venres, 20 de decembro de 2019

Felices festas: saúde e bo traballo

Co desexo dunhas boas festas e un feliz ano novo. 

Pola defensa dos Servizos Públicos Galegos e pola recuperación e avance dos dereitos laborais e sociais para todas e todos as galegas e galegos.  

Unha forte aperta nacionalista e de clase. 

Promoción interna ou putada interna? : cambios ridículos

As bases das convocatorias dos procesos selectivos de promoción interna a corpos xerais correspondentes á OEP-2019, xa pasaron por Mesa Xeral de Negociación o mércores 18. E xa temos data para a Comisión de Persoal, o venres 20, día en que se van aprobar definitivamente. A súa publicación en DOG, segundo as intencións do director xeral de Función Pública, quedaría adiada para xaneiro.

A CIG defendeu:
  • Queremos negociación de criterios xerais. Estamos fartas de que anden a bandazos, con cambios importantes entre convocatorias similares negociadas en poucos días de diferencia.

xoves, 19 de decembro de 2019

Resumo do Pleno da Xunta de Persoal: 35 horas, concurso, procesos selectivos e outros

O xoves, 12 de decembro, tivo lugar un Pleno da Xunta de Persoal dos Servizos Centrais coa seguinte orde do día:

1.-  Aprobación da acta anterior.

2.- Traballo desenvolvido pola Comisión permanente

3.-  Reclamación da xornada de 35 horas semanais (CIG)

4.- Análise da convocatoria do  concurso de traslados (CIG)

5.- Solicitude de negociación na Mesa xeral dun Decreto de selección que estableza uns criterios comúns para as diferentes convocatorias de procesos selectivos. (CIG)

martes, 17 de decembro de 2019

Orzamentos: todo xenial nas nosas retribucións, dereitos e servizos públicos

Concentración en solitario da CIG hoxe diante do Parlamento coincindo co debate das contas para 2020. Para o resto de sindicatos da Función Pública, coma para o Goberno da Xunta, semella estar todo xenial: o recorte das pagas extras, a suspensión do artigo 19, a supresión dos moscosos adicionais, do FAS, a carreira profesional de merda, a falta de concursos permanentes, de promocións internais reais ou a falta de aplicación das 35h ou de medidas de conciliación que hai noutras Administracións. 

Nós non consideramos que o único camiño que nos queda é renunciar á nosa dignidade e aceptar as migallas que caen das mesas de "negociación". Delegados e delegadas da Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) concentráronse este martes diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos orzamentos para o ano 2020, para manifestar o seu rexeitamento a unhas contas que non contemplan nin a recuperación dos dereitos que en material salarial, laboral e social lles foron roubados, nin a recuperación dos servizos públicos que están sendo desmantelados por mor dos recortes impostos na última década.

Promoción Interna Corpos Xerais. Borradores para Mesa Xeral

Función Pública enviounos os borradores das convocatorias de promoción interna a corpos xerais. Fixo por partes. Primeiro C1 e C2. Dias despois enviounos A1 e A2 con tan só dous días para alegar o que dificulta a difusión da información, a recepción das alegacións que nos achegan os compañeiros e compañeiras e o seu estudo en condicións adecuadas.

A CIG presentou as alegacións por escrito, pero o mesmo día que remataba o prazo para presentalas recibimos novos borradores dos catro grupos, con cambios importantes. 

Os borradores iniciais eran inaceptábeis (desaparecera o mérito de grao e traballo desenvolvido, e a antigüidade non había por onde collela). Os novos son algo mellores, pero continúan sendo malos segundo a CIG.

xoves, 12 de decembro de 2019

Manifesto da Xunta de Persoal dos SSCC en defensa dos servizos públicos: apoio ao hospital de Verín

O xoves, 12 de decembro, foi aprobado polo Pleno da Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, con 13 votos a favor e 1 abstención, o seguinte manifesto en defensa dos postos de traballo e dos servizos públicos sanitarios para toda a poboación e en apoio do hospital de Verín.

No manifesto desmóntanse as escusas "técnicas" da Xunta para acabar co paridoiro e urxencias pediátricas neste hospital comarcal (e cuxo modelo pretenden estender ao resto de hospitais comarcais). E logo din apostar polo rural e pola natalidade..

Tamén se fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas pola plataforma SOS Sanidade Publica.

Calendario laboral 2020: moscoso adicional

https://drive.google.com/open?id=1k7y1eISR2L_t2EjQUs3dzQeAJ572gX8w
Xa dispoñible para descarga o noso calendario laboral 2020 na Xunta de Galiza (inclúe os festivos locais en Compostela).

A Xunta aprobou no DOG 12/07/2019 o calendario laboral do 2020, con datas festivas habituais como o Día Nacional de Galiza ou o San Xosé (19 de marzo), ás que este ano súmase o San Xoán (24 de xullo).

Posteriormente, no DOG 28/11/2019 publicáronse os festivos locais de toda Galiza para 2020. O martes de Entroido volve ser das máis elixidas para engadir aos festivos de carácter estatal ou autonómico. En Compostela, serán festivos o xoves, 21 de maio (Ascensión) e o 25 de febreiro (martes de Entroido), ao caer en domingo o San Roque (16 de agosto).

