martes, 30 de decembro de 2014

O Goberno móstrase orgulloso de reducir o emprego público: un 6% menos respecto a 2012

O orgullo amosáo a Secretaria de Estado para as Administracións Públicas (SEAP) e o refrenda La Voz de Galicia.  A SEAP vén de sacar unha nota que di textualmente que "Os empregados públicos son 2.522.631 no conxunto das AAPP, 163.206 menos (-6,08%) que en xaneiro de 2012". Este "requilibrio", din desde o Estado, "fai posible" elevar a taxa de reposición do 10% ao 50% (en certos casos), o cal quere dicir que van seguir destruínido emprego público pero a un ritmo menor.

Sobre o número de persoal público tense discutido moito, sobre todo no ano máis duro dos recortes (2012). Desde certos medios, e certos membros do Goberno, lanzaron mensaxes continúas de que o exceso de persoal nas Administracións, e o execeso dos nosos dereitos, lastraba a saída da crise. Primeiro, a casta nos tildou de "privilexiados", precisamente a casta, e logo falaron que era necesario "racionalizar" e "modernizar". Xa tiñan preparado o terreo para a estafa; recortar nas Adminstracións para logo privatizar os servizos públicos nunca foi tan fácil.

Agora ben, é certo eso de que "sobra" persoal? E se sobra por que elevan agora a taxa de reposición? Como sempre o de que sobra depende de onde, para que e comparados con quen. Está claro que hai servizos onde falta porque aparecen todos os días nos medios ou palpamos os seus efectos nas nosas carnes: listas de agarda en sanidade, saturación de hospitais, aumentos de alumnos por clase, colas nos servizos sociais, redución de prazas en centros públicos de benestar, aumento do fraude fiscal, etc. son indicios evidentes de que falta persoal público para facerlle fronte a estes desafíos.

A metade do persoal da Xunta non recuperará en xaneiro de 2015 nin un 4% da paga extra de 2012

Coa nova Lei de Orzamentos publicada hoxe no DOG queda claro que é e canto imos a recuperar as traballadoras e traballadores públicos da Xunta este 2015 de todo o que nos debe o Goberno da Xunta. O que non pon nada a Lei é cando, a pesar de que o director da Función Pública falou de xaneiro.

Moito nos contaron da devolución das extras ao persoal da Xunta: que si a parte devengada da paga extra de nadal de 2012 (a recoñecida pola Xustiza), que si a totalidade, que si volveríamos a cobrar as pagas extras completas e todo aderezado por varios calendarios de devolución que foron bailando...un montón de fume, entre o que o único fixo é o seguinte: o que está orzamentado para este 2015 é devolver as seguintes porcentaxes sobre a totalidade daquela paga extra de decembro de 2012 nunca cobrada: ao persoal funcionario un 9,56% e ao persoal laboral un 3,83%.

Estas porcentaxes representan exactamente a metade da devolución do que nos recoñecen as sentenzas xudiciais. A rareza destes números débese á diferenza na naturaleza do devengo do concepto de paga extraordinaria de decembro para o persoal laboral (de xullo a decembro) e persoal funcionario (de xuño a novembro).

Aínda que na práctica soese considerar a paga extraordinaria como a totalidade do que excede dunha mensualidade ordinaria, na teoría estamos falando de dous conceptos diferentes: paga extraordinaria e a paga adicional (a que retribúe o específico ou equivalente para persoal laboral).

luns, 29 de decembro de 2014

A realidade sobre a Xunta que descoñece a cidadanía: o malestar dos centros públicos da área de Benestar

Señor Director de BLOG cig san caetano,

Quero transmitirlle un sentir que penso é colectivo dos traballadores da área de benestar dependente da conselleria que dirixe doña Beatriz Mato. Refirome as condicións laborais ás que se someteu nestes últimos anos ao persoal de atención directa en Residencias de Maiores, Centros de Menores, Escolas Infantis e Centro de Atención a Persoas Discapacitadas da Coruña. Estas traballadoras, maioria de mulleres en todos os centros, traballan quendas de sete días consecutivos sen descanso, non teñen compensación por traballar un domingo ou un festivo e durante case todo o ano traballan dous domingos seguidos e dos catorce festivos non chegan a librar nen a metade. Imposible facer efectiva a conciliación laboral e familiar que a tanto bombo e platillo anuncia todos os días doña Beatriz Mato.

domingo, 28 de decembro de 2014

Un millón e medio de euros para o persoal funcionario

Sindicatos e Xunta asinaron hoxe en San Caetano acordo para cobrar a extra completa e outras suculentas melloras salariais.


venres, 26 de decembro de 2014

En menos de 2 anos a Xunta destinou máis de 1,5 millóns de € a campañas publicitarias para animar a natalidade

Publicouse no DOG do 26/12/2014 un novo anuncio de contratación dunha nova campaña publicitaria de dinamización demográfica de Galiza para 2015 por valor de 600.000€ (IVE incluído)

En abril de 2013 a Xunta aprobou en Consello o Plan de dinamización demográfica, que polo de agora non tivo moito éxito. Este plan pretendía ser un freo ao crecemento vexetativo negativo da poboación galega, cunha poboación moi avellentada e onde se segue producindo unha forte emigración da xente máis nova.

Desde que se puxo en marcha, este foi o gasto na súa publicidade:
  • 508.132,94 €; CANAL UNO DE COMUNICACION, S.L; 15-11-2013; Servizo consistente no desenvolvemento da campaña publicitaria de sensibilización para a dinamización demográfica de Galicia (Expte. 77/2013) + info
  • 263.553,72; € PUNTO NORTE, S.L.; 21-08-2014; Servizo consistente na difusión da campaña publicitaria de sensibilización para a dinamización demográfica de Galicia.Expediente 22/2014 + info
  • 495.867,77 €; Servizo consistente no desenvolvemento da campaña publicitaria de dinamización demográfica de Galicia, suxeito a regulación harmonizada. (Expediente 125/2014); Pendente de adxudicación + info

Nos contratos adxudicados en 2013 e 2014 a baixa na oferta non chegou nin ao 4%. Con esta estimación sobre o novo contrato anunciado e sumándolle o 21% de IVE, da unha cantidade total que superará o 1,5 millóns de €. Unha cantidade que puidera ter sido adicada directamente a dinamización demográfica mediante a potenciación dos servizos sociais públicos, como por exemplo, as garderías.

Outras informacións da reunión co director xeral de Función Pública do 23 de decembro

Na reunión do pasado 23 de decembro, a parte de anunciarnos un novo cronograma de recuperación da paga extra de 2012, informou o director xeral de varios asuntos: lei de emprego público, fondo de acción social, diferencial IPC galego, persoal veterinario, supresión categorías do convenio e integración do persoal dos chiringuitos.

LEI DE EMPREGO PÚBLICO.
O máis salientábel por non estar no texto da LEPG é o miserable plan de recuperación da extra. Con relación ao demais simplemente nos relatou o que xa temos no texto modificado no Consello da Xunta: que si supresión do plus de altos cargos, que si eliminación das xefaturas de servizo na cobertura por libre designación (outra vez...). 

Fala ademáis: da creación das escalas de funcionarios de Servizos Socias (Menores), do encadramento de axentes facultativos medioambientais e delineantes no grupo B, da redación de datas límites para a integración do persoal doutras Administración que chegou en LD (antes do 18/09/2014) e sobre a funcionarización (antes da entrada en vigor do EBEP).

