luns, 13 de agosto de 2018

Para setembro a negociación do acordo de mellora no emprego e carreira profesional

Despois de que a CIG puxera enriba da mesa que non se poden negociar incrementos ridículos como os derivados dos acordos de Madrid e obviar a necesidade de establecer unha carreira profesional, Función Pública ponnos un borrador desta enriba da mesa. Isto, que nun principio pode parecer razoábel, deixou de selo en canto Función Pública amosou a súa intención de negociar e pechar o asunto en poucos días, en pleno mes de agosto.

Función Pública teima en ligar o acordo de mellora do emprego público e o acordo da carreira profesional, sen negociación real e cunhas condicións inaceptábeis. Pola súa importancia e transcendencia para o conxunto de empregadas e empregados públicos, a carreira profesional precisa dunha negociación propia e exclusiva á marxe de calquera outra materia.

mércores, 1 de agosto de 2018

Carreira profesional e acordo de mellora no emprego: pretenden ventilalo nunhas semanas en plenas vacacións

O que no Sergas durou meses de negociacións


Na tarde do venres 27 recibimos un correo no que por orde do director de Función Pública daban traslado ás organizacións sindicais dous documentos, con indicación de que podiamos presentar alegacións antes do martes 31:
  • Unha nova versión dunha proposta de ampliación do mal chamado acordo de estabilización.
  • Unha primeira versión dun futuro plan de carreira profesional.

A existencia dunha carreira profesional, ou sen utilizar ese nome o establecemento dun sistema de promoción real, tanto ascendente a un grupo superior como horizontal dentro do mesmo grupo, foi unha reivindicación de sempre da CIG, sen conseguir receptividade algunha por parte dos nosos interlocutores. O goberno, o director de función pública, sábeo de sobra.

venres, 20 de xullo de 2018

Nin 35 horas, nin o 100% das baixas. O que non recolle a nova proposta de acordo da Xunta

No novo texto do acordo galego de mellora de emprego público, a Administración e os sindicatos que asinaron o de Madrid vense obrigados a introducir melloras estéticas de cara a vendelo ao persoal despois de que dende a CIG destaparamos que se estaba a argallar un novo acordo onde non se recollía ningunha mellora máis que a ridícula suba salarial por debaixo do IPC.

xoves, 12 de xullo de 2018

Manifesto de apoio da Xunta de Persoal dos SSCC á folga de axentes medioambientais

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza aprobou por unanimidade das organizacións sindicais presentes na súa Comisión Permanente (voto a favor da CIG, UXT e CCOO) e ausencia do CSIF o seguinte manifesto:

O persoal que desenvolve as súas tarefas como axente medioambiental na Xunta de Galicia está a sufrir unha serie de eivas e carencias no desenvolvemento do seu traballo que se veñen a agravar co intenso traballo das campañas de verán no referente a extinción de lumes.

venres, 6 de xullo de 2018

Solicitan a revisión dos criterios da Mútua no caso de accidente in itinere

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais presenta un escrito no que solicita a revión dos criteiros da Mútua Gallega no caso de accidente in itineri. Recordamos que na pasada xuntanza do CSSL do mes de xuño a Mútua comunicou os criterios unilateriais que aplica que en moitos casos nin respectan a xurisprudencia actual ante o que a Xunta nin abriu a boca. 

O escrito vai dirixido ao órgano con competencias na materia e pide que se revisen e adapten a xurisprudencia os ditos criterios e senón que se rescate o servizo de xestión de riscos laborais e sexa asumido polos medios propios da Xunta.

xoves, 5 de xullo de 2018

A Audiencia Nacional conclúe que só conten os días laborabéis nos permisos "curtos"

Xa non nos chama a atención pero non vai moito na Xunta de Galiza tamén tiñamos a interpretación restrictiva de dereitos laborais de que os permisoscontaban por días naturais, logo contáronos por días hábiles e finalmente, desde 2015, por días laborabéis.

Aínda así, en boa parte das empresas, até o de agora os permisos por nacemento ou ben por morte ou accidente ou enfermidade grave eran concedidos por días naturais. Coas recentes sentenzas no Tribunal Supremo (TS) e tamén na Audiencia Nacional (AN) comeza o camiño do fin desta inxustiza.

Ridículo borrador para a mellora de emprego público da Xunta

A CIG presenta unha proposta alternativa e pide sentar a negociar melloras reais.


 Considera que se debe superar o dito acordo (ver anexo) e falar dunha modernización da Administración galega que sitúe á mesma e ás súas persoas empregadas públicas no século XXI.


A Xunta de Galiza vén de presentar un borrador de acordo de mellora de emprego para impor a suba pactada por CCOO, UGT e CSIF en Madrid do 1,5% + 0,25 a partires de xullo. Isto a pesares de que o IPC interanual está no mes de xuño no 2,3%, e de que os sindicatos asinantes acaban de acordar co goberno e a patronal que no sector privado a suba mínima sexa de entre o 2%.

