xoves, 30 de xuño de 2016

Situación das oposición de persoal funcionario de corpos xerais: acceso libre e promoción interna

Nas derradeiras semanas foron aparecendo publicadas no web de Función Pública (e algunha xa no DOG) as resolucións dos tribunais coa convocatoria dos primeiros exames do A1, A2, C1 e C2:
  • A1 (DOG 22/06/2016): venres, 8 de xullo de 2016, 16:00 h, pavillón nº2 recinto feiral Silleda
  • A2 (DOG 29/06/2016): sábado, 9 de xullo de 2016, 16:00 h,  pavillón nº2 recinto feiral Silleda
  • C1 (DOG 30/06/2016): sábado, 9 de xullo de 2016, 9:30 h , pavillón nº2 recinto feiral Silleda
  • C2 (DOG 30/06/2016): venres, 15 de xullo de 2016, 16:00 h, pavillóns nº1 e nº2 recinto feiral Silleda.
 

mércores, 29 de xuño de 2016

Tramitación do proxecto de lei da devolución dun terzo de complemento específico da paga extra de xuño de 2013

A bombo e prato, así foi anunciado onte no Parlamento polo conselleiro de Facenda a devolución do que xa de por si viñan recoñecendo os xulgados, un tras outro. 

Esta lei vén dun acordo botado tras o aumento do teito de gasto autorizado desde Madrid; o caso é que o único que vai na lei é o da devolución dun terzo do complemento específico da paga extra de xuño de 2013. Nada das pagas extras completas recortadas desde 2010 e nada tampouco na lei do que di de recuperar no 2017 os complementos específicos recortados desde 2013 (poñéndonos así tras 4 anos á altura do resto de persoal doutras Administracións). Isto último tería que ir na lei de orzamentos para o ano que vén, e xa veremos, que despois das eleccións, cambia moito o conto e desde Europa e o Banco de España xa están a pedir máis sangue:


martes, 28 de xuño de 2016

Condenan ao SERGAS a indemnizar a un traballador por denegarlle o dereito a gozar do permiso de paternidade completo

Terá que pagarlle 3.000 euros por dano moral, os 12 días de salario da prórroga non concedida e as cotizacións á Seguridade Social dese período
 
O SERGAS vén de ser condenado a pagar unha indemnización de 3.000 € por dano moral a un traballador ao que non renovou o contrato para impedir que gozara do permiso de paternidade completo. Xunto a isto, terá que pagar tamén os 12 días de salario da prórroga non concedida e as cotizacións á SS dese período. O xulgado avala deste xeito, as denuncias da CIG-Saúde por denegarse de forma sistemática o dereito a gozar dos permisos regulamentados ao persoal eventual.
Permiso paternidade

28 de xuño, Día do Orgullo LGTBIQ: a prol da diversidade e pola igualdade de dereitos.

A CIG reitera o compromiso e a aposta pola igualdade social, a visibilidade da diversidade e a non discriminación. Ao tempo, a central sindical denuncia a hipocrisía do Partido Popular que pese a contar cunha Lei pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza, acomete políticas ultraconservadoras que perseguen impor a súa moral reaccionaria e intolerante e o seu modelo tradicional de familia.

DECLARACIÓN DA CIG

Case medio século após da revolta de Stonewall aínda son moitas as barreiras e discriminacións que afectan ás persoas que defenden a diversidade sexual, ou que se identifican como gais, lesbianas, transexuais, bisexuais, intersexuais....
 