CCOO e UGT lexitiman as políticas regresivas de Feixóo co acordo asinado na mesa de diálogo social

Avalan, non só as reformas laborais, senón tamén os recortes que se aplican a todos os niveis


Cando dúas organizacións sindicais como CCOO e UGT asinan co Partido Popular e a patronal un acordo para conservar o que temos -e cando o que temos é unha gravísima crise industrial, con 50.000 persoas menos traballando neste sector desde 2009; un medre da destrución de emprego; unha extensión da pobreza polas reformas laborais e das pensións e polos baixos salarios; un gravísimo problema de emigración da nosa mocidade, que se ve expulsada por falta de alternativas do futuro, ou recortes na sanidade pública, no ensino e en servizos sociais-, non só están lexitimando as demoledoras políticas antiobreiras e antigalegas do PP no goberno da Xunta, senón mesmo avalando a súa continuidade.

Xubilación anticipada para o persoal da Xunta como na USC

CCOO, UGT e a Xunta pactan as xubilacións parciais na privada e néganllas ao persoal da Xunta  Ata 7.500 € de subvención ás empresas por cada contrato de remuda, pero para o persoal da Xunta onde non habería que subvencionar nada néganse. Recentemente asinaron estes sindicatos un acordo neste sentido na USC, aquí nada.

Por que CCOO, UGT e a Consellaría de Facenda negan ao persoal laboral o dereito á xubilación parcial anticipada e contrato de remuda, tal como está recollido no art. 215 da Lei Xeral da Seguridade Social e no art. 12.7 do Estatuto dos Traballdores? Por que se negan a estudar unha solución similar para o persoal funcionario? Porque neste caso ou es de Muface ou esquécete de xubilarte antes dos 65, 66 ou 67 anos...

mércores, 11 de decembro de 2019

Xa está aquí, xa chegou: a promoción interna de corpos xerais (A1 e A2)

Se a comezos da semana pasada, remitía Función Pública os borradores do C2 e C1, remiten agora os do A1 e A2 cun prazo de 48h para facer alegacións (até o venres 13).

Borrador A1: 46 prazas
Borrador A2: 127 prazas

Como no anterior caso, hai unha diminución de temario (en termos absolutos) aínda que nestas convocatorias entra lexislación específica que non lle entra aos aspirantes de libre ou mesmo normas que por promoción interna entran en maior extensión (cuestión difícil de comprender). O desenvolvemento dos exercicios son 2 de tipo test para o A2 (teórico e práctico) e de tipo test (teórico-práctico) e outro de temas no A1. Porén, tampouco hai saco de preguntas...

luns, 9 de decembro de 2019

Pleno da Xunta de Persoal de Servizos Centrais

O vindeiro xoves día 12 vaise celebrar o pleno ordinario da Xunta de Persoal.
Gracias a vós a CIG ostenta a presidencia de dito órgano, así facemos un chamamento a que se queredes que levemos algún tema que sexa do voso interese, facédenolo saber no noso enderezo de contacto: cig.sscc@gmail.com

venres, 6 de decembro de 2019

O DOG publica as listas provisionais de persoas admitidas na bolsa de emprego temporal da Xunta

https://www.xunta.gal/funcion-publica/contratacion-temporal/consulta-das-listas-decreto-37-2006
No DOG do 05/12/2019 publícase as listas de admitidos provisionais nas bolsas de emprego temporal da Administración galega. 

Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos; eso cando chaman, que cos recortes estas listsas tornáronse nun claro afán recadador xa que son case 18€ por anotarse en cada lista e as exclusións de pagamento non son totalmente sociais.  Por outra banda, moi criticable tamén na Xunta é o execeso de persoal temporal, sobre todo no ámbito do persoal laboral.

xoves, 5 de decembro de 2019

Xa está aquí, xa chegou!: a promoción interna de corpos xerais

Ou canto menos un par de borradores de convocatorias, as do C1 e C2:
Así a bote pronto hai unha disminución de temario, faise nun único exercicio a parte teórica e práctica, pero cambiase bastante a fase de concurso na puntuación, non se fala de gardar nota e non nos dan as contas coas prazas convocadas no C2, parecennos moi poucas. Por certo, tampouco hai saco de preguntas...

Derradeiras participacións da lotería


Este ano o tema da lotería foi unha toleada, vendemos no mes de Novembro todas as participacións que tiñamos asignadas.
Moitas e moitos de vos pasastes polo local e non tiñamos, así que fixemos o esforzo de recolectar toda a que quedaba sen vender por outros lugares e a partir de luns teremos dous talonarios para os rezagados.