Paga extra 2012: en xaneiro de 2015 só cobraremos a metade do que nos recoñece a Xustiza

Tras marear a perdiz a Xunta durante estes últimos meses, nunha reunión o 23 de decembro o director xeral de Función Pública confirmounos que as únicas cantidades que imos recuperar en xaneiro de 2015 van ser a metade do que nos deben da paga extra de 2012 segundo a Xustiza.

Xa advertiamos nas nosas últimas notas que o de devolvernos a totalidade do que se nos debía de 2012 segundo a Xustiza en xaneiro de 2015 estaba no ar.  E estaba no ar porque na Lei de Orzamentos para 2015 só aparece a devolución da metade da parte devengada.

Que pasa logo coa outra metade? Pois o que pasa é que o resto anuncian que o devolverán unha vez aprobada a Lei de Emprego Público cando se creará ese "fondo de recuperación retributiva cuxa dotación se concretará nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma". Esa creación, anuncian, non se producirá ata pouco antes das eleccións municipais (curiosamente) e obrigaría a unha modificación orzamentaria importante.

Solidariedade coas compañeiras de Cleanet Ferrol que levan 2 meses en folga

Clenet Ferrol é outro caso de privatización dos servizos de limpeza das Administracións públicas (neste caso o Ministerio de Defensa) na que unha empresa con moita cara colle a concesión e logo non paga as súas traballadoras. Máis de 50 traballadoras de Cleanet Ferrol levan desde agosto sen cobrar e 2 meses en folga e acampadas enfronte ao ársenal militar esixindo unha solución. Fixeron un parón polo Nadal para estar coas súas familias pero retomarán as mobilizacións tralo remate das festas.

Contáctanos desde CIG Ferrol para que nos fagamos eco da súa situación. Queremos desde a CIG San Caetano  transmitirlles o noso ánimo pero sobre todo o noso recoñecemento á súa loita, que é a loita de todas aquelas persoas que dependemos da nosa forza de traballo para comer e alimentar as nosas fillas e fillos: Non estades soas, somos moitas e moitos os que estamos con vós.

Se queredes apoiar a estas compañeiras podedes contactar con elas en Cleanetferrolenloita@gmail.com. Tamén podedes enviar correos para presionar ao Ministerio de Defensa para que solucione a situación dos impagos canto antes: sdgcontratacion@oc.mde.es

Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 12

O Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG sacou xa o número 12 do seu boletín en materia de prevención de riscos e saúde laboral. Neste número:


  • A estratexia europea de seguridade e saúde no traballo 2014-2020
  • O novo modelo de xestión da Incapacidade Temporal: un risco para as traballadoras e traballadores
  • Resolución dos conflitos no traballo e a súa aplicación nos riscos psicosociais
  • A saúde laboral no sector da pesca
  • Síntese de actividade 2014

martes, 23 de decembro de 2014

Datos de xubilación parcial do persoal laboral da Xunta

Achega Función Pública os datos actualizados a 1 de xaneiro de 2015 sobre as xubilacións parciais do persoal laboral, dende o 15 de decembro, desglosados por categorías profesionais. Estas xubilacións están condicionadas a un contrato de remuda polo que, en primeiro lugar, tírase das listas de substitución. A totalidade de xubilacións parciais tramitadas desde o seu inicio son de 318.

Os EREs na Xunta e a vixencia dun convenio caducado

Recentemente tivemos coñcemento de dous temas que son de interese para o persoal laboral da Xunta de Galiza, tanto con relación aos expedientes de regulación de emprego (EREs) como a vixencia dos convenios colectivos caducados.

Os EREs na Xunta

O 2013 foi un "annus horribilis" para o persoal laboral na Xunta de Galiza, especialmente para o persoal de Traballo e Benestar, e tamén para a prestación dos servizos sociais destas dúas áreas. Foron amortizadas centos de prazas e 59 persoas acabaron na rúa. Daquela a consellaría defendera que non había despedimentos senón amortizacións e que ao tratarse dunha restructuración que non se podía falar de ERE.

Pois ben, das traballadoras e traballadores despedidos, algúns decidiron seguir loitando e isa loita veu a dar os seus froitos. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de odear a readmisión dunha traballadora social afectada pola amortizacións de prazas en Traballo e Benestar

luns, 22 de decembro de 2014

Xa temos dispoñible o novo texto da Lei de emprego público de Galiza

Un par de días despois de denunciar falta de transparencia nos últimos cambios acontecidos no texto da Lei de emprego público de Galiza, achega Función Pública o proxecto de lei que mandaron ao Parlamento. Seguimos sen descartar algún cambio non anunciado vía emenda parlamentar.

Efectivamente no texto veñen eses 3 cambios que xa vos anunciabamos, acordados unilateralmente polo Consello da Xunta do 11 de decembro: o fondo retributivo para recuperar as pagas extras (cuxa dotación está pendente de concretar nas leis de Orzamentos), a supresión do plus dos altos cargos e a exclusión das xefaturas de servizo como postos a cubrir con carácter xeral por libre designación. Destes cambios informará, a touro pasado, o director xeral da Función Pública nunha reunión o día 23 de decembro.

Se perdiches a lectura do que foi cambiando este anteproxecto de lei, bótalle un ollo porque neste ano que tardou en concretarse en proxecto matizaron moitos aspectos, a maioría en condicional, co xa clásico "poderán", o cal deixa moitas cousas a criterio do executivo ou da unidade correspondente


O persoal da Xunta está a poñer polas nubes o prezo do marisco

Pode parecer unha brincadeira pero non o é. Forma parte dun profundo estudo económico feito pola Voz de Galiza entre o persoal que ten postos de marisco na praza de abastos de Santiago de Compostela.  "As prazas notan a futura devolución da paga extra aos funcionarios", así o anunciaba este xornal o domingo, 21 de decembro.

A nova non ten moita maior substancia, nin fundamentación algunha, e basease exclusivamente nas estimacións que fan as praceiras e praceiros de Compostela. Pouco sabe o persoal da praza que a devolución do que veñen recoñecendo os xulgados, farase en xaneiro, con sorte, porque iso é o que se dicía antes. Pero o triste é que non o saiba a Voz co que lle gusta o tema da paga extra do persoal da Xunta e co ben subvencionada que está para poder ter ben informada a cidadanía galega sobre este tema.

A día de hoxe, e tralo último Consello da Xunta, seguimos sen ter confirmación se será finalmente o 12,5% ou 25% o que nos devolverán da paga extra de Nadal de 2012, en xaneiro de 2015 ou ao longo de 2015, coas nóminas ordinarias, coas extraordinarias ou nunha a parte... Iso si, segundo a Voz parece que na neveira do "persoal funcionario da Xunta" vai haber tanto marisco que non vai quedar sitio nin para unha botella de albariño co que acompañalo.

Cada quen gastará o que se lle debe no que precise ou no que lle dea a gana, isa non é a cuestión. A cuestión é que nos deben diñeiro, parte do cal está recoñecido pola Xustiza, e estando a Xunta “mellor co resto de Administracións”....

FEIJÓO, PAGUE O QUE DEBE!!!


