martes, 27 de decembro de 2016

Feijóo sóbese o soldo 2 caixas e media de Vega Sicilia

O mellor para evitar calquera sombra de dúbida sobre a propia honorabilidade é pagar os vicios cos cartos de cada quen. Dito e feito: de cara ao ano que vén os cargos políticos da Xunta (Feijóo tamén) subiranse o soldo  entre un 7 e un 7,5% do salario.

En termos absolutos, Feijóo verá crecer o seu soldo en 5.500 € brutos ata chegar aos 73.000€ anuais. Tendo en conta o resultado do informe da fiscalía que foi admitido pola xustiza e envíado ás altas instancias, iso suporía 2,5 caixas de Vega Sicilia (das de 6 unidades, ollo). Realmente non dá para moito.... e é que cobrar só 7,5 veces o SMI non dá para case nada.

O Voceiro - Nadal 2016: Rey Varela inensible, cruel e irresponsable

https://drive.google.com/file/d/0B1evwCG_jwK2Sy15VDI0SlVtTFk/view?usp=sharing
Xa está dispoñible para descarga o número de Nadal de 2016 do Voceiro, o boletín informativo da sección sindical da Consellaría de Traballo e Benestar da Coruña.

Neste número:
  • Rey Varela: insensible, cruel e irresponsable
  • Mobilizacións e convocatorias, cambios no comité, residencia de maiores de Caranza,  CAPD A Coruña
  • Cobertura cero do persoal laboral de atención directa de Política Social durante as festas do Nadal
  • Humor: Feijóo "Feliz Navidad! Viva el vino!"

A CIG lanza unha campaña de mobilizacións pola recuperación de dereitos

Está prevista unha manifestación nacional o 28 de xaneiro; mobilizacións comarcais o 14 de febreiro e mobilizacións o 10 de marzo, sen descartar folga xeral contra o mes de maio


O secretario xeral da CIG , Suso Seixo, compareceu esta mañá en rolda de prensa, acompañado polo secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, para anunciar unha campaña de mobilizacións pola recuperación de dereitos laborais e sociais que, polo momento, se traduce na convocatoria dunha manifestación nacional en Compostela, o 28 de xaneiro, en defensa das pensións; concentracións comarcais o 14 de febreiro e mobilizacións o 10 de marzo, sen descartar cara os meses de abril ou maio a convocatoria dunha folga xeral.

Campaña de concienciación de seguridade. Redes Wifi inseguras e roubo da información

Achegamos información e consellos de interese da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) sobre a alería coa que empregamos as zonas de "wifi gratis" sen cifrar. Seguimos agardando, por outro lado, esa reunión para tratar das problemáticas do persoal informático da Xunta.

Redes Wifi.

Nos últimos tempos o emprego das redes de acceso sen fíos (Wifi) experimentou un enorme crecemento pasando a empregarse de modo habitual nos domicilios, empresas, edificios de acceso público e nas rúas. Existen moitos lugares onde hai redes sen fíos de cortesía que non teñen contrasinais de acceso e que permiten o acceso a Internet ás persoas que as empregan.

luns, 26 de decembro de 2016

Bo nadal e feliz aninovo

Co desexo dunhas boas festas e un feliz ano novo 

Pola defensa dos Servizos Públicos Galegos e pola recuperación e avance de dereitos laborais e sociais para todas e todos os e as galegas.  

Unha forte aperta nacionalista e de clase. 

venres, 23 de decembro de 2016

Seguridade e saúde laboral para traballadores/as maiores de 55 anos

Pica sobre a portada para descargar
Está a túa disposición a nova ferramenta “Asesoramento Técnico” que permite realizar consultas on line en materia de prevención de riscos e saúde laboral; o acceso ao formulario de contacto pode atoparse na  portada da web ou premendo aquí.

O Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral vén de publicar o seu boletín número 22, no que, entre outras cuestións, se recollen artigos sobre os riscos novos e emerxentes relacionados coa seguridade e saúde laboral das traballadoras e traballadores maiores de 55 anos; o centenario da OIT e o Informe Executivo da Eurofound: “Traballo sostible ao longo de toda a vida: políticas e estratexias nacionais”, ademais dunha síntese da actividade do propio Gabinete ao longo do ano 2016.

xoves, 22 de decembro de 2016

Cambio do sentido do silencio nas reclamacións retributivas

Entre o proxecto de lei de acompañamento dos Orzamentos 2017 colaron un artigo (o 40) adicado a nós. O dito artigo establece o sentido do silencio desestimatorio en reclamacións retributivas formuladas polas empregadas e empregados públicos da administración xeral e do sector público autonómico de Galiza. Pensaredes que é algo evidente pero non o é tanto cando até estaba formulada unha cuestión de constitucionalidade con relación a isto.