Bulide que se acaba!!

mércores, 4 de decembro de 2019

Función Pública coa enchenta de Nadal

A Función Pública está a indixestar
Chegannos noticias de que a Dirección Xeral da Función Pública está a punto de rebentar de gordura; pois vai ter un menún de Nadal cáseque indixesto.
Así a bote pronto vémoslle na cociña para estes vindeiros meses as seguintes viandas:
  • Desenvolvemento dos procesos de consolidación e estabilización da Adm. Xeral e algunhas escalas.
  • Desenvolvemento dos procesos selectivos das escalas de política social.
  • Posta en marcha do Decreto de funcionarización e reforma das relacións de postos de traballo.
  • Avance na consecución da carreira profesional.
  • Xestión e resolución do concurso de traslados da Adm. Xeral

martes, 3 de decembro de 2019

Dispoñible a tramitación electrónica de xustificantes nas solicitudes de permisos, licenzas e vacacións a través de PortaX

http://ficheiros-intranet.xunta.gal/aplicacion/portax/RRHH-PLV-xustificantes-empregados.pdf
Despois de bastante tempo desde a posta en marcha da tramitación electrónica dos permisos, vacacións e licenzas, a Xunta vén de poñer en marcha a posibilidade de engadir electronicamente os xustificantes (de ser necesarios) dos permisos e licenzas a través do Portax.

Así o comunicou a Xunta a través da intranet para o persoal da Administración xeral nunha nota interna. Até o de agora, o persoal obrigado á tramitación dos permisos, vacacións e licenzas a través do Portax, aínda facendo a solicitude telemática, tiña posteriormente que entregar o xustificante en papel nos unidades de persoal (ou ultimamente vía correo electrónico para que estas os subisen ao sistema).

mércores, 13 de novembro de 2019

A conselleira de Política Social pasa da problemática do seu persoal e céntrase en louvar a Fundación Amancio Ortega

A conselleira de Política Social fixo hoxe caso omiso das advertencias a respecto da problemática laboral que repercute negativamente na calidade asistencial dos centros da súa competencia, entre eles os de maiores e os de menores. A comparecencia de Fabiola García produciuse a petición dos grupos parlamentarios da oposición, aos que o sector de Autonómica da CIG-Administración lles trasladou a situación real dos cadros de persoal e da atención aos usuarios/as.

luns, 11 de novembro de 2019

A Xunta esixe máis dereito administrativo para ser conserxe que para ser dalgún corpo superior.

A inexistencia de criterios xerais fai que procesos equiparables teñan convocatorias diferentes. As diferencias entre convocatorias constitúen unha discriminación e unha desigualdade segundo que corpos e escalas se convoquen.

A nada que comparemos entre si algunhas convocatorias de procesos selectivos dos últimos anos, sexan de acceso libre, de promoción interna ou de consolidación, observamos diferencias substanciais entre procesos do mesmo grupo. Estes días Función Pública levou ás mesas de negociación máis borradores de convocatorias de diferentes escalas. E como non, máis diferencias substanciais.

luns, 28 de outubro de 2019

Reunión da Xunta de Persoal coa vicesecretaría xeral da vicepresidencia: infraestruturas nos servizos centrais

O pasado martes 22 a Comisión Permanente da Xunta de Persoal reuniuse coa vicesecretaría xeral da vicepresidencia da Xunta de Galicia para tratar diversos temas que nos afectan.

Á reunión asistiron por parte sindical os nosos compañeiros da CIG , Toño Fernández como presidente e Fulgencio Fernández como secretario da Xunta de Persoal e tamén acompañdos dun representante de CCOO e do SEPGA.Pola parte da administración foi interlocutor o vicesecretario xeral.

mércores, 23 de outubro de 2019

Publicado o Fondo de Acción Social - Listaxes provisionais

Publicada no DOG Núm. 202 do mércores, 23 de outubro de 2019 resolución da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do fondo de acción social do exercicio económico 2018, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

xoves, 17 de outubro de 2019

Mesa Xeral do 16/10/2019: orzamentos da Xunta 2020 e suba salarial do 2,2%

O único certo a estas alturas do partido parece ser unha suba fixa do 2% para 2020 aínda que non está claro de cando.


Logo está o tema da carreira profesional que este ano pasarían a cobrar un 33% do grao I os subgrupos A1 e A2 e un 50% os subgrupos C1, C2 e AP (do que non se falou explícitamente na Mesa Xeral, ollo). Ademais, que polo que lle pasou ao Sergas, xa sabemos que o cobrro da carreira profesional pode chegar a suspenderse...

martes, 15 de outubro de 2019

Comisión de Persoal do 14/10/19: concurso e varias RPTs

O luns 14 de outubro tivo lugar unha Comisión de Persoal desas nas que votamos pero só votan as organizacións sindicais e dá igual sempre o resultado porque a Administración ten maioría absoluta e gana sempre (sen votar) o que quere que se aprobe que para eso o órgano é da empresa.

Tratáronse os seguintes temas: RPT de Infraestruturas, de Educación, Política Social, postos do concurso de corpos xerais e estatutos da Axencia Galega do Sangue;remix de cuestións en varios.

Seguen as "reunións técnicas" da convocatoria do concurso de traslados de corpos xerais

O 11 de outubro tivemos unha reunión polo tema do buzón de postos dos corpos xerais. Desta volta, por parte da administración estaba a Subdirectora de Provision de Postos e a Xefa de Servizo de Concurso. Barreiro limitouse á Mesa Xeral do 9.