Resumo da 1ª xuntanza relativa á refundición de categorías profesionais do persoal laboral

O 19 de decembro tivo lugar a 1ª xuntanza relativa á refundición de categorías profesionais do persoal laboral da Xunta de Galiza

Detectamos que os datos achegados por Función Pública están cheos de erros xa que en moitas das categorías nas que din que non hai persoal están ocupadas tanto por persoal temporal como por persoal fixo. A Administración recoñeceu os erros e instou á presentación de alegacións por escrito.

Desde a CIG solicitouse a convocatoria da comisión paritaria en función do estipulado no propio convenio en canto á modificación das categorías profesionais, así como ampliación do prazo para a realización do proceso con todas as garantías.

A inutilidade das Comisións de Persoal: resumo do 19/12/2014

A Comisión de Persoal estivo a piques de desaparecer nalgún dos múltiples borradores do proxecto de Lei de Emprego Público de Galiza e non é de estrañar. Tal e como a define a lei é "o órgano colexiado de carácter técnico de coordinación e asesoramento en materia de persoal". A pesar de que a lei a dota de funcións moi interesantes, o que á Comisión de Persoal xa está máis que dixerido. O que se vai a este órgano é a votar o que se "negociou" na última Mesa Xeral, pero, aínda así, só votan algúns dos seus membros.

A súa composición vén determinada polo Consello da Xunta e nela están presentes as organizacións sindicais máis representativas da Función Pública en minoría absoluta. Xa que logo, atopámonos con situacións nas que as 4 centrais sindicais votan algo en contra e ao final sentenza a persoa que preside a Comisións que "queda aprobado" e todo sen escoitar un só pronunciamento do resto de membros da Administración.

En fin, ritual e liturxia, co que cumprir o trámite de que este órgano "foi oído". De ser ordinaria, ao final desta Comisión o director xeral de Función Pública soe dar pinceladas de información e anuncios de vindeiras xuntanzas e aí remata o conto. Non se pode seguir así, nin un Senado nin dous!

Como mostra o seguinte botón, vai o resumo da Comisión de Persoal do 19/12/2014

As listas de substitución da Xunta seguen movéndose a cámara superlenta

Hoxe publícase no DOG a resolución pola que se fan públicas as listas definitivas correspondentes ao período de nova inclusión do ano 2014, elaboradas en cumprimento do establecido no artigo 6.2 do Decreto 37/2006. As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Os recortes introducidos nas sucesivas leis de Orzamentos de Galiza fan que as listas de substitución da Xunta apenas se movan. Non é tanto a limitación cualitativa (postos para os que se poden cubrir ausencias) como a cuantitativa (cartos dispoñibles). Tedes máis información no artigo 14.4 da lei de Orzamentos actualmente en vigor.

O ano pasado, a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais solitáralle a Función Pública que deixara de utilizar estas listas con carácter meramente recadatorio. Moita xente se anotou antes de que comezasen a existir estar limitacións orzmantarias e pagou unha tasas por anotarse nunhas listas que cada día, a pesar da "recuperación", non teñen espectativa de moverse. Desta petición fixéranse eco os grupos políticos da oposición no Parlamento galego.

Non hai cartos para mover as listas, e tampouco os hai para devolverllos a quen queira darse de baixa (Santa Rita, Rita...) Porén, sempre hai cartos para privatizar servizos, contratar persoal directivo ou traer persoal dos extintos chiringuitos. Ou sexa que fai falta persoal, pero cando o obxecto é por Administración ao servizo de intereses privados sempre é mellor seleccionalo "de confianza", que sexa facilmente controlable ou que se poida conseguir unha mordida.


Continúan chegando as ordes de integración do persoal dos chiringuitos

Xa ten lista a Consellaría de Economía e Industria o borrador de orde pola que se inicia o procedemento de integración, como persoal laboral da Xunta de Galicia, do persoal laboral fixo procedente da extinta Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

O persoal non trae a súa praza senón que se integraráen prazas vacantes da Axencia Galega de Innovación ou da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, o que suporá destrución neta de postos públicos e despedimentos. Descargar borrador

Esta foi das máis serodias. Nos vindeiros días publicaranse no DOG as ordes de integración da Axencia Humanitaria de Galicia, a Fundación Galicia Emigración e as Fundacións para o desenvolvemento comarcal. De feito na primeira quincena da xaneiro convocará unha comisión de seguimento de todas as ordes de integración. Así o anunciaba o director xeral na Comisión de Persoal do pasado venres, 19 de decembro.

venres, 19 de decembro de 2014

Normas para recoñecemento de trienios ao persoal laboral temporal da Xunta de Galiza


Anunciaba na última Mesa Xeral o director xeral de Función Pública que "farán este recoñecemento de oficio e tentarán incorporalo na nómina de xaneiro". A Orde só fala de "oficio" no caso de servizos previos prestados como persoal laboral da Xunta, ou unha vez sexan recoñecidos os prestados noutro réxime non laboral da Xunta ou noutras Administracións.

As persoas que xa teñan feita esta reclamación previa a vía laboral ou o asunto no xulgado teñen que facer unha nova solicitude de novo de acordo coa presente Orde.

xoves, 18 de decembro de 2014

A CIG reclama a paga extra completa en San Caetano: "Aquí no se puede cantar!"


E tampouco se pode ir disfrazados e non se pode porque "podemos molestar". Iso é o que nos largou un axente da autoridade cando a comparsa da CIG tentou percorrer os corredores de San Caetano cantando unha perigosa panxoliña.

Tal e como tivemos avisado, a comparsa de Nadal da CIG púxose en marcha a iso das 11:30 h. para repartir billetes reivindicativos e cantar panxoliñas. Xa tivemos problemas á hora de entrar no Rexistro Xeral, onde só puido entrar un compañeiro a entregar un escrito dirixido ao presidente onde lle recordamos todos os recortes salariais sofridos 
ate o de agora polo conxunto das empregadas e empregados públicos e non nos cremos nin as súas promesas nin nos conformamos coas súas esmolas, como se lle debésemos un favor, logo de todas as medidas que leva aplicando a Xunta de Galiza para destruír os Servizos Públicos.

mércores, 17 de decembro de 2014

A CIG repartirá a paga extra completa ao persoal da Xunta este xoves 18 de decembro

Cantaremos panxoliñas de Nadal en agradecemento a Feijóo.

Chega outro ano máis o Nadal, vén a época de cobrar a extra e xa comeza ser un clásico as panxoliñas de Nadal da CIG e a mordida de Feijóo nas nosas pagas extras. Mentres na Administración Xeral do Estado (co que sempre nos comparan para o malo) das pagas extras só lle quitaron aquela de Nadal de 2012, na Xunta deulles ademais por deixar de pagar as extras completas a partir do 2013 mesmo con carácter retroactivo, o que acabou nunha morea de reclamacións xudiciais.

Feijóo anunciou onte tralo Consello do 11 de decembro que porá enriba da mesa 350 millóns de € para recuperar progresivamente a paga extra de 2012 e as pagas extras completas no 2018.

Como o que fixo parécenos unha medida totalmente oportunista e populista de cara a galería electoral, faremos un acto ridiculista de reparto de billetes de 200€ para completar as nosas extras. Cremos que, ou seguimos mobilizándonos ou isto é todo o que imos recibir.

