venres, 25 de outubro de 2013

Bolsas de formación si pero para persoal directivo: continúa o abuso das bolsas de "formación" nos servizos centrais

Resulta curioso que a Xunta nunca teña cartos para crear os postos necesarios nunha RPT e opte por contratar asistencias técnicas e convocar bolsas de formación pero sempre atope os cartos necesarios para crear postos de persoal directivo que son moito máis caros.

O luns, 28 de outubro, a Xunta aprobará na Comisión de Persoal as primeiras RPTs de Axencias con persoal directivo, mesmo de fóra da Administración e cunhas retribucións superiores. Mentres, no DOG do 23/10/2013 publica a resolución de adxudicación de dúas bolsas para traballar na EGAP: a) unha vinculada á xestión de sistemas de teleformación e b) outra de documentación e biblioteconomía.

As ditas bolsas convocáronse no DOG do 25 de abril.  O que se pide basicamente é xente nova hipercualificada (titulación superior con bo expediente, cursos, comunicacións congresos, publicacións, idiomas, etc.) e a cambio ofrecen 1200€ brutos/mes, sen ataduras de contratos e durante uns poucos meses. A súa etapa formativa vai ser breve ou inexistente, máis tendo en conta, no caso da biblioteca, que na recentemente reformada RPT da EGAP non hai postos especializados para formar á nova bolseira.

martes, 15 de outubro de 2013

Bolsas: Deformación no Parlamento

No canto de contratos, o  Parlamento opta por cubrir as súas necesidades de arquivo, informática, comunicación ou publicacións mediante a figura precaria da “bolsa de formación”.

O DOG do luns 14/10 publica o anuncio da convocatoria por Parte do Parlamento de Galiza de 8 bolsas e formación en diferentes áreas: 4 de arquivo, biblioteca e documentación, 2 de informática, 1 de comunicación institucional e outra máis en publicacións. Estas bolsas veñen sendo convocadas ano tras ano.

Teoricamente son bolsas de formación, e polo que nos consta, polo menos no eido dos arquivos, non hai personal técnico especializado no Parlamento, polo que cabe preguntarse quen lles vai proporcionar a formación?

martes, 13 de agosto de 2013

A Xunta de Persoal de SSCC insta a implantación 100% telemática na tramitación de permisos, vacacións e licenzas

A DXARA (Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa) confirma que será real a partir de xaneiro de 2014 en todos os centros onde estea implantado o sistema Kronos.

Actualmente, nos Servizos Centrais, na tramitación de vacacións, permisos e licenzas obrígase a duplicar a solicitude en papel e a través do Portax, a pesar de que este sistema, xunto ao Kronos (que leva o control horario) xa levan tempo en funcionamento. Nun escrito dirixido á DXARA, a Xunta de Persoal propuña aproveitar a infraestrutura montada para que a xestión de vacacións, permisos e licenzas se puidera facer telematicamente sen necesidade de gastar papel e permitindo tamén presentar escaneados os diversos xustificantes.

Por outra banda, cómpre destacar a falta de homexeneidade á hora de ver cal é a figura que autoriza os permisos, vacacións e licenzas (ata 3 sinaturas chegan a aparecer nos escritos xunto á da persoa solicitante) e tampouco se establecen prazos nin obriga de resolución.

Proxecto Morpheo

A directora da DXARA informou á Xunta de Persoal que existe actualmente un grupo de traballo a tres bandas (xunto con Función Pública e AMTEGA) para explorar as posibilidades telemáticas da tarxeta de empregado/a público/a e máis os sistemas Kronos/Portax. Dentro dese proxecto contemplábase que xa en setembro estivera implantada a xestión telemática en exclusiva das vacacións, permisos e licenzas. A dita xestión sería factible dado que todas as tarxetas incorporan o certificado que permite asinar dixitalmente calquera documento (tamén desde a casa) e que incluiría tamén a posibilidade de anexar os xustificantes escaneados. Finalmente non será posible ata xaneiro de 2014.

O atraso vén motivado porque aínda non se pechou a posta en funcionamento do Kronos en todas as consellarías e máis a desactualización das EPTs (Estrutura de Postos de Traballo) que reflicten a situación exacta de cada RPTs e onde se sitúa cada empregada ou empregado pública. Segundo nos comentan nos Servizos Centrais están case o día. Tamén falta por definir cuestións como quen vai autorizar os permisos ou os prazos.

xoves, 18 de xullo de 2013

Volve o plus dos altos cargos

Pero non estaba suspendido o plus dos altos cargos? Pois si, pero hai outro.