Pola a CIG dixemos que neste concurso imos ao revés, primeiro é a mesa xeral e logo as reunions técnicas. Isto xa comenzou mal desde un principio: a convocatoria do anterior concurso foi hai máis de 4 anos e medio e da toma de posesión deste concurso fai mais de 3 anos. Reiteramonos no que se dixo na mesa xeral e recalcamos que queremos a actualización e inclusión neste concurso de todos os postos que están vacantes por xubilación, os que quedaron vacantes tran un nomeamento por LD, os que son de nova creación e están por vir a unha mesa xeral... que lle poñan as pilas as consellerias, as axencias....

Ruxerruxe de nomeamento ilegal na Función Pública

Segue a haber enchufiños na Función Pública????
Seica hai un posto de xefatura de Servizo na Dirección Xeral da Función Pública que se preveu de xeito irregular hai pouco tempo, seica se nomeou a unha persoa para ese posto que non cumpre os requisitos, nin para ese nin para ningún desa mesma categoría.

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais presentou un escrito dirixido ao director xeral onde se lle empraza a que dea explicacións ao respecto, estamos agardando.

xoves, 3 de outubro de 2019

O concurso de traslados de corpos xerais non será en outubro

O martes 01/10/2019 tivemos unha reunión "técnica" con Función Pública para as alegacións ao buzón de postos do concurso xeral. O caso é que ao final rematou sendo unha reunión "política" onde apareceu o director xeral e nos volveu vender un montón de novos prazos que de seguido vos comentamos e que terminará incumprindo. Todo, de novo, co obxecto de desmobilizar e dilatar calquera acción de protesta pois imos agardar a ver que pasa en outubro e se non xa facemos algo...

Como dicíamos, para ser unha mera reunión "técnica" do buzón de postos do concurso, pola Administración acudiu até o director xeral de Función Pública acompañado do subdirector de réxime xurídico, da subdirectora de provisión de postos, e da xefa do servizo de concurso. Pola parte sindical estabamos todos os sindicatos con representación na mesa xeral de negociación.

mércores, 25 de setembro de 2019

Barreiro, o concurso de traslados qué?

O pasado 2 de agosto, a Comisión de Persoal aprobou as bases da convocatoria do concurso de traslados de persoal funcionario de corpos xerais. Este é o derradeiro trámite que se ten que cumprir antes da súa publicación no DOG, logo de que se peche a relación de postos que ofertarán.

A previsión que fixo Función Pública, xa con tempo dabondo, era para setembro. "publicarase en setembro", iso foi o que dixo o director.

Está rematando setembro, nin unha chamada, nin un correo, xa non digamos unha convocatoria de xuntanza(*), nada de nada, os postos están tan cal como quedaron en agosto, hai RPTs pendentes de publicar que implican creación de prazas (a ver se non as queren para non sacalas) e así seguimos, ate cando? Ate que cadre un bo titular en La Voz de Galicia? en función de que lle conveña ben a non sabemos moi ben quen (ou si)?

martes, 24 de setembro de 2019

O pesadelo de preparar as oposicións á Xunta: OPE do 2014 e pendentes de elexir destino

A raíz da última reunión da comisión de seguimento do acordo de concertación social, déronlle aos sindicatos asinates diferente información dos procesos selectivos "vivos" desde a OPE de 2014. Nós queremos aproveitar esta información que nos chega de rebote para volver a denunciar o pesadelo que supón preparar as oposicións na Xunta.

Neste cadro que envían atopamos un proceso da OPE de 2014 que aínda está pendente de elección de destino, trátase de 7 prazas de enxeñería técnica industrial (A2). Podería parecer algo anecdótico pero é que en 2015 relatan outros 6 procesos selectivos (86 prazas) que aínda están pendentes de algún exercicio. E da OPE de 2016 pois xa relatan ata 14 procesos  (388 prazas) onde en boa parte nin se convocou o primeiro exercicio.

luns, 23 de setembro de 2019

A Xunta impulsa a apertura de escolas infantiles nas empresas (nos seus centros de traballo NON)

A bombo e prato anunciabase nos medios que a Xunta financiará o persoal coidador nos centros de traballos


A medida en si é boa e vai encamiñada a que as empresas destinen recursos á conciliación; neste caso adaptar un espazo habilitado na sede da empresa e a Xunta axudaría co custo de persoal. A medida está pensada para que as crianzas de ata 12 anos estén máis pretos das súas nais e pais. 

O problema é que a Xunta tería que solicitar tamén a axuda sendo ela mesma unha empresa, quizáis a que máis persoal conta de toda a Comunidade Autónoma. Actualmente só os edificios administrativos de Vigo e Pontevedra contan con escola infantil nas súas instalacións. É máis, a medida que a Xunta propón para as empresas (para ela non) abranguería crianzas ata a etapa de primaria, polo que cabería facer uso do servizo cando os colexios pechan.

xoves, 19 de setembro de 2019

A Xunta anuncia oposicións para cubrir case 600 prazas, a maioría delas xa cubertas

Fai o anuncio ante a petición de comparencia da conselleria de Política Social no Parlamento para dar conta da escaseza de persoal nas residencias de maiores.


Sabemos que os concursos de traslados non lle preocupan ao Goberno da Xunta, preocúpanlle máis as oposicións. En realidade o que lle preocupan é que saia nos medios as tantísimas prazas que van convocar, outra cousa é xa cando as convoquen ou os anos que tarden en pechar os procesos; unha auténtica vergonza.