Por suposto, tamén lle trataremos de facer entrega ao Presidente da Xunta da súa parte de paga extra recortada porque sabemos que non é dos presidentes de comunidade autónoma que máis cobra e, a pesar de ter casa pagada en Monte Pío, ten moitos gastos.

Minuto e marcador da recuperación das pagas extras

De canto e como íamos recuperar as nosas pagas extras foi cambiando nos últimos meses. Mentres ata o 11 de decembro íamos recuperar da paga extra secuestrada do Nadal do 2012 un 12.5% en xaneiro e 2015 e outro 12,5% en xaneiro de 2016, desde o 11 de decembro semella que en 2015 imos recuperar un 25%; precisamente ese 25% que recoñecen as sentenzas xudiciais que non podían ter quitado de ningunha das maneiras.

Agora resulta que falan dun fondo de 350 millóns de euros, creado a traves do proxecto de lei de emprego público, para recuperar un 25% no 2015, un 25% no 2016, un 25% no 2017 e o último 25% no 2018. Tamén anunciou Feijóo que recuperaríamos as pagas extras completas (co seu complemento específico ou equivalente) no 2018; comezaríase a recuperar progresivamente desde o 2016 a razón dun terzo por ano.

Esa é a teoría, outra cousa é a práctica. O problema é que a teoría aínda non a vimos por escrito (no novo texto da lei de emprego público), nin tampouco coñecemos os aspectos técnicos nin con que partida orzamentaria pensan facer fronte a ese pagamento do 25% no inminente 2015.

Falta de transparencia nos últimos cambios do proxecto de Lei de emprego público de Galiza

Na Mesa Xeral do 15 de decembro, o director xeral de Función Pública comentou que "están rematando coas traducións" da lei de emprego público. Agora ben, non queren mandarnos o texto ata que o remitan ao Parlamento (no que houbo importantes cambios aprobados no Consello da Xunta do 11 de decembro). Realmente non nos tragamos que non queren que vexamos o texto porque "non está traducido". Sospeitamos, xa que logo, que aínda están ultimando algúns detalles e que podería haber mesmo emendas do propio grupo parlamentar que sustenta ao Goberno.

Os últimos cambios traídos vía Consello foron referidos: á constitución dun fondo de 350 millóns para a recuperación da paga extra de Nadal de 2012 e pagas extras completas en 2018, á supresión do plus dos altos cargos e a cobertura das xefaturas de servizo, de novo, por concurso. Esto todo pola nota de prensa, xa que non coñecemos os cambios en detalle ou se houbera algún máis. O que si nos consta é que hai un importante traxín na Función Pública con este tema, un traxín máis intenso que o que cabe esperar pola tradución do texto.

O que se move e o que non se move: Mesa Xeral do 15 de decembro

Ollando o resultado da última Mesa Xeral vemos claras as prioridades en materia de Función Pública que ten a Xunta: amortizacións de postos, ordes de integración dos chiringuitos e pluses salariais para algún deste persoal.

Tratáronse dúas modificacións de RPT: a de Industria e a do IGVS (esta máis profunda). No fondo subxace a mesma idea: amortizar postos por abaixo para crealos por arriba e continúan a invertir a pirámide dos recursos humanos propios. En Industria amortizan 6 postos e crean 2 (de feito, un destes é un novo posto de asesoría xurídica nivel 30). No IGVS amortizan 48 postos e crean 22.

Tratouse tamén un acordo de negociación colectiva do INEGA que propón que o seu persoal se adhira ao convenio do persoal laboral da Xunta pero conservando, en certos casos, pluses e ata 12.000€/ano. Tendo en conta que o INEGA non está dentro do ámbito desta Mesa Xeral, parece que utilizaran esta xuntanza para lexitimar este tipo de manobras. De feito, nin teñen en conta que o que propoñen é contrario ao convenio nin tampouco que a integración do persoal fixo dos chiringuitos ten que cumprir uns requisitos mínimos de "igualdade, mérito, capacidade e publicidade" tamén antes 1996.

Por último, en varios, de carácter xeral informouse do seguinte:

martes, 16 de decembro de 2014

Datos de absentismo: ata cando imos seguir pagando por enfermar?

Recentemente La Voz de Galicia publicaba unha nova sobre o “absentismo” na Xunta de Galiza antes e despois da entrada en vigor do desconto por enfermidade. Non é a primeira vez, e supoñemos que non será a última. Non entendemos moito onde fica novidade xa que os datos que facilitan son do 2012 e 2013. En calquera caso serve para poñer de manifesto dúas cousas: que a lei de medidas segue plenamente en vigor e que a Xunta gusta airear os datos das nosas incapacidades temporais á prensa.

O persoal da Xunta fomos o primeiro persoal público en ver recortado o noso salario en situación de incapacidade temporal. A Lei de Medidas entraba en vigor na Xunta a comezos de marzo do 2012. En principio estaba pensado un nivel de recorte por enfermidade moito maior que conseguiu botar para atrás unhas fortes mobilizacións.

Posteriormente en xullo dese ano o RD 20/2012 indicaba ese mesmo camiño que xa coñecíamos na Xunta polo que debían seguir o resto de Administracións Públicas. Desde 2012 cambiou a situación macroeconómica, e a pesar do recollido na disposición final da lei autonómica, a consellaría de Facenda negouse ano tras ano a revisala nin sequera neste aspecto tan polémico de pagar menos en certas situacións de incapacidade temporal.

Mentres outras Administracións amortecían o impacto dos casos nos que se perdía o salario completo ao estar en situación de baixa, a Xunta aplicaba a casuística menos humana e máis puramente económica. Así, mentres na Xunta unha enfermidade infectocontaxiosa, unha rotura dunha perna, unha enfermidade psiquiátrica ou calquera afección crónica ou dexenerativa de orixe non laboral supón desconto, por exemplo, na USC, non. Polémico resulta tamén  o desconto aplicado por algúns departamentos da Xunta nos 2 días seguintes de baixa a unha amniocentese.

Proposta de refundición de categorías de persoal laboral

Convoca a Administración ás 4 centrais sindicais presentes na Mesa Xeral a unha xuntanza relativa á refundición das categorías profesionais do persoal laboral que terá lugar o vindeiro venres, 19 de decembro de 2014, ás 13:00 h. na Aula núm. 17 da EGAP. Así mesmo, dan de prazo para efectuar alegacións sobre este tema ata o vindeiro xoves, 18 de xaneiro de 2015.

Descargar número de persoal laboral por grupo e categoría (vacante e non vacante)
Descargar proposta de amortización/refundición de categorías da Administración

Seguen as bolsas como traballo en precario nas Administracións: Parlamento de Galiza

O pasado 19 de Novembro o Boletín Oficial do Parlamento de Galiza, convocaba entre outras, 4 bolsas de arquivo, biblioteca e documentación dentro do seu plan de formación de bolseiros.

Dende os últimos anos, o Parlamento ven ofertando este tipo de bolsas, que entendemos que non se estruturan nun plan de verdadeira saída profesional dos bolseiros dentro da institución e por outro lado non coñecemos que conten cun persoal formador con coñecementos axeitados tanto en biblioteconomía, documentación e especialmente arquivística.