Este cambio lexislativo deriva da campaña de reclamación das pagas extras 2013 que ao final acabou coas sucesivas derrotas en vía xudicial do Goberno de Feijóo e devolución de facto coa nómina de agosto. Para o persoal funcionario rexe a vía do contencioso-administrativo e nesta operan os sentidos do silencio. Foi tanto o pasotismo (e prepotencia) da Xunta que ao final acabouno pagando... e tanto. Aquí tes a explicación.

Publicación das listas DEFINITIVAS de persoas admitidas e excluídas para as listas de substitución

O DOG do 22 de decembro anuncia a publicación das listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, regulado no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, modificado polo Decreto 124/2016, do 8 de setembro.

As listas de persoas admitidas poden consultarse no portal web da Xunta de Galicia (www.xunta.gal), na epígrafe de listas de contratación de Función Pública.

mércores, 21 de decembro de 2016

Centros de ensino: a ameaza da nova “escala Frankenstein” de persoal de servizos xerais

No proxecto de Lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación (Lei de acompañamento dos Orzamentos 2017) o goberno galego inclúe a creación dunha nova escala do corpo auxiliar (subgrupo C2), misturando diversas funcións propias de corpos de funcionarios e de categorías de persoal laboral xa existentes. É a "Escala de Persoal de Servizos Xerais (PSX)"

É no artigo 9 deste proxecto de Lei onde crean esta "escala Frankenstein", feita con retais de funcións doutros corpos para ter “chicos para todo”, o cal contravén o disposto no artigo 40.2 da Lei do emprego público de Galiza: “Non poden crearse novos postos e escalas cando a súa titulación e funcións sexan iguais ás doutros que xa existan”.

A nova escala, tería as seguintes funcións:

martes, 20 de decembro de 2016

A Xunta de Galiza crea unha nova categoría na administración pública: “chico/a para todo”

Dende a CIG-Autonómica exixen que se inclúan nas categorías existentes no V Convenio


“A Xunta de Galicia leva 8 anos incumprindo o convenio colectivo para o persoal laboral da Administración galega e negándose reiteradamente a convocar a mesa de funcións para definir as mesmas en todas as categorías, tal e como recolle o convenio, e agora pretenden eliminar todas as funcións de dito persoal para crear categorías que fagan de todo”.

Importantes cambios na Lei de emprego público a través da Lei de acompañamento dos Orzamentos 2017

Tamén introduce cambios na Lei de medidas do 2012, na LOFAXGA ou na Lei do Consello Consultivo


Coas leis de acompañamento dos Orzamentos cada ano métense un montón de cambios lexislativos en plan caixón de xastre. Desta volta, no título II hai un novo capítulo adicado ao persoal público. Principalmente modifican a Lei de emprego público de Galiza pero tamén a Lei de medidas do ano 2012, aquela que ía ser temporal e ao final converteuse en perpétua. Negociación 0. Estos cambios chegaron aos sindicatos despois de ser remitidos ao Parlamento. Agora veñen e piden alegacións desde a Administración que seica as "poden meter como emendas en vía parlamentar". Viva a separación de poderes! Accede ao texto

luns, 19 de decembro de 2016

Avance da programación 2017 do Servizo de Prevención de Riscos Laborais

Achegamos documento que será tratado nunha vindeira reunión do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral. O dito documento recolle, entre outras, as avaliacións de riscos, medidas de emerxencia e actividades formativas previstas para o ano que vén.

Descargar documento

Mobilizacións en repulsa polos asesinatos machistas de Ana María e Elena

Facemos un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG forma parte, para este martes 20 de decembro, en repulsa aos asasinatos machistas de Ana María Enjamio e Elena Michaela Marcus.

Estes asasinatos non poden ser considerados como dous casos máis dunha longa lista de feminicidios. Son catro xa as galegas asasinadas durante o ano 2016. Estas en tan só dous días, mais deberan ser os derradeiros. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos. É preciso denunciar os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade a violencia contra as mulleres.

Desde a CIG unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega contra o feminicidio. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta.

Situación dos procesos selectivos en curso na Xunta e modificacións borradores Gardacostas

Achéganos Función Pública información dos "procesos selectivos en curso". Outra volta non ofrece moita máis información da que xa estaba dispoñible na súa páxina web. De novo, agradécemos o detalle pero insistimos que o que estamos demandando é un verdadeiro cronograma coa previsión do desenvolvemento dos diferentes procesos de inicio a fin e, sobre todo, que cumpran cos prazos de execución.