O curioso foi a nota de prensa que sacaron sobre 600 prazas a través dunha "novidosa convocatoria de emprego social". Son prazas a maioría de política social pero tamén de veterinaria ou bioloxía e ciencias do mar. Pero que é o que anuncian? unha nova OPE? Non, son prazas xa ofertadas e o que anuncian é que as convocarán en outono... si, claro, como o concurso de traslados.

Como afecta a revisión á baixa do PIB 2018 á nosa recente suba salarial?

A parte variable quedaría rebaixada do 0,25% ao 0,20% se se cumprise estritamente o acordo


O INE confirmou recentemente, tras unha revisión estatística, que a economía española creceu dúas décimas menos no 2018, ou sexa, non o 2,6% avanzado en xuñó, senón o 2,4%. Este dato pasaría desapercibido se non for porque tralo acordo de Madrid en marzo de 2018 (logo replicado aquí por UGT e CCOO) a nosa recuperación de poder adquisitivo quedaba vinculada a este parámetro macroeconómico; no 2020 meteron tamén a estabilidade orzamentaria (déficit público).

martes, 17 de setembro de 2019

A CIG chama a mobilizarse en repulsa do triple feminicidio de Valga

O feminismo galego convoca mobilizacións este mércores en cidades e vilas de toda Galiza


A secretaría da Mulleres da CIG e o conxunto da central sindical únense ao rexeitamento da violencia machista e chaman á mobilización de toda a sociedade galega contra os feminicidios de Sandra, de 38 anos; Alba, de 27 anos e María Elena, de 27 anos, asasinadas este luns, día 17 de setembro, en Valga por José Luís Abet Lafuente, de 45 anos. As mobilizacións están convocadas polo feminismo galego en cidades e vilas de toda Galiza e terán lugar este mércores, día 18 de setembro.

mércores, 7 de agosto de 2019

Concurso corpos xerais: terceiro borrador de postos vacantes

Despois de aprobar as bases da convocatoria do vindeiro concurso de corpos xerais na Comisión de Persoal do 2 de agosto, achegamos o buzón de postos actualizado a día 7 de agosto, onde figuran tamén xa todas as consellarías. De momento, entrase en modo vacacións polo que non se agardan máis modificacións até setembro.  Descargar buzón.
De todos os xeitos, recordamos que isto é un borrador e a listaxe definitiva debera coñecerse a principios do mes que vén cando Función Pública ten previsto publicar o concurso.

martes, 6 de agosto de 2019

Boletín CIG-Saúde Laboral, nº 33: o gas radón e a lexislación vixente

Debido a nosa problemática particular en Compostela e nos edificios históricos da Xunta de Galiza e máis as vosas inquedanzas, cremos importante compartir este boletín da CIG-Saúde Laboral que pode ser de moito interese para ver protexido o noso dereito á saúde ante a inactividade da Xunta onde parece que imos ter que esperar a que fagan o anunciado arranxo dos vellos interiores do edificio de San Caetano dentro de varios anos... e mentres tanto? a seguir respirando gas nocivo?...
Tamén neste número, outros temas moi interesantes para o noso sector:
  • Risco durante o embarazo e novas taboas SEGO para 2019: retroceso na protección da maternidade.
  • Informe final sobre o futuro do traballo da OIT.

luns, 5 de agosto de 2019

Aprobado o concurso de traslados de corpos xerais (convocatoria en setembro)

Aprobado na Comisión de Persoal do 2 de agosto. Publicaríase en setembro, unha vez que se peche a discusión da oferta de postos (que continúa en revisión).


Durante toda a negociación houbo un elemento principal en disputa: a valoración do traballo desenvolvido en comisión de servizo como realizado no posto de orixe ou no da comisión. En todas as xuntanzas a CIG rexeitou a intención da Xunta de mudar o criterio mantido en todos os concursos anteriores e valorar o traballo como feito no posto en comisión.  Función Pública mantiña a súa posición en base a esta sentenza do Tribunal Supremo.

venres, 19 de xullo de 2019

Concurso corpos xerais: segundo borrador de postos vacantes

Recibimos o segundo borrador de postos vacantes para o concurso de traslados de corpos xerais. Nesta nova listaxe xa están incluidas todas as consellerías.
 
Temos de prazo ata o 29 de xullo para facer alegacións. Se queres comunicarnos algo, podes contactar coa CIG. Xa que logo, que o concurso saia en xullo (como dixera o director xeral da Función Pública) vai ser imposíbel, así que a convocatoria vai quedar para setembro (con sorte) e continúa acumulando atrasos e incumprimentos nos prazos.

mércores, 17 de xullo de 2019

Novo pau do TSXG á Xunta de Galiza pola concesión arbitraria das comisións de servizo

Nas comisións de servizo non basta só con que a persoa adxudicataria cumpra os requisitos de idoneidade, senón que, cando sexan varias as persoas solicitantes, é necesario que se exterioricen as razóns polas que se elixe a unha das persoas peticionarias e se lles notifique a todas elas a decisión final para darlle posibilidade de impugnación. Iso vén a decirlle por segunda vez o TSXG á Xunta de Galiza.