Noraboa aos premiados: outros 450.000€ en convenios cos medios para facer propaganda

No DOG do 21 de xuño, publícanse os convenios da Consellaría de Medio Ambiente durante o primeiro cuadrimestre deste ano. Destacan estre estes, dez convenios de "colaboración" coa prensa galega, por valor total de 350.000€. E entre eles, cun total de 244.740 €, leva o primeiro premio La Voz de Galicia S.A., sendo segundo Faro de Vigo, S.L.U.,a  moita distancia, con 43.480,00 €

Desta volta, chama a atención que na descripción do obxecto dos convenios aínda se detalla bastante para o que é costume no país, aínda que están todas clavadas como X (entre 1 e 14) "actuacións divulgativas e informativas, onde aparezan destacadas aquelas estratexias ou iniciativas relacionadas co urbanismo responsable, a ordenación do territorio e as novidades que supón a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, para a protección e coidado do litoral e a paisaxe galega, e que contribúan á información e sensibilidade da cidadanía galega"; a máis actuacións, máis pasta.  Nestas actuacións gaña a Voz con 14 actuacións publicitarias por valor de 94.740,00 €, seguido polo Faro con 5 actuacións por 43.480,00 €, máis caras en proporción.

Máis de 400 comisións de servizo entre o persoal funcionario da Xunta entre abril e maio de 2016

É o que ten andar cos concursos a contagotas, que se queres mobilidade ou progresión profesinal só che quedan as comisións de servizo: 411 en persoal funcionario e as que haberá en persoal laboral, adscricións temporais, das qe non dan datos informatizados pero a bo seguro que sumarían un bo lote tendo en conta que leva sen concurso desde 2011. A diferenza, xa sabedes, é que o persoal laboral ten uns mínimos criterios obxectivos de concesión, antigüidade e pertenza ao centro, e o persoal funcionario rexe a discrecionalidade.

En total, entre os meses de abril e maio tivemos 150 novas resolucións de comisións de servizo, 250 renovacións e 11 adscricións provisionais. En total 411 resolucións de cobertura temporal "extraordinaria", subindo 61 con relación ao período bimensual anterior de febreiro-marzo. Por niveis, temos o seguinte desglose:

Proposta de supresión, refundición e ordenación das categorías de persoal laboral da Xunta de Galiza


Por que lle chaman reordenar cando queren dicir amortizar?

En febreiro de 2015 mandaron de Función Pública a primeira proposta de reordenación dos grupos I e II e hai quedou o tema. Logo moitas Mesas ou xuntanzas, onde "en vindeiras semanas" mandaremos proposta de todos os grupos e circunscribían esta reordenación preiva á realización do concurso; nalgún momento chegaron a ceder e dicir que podían facelo complementariamente á negociación das bases do concurso.

Un ano e medio máis tarde veñen cos grupos IV e V, cunha proposta sen nengún tipo de explicación ou memoria económica, en algún caso o documento é incomprensible ou ten máis de unha lectura, cando non as consellerías están a ter reunións coas organizacións sindicais para tratar temas de categorías profesionais diferentes a que propón Función Pública ou cousas tan subrealistas como que na lei emprego público creen a escala de servizos sociais sin categoría de Aux. clínica e agora propoñen a súa funcionairzación, sic.

Publicados os resultados definitivos das probas de avaliación en competencias clave

Hoxe día 28-06-2016 publicáronse na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria os resultados definitivos das probas de avaliación en competencias clave celebradas o pasado día 21-05-2016, seguindo o anexo II da resolución de convocatoria das probas de competencias clave do 26 de febreiro de 2016 da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

No portal de competencias da Consellería de Economía, Emprego e Industria, onde consta  toda a información sobre o procedemento http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-competencias-clave, habilitouse un “Buscador de Notas” onde introducindo o DNI/NIE as persoas poden consultar si están apto nas competencias clave as que se presentaron.

luns, 27 de xuño de 2016

Nova proposta de megacordo para o recoñecemento do tempo do servizo militar nos trienios

Seguimos cos acordos botados en período interelectoral: que se moscosos e canosos, que se paga extra 2012, que si cachiño da de 2013, que si OPE persoal laboral, xubilacións parciais e agora chega o cómputo do servizo militar (algo que xa tiñan noutras Administracións ou relacións xurídico-laborais porque, como moita das cousas que acordan, é a punta de sentenza xudicial).