CCOO e UGT contribúen a perpetuar a reforma laboral e as políticas neoliberais máis duras co asinamento do IV AENC

O documento final dá vixencia aos aspectos máis negativos do III Acordo, dificultando así a recuperación dos dereitos


Coa sinatura este xoves do IV Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva, CCOO e UGT escenifican o seu papel máis derrotista e a súa renuncia expresa a loitar pola recuperación dos dereitos laborais, salariais e sociais roubados á clase traballadora. Os termos do acordo asinado hoxe son basicamente os mesmos que xa valoramos o 25 de xuño, mais cun agravante que non figuraba no preacordo: a prórroga do III Acordo (2015-2016-2017). Esta incorporación na acta final supón o entreguismo absoluto por parte dos sindicatos españois ao marco de relacións laborais creado a raíz da reforma laboral do PP de 2012 e á política económica neoliberal máis dura.
 

mércores, 4 de xullo de 2018

Concentración nos Xulgados da Coruña contra a represión sindical na xustiza

CIG-Xustiza entende que se trata dunha "vinganza contra as centrais que non asinaron o acordo"


Traballadores e traballadoras de xustiza concentráronse este mércores diante dos xulgados da Coruña en solidariedade coas compañeiras e compañeiros denunciados  por "enfrontar a vulneración dos servizos mínimos" no marco da folga desenvolvida durante máis de tres meses nesta administración. Ao tempo, coa protesta quérese rexeitar a campaña represiva contra as centrais sindicais que non asinaron "o mal acordo" argallado de costas as traballadoras/es e que o propio persoal invalidou na votación.

venres, 29 de xuño de 2018

A CIG denuncia que as brigadas helitransportadas da Xunta non teñen helicóptero

Limítase así a capacidade operativa dos/as bombeiros/as forestais


A CIG vén de dirixirse á Dirección Xeral de Ordenación Forestal e mais á Subdirección Xeral de prevención e Defensa contra incendios forestais exixindo que as brigadas helitransportadas de Vilamaior, o Campiño e Marroxo, con persoal propio da Xunta de Galiza, teñan dunha vez helicóptero.

Boletín de saúde laboral da CIG, nº 28, xuño 2018

http://www.cigsaudelaboral.org/files/documentos/Boletin%20CIG%20Saude%20Laboral%20N%C2%BA%2028.%20version%20galego.pdf
O Boletín CIG-Saúde Laboral Nº 28 pode descargarse premendo na seguinte ligazón ou na imaxe da portada. Este boletín está editado polo Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da CIG e únicamente se publica en formato dixital.

Neste número atoparás:
  • OIT. Informe inicial para a Comisión Mundial sobre o futuro do traballo.
  • Proxecto do novo regulamento da lei de mutuas: un novo paso na destrución de dereitos dos/as traballadores/as.
  • Control da Incapacidade Temporal e Prestacións Económicas.
  • O po de sílice libre entra no cadro de enfermidades profesionais.
  • Avaliación da aplicación práctica das directivas de seguridade e saúde no traballo (SST) no marco da UE.
  • T+55: seguridade e saúde laboral para traballadores/as maiores de 55 anos.

xoves, 28 de xuño de 2018

Comeza a campaña de alto risco de incendios sen acordo de condicións de traballo de axentes forestais

CIG e UGT denuncian a campaña de propaganda da consellaría de Medio Rural


A CIG e UGT denuncian o comezo da campaña de alto risco sen unha proposta seria da Xunta de Galiza para as/os Axentes Medioambientais máis que unha imposición de aumento do 50 % de quendas de 12 horas e en contraprestación unha suba de dous niveis en dous anos e 7 euros por quenda de 12h, logo de máis de 10 anos cun acordo caducado e con serios problemas para acollerse aos dereitos previstos na Lei de Emprego Público de Galiza para o resto do persoal funcionario. Cuestións como as vacacións, a flexibilización para a conciliación familiar, ou as xustas compensacións retributivas polo exceso horario, penosidade, toxicidade, turnicidade, nocturnidade e especial responsabilidade dos axentes medioambientais.

28 de Xuño, Día do Orgullo LGTBIQ: unha data de transgresión, denuncia, reivindicación e combate

A CIG reivindica a vixencia da loita LGTBIQ, medio século despois da revolta de Stonewall


Un ano máis, a central nacionalista reitera o seu compromiso e a súa aposta pola igualdade social, a visibilidade da diversidade afectivosexual e a non discriminación.

Declaración da CIG


martes, 26 de xuño de 2018

CCOO e UGT avalan as reformas laborais coa sinatura do IV Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva


Folleto informativo de réxime de vacacións, permisos, licenzas e reducións de xornada

https://drive.google.com/file/d/1lSo4y6zdXUpQObd1ZiDKC7ssfJ2FLTXv/view?usp=sharing
Poñemos a túa disposición en formato electrónico o folleto informativo que elaborou a CIG-Autonómica con información do réxime de vacacións, permisos, licenzas, reducións de xornada e incapacidade temporal na Xunta de Galiza. Descargar folleto.

A información está esquematizada e organizada para unha doada consulta, incluíndo os tipos de permisos, licenzas .. , a súa duración, e diferentes observacións de interese.

Convocadas as actividades de formación continua da EGAP do segundo semestre do ano

O DOG do 26 de xuño recolle a resolución da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) coa relación de cursos dirixidos a persoal empregado público para o segundo semestre do 2018.

