venres, 19 de xaneiro de 2024

A Xunta non mobilizou os medios propios, con competencias ambientais, na crise dos pellets

 

Hai máis de 3.000 compañeiros/as que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar


Un mes despois de que a Xunta coñecera a chegada destes residuos as praias non ten mobilizado a ningún medio propio (a maiores do habitual nesa zona en calquera época do ano) para o seu control, coordinación ou recollida aínda que á CIG-Autonómica cónstalle que o persoal si llo pediu e ofreceuse voluntario.

A Consellaría de Medio Ambiente ten persoal de campo, vixiantes de recursos, peóns e oficiais de recursos naturais e axentes ambientais en todo o territorio. Máis de 3.000 compañeiros e compañeiras que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar.

En concreto, que no colectivo de persoal funcionario hai 107 axentes; 2 axentes ambientais coordinadores; 19 axentes territoriais e 35 axentes zonais. E no colectivo de persoal laboral, 63 peóns forestais; 3 técnicos/as ambientais; 15 técnicos/as superiores ambientais e 98 vixiantes de recursos naturais.

Xunto a isto a Xunta conta con medios e vehículos e que están preparados. Ademais, no caso das e dos axentes ambientais pode activarse o período extraordinario cun sistema de gardas, polo que pasan a facer xornadas de 12 horas e poden mobilizarse por todo o territorio nacional.