Nos últimos anos estamos a ver por parte de todas as Administracións Públicas un exceso de bolseiros e un defecto de contratación de persoal propio, polo que sospeitamos como é neste caso, que se trata non tanto de formar persoal para acadar un posto de traballo, senón de utilizar man de obra dunha maneira “barata”; pois temos dúbidas razoables de  que estes bolseiros irán a desenvolver traballo en solitario sen a necesaria supervisión e control dun técnico na materia.

luns, 15 de decembro de 2014

Acordos solidarios e na defensa da nosa dignidade na asemblea da Marea Azul

Despois da exposición dos ingresos e gastos que podedes atopar na seguinte ligazón, comentáronse as distintas propostas. 

Coménzase falando de que incialmente se acordara recoller cartos para facer unha campaña na defensa da nosa dignidade como empregados e empregadas públicas e de poñer cuñas na radio ou anuncios nos períodicos. 

Como o beneficio neto non da para tando, valorouse en sufragar os gastos da impresión dos cartaces da exposición pola dignidade das empregadas e empregados públicos. Nesta exposición ponse en valor o traballo feito por distintas traballadoras e traballadores públicos da Administración Xeral da Xunta de Galiza porque servizos públicos non é só o persoal sanitario, docente, policía e bombeiros como a miudo sae na TV. Esta exposición levaríase co traballo de delegadas e delegados de persoal por distintas salas e centros, comezando polos da Xunta, para achegar á cidadanía a importancia da nosa figura.

Dado que o custo aproximado desta impresión ronda os 250€, quedan case 250€ por gastar. Fanse propostas de cedelo para unha obra de interese social e discútese se a unha entidade ou persoa particular (fálase das persoas que durmen ao raso na estación de autobuses). Tamén se discute sobre a entidade e decídese maioritariamente que sexa un entidade local e de acción directa como a Cociña Económica de Santiago. Tamén se decide que esta achega se faga despois do Nadal, cando a solidariedade se resinte e este centro ten un baixón de colaboracións.

venres, 12 de decembro de 2014

No 2015 haberá concursos de traslados

Como resposta a nosa demanda de información sobre as convocatorias dos próximos concursos de traslados, o director xeral nos resposta cunha sobriedade propia da austeridade que envolve á Xunta: "esta dirección xeral ten previsto convocar concursos para a provisión de postos de traballo reservados tanto a persoal funcionario dos corpos xerais como a persoal laboral no ano que vai comezar".

Ben, aquí tedes o escrito que lle mandamos nós. En fin, que podía terse extendido un pouco máis tanto na "previsión" como nas "xustificacións técnicas" de porque non os fan todos os anos, así como na nosa demanda de implantar o concurso permanente en todos os concursos de traslados. Pero o que nos queda a dúbida e se co de "o ano que vai comezar" refírese a 2015, 2016, 2017... en fin, de cachondeo o temos que tomar para sacar forzas para seguir acudindo ao seu despacho porque ata que non nos dea unha resposta motivada non imos parar nin de preguntar nin de explorar outros camiños.

Solicitan a destitución do director do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade da Coruña

Desde o Comité de Empresa da Coruña da Consellería de Traballo e Benestar, por acordo do Pleno celebrado o día 26 de novembro de 2014, esixen o cesamento inmediato do Director do CAPD A CORUÑA, Constantino Modesto Piñeiro Cajete, das súas funcións como tal.

Os motivos son múltiples e variados, tendo como consecuencia das súas accións e/ou omisións o descontento xeralizado da plantilla, a posta en perigos innecesarios tanto ós/ás traballadores/as, como ós/ás usuarios do CAPD A CORUÑA (Centro de Atención a Persoas con Discapacidade A Coruña), do Colexio de Educación Especial MARÍA MARIÑO, do Centro de Cualificacións Profesionais, de ADACECO (Asociación de Dano Cerebral de A Coruña) e todas aquelas persoas que, por un motivo ou outro, acceden ás instalacións.

A Xunta aproba unha pírrica Oferta de Emprego Público para 2014

Son 53 prazas de Administración xeral disgregadas en varios corpos e escalas técnicas.

"A crise é cousa do pasado" recordou recentemente Rajoy, cousa que vén sendo afirmado de xeito máis ou menos entusiasta tamén desde o Goberno galego que "foi o primeiro en facer os deberes". Agora ben, esta Oferta de Emprego Público unha vez saídos da crise non recorda á última Oferta de Emprego Público antes de entrar oficialmente na crise. 

No 2009, primeiro ano de Feijóo, foron 937 prazas o total das que se convocaron en Administración Xeral. Xa nada será igual "antes" e "despois" da crise. Por certo, que moitas desas prazas e algunhas anteriores aínda se atopan sen executar. Pero iso da igual, van sacando máis, e se non as convocan pois xa as acumularán, que o importante é ir dando mostras cutres de "recuperación". Ofertas de Emprego Público da Administración Xeral da Xunta de Galiza aínda sen executar

xoves, 11 de decembro de 2014

16 de decembro: concentración no Parlamento galego contra os Orzamentos da vergonza

Como en cada un destes últimos anos, a Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos convoca unha concentración diante do Parlamento galego coincidindo co Pleno da cámara no que se votará o texto. A cita será o martes, 16 de decembro, ás 11:30h.

A pesar de "recuperación" volve outro ano máis de mantemento dos recortes para os servizos públicos, para o emprego público e para as nosas nóminas. Para as privatizacións, gastos suntuarios e persoal directivo hai diñeiro. Se podedes, aproveitade para protestar antes que entre en vigor a Lei Mordaza e o único que nos deixen sexa votar cada 4 anos... e grazas.

Protestamos contra estes Orzamentos porque semellan un conto e serva como dato o número de mozas e mozos (e non tan mozos) que marcharon nos últimos 6 meses do país a buscar traballo:13.000.

Practicamente todo o incremento do gasto non financeiro que experimentan é transferido ás corporacións locais e o crecemento previsto depende dun hipotético medre da demanda interna propiciado pola reforma fiscal do goberno central e unha suposta mellora da demanda externa nun contexto de forte inestabilidade política internacional e con estancamento ou recesión na UE. 

Máis sobre a Lei Mordaza

Non podes acudir pero estás en contra destes Orzmamentos: fai visible a túa protesta.


Comisións de servizo: publicidade das resolucións e outros cambios

Seguimos tamén petando no despacho do director da Función Pública para ver se recibe ao Grupo de Traballo das Comisións de Servizo creado no seo da Xunta de Persoal dos Servizos Centrais e corrixe certas irregularidades que nos achegades.

Quen máis quen menos admite que nas comisións de servizo na Xunta é necesario facer cambios; ata o director xeral de Función Pública chegou a insinuar un posible cambio nas normas actuais. Porén, con que non se burlasen as que xa existen sería un gran avance: non se respecta a preferencia do centro de traballo, non se motivan, fanse trapicheos coas comisións cruzadas, cando non se excede do tempo máximo...

Boa parte destes problemas non existirían de existir concursos de traslados permanentes. Pero claro, sacan o concurso cada 3 anos, con sorte, a xente pasa 5 anos mínimo no mesmo posto e logo "hai que buscarse a vida" se queres moverte ou promocionar. E claro, a Administración encantada de xestionar a cobertura de postos de concurso como se de libre designacións se trataran; en principio temporalmente pero, cando falamos de 2 ou 3 anos, pois xa a temporalidade semella permanencia comparado co que existe por aí adiante.