A EGAP convoca 57 actividades formativas e 1950 prazas dirixidas ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

As solicitudes poderán facerse desde as 8 horas do 27 de xuño ata as 23.55 horas do 6 de xullo na zona de matrícula da EGAP (http://egap.xunta.gal/matricula). O número máximo de cursos que se poden solicitar limítase a cinco.

venres, 22 de xuño de 2018

Interpretación do art. 30 do V Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galiza: ausencia médica de até 3 días sen baixa

A Consellaría de Política Social e, por extensión, o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, está a facer unha interpretación restrictiva e aplicación autónoma do artigo 30 do V Convenio. A dita interpretación consiste en non aceptar o parte de repouso expedido polo facultativo do servizo público de saúde para xustificar as ausencias por enfermidade de dous ou tres días. 
 
Esta interpretación afástase do criterio histórico de interpretación da norma convencional e da práctica das restantes consellarías, que si aceptan tal xustificante. En relación con tal práctica, cabe facer as seguintes consideracións:

xoves, 21 de xuño de 2018

Accidente in itinere, riscos sicosociais e outros no Comité Intercentros de Seguridade de Saúde Laboral (20/06/2018)

1. A petición das organizacións sindicais, acoden representantes da Mutua Gallega ao CSSL Intercentros, para que nos aclararen os seus criterios na consideración de accidente in itinere e accidente laboral, para os empregados públicos da Xunta de Galiza.

A espera dun informe máis polo miudo onde se definan mellor as cuestións, a exposición da mutua confírmanos unha certa arbitrariedade, e que os casos son analizados individualmente, de xeito que o dictame pode ser diferente en casos semellantes; de todas formas tentamos forzar aclaracións na mesa das que destacamos varias situacións:

mércores, 20 de xuño de 2018

Resumo da xuntanza co director xeral da Función Pública. 19/06/18

Previo á Mesa Xeral do día 20 estaba convocada unha xuntanza no que ademais dos temas que ían a esa mesa xeral (concurso persoal lei 17 e RPT de Traballo, Economía e Industria), tocaron outros temas de interese: vindeiros concursos de traslados e outras RPTs.

Concursos de traslados

A gran novidade é que informa o director xeral que a convocatoria do concurso de traslados de corpos xerais será en setembro (polo que supoñemos que en xullo retomaremos e remataremos a negociación), xunto co de persoal veterinarios, e de seguido (este ano) iría o resto da administración especial. A convocatoria de persoal laboral seguen adiándoo pendente do eterno cambio de categorías e segue sen pór data e mentres seguen acumulándose as adscricións temporais.

martes, 19 de xuño de 2018

O feminismo galego convoca concentracións o mércores 20 de xuño en repulsa á violencia machista

En Compostela será ás 20.00 horas na Praza 8 de marzo


A CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego para este mércores 20 de xuño, en dezasete localidades do país, en repulsa ao feminicidio de María Magdalena Moreira Alonso, de 47 anos, asasinada a tiros polo seu marido onte, no Porriño, o mesmo día que tiñan pensado asinar o divorcio.

Desde a Confederación Intersindical Galega unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega contra este asasinato. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta.

luns, 18 de xuño de 2018

Manifestate coa CIG: martes, 19 de xuño, ás 20 h. polos nosos dereitos

XA É HORA DE RECUPERAR OS NOSOS DEREITOS!! NA GALIZA EMPREGO SALARIOS E PENSIÓNS DIGNAS


Desde a CIG confiamos na inmensa forza da mobilización para avanzar na conquista dos dereitos. Por iso chamamos o 19 de xuño a unha xornada nacional de mobilización en todas as comarcas da nosa nación.

Na comarca da Compostela están prevista dúas MANIFESTACIÓNS con saída ás 20 horas das seguintes puntos:
  • Santiago: Praza Roxa
  • A Pobra do Caramiñal: Cantón da Leña

O Tribunal Supremo desestima o recurso da Xunta contra a sentenza gañada pola CIG pola contratación da directora do CRI

Nunha sentenza do 5 de xuño de 2018, o Tribunal Supremo vén de desestimar o recurso de casación interposto pola Xunta de Galiza contra a sentenza gañada pola CIG no 2015 na que o TSXG ditaminou a ilegalidade do disposto no artigo 3.2 do Decreto 1/2014, de 29 de xaneiro, polo que se regula a creación do Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero, impoñéndolle á Xunta 1.500 € de costas.

Ese artigo 3.2 estipulaba un sistema de provisión ilegal para a Dirección do centro, quedando aberto a ser ocupado por persoas que non tivesen a condicións de empregadas públicas.

Proposta de modificación da RPT Economía, Emprego e Industria

O venres 15 achegounos Función Pública unha proposta de modificación da RPT da consellería de Economía, Emprego e Industria. A proposta vai incluída na orde do día da Mesa Xeral convocada para o mércores 20, e discutida previamente nunha xuntanza con Función Pública o martes 19.

Non temos moi claro o que nos van contar o martes 19, pero o que non vamos é aceptar un trámite tan de urxencia, sen tempo a estudala nin alegar cando observamos que a proposta ten numerosos cambios.

Se queres botar un ollo, podes descargala aquí, en dúas partes: descargar 1ª parte, descargar 2ª parte.

mércores, 13 de xuño de 2018

Comeza a xornada de verán na Xunta só para unha parte do persoal

Son moitos os convenios colectivos que contemplan unha xornada específica para o período de verán. Non o da Xunta, no que esta xornada segue sendo aplicada a través de notas informativas que se renovan anualmente.