PROPOSTA DE ACORDO DA DIRECCIÓN XERAL DA FUNCIÓN PÚBLICA E AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS PARA O RECOÑECEMENTO DO TEMPO DO SERVIZO MILITAR PARA O CÓMPUTO DOS TRIENIOS DO PERSOAL LABORAL DO V CONVENIO COLECTIVO DA XUNTA DE GALICIA.

xoves, 23 de xuño de 2016

AMTEGA: Axencia Modelo para exTErnalización en GAliza

O mércores  22 de xuño de 2016 publicouse no BOE a Convocatoria das oposicións da OPE 2016 na Administración Xeral do Estado. Estamos ante unha das convocatorias con maior número de postos de persoal informático na AGE.

Isto é o normal ante implantación da administración electrónica: Incorporación de persoal informático  propio. Examinando os tres últimos anos, podemos comprobar que AGE convocou un total de 390 postos de persoal  do grupo C1 e un total de 356 do grupo A2.

O contrato do servizo de prevención alleo de novo con Mugatra

No DOG do 22 de xuño publícase a formalización do contrato para a contratación don servizo de prevención alleo para a seguridade no traballo e vixilancia da saúde na Administración xeral da Xunta de Galicia. O adxudicatario volve ser un ano máis: Mugatra Sociedad de Prevención, S.L.U.

O orzamento base de licitación era dun importe total de 806.424,00 € quedando a adxudicación final en 755.520,00 €. Agardamos que neses 50.000€ de baixa non vaian cousas como os necesarios análises dos niveis de Radón nos edificios da Xunta ou a maior sensibilidade cos accidentes laborais "in itinere", por citar dous exemplos de recente roce con esta mútua.

Convocatoria das oposicións da OPE 2016... na Administración Xeral do Estado


No BOE de 22 de xuño publicase a convocatoria de varios procesos selectivos de acceso libre e promoción interna a corpos xerais da Administración Xeral do Estado correspondentes á Oferta de Emprego Público do 2016. 

A piques de cumprir só 3 meses desde a publicación da oferta, xa saen as convocatorias nas que vai o calendario de datas previsibeis dos diferentes procesos nos que soen acertar bastante. Igualiño ca Xunta, non credes?...


Tarxeta vermella para a Lei do Traballo en Francia

A CIG convoca concentracións en apoio á loita da clase traballadora francesa, o 28 de 28 de xuño, ás 11,30h. diante dos consulados do país galo en Vigo e A Coruña

O cumio da rede ALTER SUMMIT, da que a CIG forma parte, e as súas organización membros queren expresar o seu pleno apoio e solidariedade cos movementos sociais franceses na súa loita pola retirada da Reforma Laboral, a través da nova Lei do Traballo.

Comisión seguimento xubilacións parciais anticipadas 21/06/2016

A orde do día e o seu desenvolvemento:

1.Debate e estudo da posibilidade de modificar o apartado segundo da instrución cuarta das instrucións para o acceso á xubilación parcial e contrato de remuda, no relativo á posibilidade de empregar as listas do Decreto 37/2006, no suposto de renuncia do remudista


Nesta semán FP recabará opinión das distintas consellarías e, posiblemente, a fins da mesma haxa unha resposta favorable que permita a inmediata modificación da instrución cuarta para o emprego das listas do decreto 37.

2.Debate e estudo da posibilidade de tras a xubilación ordinaria do titular da praza, a persoa remudista continúe prestando servizos.
 

luns, 20 de xuño de 2016

Novo Decreto do Instituto Galego de Consumo e da Competencia

Achega a Consellaría de Economía, Emprego e Indutria nova versión do borrador que estan preparando do PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE CREA O INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA E SE APROBAN OS SEUS ESTATUTOS. Por se resulta do voso interese... Descargar

venres, 17 de xuño de 2016

Unha relación de postos de traballo con 79 postos dos cales 77 son por libre designación

Incríbel pero certo, falamos do Consello de Contas, ou máis ben debéramos dizer Consello de Contos vendo o caso que lle fai a súa propia lei de creación que di que o sistema ordinario de cobertura será o concurso; específico si, pero concurso ao fin e ao cabo. 

