculo do cumprimento da xornada laboral, será en cómputo mensual.

Ata o 30 de xuño será posible compensar débeda do mes de maio e ata o 31 de xullo débeda da primeira quincena do mes de xuño.

Horario redución de xornada de traballo diaria:
Do 16 de xuño ao 15 de setembro, deberá realizarse diariamente dentro da franxa horaria autorizada polo órgano de persoal correspondente para a concesión desa redución de xornada o tempo de traballo que se determine mediante a seguinte fórmula:

venres, 6 de xuño de 2025

A Xunta agranda as diferenzas nos soldos incumplindo normativa báisca: Escala de Finanzas e Letradas/os


Suba salarial de 6000 € na Consellaría de Facenda e na Atriga nas prazas do nivel 28 e nivel 30. E o resto de persoal... que???

A CIG foi convocada a unha xuntanza coa Consellería de Facenda e Administracións Públicas o 4 de xuño de 2025 para tratar as modificacións das relacións de postos de traballo (RPTs) da propia Consellaría e da Axencia Tributaria de Galiza (Atriga).

A modificación de RPT que nos presentan, por unha banda, é para a adaptar a Consellaría de Facenda ao Decreto 141/2024 e as súas modificacións, onde se regula a estrutura orgánica da Consellaría; e por outra banda, os cambios da RPT son para a reorganización dalgúns servizos.

Non obstante, a modificación da RPT obedece, fundamentalmente, a darlle cumprimento á Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galiza para o ano 2025. Isto quere dicir que se pretende facer o mesmo que fixo Presidencia hai uns meses cando lle subiu máis de 5000 € ao persoal letrado de nivel 30, así como na parte proporcional no caso das prazas de nivel 28, para equiparalos/as ás remuneracións dos|as letrados/as do Consello Consultivo de Galiza.

Escala de Finanzas: suba de 6.000 € nos complementos específicos en prazas de nivel 30 e parte proporcional nas de nivel 28

xoves, 5 de xuño de 2025

Concursos específicos; cese interinos/as; estado concursos; e máis (CP 03/06/25)

 

O martes 3 de xuño participamos na Comisión de Persoal na que quedou aprobado o modelo de bases para a provisión de postos mediante o concurso específico, figura creada principalmente para xefaturas de servizo, algunhas seccións e dirección de centros.

A proposta da Xunta foi rexeitada polos catro sindicatos con representación na Comisión de Persoal (CIG, CCOO, CSIF e UGT).

As grandes liñas do voto en contra da CIG son:

  • Non se esixe un prazo de tempo para a convocatoria e provisión dos postos, o que vai permitir que poidan manter as prazas en comisións de servizos
  • Valoran méritos obtidos en comisións de servizos. É dicir, que valoran méritos obtidos discrecionalmente, sen criterios obxectivos.
    As consellerías poden modificar totalmente o baremo, o que lles vai permitir "personificar" as bases da convocatoria individualmente para cada posto.
  • Todo o proceso de selección das persoas quedará en mans das consellerías, sen un mínimo control por parte da dirección xeral que exerce as competencias en materia de persoal (a D.X. de Emprego Público e Administración de Persoal-DXEP)

En definitiva, que vamos a unha Administración cos postos intermedios sometidos ao poder político. O persoal funcionario perde algo máis da súa independencia.

Rolda aberta de intervencións

luns, 2 de xuño de 2025

Máis atrancos para a xubilación anticipada con coeficientes redutores


Publicado o Real Decreto 402/2025 que regula o procedemento previo para determinar os supostos para xubilación anticipada mediante coeficientes redutores. 

Confírmase o recorte nas pensións ao non recoñecerse a xubilación anticipada nin garantirse os coeficientes nos traballos máis penosos. O novo Real Decreto recolle os criterios para que os traballadores de actividades penosas, perigosas ou insalubres teñan a posibilidade de acceder á xubilación anticipada, determina se ese colectivo ou actividade poderá ter dereito aos coeficientes redutores, pero non contempla un procedemento para a súa aplicación directa.   

Na perigosidade da actividade terase en conta a incidencia de baixas no colectivo tanto por continxencias comúns como por profesionais e sucesos graves con resultado de morte ou incapacidade permanente. 

Un procedemento previo e complexo 

O procedemento resulta extremadamente longo e difícil, consta de tres partes que son o inicio da solicitude, emisión de informes da Seguridade Social, do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e para persoal da Administración requírese tamén do Ministerio de Traballo e Administración Pública. Despois dun trámite de audiencia e alegacións remitirase a unha Comisión de avaliación que emitirá unha resolución do procedemento que permitirá iniciar o trámite de rebaixa da idade de xubilación. Sinala como mínimo seis meses unha vez iniciado e que de non conseguilo non se poderá iniciar outro en 4 anos. 

Estará disposta a nosa Administración a cotizar máis?

mércores, 28 de maio de 2025

As Consellarías de Medio Rural e Política Social e Igualdade denegan o permiso parental

 

O permiso parental de oito semanas, até que a/o menor cumpra oito anos, está regulado, agás polo de agora a súa retribución, e está incluído na carta de permisos do Portax

No Portal do empregado/a público da Administración da Xunta (PORTAX) aparece este permiso e está activo no apartado de solicitudes. Aínda que o Pórtax omite a información da normativa básica, pódese solicitar por semanas completas, cunha antelación de 15 días e até que o fillo ou filla cumpra 8 anos de idade. 

No Consorcio non o incluíron na carta de permisos, licenzas e vacacións no Portal da/o Empregada/o, que é a aplicación que  utilizamos para as solicitudes, polo que é descoñecido para grande parte do persoal e temos que solicitalo por fóra.

A Consellería de Política Social e Igualdade e a Consellería de Medio Rural denegan este permiso sistematicamente con diferentes “xustificacións xenéricas” que incluso se basean na falta de desenvolvemento regulamentario, e non dan opción a acordar novas datas como indica a norma cando hai problemas de necesidades do servizo: denégano e punto. Outra vez son as mesmas consellerías, xunto co Consorcio, as que máis maltratan ao persoal xa que sabemos que noutros departamentos poden gozar deste permiso sen problemas (eso sí, sen retribución).