A Dirección Xeral de Función Pública publicou unha nota informativa na que avisa do inicio da xornada de verán. Sen máis novidades respecto a de 2017 que unha nota aclaratoria para o amplo abano de persoal excluído e dirixida aos sindicatos e unidades de persoal.

Complemento de productividade: só para o Consello Consultivo

Nesta época de pactos salariais por debaixo do IPC mais nos que se comeza a falar de homologacións salariais vai o Consello Consultivo de Galiza e chámanos para "negociar" a parte uns criterios de repartición do complemento de productividade para o seu persoal.

O caso é que este complemento non é novo, xa existía desde o 1997, suspendeuse no 2015 sen seguir o procedementos, negociais. Houbo un traballador que o levou a xustiza e obrigaron a pagarlla, por certo. A sentenza non ten desperdicio e prestade atención ao tremendo zasca que lle mete o xuíz ao propio órgano consultivo: "a  conclusión non  pode ser outra que a  nulidade daquel acordo plenario e  dos que o prorrogaron e confirmaron, por certo, torpes e  inxustificados, ao  adoptarse por un organismo precisamente creado para velar polo adecuado rigor no cumprimento das formalidades  procedimentales que as normas esixen."

Modificación da RPT da Vicepresidencia e Consellaría da Presidencia, AAPPs e Xustiza

A Vicepresidencia e Consellaría da Presidencia, AAPPs e Xustiza remítenos a documentación dunha modificación da súa RPT. A documentación mándana o mércores, a xuntanza convócana para o xoves.

A memoria funcional contén 25 páxinas cheas de modificacións, amortizan uns 26 postos (todos grupos baixos, disque vacantes excepto unha), o listado de equivalencias de persoal funcionario ten 61 páxinas e o de laborais 39. É inaceptábel que nos convoquen con xusto 48 horas. O que buscan non é sentarse a negociar, senon recibirnos para soltarnos a idea do que queren facer, e xa despois presentaremos alegacións por escrito e cubrir o expediente.

martes, 12 de xuño de 2018

Novidades nas listas de substitución da Xunta

No DOG do 12 de xuño publícanse as seguintes resolucións que afectan ás listas de substitución da Xunta.
  •  Actualización definitiva de méritos correspondente ao ano 2017 das listas para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza. Ver resolución DOG.

luns, 11 de xuño de 2018

SOS Sanidade Pública chama a mobilización contra a privatización e desmantelamento da Sanidade Pública

Convoca concentracións en distintas áreas sanitarias para este mércores día 13 de xuño ás 20:00 horas


A Plataforma SOS Sanidade Pública denunciou esta tarde, en rolda de prensa, a estratexia global para desmantelar e privatizar a sanidade pública de Núñez Feijóo e o seu goberno. Unha estratexia que pasa por poñer a sanidade pública galega en mans de empresas privadas multinacionais e para a que a consellaría de Sanidade pretende agora cambiar o modelo de concertación ampliando e consolidando a concertación de servizos asistenciais por un período de catro anos con empresas multinacionais que están desembarcando masivamente en Galiza atraídas polo negocio sanitario.

venres, 8 de xuño de 2018

Mobilizacións o 8 de xuño polo "Día dos arquivos"

Co gallo do día dos arquivos, o persoal técnico comunícanos que vai facer actos reivindicativos nos diferentes centros, con concentracións e a lectura dun manifesto. Non hai dignificación do traballo nin mellora das condicións laborais sen loita. E non hai arquivos públicos sen arquivei@s públic@s.

Así as 12:00 da mañán, e ao mesmo tempo en todos os arquivos galegos,  o persoal técnico fará chegar as súas queixas mediante unha concentración de "batas brancas", onde se lerá un manifesto que visibilizará as reclamacións por estar á cola do Estado español en recoñecementos laborais.

xoves, 7 de xuño de 2018

A Xustiza europea aínda debe responder se o persoal interino ten a mesma indemnización que o temporal

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) vén de corrixir este martes a súa doutrina e avala a diferenza de indeminzación por despedimento entre o persoal fixo e o temporal. Porén, o alto tribunal aínda debe responder á diversas cuestións prexudiciais enviadas desde o Tribunal Supremo español sobre se o persoal interino debe ou non ter dereito de indeminización cando acaben os seus contratos, como o resto do persoal temporal.

Cambio de doutrina

Dúas sentenzas falladas este martes polo TXUE e responde así a dúas cuestións prexudiciais formuladas polos tribunais españois. Estas dúas forman parte dun lote dun total 13 cuestións que se presentaron ante este tribunal desde a famosa sentenza de Diego Porras. Mentres nese caso, o TXUE recoñecía a mesma indemnización ao persoal temporal, nestas novas sentenzas recoñece que non hai discriminación na diferenza de indemnización respecto ao persoal fixo.

martes, 5 de xuño de 2018

Xunta quere que axentes forestais traballen 6 meses en quendas de 12 horas

Rexeitan unha proposta que prexudicaría a súa vida familiar


O colectivo de axentes forestais e medioambientais cualifica de “miserábel” a última proposta achegada pola Xunta no marco das negociacións do novo acordo laboral, xa que a Administración galega pretende que traballen durante seis meses en quendas de 12 horas, o que aumentaría a xornada anual a máis de 2000 horas. E todo sen ningún tipo de de redución horaria nin compensación adicional, o que entenden prexudicaría a súa vida familiar e laboral.