Promoción interna e concursos de traslados: visitas ao despacho do director de Función Pública

Levamos un tempo escribíndolle notas ao director xeral de Función Pública fundamentando a necesidade tanto de concursos de traslados permanentes como dunha convocatorias de promoción interna de verdade. Como habitualmente non soe responder, non nos importa chamar, e ultimamente tamén, ir de visita polo seu despacho a ver se nos da unha resposta.

Si, certo que as veces podemos ser moi "insistentes", pero vos nos puxéchedes aquí para selo, non para facerlle a rosca á Administración e menos para non facer nada. En todas estas visitas o director está sempre moi ocupado e nunca pode recibirnos pero tampouco nos da alternativa e nin sequera unha resposta sinxela como puidera ser a data estimada para estes dous procesos que son do que máis nos preguntades.

Non lle gardamos rencor, non imos poñer en cuestión se non nos quere ou non pode recibirnos, ou se lle está dando largas aos sindicatos con estes dous temas. O problema son as "largas" que lle está dando as empregadas e empregados públicos na falta de impulso dos seus dereitos á mobilidade e promoción profesional. Vale que non queran sacar máis cronogramas vendo o éxito dos anteriores que fallaban máis ca unha escopeta de feira e causaban o cachondeo do persoal.

Pero o que non nos vale é que non haxa na Fucnión Pública galega transparencia na previsión e xustificación técnica para planificar os distintos asuntos. Se non queren comunicar onde fica nesta planificación os concursos de traslados e promoción interna, imos pensar que tedes razón as persoas que nos decides que depende do que lle digan no Gabinete, ou sexa, que utilizan o concurso e a promoción interna con fins políticos; "igual sacan algo antes das eleccións" escoitase moito.

Búscase xerente/a para a nova Axencia Galega de Servizos Sociais


Resolucións sen asinar ou publicación de persoas admitidas e excluídas sen nomes e apelidos son algunhas das irregularidades deste proceso.


Esta axencia é o buque insignia dos neochiringuitos: pretende mesturar o persoal do Consorcio de Benestar co persoal de Traballo e Benestar da Xunta, todo iso dirixido polo persoal directivo que nin unha oposición ten que pasar e que está chamado a ocupar os postos de responsabilidade e dirección nestes macroentes.

Pois ben, o primeiro é o primeiro, nomear a persoal afín para os postos importantes, que nin persoal funcionario ou laboral da Xunta ten que ser. Está aberto a contratación de alta dirección cunhas titulacións esixidas alonxadas do que son os servizos sociais (Dereito ou LADE).  Hai fortes presións políticas para comezar a por en funcionamento esta axencia o 1 de xaneiro de 2015, ollo non para aumentar as prazas de garderías públicas, para aumentar os medios das residencias de maiores ou de de persoas discapacitadas, non, iso, non, o primeiro é nomear aos amigos do partido en postos importantes.

A lei di que as condicións deste persoal non son negociables (a nivel de Mesa Xeral, claro) e di tamén a lei que os procesos selectivos tampouco o son. Porén, é necesario dar certa aparencia de legalidade a todo isto. Sácanse convocatorias con anuncio web e tamén nos taboleiros de anuncios, moi perfiladas, na que na maioría de casos só concorre o “amigo” ou “amiga” en cuestión.

Comisión de Seguimento de Flexibilidade e Teletraballo: moita información e nula negociación


Na orde do día ian catorce puntos variados pero todos co mesmo fondo: darnos información, a pesar de que esta Comisión naceu como órgano paritario para propoñer cambios e dirimir problemáticas tal e como recolle a norma

Punto primeiro: datos evolución flexibilidade e teletraballo na Xunta de Galiza a 30 de novembro de 2014.  

Repartennos en papel a cada sindicato os últimos datos correspondentes ao mes de novembro, quedan de mandalos por correo. Como son acumulados non varían moito dos datos achegados a 30 de outubro vai só unha semana. Van ao final desta nota os datos xerais, se alguén precisa información detallada sobre motivación das denegacións e postos que nola pida.

Punto segundo: Estado proxecto Morfeo, tramitación electrónica permisos, licenzas e vacacións. 
 

Este proxecto permite presentar e tramitar electrónicamente os permisos de vacacións, permisos e licenzas e asi evitar en moitos casos a tramitación en papel. A Xunta de Persoal xa reclamará esto vai máis dun ano ante o coñecemento do proxecto que ten moi lenta implantación. Antes do verán puxeron en marcha o modelo piloto en Función Pública e AMTEGA e a continuación farase na Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza, na consellería de Facenda e na Consellería de Economía e Industria. Iso si, non ofrecen calendario de implantación, supoñemos que pola tendencia ao incumprimento de todos aqueles cronogramas que non teñen que ver con recortes. 

mércores, 10 de decembro de 2014

Asemblea Marea Azul da Xunta de Galiza: as contas claras

Se fuches unha das persoas que mercou unha camiseta da Marea Azul, estás convocada a asistir a unha asemblea para informar do balance de gastos e ingresos desta campaña e máis para decidir a finalidade dos beneficios obtidos. Para asistir con voz e voto é necesario acudir con esta camiseta.

A cita será o venres, 12 de decembro, ás 10:30h no salón de actos nº2 de San Caetano (Compostela)

A orde do día é a seguinte:
1) Informe de ingresos e gastos
2) Propostas para destinar os beneficios e votación

martes, 9 de decembro de 2014

Modificación da RPT Vicepresidencia: confírmase a inversión da pirámide de recursos humanos

Achéganos a Administración unha proposta de modificación da relación de postos de traballo da Vicepresidencia e da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Administracións Públicas. Nesta proposta temos un balance de 13 creacións de postos públicos e 21 amortizacións. De novo e, a pesar do anuncio de recuperación, seguen cos recortes nos postos de traballo públicos.

Desta volta, o que se propón é a amortización de 21 postos vacantes e sen ocupar (consonte á memoria funcional) de niveis base (13 postos base C2, 1 posto base A1) e de oficios (6 postos de limpador/a, 1 posto de condutor/a) para crear 13 postos de "xefe/a" (9 de negociado, 2 de sección e 2 de servizo).

Desde un punto de vista puramente de carreira profesional ter máis postos de nivel por concurso é boa cousa, tendo en conta que toda a nosa carreira administrativa radica nos concursos cada 3 anos (con sorte) e nalgunha que outra convocatoria de promoción interna (que ten o mesmo número de exames que acceso libre). De feito, estes 11 novos postos de concurso son outras 11 novas razóns para convocar no ano 2015 un novo concurso de traslados de Administración Xeral e tamén de Especial (unha das seccións está aberto á Administración Especial).

O teletraballo na Xunta segue sendo unha anécdota


Das 2000 potenciais persoas beneficiarias, só 37 están a teletraballar para a Xunta.

A comezos de ano, a Administración anunciaba a bombo e platillo que ata 2000 persoas poderían beneficiarse desta outra ferramenta de conciliación da vida familiar, persoal e laboral. Porén,  na actualidade só hai 37 persoas na Xunta cunha resolución favorable de teletraballo. Ademais, 32 desas 37 persoas traballan nos servizos centrais.