A nova sentenza do TSXG 341/2019, do 3 de xullo, incide nos mesmos aspectos que a anterior sentenza 87/2018 que demos a coñecer o ano pasado capitaneada tamén desde os servizos xurídicos da CIG en Compostela.

venres, 12 de xullo de 2019

Retribucións 2019: folleto resumo

https://drive.google.com/file/d/1eO0qS7xnP6zNh_k3vldmfUnLn_6DmBa-/view?usp=sharing
Ante varias solicitudes, achegamos para descarga electrónica o folleto resumo das retribucións 2019 para o persoal público da Administración Xeral da Xunta de Galiza, representado polo noso sector da CIG-Autonómica; así pois, non se inclúe persoal docente nin do Sergas.

mércores, 10 de xullo de 2019

A Xunta, ao contrario co Estado, négase á xornada de verán ampliada para persoas con crianzas menores de 12 anos

Mentres na Administración Xeral do Estado o seu persoal con crianzas menores de 12 anos goza de xornada de verán ampliada (desde 2012!), aquí só recollen nun borrador de acordo (en 2019!) o mesmo para quenes teñan persoas discapacitadas ao seu cargo. Como se as crianzas non precisaran de coidados.

Son moitos os agravios que como persoal público da Xunta sufrimos fronte ao persoal doutras Administracións: peor carreira profesional, concursos e promocións internas sen periodicidade determinada, continúos cambios nas súas convocatorias, períodos de resolución extremadamente longos e por suposto tamén na conciliación.

E ten delito porque as traballadoras e traballadores públicos da Xunta de Galiza fomos das que antes e máis duros sufrimos os recortes nas nosas condicións de traballo: a lei de medidas de 2012 que ía ser temporal e cuxos artigos aínda seguen en vigor na súa maior parte ou os recortes nos complementos específicos das pagas extras de 2013 a 2016.

luns, 8 de xullo de 2019

Concurso corpos xerais: primeiro borrador de postos vacantes

A Dirección Xeral de Función Pública comunícanos parte da relación de postos vacantes entre os que sairá a listaxe dos que finalmente se ofertarán no concurso de traslados de corpos xerais. É a correspondente ás vacantes das seguintes consellerías (agardamos polas que faltan):
  • Consellería do mar
  • Consellería de política social
  • Consellería de sanidade
  • Consellería de cultura e turismo
  • Consellería de educación
  • Consellería de economía, emprego e industria
  • Consellería de infraestruturas e mobilidade
Función Pública fai anos que non nos facilita datos dos postos que están vacantes, así que a CIG non ten maneira de verificar se nesta relación están todos os que teñen que estar ou hai algún tapado. Temos prazo ata o venres 12 para facer alegacións, así que se ves algunha cousa que está mal, ou botas en falta algunha praza, contacta coa CIG canto antes.

venres, 5 de xullo de 2019

Concurso de traslados: xuntanza con Función Pública 04/07/19

O xoves 4 de xullo acudimos a agardada xuntanza convocada polo director xeral de Función Pública para tratar basicamente o concurso de corpos xerais. Tamén se tratou algunha cuestión máis como RPTs en negocación pero imos centrarnos nesta nova en contarvos como está o tema dos concursos, si, que polo resto tamén preguntamos. Na xuntanza falouse principalemnte das bases, das que pode haber algún que outro cambio e de prazos, que os creeremos cando os vexamos; o dos postos virá máis adiante.

Queremos reivindicar tamén a necesidade de convocar concursos anuais cos postos vacantes que vaian acumulándose. Non chega só con convocar agora ou en setembro e logo "adeus, moi boas" ata saber cando. Moitos dos problemas da xestión do persoal e vulneracións de dereitos de mobilidade, conciliación e promoción profesional, radican en non saber moi ben cando vai haber outro concurso de traslados.

mércores, 3 de xullo de 2019

Zarpa o concurso... a que porto chegará?

O concurso botándose a zarpar. ¿Cando atracará?
Onte xoves 4 de xullo estabamos citadas as organizacións sindicais a unha reunión sobre a baremación do concurso da Administración xeral. O sr. director xeral da Función Pública anuncianos, por fin, a negociación do baremo do concurso da administración xeral e a convocatoria do mesmo para setembro.


Por fin, despois de máis dun ano da primeira reunión sobre o baremo, parece que a cousa se move. Queda xa no recordo lonxano as negociacións do decreto de provisión de postos, ou mesmo as promesas e promesas de unha convocatoria inminente.

xoves, 20 de xuño de 2019

A CIG exixe o cese do director xeral de Función Pública

Traballadores/as concentráronse diante da Xunta de Galiza, para denunciar a súa “nefasta” xestión de persoal

Persoal da Administración Autonómica concentrouse a mañá do mércores 19 diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano para demandar o cese do Director Xeral de Función Pública pola súa "nefasta" xestión; a “chapuza” da funcionarización obrigatoria; as amortizacións de postos e o peche de servizos e exixir a convocatoria inmediata de concursos de traslado; procesos de promoción interna; procesos selectivos e unha verdadeira carreira profesional, consolidada e universal.

mércores, 19 de xuño de 2019

Acordo-mix da Mesa Xeral do 18/06/2019 (tíralle do aire, Barreiro)

Á Dirección Xeral da Función Pública hai que “tirarlle do aire”, pois como aqueles vellos Seat 124 senón lle tiras do starter van a golpes e ratean. Igual lle pasa a Barreiro que vai a bandazos e presentounos un acordiño con mestura de “todo un pouco” na Mesa Xeral do pasado martes 18 de xuño. 