luns, 4 de xuño de 2018

Convoca unha xornada nacional de mobilizacións en todas as comarcas para o 19 de xuño “Pola recuperación dos dereitos XA”

A CIG suspende a folga xeral emprazando o novo goberno a responder as demandas da clase traballadora galega

Outros 313.000€ da Consellaría da Presidencia tirados en publicidade

No DOG do 4 de xuño publicanse os convenios subscritos pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en decembro de 2017 e no primeiro cuadrimestre do 2018. 

Entre todos estes convenios, volven a destacar 9 asinados co diferentes empresas editoras de xornais galegos "para a difusión das actividades desta consellería de interese para a cidadanía durante o ano 2018". O custo de tales convenios para as arcas públicas é de 313.000 €, a mesma cantidade que a semana pasada despilfarraba no mesmo gasto a Consellaría de Medio Rural. Nosoutros cremos que sería de máis "interese para a cidadanía" no global da Xunta que cubrirán as baixas nos centros de saúde ou destinaran máis prazas nas residencias de persoas maiores, por exemplo. E por suposto sería de maior beneficio para a liberdade de prensa.

venres, 1 de xuño de 2018

O director da Función Pública: "improductivo, anodino e con moi pouca vergoña"

Así titula O Voceiro de maio a súa editorial adicada ao director xeral da Función Pública, responsable de boa parte dos problemas do persoal público da Xunta de Galiza que os trata sen interese, sen presa e de xeito anodino. Moito falar de productividade pero logo pouco aplicarse o conto, moita mentira tamén e pouca vergoña. Descargar O Voceiro.

Neste número tamén abordan os seguintes temas:

Gas Radón: pasa a Inspección de Traballo, pasa tamén o ISSGA mais a CIG non pasa

A CIG considera dunha total irresponsabilidade o que fan as autoridades autonómicas e estatais de mirar para outro lado no caso do radón como xa fixeran no pasado con outros asasinos silenciosos como o asbesto e irá a onde faga falta para que se cumpra a normativa europea.


Despois de máis de cinco anos denunciando que a Xunta de Galiza mida os niveis de Radón nos seus centros de traballo, sobre todo os que teñen persoal e usuarios en sotos ou en baixos, e se poñan as medidas correctoras oporturnas, a través do comité de Seguridade e Saude de Servizos Centrais, os delegados e delegadas de prevenzon se SSCC da CIG denunciaron ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social e tamén ante o ISSGA e os dous dannos respostas nulas, pasándose a pelota entre eles.

xoves, 31 de maio de 2018

Publicadas as axudas para os traballadores e familias monoparentais que se acollan á redución de xornada para o coidado de crianzas

O prazo de solicitude permanecerá aberto até o vindeiro 1 de xullo


No DOG deste 31 de maio saen publicadas as bases das axudas económicas para os traballadores e familias monoparentais (homes ou mulleres) que se acolleran a unha redución de xornada para o coidado das crianzas. Estas axudas teñen como obxecto a conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade.

martes, 29 de maio de 2018

Máis de 300.000€ da Consellaría de Medio Rural en convenios de publicidade institucional

No DOG do 29 de maio publicáronse os convenios subscritos pola Consellaría de Medio Rural no primeiro cuadrimestre deste ano. 

Do total dos 19 convenios que aparecen, 11 son con diferentes empresas de comunicación privadas "para a realización de accións divulgativas e informativas relacionadas co desenvolvemento da produción agroalimentaria de Galicia." O custo de tales convenios para as arcas públicas é de 313.000,02€. A recordar cando vos digan que "non hai cartos para..." e a recordar cando vexades (ou non) determinadas novas ou determinados editoriais nestes medios.

Aberta a inscrición nun curso sobre as ferramentas Notifica.gal e Rexel

A EGAP vén de convocar no DOG, ao abeiro do convenio subscrito con Vicepresidencia e a Amtega, unha formación práctica nas principais novidades do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia (Notifica.gal) e da Recepción electrónica do Sistema Único de Rexistro (Rexel).

O curso está dirixido a persoal empregado público que preste servizo na Administración pública da comunidade autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia, é de modalidade mixta (8h de teleformación e 4h presenciais a impartir 2h en dous días da mesma semana) e consta de 11 edicións, cuxas datas, horarios e lugares de celebración poden consultarse na resolución adxunta. Para cada edición hai un total de 25 prazas.

luns, 28 de maio de 2018

A VII Asemblea da CIG-Administración Autonómica elixe a Zeltia Burgos como responsábel nacional

Baixo o lema “Polos dereitos laborais e os servizos públicos. Pola dignidade na función pública”


O pasado sábado, día 26 de maio, tivo lugar a VII Asamblea Nacional do sector de Administración Autonómica da CIG, celebrada sob o lema “Polos dereitos laborais e os servizos públicos. Pola dignidade na función pública”. As e os delegados elixiron á nova dirección, a Zeltia Burgos como nova responsábel nacional e apostaron, tal e como reza o lema da asemblea, por sumar as forzas necesarias para enfrontar a loita pola recuperación dos dereitos roubados.