O mércores, 17 de xullo, rebentou na prensa a existencia dun plus b dos altos cargos, que non en b. O plus ao que nos referimos aparece recoñecido no artigo 19 da Lei galega de Orzamentos para 2013 e chámase “complemento de persoal”. Este complemento trata de compensar a “perda retributiva” do persoal funcionario que pase a formar parte da élite de altos cargos e, sensu estricto, retribúe un traballo que non se está realizando. Semella unha brincadeira pero non o é:

martes, 16 de xullo de 2013

Os minijobs nos servizos centrais da Xunta: Dirección Xeral de Comercio

Baixo teóricas bolsas de formación a Dirección Xeral de Comercio pon a traballar no seu centro a mozas e mozos universitarios cun alto grao de cualificación para facer desde introdución de datos para Comercio ata Powerpoints para o Gabinete.

No DOG do 15 de xullo publícase a resolución de concesión de 4 bolsas de “formación” na Dirección Xeral de Comercio. As ditas bolsas veñen convocándose con periodicidade anual desde o ano 2008 cun número variable tanto en persoas bolseiras como retribucións. O punto álxido tivo lugar en 2010 con 8 bolsas cunha retribución brutas de 1.300; actualmente, e consonte á Orde da convocatoria,  as retribucións son de 900€ e as persoas bolseiras teñen que pagar do seu peto tanto un seguro de saúde como de accidentes laborais.

xoves, 11 de xullo de 2013

Feijóo non quere persoal funcionario tramitando as reclamacións das preferentes

Prefire a empresa da súa irmá, EULEN

Máis dun terzo do persoal que traballa no Instituto Galego de Consumo son asistencias técnicas. Apártase ao persoal funcionario que non é de confianza de temas políticamente sensíbeis como a tramitación de expedientes das preferentes.

O 4 de abril a sección sindical da CIG de persoal funcionario nos Servizos Centrais da Xunta rexistraba un escrito dirixido tanto ao Instituto Galego de Consumo como á Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa. No dito escrito expuñamos que tiñamos constancia, porque así o vemos cada vez que acudimos as súas instalacións de visita sindical, que na sede central do instituto está traballando un bo número de persoas que non son persoal funcionario. Este persoal alleo incrementouse en boa medida coa tramitación dos expedientes de reclamacións das preferentes como se o persoal funcionario dos Servizos Centrais non estivese capacitado para facer ese traballo.

venres, 5 de xullo de 2013

Boletín Servizos Centrais - xuño 2013: Feijóo e o narco do barco

  • Lei do emprego público: alfombra vermella para a corrupción.
  • Empregados públicos contra a corrupción.
  • Novas breves (concursos de traslados, procesos selectivos, listas substitución, normativa aplicable ao persoal)
  • Humor (paquete mato, onde ir de vacacións este ano sen o específico da túa extra?)

Para descarga pinchar aquí


Suba de prezos na cafetaría de San Caetano e máquinas expendedoras

A sección sindical de persoal funcionario da CIG presentou diversas propostas de mellora do cal no prego de prescricións técnicas das que só atopamos recollido a ampliación de horario de comedor para conciliar coa nova realidade da flexibilización horaria (de 14:00 a 17:00h) ou o establecemento dun prezo reducido para o almorzo completo.
O resto de alegacións non foron atendidas (participación dos órganos de representación, valoración positiva nos pregos de utilización de produtos da nosa terra e/ou ecolóxicos, uso do bono por gasto mínimo e non só nos menús, establecer os ½ menús, control de prezos en función das variacións salariais aos empregados públicos, disposición de instalacións da cafetaría para xente que traía comida da casa...).
SUBA DE PREZOS
A pesar do que líamos este venres na edición dixital de Santiago da Voz de Galicia do barato que nos sae aos funcionarios tomar un café ou comer grazas a papá Xunta, na contrata publicada estes días no DOG atopamos unha suba da maioría de produtos superior ao IPC e que non ten en conta para nada a nosa perda de poder adquisitivo de entorno ao 20% destes últimos 3 anos. De feito, o prezo do café na cafetaría é do pouco que se mantería na lista de prezos máximos do prego, prezos ao que se soe axustar a oferta real definitiva.

xoves, 6 de xuño de 2013

Solicitude de mellora nas condicións da cafetaría e servizo de comedor de San Caetano

Anteriormente tivemos coñecemento de se está tramitando un novo contrato de concesión do servizo da cafetaría/comedor do edificio administrativo de San Caetano. Son frecuentes as achegas de opinións e suxestións das traballadoras e traballadores do centro, principais usuarios, sobre o funcionamento deste servizo. Porén, a Xunta non ten artellado ningún sistema de participación das traballadoras e traballadores públicos na configuración deste servizo.

Xa que logo, presentamos diversas alegacións con relación aos pregos actuais de prescripcións técnicas, no senso de mellorar o servizo e facilitar a participación das e dos traballadores deste centro na súa configuración, como por exemplo: 

Rede Corporativa da Xunta: Acceso bloqueado

Non é a primeira vez que diriximos un escrito á AMTEGA pedindo explicacións sobre o bloqueo no acceso a determinadas páxinas web de contido ideolóxico de esquerdas. Non queremos pensar que este tipo de diferenza de criterio á hora de bloquear o acceso web se deba a un criterio de discriminación ideolóxica, xa que, de selo caso, estaríamos a falar de CENSURA.