Basicamente recolles seis puntos sobre diferentes dereitos a mellorar: Fondo de Acción Social (axuda persoas con discapacidades), Ampliación do horario de verán, Ampliación da OPE do persoal do servizo de extinción de incendios, Ampliación da redución de xornada para reincoporación ao traballo despois de tratamentos oncolóxicos ou enfermidade grave, Acurtamento de prazos para o cobro da carreira profesional para persoal interino ou persoal que non cumpría os requisitos e acordo Kafkiano que ninguén entende.

martes, 18 de xuño de 2019

A CIG recomenda solicitar a carreira profesional a todo o persoal

En previsión das futuras sentenzas que se produzan, a CIG convida a todo o persoal funcionario e laboral (independentemente do seu actual vínculo fixo/temporal), a solicitar por vía administrativa o complemento de carreira profesional.

O sistema de carreira profesional pactado por CCOO, UGT e Xunta vén a ser unha especie de retribución de sexenios, como xa teñen os docentes. E así como o dereito a cobrar os trienios depende unicamente do tempo traballado (non da relación contractual), o dereito á carreira (ou sexenio), non llo quixeron recoñecer ao persoal funcionario interino, laboral temporal ou indefinido. Tampouco ao persoal laboral fixo que non quera funcionarizarse.

luns, 17 de xuño de 2019

Concentración mércores 19 xuño: petición de concursos inmediatos e demisión do director xeral de Función Pública

A CIG-Autonómica convoca unha mobilización para denunciar a nefasta xestión de persoal de Función Pública; exixir a convocatoria inmediata de concursos de traslado; a “chapuza” da funcionarización obrigatoria; as amortizacións de postos e o peche de servizos; procesos de promoción interna; axilidade nos procesos selectivos; unha verdadeira carreira profesional, consolidada e universal. Vai ser este mércores, día 19 de xuño, ás 11:00 horas, diante da consellaría da Presidencia, no edificio administrativo da Xunta en San Caetano.

Queremos a dimisión do actual director xeral de Función Pública
. Sobran os motivos. Se estás cabreada ou cabreado, ven a protestar connosco.

A CIG denuncia que Función Pública non convoca os concursos de traslados porque non lle dá a gana, atrasándoos con escusas absurdas (os últimos foron: para persoal laboral en 2011; para administración especial en 2012 e para administración xeral en 2015). Por que se nega a convocar un concurso anual como si hai en ensino?

Xornada de verán 2019: continúa a discriminación

A xornada de verán é un exemplo das distintas modalidades de discriminacións que están a facer con varios tipos de persoal ao que non se lle aplica.


Pasadas as 14h do venres 14, recibimos correo de Función Pública coa nota informativa sobre o horario de verán 2019 que colgaron do seu web. Descargar.

O primeiro que esixe a CIG é que o horario de verán se regule de xeito permanente, e non mediante “notas” de Función Pública que chegan cada ano a última hora.

O segundo, arranxar algúns aspectos discriminatorios do contido das instrucións e que demostran que este Goberno non está pola conciliación máis aló que de palabra. Por vez primeira, e tras as diversas sentenzas xudiciais condenatorias, a Xunta vese forzada tamén a aplicar a xornada de verán en redución proporcional a quen viña tendo unha redución de xornada previa e cando o seu posto era dos que tiñan un horario susceptible de aplicalo. Esa é a única novidade deste ano.

venres, 14 de xuño de 2019

RPTs, concursos de traslados, exames, etc... na Comisión de Persoal do 12/06/2019

Na Comisión de Persoal do 12/06/2019 votáronse as propostas de modificación das RPTs de Facenda, IET e Medio Rural, así como a modificación do protocolo de acoso laboral e outras discriminacións no traballo. A maiores, fixemos numerosas preguntas que poden ser do teu interese.

Modificación do protocolo de acoso laboral
: aprobado co voto a favor das catro organizacións sindicais.

RPT de Facenda: aprobado co voto a favor de CCOO, CSIF e UGT, e a abstención de CIG.

RPT do IET: aprobado co voco en contra de CIG e CSIF, o voto a favor de UGT e abstención de CCOO.

RPT de Medio Rural: aprobado co voco en contra de CIG e CSIF, e o voto a favor de CCOO e UGT.

E en varios:

xoves, 6 de xuño de 2019

O persoal arquiveiro maniféstase no Día dos arquivos


O persoal arquiveiro da Xunta de Galicia
é o peor pagado de todo o Estado
Mañán, 7 de xuño, coa celebración do Día internacional de arquivos, no só vai haber actos oficiais onde o conselleiro vai facer a foto, o persoal técnico dos centros tamén se vai a mobilizar.