venres, 25 de maio de 2018

“A folga é a nosa moción de censura á situación de emerxencia laboral, social, política e institucional”

A CIG presentou hoxe a convocatoria no rexistro da Consellaría de Industria


A CIG rexistrou este venres, na consellaría de Economía, Emprego e Industria o preaviso de folga xeral para o 19 de xuño. O secretario xeral, Paulo Carril, asegurou que “é a nosa moción de censura” diante da situación de “emerxencia nacional” que estamos a vivir do punto de vista laboral, social, económico e político-institucional. Chamou á mobilización para recuperar os dereitos e derrogar as reformas que provocaron o empobrecemento, a precariedade e a situación de explotación laboral que padece a clase traballadora e asegurou que “un sindicato digno de tal nome, nun momento como este, ou dá un paso á fronte e convoca unha folga xeral ou, senón, entendemos que o seu papel é inútil”.

xoves, 24 de maio de 2018

Os orzamentos do Estado prolongan as políticas de recortes que afogan a clase traballadora galega

Carril chama á folga xeral para impedir que se cronifique o desemprego, a precariedade e a perda de dereitos laborais e sociais


O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que os orzamentos do Estado o único que fan é prolongar as políticas de recortes que provocaron a precarización e cada vez maior empobrecemento da clase traballadora galega. “Non se axustan ás necesidades reais da maioría social galega nin da clase traballadora, que padece unha situación dramática”, afirma. Por iso reitera a necesidade de mobilizarse e ir a unha folga xeral “para impedir que se cronifique o desemprego, a precariedade, a sobreexplotación e a perda de dereitos”.

mércores, 23 de maio de 2018

Axentes forestais e ambientais mobilizaranse este xoves para reclamar un acordo que regule as condicións laborais

Convocan unha manifestación dende a Consellaría de Medio Ambiente ás 10:30 horas até a Xunta en Santiago


Os axentes medioambientais e forestais da Galiza mobilizaranse este xoves 24 en Santiago para reclamar un acordo que regule as condicións laborais e denunciar que a dirección xeral de Función Pública pretende aumentarlles as gardas, ampliándolles a xa excesiva xornada de traballo. As centrais CIG e UGT convocan unha manifestación que arrincará da Consellaría de Medio Ambiente ás 10:30 horas e rematará diante do edificio administrativo da Xunta en San Caetano.

Razóns para a folga xeral: defender o sistema público para termos unhas pensións dignas hoxe e no futuro

Miles de persoas mobilízanse coa CIG para esixir derrogar as reformas de 2011 e 2013

martes, 22 de maio de 2018

O comité denuncia a vulneración do dereito de folga do persoal de Xustiza

Mantén a convocatoria de paro porque o conflito non está pechado.


Ante o abandono do comité de folga por parte de SPJ-USO, UGT e CCOO, esta mañá reuníanse a CUT, STAJ e a CIG para analizar a actual situación e tomar unha decisión ao respecto.

Dado que é o comité de folga o único órgano que pode convocar ou desconvocar a folga; que ás organizacións sindicais que o seguen conformando non lles consta nin asinada, nin publicada ningunha proposta ou Acordo, e ante a negación que está facendo a Xunta de Galiza, non só dos traballadores e traballadoras, senón tamén da maioría sindical decidiron, por unanimidade:

venres, 18 de maio de 2018

Mobilizacións en toda Galiza en demanda de pensións dignas

O martes día 22 de maio, en numerosas cidades e vilas do país. En Santiago, na praza do Toural ás 20h.


A CIG ten convocadas mobilizacións, para o vindeiro martes día 22 de maio, en 18 cidades e vilas galegas en demanda de emprego, salarios e pensións dignas. A central sindical exixe un sistema público de pensións que garanta que se cobren hoxe, mais tamén no futuro. Por iso, entre outras cuestións, convoca Folga Xeral para o vindeiro 19 de xuño, entendendo que é “a arma máis poderosa que temos para defender as pensións públicas” e os dereitos roubados da clase traballadora galega.

mércores, 16 de maio de 2018

Resumo da Comisión de Persoal do 15/05/2018: homologación retributiva

Na Comisión de Persoal do 15 de maio tratáronse os seguintes temas: RPT da Consellaría de Economía, Emprego e Industria, condicións laborais do persoal de supervisión e seguimento da Formación Profesional para o Emprego, convocatorias dos procesos selectivos de enxeñaría de montes e enxeñaría técnica forestal e equiparación retributiva do persoal de Administración xeral.

Discriminación nas baixas laborais do persoal de MUFACE na Xunta

No caso que vos imos contar a continuación hai persoal da Xunta que tamén está afectado. Até o de agora, obrigou a moita xente, maioritariamente de Ensino a acudir á Xustiza a recuperar os cartos. Despois de instar en varias ocasións a cumprir a legalidade, a Xunta segue a marear a perdiz. O tema é moi parecido ao da paga extra do 2013 en tanto en canto obrigou a unhas cantas persoas valientes a empapelar os xulgados para que ao final cobrara todo o mundo...