Por último, envían tamén  as correccións á Orde de convocatoria do proceso selectivo da escala de axentes do servizo de guardacostas de Galiza. Ver cambios.

venres, 16 de decembro de 2016

A CIG disposta á folga xeral se non se derrogan a lei mordaza e as reformas laboral, da negociación colectiva e das pensións

Inicia un proceso de acumulación de forzas para exixir a recuperación de dereitos laborais, sociais e condicións de vida dos traballadores/as


A CIG celebrou este mércores asembleas de delegados/as e mobilizacións en todas as comarcas para analizar as consecuencias das “contrarreformas” laborais, da negociación colectiva e das pensións nas condicións laborais e de vida da clase traballadora galega. A central acordou o inicio de protestas para exixirlle ao Goberno español un cambio de políticas que posibilite a recuperación de dereitos perdidos.

Adiantar a saída do traballo ás 18 horas para conciliar: unha medida de márqueting político irreal e insuficiente

A Secretaría da Muller denuncia a hipocrisía dun goberno que mantén medidas tan lesivas para a clase traballadora como a reforma laboral


O anuncio da Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, anunciando que buscará un Pacto de Estado para a conciliación e a racionalización dos horarios de xeito que a xornada laboral finalice ás 18 horas, pode parecer positivo e necesario, xa que é unha demanda  sostida no tempo pola nosa central sindical. Mais é insuficiente e pouco realista, tendo en conta a situación actual das relacións laborais.

mércores, 14 de decembro de 2016

Asembleas e concentracións nas comarcas pola recuperación de dereitos laborais, salariais e condicións de traballo dignas

A CIG prevé darlle continuidade ás mobilizacións nos próximos meses


A CIG convoca para mañá mércores, día 14 de decembro, asembleas de delegados/as e concentracións en todas as comarcas para presionar o Goberno español e exixir que haxa un cambio de políticas que posibiliten a recuperación de dereitos perdidos nos últimos anos como consecuencia das sucesivas reformas en materia laboral, de negociación colectiva ou pensións.

martes, 13 de decembro de 2016

COMO PRESENTAR RECLAMACIÓN A EXENCIÓN DA TRIBUTACIÓN DA PRESTACIÓN POR MATERNIDADE NO IRPF

Achegamos información detallada que pode ser de interese sobre como presentar a reclamación de dereito á exención da tributación da prestación por maternidade por IRPF.

PREVIO:

1º.- O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (Sentenza da Sala do CA de 6 de xulho do 2016) determinou, nun caso concreto, que a prestación de maternidade que satisfai a seguranza social está exenta do IRPF, criterio contrario ao aplicado pola Axencia Tributaria.

2º.- A sentenza do TSX de Madrid non senta xurisprudencia e, por tanto, non obriga a Axencia Tributaria a adoptar ise criterio: só é válido para o caso concreto axuizado.

venres, 9 de decembro de 2016

Información sobre procesos selectivos en curso

Achéganos Función Pública unha guía cos "procesos selectivos en curso". Realmente  que non ofrece máis información da que xa deron na Comisión de Persoal e/ou xa estaba dispoñible na súa páxina web. Agradécese o detalle pero o que estamos demandando é un verdadeiro cronograma coa previsión do desenvolvemento dos diferentes procesos de inicio a fin e, sobre todo, que cumpran cos prazos de execución.

A maiores, no DOG do 9 de decembro publicáronse varias novedades con relación a varios procesos, entre elas, os procedementos de acreditación de méritos da fase de concurso das promocións internas do C1 e C2.

luns, 5 de decembro de 2016

Como serán as retribucións públicas na Xunta para 2017? As de Feijóo excelentes

Feijóo e as persoas titulares das consellarías subiranse o soldo o 7 e 7,5%. 


O pasado xoves houbo un paripé de Mesa Xeral previa á aprobación do anteproxecto de Lei dos Orzamentos da Xunta para 2017. A esta Mesa Xeral acudiu o director xeral da Función Pública sen facilitarlle á parte social nin un mísero documento nin negociar nada do relativo ao punto que alí se levaba: a masa salarial do capítulo I. 

Procesos selectivos, concursos e outras informacións da última mesa xeral

Na Mesa Xeral do xoves 1/12/2016, e na Comisión de Persoal do día seguinte, tratáronse as bases dos procesos selectivos para ingreso na escala superior de finanzas, técnica de finanzas, e axentes de gardacostas.

Tamén tivemos ocasión de tratar outros asuntos, como o estado de diversos procesos selectivos que están actualmente en marcha, o vindeiro concurso de traslados de persoal laboral, o recurso do concurso de corpos xerais, a apertura dos rexistros os sábados, os días 24 e 31 de decembro, etc.