Levan vinte anos en niveis bases (A1-20 e A2-16) sabendo que os seus compañeiros e compañeiras do Estado e de outras CCAA son A1-24 e A2-20. Non só loitan pola equiparación salarial tamén por unha nova RPT (que leva seis anos parada) e por un Plan de arquivos que reorganize as anquilosadas estruturas arquivistas da Xunta de Galicia.
En fin é persoal que leva moitos anos calado e que por fin levanta a voz, por unhas condicións
salariais dignas.

mércores, 5 de xuño de 2019

A outra cara das privatizacións: a denuncia a Xunta por vulneración da Lei de Protección de Datos

En abril denunciábamos xa a privatización na DX de Patrimonio Cultural da elaboración de informes que son tarefa propia do persoal público de Cultura. Agora vén a outra cara da moeda: a vulneración da lexislación de protección de datos que supón o andar cos expedientes para dentro e para fóra e a súa preceptiva denuncia ante a Axencia Española de Protección de Datos. 

De feito, temos coñecemento de que os expedientes son transportados por persoal de Tragsatec sen saber como son controlados, quen accede a eles ou que se fai cos datos.

martes, 4 de xuño de 2019

A CIG denuncia un total de 347 comisións de servizo ilegais na Xunta de Galiza

A CIG-Autonómica vén de presentar un escrito de reclamación, iniciando un proceso que seguramente acabará no xulgado do contencioso para denunciar todas as comisións de servizos ilegais.

Moitas de vos, levades tempo preguntado cómo é posible esta desfeita nas comisións de servizo. Dende o sindicato recollendo as vosas denuncias, fixemos un traballo de recopilación de comisións ilegais para poder xudicializar o tema. A día de hoxe temos detectadas 347 comisións que sobrepasan os dous anos de vixencia (algunhas chegan aos sete): 172 na Coruña, 45 en Lugo, 44 en Ourense e 83 en Pontevedra. A esto temos que engadir amáis as formas oscurantistas da selección do concursante e as decenas de comisións cruzadas.

A carreira profesional na Xunta na corda frouxa

O director xeral da FP facendo equilibrios
 coa carreira profesional , os concursos, a
funcionariazación e a promoción interna

A Xunta, CCOO e UGT asinaron unha carreira profesional suxeita a provisión de fondos adicionais, crearon un complemento sen garantía orzamentaria.

Puidemos ler o fin de semana do 1 de xullo en varios medios de comunicación a existencia de controversia entre o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza e que afectaría á carreira profesional, os incrementos salariais e outros aspectos do Acordo de concertación asinado por CCOO, UGT e Xunta (DOG do 28/01/2019).

O Boletín Oficial do Estado (BOE) do venres 31 de maio publica dúas resolucións polas que anuncian o comezo de negociacións para resolver as discrepancias entre Estado e Comunidade Autónoma de Galiza por certos artigos da Lei de orzamentos e a Lei de medidas fiscais e administrativas de Galiza para o ano 2019 relacionados co Acordo de concertación e a carreira profesional. De ter razón o goberno do Estado, podería ser anulado o complemento de carreira.

luns, 27 de maio de 2019

A CIG esixe responsabilidades á Consellaría de Industria pola non medición do gas Radón en San Caetano

No enésimo capítulo do tema do radón nos edificios da Xunta de Compostela, a CIG vén de dirixirse seguindo as indicacións de Inspección de Traballo ante a Consellaría de Industria.

A CIG expuxo varias veces dende fai 6 anos ata a data actual, no Comité de seguridade e saúde laboral de Servizos Centrais da Xunta de Galicia, a queixa e inquietude de varias traballadoras e traballadores polos niveis de gas radón nos edificios administrativos da Xunta de Galicia en Servizos Centrais, sobre todo nos sotos e andares baixos dos mesmos. Solicitouse reiteradamente que se mediran os niveis deste gas en cumprimento da lexislación vixente xa que Santiago de Compostela e unha zona de alto risco por a morfoloxía do seu chan. 

Ao CSIF non lle importa a saúde do persoal traballadores de Servizos Centrais

O vernes 24 de maio de 2019 tiñamos convocada en primeira convocatoria ás 11:45 h. e en segunda ás 12:00 h. reunión ordinaria do Comité de seguridade e saúde laboral en onde, entre outras cousas tiñamos que tratar unha ampla orde do día con temas de importancia como a avaliación de riscos de 7 centros de servizos centrais e as medidas de emerxencia plnaificacdas e actuación de prevención para este ano.

venres, 24 de maio de 2019

Acórdase mobilizacións polas convocatorias dos concursos de trasalados

Na asemblea sobre a situación dos concursos de traslados da semana pasada acordouse mobilizarse pola inmediata convocatoria destes.

Nunha primeira parte fíxose unha exposisción da situación actual dos diferentes concursos na Xunta de Galiza, que con peor ou maior número de convocatorias, comparten a falta de previsión e regularidade na convocatoria e os elevados prazos de resolución e toma de posesión. Existe unanimidade en que concursos deben demandarse como dereito á mobilidade, conciliacióne progresión profesional. Está claro que hai demanda dun concurso porque o alto número das comisións de servizo así o confirmarn. O que hai que abordar é cómo facelo.