Listaxe provisional de admisión na escola infantil de Vite para fillas e fillos do persoal dos SSCC da Xunta

O pasado 15 de maio reuniuse a comisión de avaliación das solicitudes recibidas para a Escola Infantil de Vite, de conformidade coa RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2018 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís dependentes desta axencia para o curso 2018/19. (DOG 13/04/2018).

Tal e como establece o artigo 10 da dita resolución, a Xunta de Persoal estivo representada nesta comisión. De Servizos Centrais houbo tan só 14 solicitudes e as 14 se aceptaron. Como curiosidade, non houbo nengunha solitide de 0-1 ano, tamén decir que hai 10 nenas e 4 nenos. En reserva para Servizos Centrais quedan para o grupo de 0-1 tres prazas. Para o grupo de 1-2 unha praza e para o grupo de 2-3 unha praza.

martes, 15 de maio de 2018

Contentración San Caetano 16 de maio 11h- contra os recortes nas prestacións asistencias e por desemprego

A CIG convoca unha concentración o día 16 de maio ás 11:00 h. diante da Consellaría de Presidencia (edificio admnistrativo da Xunta en San Caetano) contra os recortes nos subsidios e prestacións por desemprego que pretende levar a cabo o PP, unificando as axudas do PAE, do Plan PREPARA e da Renda Activa de Inserción.

Facemos un chamamento de unidade de clase traballadora ao persoal público da Xunta a secundar esta mobilización en contra dun novo recorte nas prestacións asistencias e por desemprego.

luns, 14 de maio de 2018

Manifestación Nacional pola Lingua. En galego día a día. 17 de maio, 12h, Alameda de Santiago

A Plataforma Queremos Galego, da que a CIG forma parte, reclamará este 17 de maio o día a día das persoas que fan que a lingua viva. Existe unha sociedade que actúa día a día para repor e normalizar a lingua galega, a través de centos de colectivos e entidades e en ámbitos moi diversos. Este día a día que consegue manter viva unha lingua que non só non conta con amparo institucional senón que recibe desamparo e agresividade sistemática.

É o pobo galego quen mantén a lingua viva, en solitario, e quen exerce as obrigas que tiña que exercer a Xunta de Galiza e coa mobilización diaria consegue avances. Grazas ao activismo social, o galego conseguiu pequenas vitorias que dan mostra da forza do pobo galego, mais tamén de todo o que falta por avanzar.

É o pobo galego quen mantén a lingua viva, es ti, no día a día, quen pode conseguir a normalidade para a lingua galega. Este 17 de maio vémonos ás 12h, na entrada da Alameda de Compostela.

martes, 8 de maio de 2018

A EGAP conmemorará o Día das Letras Galegas cun acto literario, unha mostra de arte e unha viaxe cultural

A Escola Galega de Administración Pública unirase á celebración do 17 de maio a véspera cunha conferencia impartida por Fina Casalderrey en relación coa vida e a obra de María Victoria Moreno Márquez. Acompañaraa o músico Emilio Rúa, quen interpretará dúas composicións propias baseadas nos textos da autora protagonista da efeméride.

Este acto literario desenvolverase o 16 de maio ás 12.00 h no salón de actos da Escola, e ao seu remate inaugurarase no mesmo lugar a Mostra de Arte das Letras Galegas, integrada por creacións artísticas de traballadores/as da Administración autonómica. A exposición manterase aberta ata o 15 de xuño.

venres, 4 de maio de 2018

Convocadas concentracións en apoio ao persoal de Xustiza en folga: 7 de maio diante edificios administrativos da Xunta

O luns día 7 de maio ás 11:00 h diante dos edificios administrativos da Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo


A CIG-Administración, xunto cos sindicatos de Xustiza que se manteñen no comité de folga, convoca concentracións do sector de autonómica para o vindeiro luns día 7 de maio, ás 11:00 horas, diante dos edificios administrativos da Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, en solidariedade cos compañeiros e compañeiras de xustiza. Nas mobilizacións, que coinciden co día no que se cumprirán os 3 meses de folga -90 días-, demandarán da Xunta de Galiza a negociación final do seu acordo retributivo, para que se poña fin ao conflito.

luns, 30 de abril de 2018

Gran lección de dignidade dos traballadores e traballadoras de xustiza

Fracasa nas asembleas a "traizón" orquestrada pola Xunta con USO, CCOO, UGT e CSIF. En vista dos resultados, CIG, CUT e STAJ convocan a Xunta para retomar as negociacións o vindeiro mércores, 2 de maio.

venres, 27 de abril de 2018

Boletín CIG Saúde Laboral Nº 27 - Correcta determinación da continxencia nun proceso de IT

http://www.cigsaudelaboral.org/files/documentos/Boletin%20CIG%20Saude%20Laboral%20N%C2%BA%2027.%20Version%20galego.pdf
A miúdo os traballadores e traballadoras padecen as consecuencias derivadas dunha incorrecta determinación da continxencia que da lugar á incapacidade temporal; este feito ten consecuencias tanto económicas como médicas e de seguimento futuro da doenza. Neste número do Boletín repasamos os motivos polos que é tan importante a correcta determinación da continxencia, así como o procedemento administrativo a seguir en caso de desacordo coa continxencia determinada polo facultativo que expide o parte de baixa.