A pesar de que existen uns criterios obxectivos para a súa concesión, a capacidade discrecional da Administración para concedelo fai que o propio persoal desista xa de solicitalo pois é opinión estendida que “só llo dan a uns poucos afortunados”. Se anecdótico é o número de  persoas que ten concedido o teletraballo, non o é menos o número de persoas solicitantes (86). No que vai de ano houbo un total de 49 resolucións denegatorias, poucas si, pero aínda así superan o número de resolucións favorables (37). Nas denegadas, sí que se observa un maior peso dos servizos periféricos, con 26 do total das 49 resolucións denegatorias.

venres, 5 de decembro de 2014

ELECCIÓNS PERSOAL LABORAL SSCC – A CIG RECUPERA TERREO



A CIG sitúase como o único sindicato que mellora os resultados de fai catro anos, pasa de catro delegados a seis, CCOO, que tiña a presidencia até o de agora, pasa de sete a seis, CSIF mantense e UXT baixa de catro a tres.

Feijóo volve a utilizar aos empregados públicos como cortina de fume



A recuperación económica chegou por fin ao persoal das Administracións públicas? Feijóo anunciou onte tralo Consello que porá enriba da mesa 350 millóns de € para recuperar  progresivamente a paga extra de 2012 e as pagas extras completas no 2018.
Son moitas xa as mentiras e decepcións, concursos e promocións internas que custa moitísimo menos e non sacan, ou unha lei de medidas que sigue en vigor. Perdoe, pero ata que non vexamos o diñeiro transferido ás nosas contas, non o creremos. Recordamos, ademais que desde 2015 a 2018 poden cambiar moitas cousas e a estabilidade orzamentaria vai seguir marcando o que poderemos recuperar ou non. Porén, durante todos estes anos vimos como seguía habendo cartos, e non se recortaron, para o que lles deu a gana. De todos os xeitos segue resultando un agravio que na Administración Xeral do Estado o persoal nunca se lle recortou o complemento específico das pagas extra e teñen xa agora, o que nós, con sorte, conseguiremos no 2018. É isto unha boa nova?

Este anuncio coincide coa aprobación do modificado proxecto de Lei de emprego público de Galiza (a nova Lei de Función Pública), do que sentimos non poder achegarvos texto porque non nolo facilitaron. As modificacións veñen fundamentalmente neste anuncio de recuperación a medio prazo das nosas nóminas  e na supresión do plus dos altos cargos.
Estas dúas cuestións, sobre todo a primeira, sería lóxico tratalas primeiro nunha Mesa Xeral, pois supón cambios sobre o texto aprobado, en solitario pola Administración, na Comisión de Persoal. Pero parece que da igual, venden e amosan os nosos dereitos en público como se da inauguración dunha nova Cidade da Cultura se tratase.

xoves, 4 de decembro de 2014

Recuperaremos as pagas extras fóra dos xulgados?

Feijóo anunciou no Pleno de onte do Parlamento que o persoal da Administracións públicas galegas recuperaremos “paulatinamente” as mordidas que nos foron metendo nas nóminas desde o 2012. Basicamente fala de crear un fondo retributivo que ir alimentando non se sabe moi ben como nin cando.

A día de hoxe, no proxecto de lei de Orzamentos para o 2015 está só previsto a recuperación do 12,5% da paga extra de Nadal de 2012.  Tamén é certo que a finais do mes pasado unha das emendas dos grupos da oposición que ficaba sen contestar nin resolver era a da devolución para 2015 de todo o que recoñecen os xulgados da paga extra do 2012 e non só da metade.

Así que supoñemos que o que pode anunciar Feijóo tralo Consello do 4 de decembro será a presentación dunha emenda ao texto dos Orzamentos, ou ben á través da lei de acompañamento, no que se incluirá unha destas disposicións de “boa fe” que nin indicarán orixes dos fondos, nin achegas mínimas, nin prazos. Porén, as súas verbas literais falan "dunha lei que aprobarán hoxe no Consello da Xunta". Ben sabemos que o Consello non aproba leis e que seguramente se estará referindo a un proxecto de lei. Todo isto coa información da que dispoñemos ata o de agora, que para non variar, é pouca e a través de comparecencia pública.

A ninguén se lle escapa que o 2015 é ano de eleccións (municipais e estatais) pero non chega só con manter de bo humor ás preto de 100.000 empregadas e empregados públicos galegos (contando Sanidade e Ensino). É necesario que os “cantos de serea” da recuperación económica se fagan cribles en toda a sociedade e para dar unha mensaxe de bos datos económicos, qué mellor que anunciar que ata o persoal das Administracións vai cobrar as súas polémicas pagas extras?

mércores, 3 de decembro de 2014

Aparecen as primeiras sentenzas para persoal funcionario da recuperación de parte da paga extra 2013

Estas primeiras sentenzas recaeron no ámbito no Ensino e recoñecen o dereito a cobrar o complemento específico devengado na extra de xuño de 2013 ata que entrou en vigor a Lei de Orzamentos en marzo; é decir a devolución dun terzo dese complemento.

Inicialmente o que cuestionaban as nosas demandas era que a Xunta non tiña competencia para eliminar os complementos específicos das dúas extras porque o artigo 22.4 do EBEP establece que as pagas extras deben incluír necesariamente este complemento, polo que sería unha lei, a dos Orzamentos galegos, que invadiría unha competencia estatal.

As sentenzas son do contencioso-administrativo da Coruña, en primeira instancia, e pola contía son firmes e obrigan á Administración a pagar os xuros legais desde a presentación da reclamación en vía Administrativa.

Perigo de desprendemento: ou sae na prensa ou pasan do tema

Se queremos que solucionen algo a mellor manera é que saia na prensa. Esto é tan certo como triste. A raíz da nota que difundimos onte e ante chamada dos medios, a Xunta respondeu á caída de cachos de fachada do edificio de San Caetano. Respondeu, ao estilo de sempre, con moita xente mirando e escusas. Despois do sucedido, solicitamos que non esperen ata primaveira (co que aquí chove), que fagan xa unha revisión exahustiva e que tomen as medidas oportunas, máis aló de poñer unha sinal de "perigo".

LVG: Caen restos de revestimento da fachada de San Caetano
Praza:"San Caetano cae a cachos"
Faro de Vigo: La CIG denuncia que caen ´trozos´ de la sede central de la Xunta
GC: Caen restos do edificio da Xunta en San Caetano nunha das portas de acceso

Dinos a Xunta que non pasa nada, que o que caeu non foi pedra, senón argamasa. En fin, gustaríanos que a persoa que fixo esas declaracións probase na súa cabeza que efecto ten que che caia desde 5m un rectángulo de 60x40x4cm de argamasa como o que se desprendeu onte.

martes, 2 de decembro de 2014

O edificio de San Caetano cae a cachos

Hoxe pola mañá volveron aparecer cachos de fachada desprendidos, desta volta na parte dianteira do edificio de San Caetano, diante da porta de acceso á Consellaría de Educación. Cando chegamos, os servizos de limpeza exterior estaban xa retirando os restos.

Cómpre destacar que na actualidade non se cumpre coa limpeza e mantemento anual da fachada. Vimos de meter por rexistro o enésimo escrito avisando a Administración para que non espere a facer algo a que haxa danos persoais. Evitar gastos de mantemento e rehabilitación, nestes casos, pode resultar máis caro.


Non é a primeira vez, nas seguintes fotos pódesde ver outros desprendementos da parte lateral e posterior do edificio, por sorte, por onde non pasa xente habitualmente. Non sabemos se isto é unha premonición do derrumbamento das vellas institucións da falsa transición do 78 pero, alegoría ou non, esto pode provocar danos persoais e materiais que deben ser evitados.