Nunha ocasion anterior, este problema, que entedíamos daquela como puntual, foi solucionado tamén despois de presentar un escrito. Non entanto, observamos que a Administración persiste nesta actitude. Gustaríanos coñecer o criterio para bloquear reiteradamente determinadas páxinas que defenden unha política alternativa de esquerdas, anticapitalista e mesmo facilitan información sindical. Curiosamente desde os equipos informáticos dos Servizos Centrais da Xunta non hai problema en acceder a páxinas web de exaltación da figura de dictadores e partidos políticos, sindicatos ou organizacións de extrema dereita.

martes, 28 de maio de 2013

En menos dunha semana a Xunta anuncia preto de 2.300.000€para comprar o favor dos medios de comunicación

Axustar o déficit, controlar o gasto, austeridade... pero á hora de ter de man os medios de comunicación aparecen as partidas orzamentarias e referencias normativas que sexan necesarias.


Subvención aos medios de comunicación da Secretaría Xeral de Medios

No DOG do 22/05/2013 publícase a polémica convocatoria de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e medios de radiodifusión radicadas en Galiza para o ano 2013. Desta volta o financiamento total ascende a 1.550.000€.

Os gastos públicos en medios de comunicación xa son polémicos de por si. Porén, tórnase máis polémicos no momento actual ao ser considerado como un gasto totalmente prescindible fronte ao mantemento dos servizos públicos. Iso por non falar de que o que se está facendo é fomentar o "status quo" do actual escenario informativo, no que os grandes grupos volverán a arrasar levándose cartos das arcas públicas; algún dos cales é xa de sobra coñecido pola súa teima nos ataques á dignidade do colectivo das traballadoras e traballadores públicos e a súa desaforada defensa das políticas da Xunta de Galiza.

luns, 27 de maio de 2013

A Lei de Feijóo da corrupción na función pública

Na asemblea organizada pola CIG en San Caetano o 24 de maio, bautizouse o actual anteproxecto de Lei do emprego público de Galiza como a "alfombra vermella para a corrupción" na Xunta de Galiza.

Esta asemblea chegaba pouco despois de que a Administración puxera enriba da Mesa Xeral exactamente o mesmo texto que antes de remitirlle as alegacións. Despois da exposición por parte de varios compañeiros e compañeiras dos puntos máis destacados do novo texto, a asemblea por unanimidade concluíu sobre a gravidade do texto e o cambio que  vai supoñer no modelo de Adminsitración. Non se trata dun cambio cara a modernidade, senón dunha volta ao pasado, a unha Administración politizada con persoal directivo alleo e unhas traballadoras e traballadores públicos completamente controlados sen que se lle garanta a súa profesionalidade e independencia.

A policía nos desaloxou de San Caetano

20 de maio de 2013

Isto foi o que aconteceu ese día, na concentración totalmente pacífica (aínda que ruidosa) en contra dos despedimentos na Xunta. Algún compañeiro ata "botou un baile" con algún membro dos corpos e forzas de seguride do Estado. Levamos tempo facendo as mesmas concentracións no mesmo sitio sen ningún problema, desta volta parece que alguén se cansou xa de tanto exercicio de liberdade de expresión. En fin, ladran, logo cabalgamos.

luns, 29 de abril de 2013

A unificación da Dependencia na Coruña non soluciona senón que xenerará máis problemas

Con respecto á xustificación de eliminación das prazas da Dependencia, analizamos por parágrafos cada unha das xustificacións nas que se basean para levar a cabo esta redución de persoal.

…realizase coa finalidade de axilizar, racionalizar e simplificar a tramitación administrativa do procedemento de dependencia, é necesario unificar nun só centro ao persoal que efectúa a tramitación administrativa dos expedientes,…
O que se realiza coa amortización é destruír, principalmente, os postos de traballo relacionados coa parte técnica do procedemento. Eliminando 17 postos de traballo para crear 4.
Non teñen en conta nin as competencias do órgano de valoración nin dos técnicos de valoración recollidas no Decreto 15/2010 (artigos 9 e 11)
Por exemplo: na tramitación de PIAs (Programas Individuais de Atención) hai neste momento en Coruña 3 traballadoras sociais o que se fai é incrementar 1 e amortizar 10. Deste perfil, incluído como técnico de valoración encargaríanse 4 persoas de toda a provincia. Cando noutra provincia con poboación similar, Pontevedra, hai 3 só para o área de Vigo e outras 3 no área de Pontevedra.
A provincia de A Coruña é a máis poboada de Galicia (1.147.124 hab. distribuída en 94 concellos), mentres a Provincia de Pontevedra (963.511 hab. Distribuída en 62 concellos) con menor poboación e menor número de Concellos non se plantea a supresión dun dos seus órganos nin do número de técnicos de valoración que hai no seu territorio.