Neste Nº 27 do Boletín CIG Saúde Laboral, o Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral publica un total de  cinco artigos encadrados nas súas seccións: Sabías que...? A fondo; Documento-Análise; Opinión e Información Técnica.

mércores, 25 de abril de 2018

25 de abril, 44 anos depois, a Revolução dos Cravos ainda é necessária

Hoje o 25 de abril é máis necesario que nunca vendo a situación de represión gris que nos asolaga. Mentres o noso país irmao soubo saír da ditadura cunha revolución pacífica, aquí o ditador morreu na cama e se fixo a "transacción". E mentres tamén, o noso país veciño foi quen de recuperarse da crise financieira con outro tipo de políticas axudando ás persoas que máis o necesitan e non ás máis poderosas; recuperación da que non se fala tanto nos medios de comunicación, precisamente en mans das persoas poderosas.

martes, 24 de abril de 2018

A represión fica acampada dentro de San Caetano

Desde a nosa sección sindical do persoal funcionario dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, queremos manifestar o noso apoio á mobilización das compañeiras e compañeiros de Xustiza e á folga indefinida que manteñen durante máis de 77 días  tentando que a Xunta se volva a sentar a negociar. Na enésima mobilización, acamparon diante de San Caetano pero non é esta a única acampada, senón tamén acampou a represión do Goberno da Xunta e nomeadamente o do seu Vicepresidente, Alfonso Rueda, acosumado a impoñer a súa vontade e usando a policía para fins políticos.

Desde hoxe a Policía xa non deixa entrar ás compañeiras e compañeiros no edificio administrativo (acudían tranquilamente á cafetería ou ao noso local sindical en San Caetano) e todo porque levan as camisetas de cor azul co lema de "Xustiza en loita. Dignidade e Resistencia". Ao PP xa non só lle molesta o amarelo, tamén o azul e como segan con esta represión de protestas pacíficas o único que van deixar é o gris da época de Franco.

A CIG chama á clase traballadora galega a mobilizarse no Primeiro de Maio no camiño da folga xeral

Pola recuperación dos dereitos, contra a pobreza e a precariedade e por empregos, salarios e pensións dignas


A CIG convoca manifestacións en cidades e vilas para o vindeiro Primeiro de Maio, Día da Clase Obreira, baixo o lema “Pola recuperación dos nosos dereitos. Contra a pobreza e a precariedade. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas”. A central sindical fai un chamamento a camiñar cara a unha folga xeral “no convencemento de que é a resposta necesaria” ante a situación que estamos a vivir.

Mobilizacións convocadas

luns, 23 de abril de 2018

O comité de folga de Xustiza acampa diante da Xunta en demanda de que se retomen as negociacións

Piden ao goberno galego que reflexione e que poña fin o conflito

Convocatoria extraordinaria de formación continua da EGAP

O prazo para as solicitudes remata o 3 de maio


A Escola Galega de Administración Pública convoca no DOG do 23 de abril un total de 108 edicións formativas que inclúe aqueles cursos que contaron cunha maior demanda durante este ano e tamén cursos específicos en materia de administración electrónica e seguridade.

Estas actividades van dirixidas ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. Ademais, ofértanse actividades formativas a empregadas e empregados públicos pertencentes a outras entidades, organismos e institucións públicas cando así se establece na epígrafe "destinatario".

xoves, 19 de abril de 2018

Resumo da xuntanza co director xeral da Función Pública. 18/04/2018

Nesta reunión previa a unha vindeira Mesa Xeral tratáronse os seguintes temas: bases dos concursos de traslados permanentes, RPT de Economía, Industria e Traballo e as bases dos procesos de enxeñería de montes e enx. téc. forestal. 

En varios, a CIG preguntou por varios asuntos: a RPT da AXI e acordo persoal legoeiro, concurso da lei 17, comisión de seguimento das instrucións de permisos, vacacións e licenzas, xubilacións parciais, 17 de maio e temarios EGAP.

A Xunta pretende eliminar o concurso de traslados horizontal do persoal laboral

Ao incumprimento reiterado do concurso permanente cunha periodicidade mínima semestral, únese agora o intento de Función Pública de seguir cargándose o convenio ao comunicar que pretende non facer o concurso horizonal (ou cambio de categoría no mesmo grupo).


Na enésima xuntanza polos criterios xerais dos concursos de traslados que tivemos o 18 de abril de 2018, Función Pública manifestou que pretende eliminar o concurso de traslados horizontal de persoal laboral recollido no V Convenio Convenio Colectivo. A xustificación que dá Función Pública é que a convocatoria do concurso horizontal causará problemas na aplicación do II acordo de estabilidade, sen que chegaran a aplicar o primeiro.

A CIG empraza a UGT e CCOO a abrir o debate para a convocatoria inmediata dunha folga xeral

Paulo Carril: "É o momento dar unha resposta contundente na defensa dos nosos dereitos e dun futuro digno para a clase traballadora.

A CIG remitiu este mércores unha carta ás direccións de UGT e CCOO en Galiza e ás súas respectivas direccións estatais emprazando a ambas centrais sindicais a iniciar un debate serio e sosegado no que analizar as propostas reivindicativas e un calendario de actuacións que leven á convocatoria inmediata dunha folga xeral na defensa dos nosos dereitos e dun futuro digno para a clase traballadora.