No DOG do 13 de xuño, o único ordinario que vemos na súa recente publicada RPT son os postos de libre designacións (77 de 79) e o extraordinario son os postos por concurso (2 de 79). De feito, chéganse a cubrir por libre designación postos que nas Administracións tanto estatal como autonómica ou local soen ser por concruso, como son todos aqueles inferiores a nivel 28, onde o a RPT do Consello de Contas inclúe por libre designación ata a totalidade dos 18 postos de "auxiliar administrativo/a", nivel 16.

A desesperación dos concursos na Xunta de Galiza: minuto e marcador

Quen espera, desespera... di o refrán, pero pouco lle importa á Xunta, avances tecnolóxicos a parte, a desesperación de milles das súas traballadoras e traballadores públicos que xa se volveu resignación vendo a periodicidade irregularidade e imprevisión na convocatoria e resolución de concursos. Que o peor xa non é que os concursos foran cada 2, 3, ou 5 anos, se soubéramos a ciencia certa que realmente ían a ser con esa periodicidade e ían respetar os prazos tamén da resolución.

No concurso xeral, a Comisión de valoración segue examinando ao redor das 1.000 reclamacións presentadas, reuníndose 3 veces a semana e cunha previsión de ter a resolución definitiva antes de cumprir o 15 de xullo, prazo límite dos 6 meses desde a publicación da lista definitiva de persoas admitidas e excluídas (DOG 15 de xaneiro); o prazo dun ano xa pasaron del o mes pasado. A última información que temos, da boca do propio director xeral da Función Pública, era a toma de posesión diferida para setembro que xustifica en evitar líos na organización dos servizos e nos propios períodos vacacionais do persoal.

Proposta de modificación da RPT da Consellaría de Política Social

Chegou hoxe unha proposta de modificación da RPT da Consellaría de Política Social para unha reunión o luns; a documentacion vén sen cadro de equivalencias nen memoria económica. 

Trátase dunha readaptación á nova estrutura e lexislación, pero hai tamén bastantes creacións e amortizacións (unha de posto non vacante), execucións de sentenza de pluses (dos que quitamos os nomes), modificación que afecta a todo o país.

A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas, en toda Galiza, pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas

Terán lugar os días 18, 19 e 20 coincidindo co Día Mundial das Persoas Refuxiadas

A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, formada por máis de 70 colectivos, asociacións, ONGD, partidos políticos e sindicatos, entre os que está a CIG, convoca novas mobilizacións en toda Galiza arredor do 20 de xuño, día mundial das persoas refuxiadas, baixo o lema 'Non ás guerras. Rachemos coas fronteiras'.

Con este motivo a CIG chama a saír ás rúas da Coruña, A Guarda, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo –cidades e vilas nas que se celebrarán as mobilizacións- para exixir rutas legais sen condicións; o cumprimento dos convenios internacionais en materia de asilo e refuxio; que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea; e o respectos dos dereitos humanos das persoas que se viron obrigadas a fuxir da guerra, a violencia e a fame.

Convenio asinado coa Academia Postal para cursos de preparación de oposicións en calquera dos centros de toda Galiza

A Federación de Administración Pública da CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA tén asinado un acordo coa Academia Postal para a preparación dos procesos selectivos das distintas Administracións Públicas (Estatal, Autonómica e Local), para as persoas afiliadas á CIG, en toda Galiza.

A afiliación da CIG poderá inscribirse nos cursos programados, coas seguintes ventaxas:

-Desconto do 50% no importe da matrícula.
-Desconto do 10% no importe da mensualidade.
-Desconto do 10% no importe do material.