Por un comité con forza e independente - VOTA CIG

Estes últimos catro anos foron moi difíciles para o persoal laboral. Partindo dunha situación brutal de recortes laborais e económicos, durante este tempo tivemos que sofrer aínda máis recortes económicos, aquela paga extra do 2012 e os recortes na parte equivalente ao complemento específico nas nosas extras actuais, ademáis da conxelación do resto de conceptos salariais. Mentres a vida sobe e nós temos que afrontar máis con menos. Tamén perdimos moitísimos dereitos do noso convenio por culpa daquela Lei de Medidas.

Pero se temos que destacar algo como mostra máis significativa dos ataques ao persoal laboral, ao longo deste tempo, podemos dicir que foi o ERE que efectou a Consellaría de Traballo e Benestar que se levou a cabo na primeira metade de 2013. Esta agresión aos Servizos Públicos representou a destrución de 129 postos de traballo e o despedimento de 59 laborais da Xunta de Galiza. Unha grande parte deles eran compañeiras e compañeiros dos Servizos Centrais, da desmantelada Unidade da Dependencia que estaba en Área Central e persoal tamén da Consellaría.

luns, 1 de decembro de 2014

A realidade da "recuperación económica" entre o persoal da Xunta

Levamos cumpridos máis da metade dos obxectivos para este mandato (Alberto Núñez Feijóo)  

Na Xunta só vemos recortes e máis recortes de persoal (véxase a AMTEGA, o IGVS ou Cultura), mantemento dos recortes económicos e non económicos, mesmo por riba do que outras Administracións, a pesares de que en obxectivos din estar por riba delas


Levamos máis dun ano escoitando cantos de sereas sobre o "inicio da senda da recuperación económica", porén na vida diaria, non vemos cambios en positivo, senón cada vez máis desigualdades.  Foron e están sendo anos difíciles para a maioría da cidadanía. Ofrecéronse os recortes das nosas condicións de traballo e retribucións como un sacrificio necesario para o mantemento de servizos públicos esenciais e de axuda ás persoas máis necesitadas. O que vimos en cambio foron: repagos e copagos, aumento de listas de espera, aumento do paro e diminución das prestacións, conxelación das pensións ou subas ridículas de 1€, suba de taxas e recortes de persoal... recortes de moito persoal en todos os eidos dos servizos públicos.

Agora parece que as contas das Administracións están máis saneadas e mesmo a nosa Administración, a Xunta, ofrece uns datos de déficit e de crecemento superiores a media. "Galicia recollerá os froitos do que sementamos" dixo recentemente Feijóo. E cales van a ser eses froitos?  En fin, viven noutro planeta. Podemos tomalo en serio e preguntar se se refire ás sementes de corrupción esparexida por todas as Administracións e se os froitos son os "regalos de la hostia" ou os sobres cheos de diñeiro negro. 

Pero se o tomamos aínda máis en serio, non vemos que se estea recollendo máis que traballo precario, emigración, desigualdade, xente sen casa... E na Xunta só vemos recortes e máis recortes de persoal (véxase a AMTEGA, o IGVS ou Cultura), mantemento dos recortes económicos e non económicos, mesmo por riba do que outras Administracións, a pesares de que en obxectivos din estar por riba delas. Unha hipocrisía só ao alcance de quen se ve seguro no seu posto. Xa o dixemos co motivo de recuperación do "quinto moscoso", ao final actúan por medo a perder o sillón. E agora mesmo proclámanse "invencibles". Porén, torres máis altas caeron...

Reunión da Comisión de Seguimento de Flexibilidade e Telebrallo

Tal e como estaba avisado, a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa convocounos para a reunión da Comisión de Seguimento da Flexibilidade e Teletraballo para o martes, 9 de decembro. Esta comisión que non se reúne desde febreiro, está formada tamén por representantes da Dirección Xeral da Función Pública e as 4 organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral.

Achégannos tamén os últimos datos de implantación da flexibilidade e teletraballo na Xunta e os motivos das denegacións. Cómpre destacar que o último envío de información foi en agosto, a pesar de que a Orde recolle unha periodicidade mensual.

Os grandes temas candentes son:
  • A negativa para poder flexibilizar os venres pola tarde a pesar de que non existe impedimento material ou xustificación lóxica
  • A imposición de horarios de presenza fixo nalgúns casos da flexiblidade familiar.
  • A imposibilidade de flexibilizar nos horarios de tarde.
  • As escasas xustificacións das “necesidades do servizo” que substancian nunha liña a xeito de "muletilla" coa que denegan a flexibilidade e sobre todo o teletraballo, a implantación do cal é máis ben anecdótica.

venres, 28 de novembro de 2014

O noso blogue accesible desde a intranet da Xunta

Hai equipos informáticos na Xunta que non teñen acceso á internet, porén o persoal que os manexa ten o mesmo dereito a recibir información sindical recoñecido pola Lei Orgánica 11/1985, de liberdade sindical.  Tendo en conta os cambios tecnolóxicos, a maioría de información sindical recíbese hoxe en día por medios telemáticos, como por exemplo este blogue que editamos desde o local sindical da CIG en San Caetano (Servizos Centrais da Xunta de Galiza).

Xa que logo, contactamos coa Xefatura Territorial de Sanidade e coa AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza) para que, canto antes, habilite o acceso vía intranet a este blogue co obxecto de que o persoal que así o desexe poida acceder. O cambio é técnicamente sinxelo e require máis vontade que outra cousa. De non facerse, entenderemos que se está vulnerando a lexislación vixente.

Actualizado 04/12/2014: responde a Xefatura Territorial de Saninade que lle dan traslado á Secretaría Xeral Técnica para "valorar a inclusión" deste blogue na listaxe de ligazóns das organizacións sindicais na intrantet desta consellaría. A AMTEGA non sabe/non contesta.

xoves, 27 de novembro de 2014

La Voz de Galicia fusionarase co DOG

Artigo e imaxe de Tempos Galegos, reproducido coa súa autorización

A nova cabeceira de Santiago Rey será aínda máis oficialista

La voz de Galicia destaca por ser o medio de comunicación máis subvencionado do estado. Cada vez que saen axudas aos medios o xornal coruñés ocupa o primeiro posto no ranking de cantidades dadas a dedo polo executivo de Alberto Núñez Feijoo. Ademais diso, o xornal da Coruña encárgase da maquetación e edición do Diario Oficial de Galicia, traballo polo que tamén recibe un bo pellizco da Xunta de Galicia.

Todo o anterior fixo reflexionar ao executivo galego e ao consello de administración do grupo editorial que anunciarán, nos próximos días, a fusión do DOG e da Voz de Galicia nunha única cabeceira.

O público recibe esta fusión con alegría. O noso medio preguntou a varios lectores a súa opinión sobre a fusión. “Así xa non nos levamos a engano”, comenta un acérrimo lector. Fefa, coruñesa de María Pita, comenta “Tengo miedo, el DOG se edita también en gallego. Solo faltaba que, co nesto, la Voz tuviera alguna palabra en el dialecto ese”.

Xornalistas do medio indicaron que “Éche o que hai! Xa eramos a voz oficiosa de Feijoo, agora seremos tamén a voz oficial”.