Se queres tér máis información, pregunta nos locais do sindicato ou da academia.

xoves, 16 de xuño de 2016

Promoción interna corpos xerais: publicadas as primeiras notas; restantes exames A1 e C2

No DOG de 16 de xuño publicáronse os primeiros acordos dos tribunais que teñen que avaliar a promoción interna dos subgrupos C2 e C1 polo que se publican as notas dos primeiros exercicios. Estes acordos xa levaban desde finais da semana pasada na páxina web de Función Pública.

Moi importante, o prazo de 10 días de prazo que se abre a partir do día seguinte non só para presentar alegacións, senón tamén para presentar a documentación complementaria de estar en posesión do nivel de Celga 3 e 4, respectivamente. De non presentar esta docuemntación en prazo, non haberá lugar a librarse do 3º exercicio, o de galego. 

Convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga

No DOG 16 de xuño publícase a convocatoria de cursos gratuítos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4. No Anexo II da convocatoria tedes as diferentes datas, lugares e horarios nos que se impartiran os cursos.

Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria.  Con carácter xeral, cada curso terá unha duración de 70 horas lectivas, distribuídas en sesións de dúas horas cada día e como máximo de dúas horas e media. 

mércores, 15 de xuño de 2016

Modificacións na RPT e estruturas da Consellaría de Economía, Emprego e Industria e entidades dependentes

Achega da Consellaría de Economía, Emprego e Industria un paquete de borradores de documentos con varias modificacións que afectan a:
  • RPT: creación de dous postos de subdirección dependentes da Secretaría Xeral Técnica
  • Proxecto de Decreto polo que se modifica o INEGA e se aproban os estatutos como axencia 
  • Proxecto de Decreto polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e se aproban os seus estatutos
  • Proxecto de modificación pequena do Decreto de creación e estatutos da Axencia Galega de Innovación, referida ás funcións da Área de Programas
Descargar documentación

martes, 14 de xuño de 2016

O Laboral - Xuño 2016: xuntanza Comité Intercentros - Dirección Xeral de Función Pública

Podes descargar o boletín premendo na imaxe
Achegamos para descarga un boletín especial editado polas compañeiras e compañeiros de Ourense que recolle múltiples aspectos que afectan ao persoal laboral da Xunta de Galiza e que foron tratados na xuntanza mantida polo Comité Intercentros co director xeral da Función Pública. Inclúe:
  • Situación do concurso de traslados
  • Refundición de categorías
  • Proceso de funcionarización
  • Instrución funcionamento tribunais de selección
  • Axencia Galega de Servizos Sociais
  • Permutas entre persoal interino
  • Recuperación artigo 19 do V Convenio Colectivo
  • Perfeccionamento de trienios das contratadas/os a tempo parcial
Advertencia: estamos afeitos a que F.P diga unha cousa e faga outra 

venres, 10 de xuño de 2016

A Xunta recúa coa cesión dos nosos datos a empresas privadas

O mércores, 8 de xuño, a CIG facía pública a denuncia na Axencia Española de Protección de Datos por vulneración da normativa vixente en protección de datos que afecta ás persoas usuarias do certificado electrónico da tarxeta de empregada e empregado público da Xunta de Galiza.

Actualmente a empresa certificadora é AC CAMERFIRMA S.A., unha sociedade mercantil participada polo Consejo Superior de Cámaras de Comercio, varias Cámaras de Comercio españolas e o grupo bancario Banesto. Anteriormente, os certificados foran xerados pola entidade pública empresarial Fábrica Nacional de Moneda y Timbre - Real Casa de la Moneda.

Segue estancada a flexibilidade e o teletraballo na Xunta

Actualmente hai 8.953 persoas na Xunta con horario flexible mais só 150 con algunha xornada a semana con teletraballo.

A Administración remítenos os datos acumulados das flexibilidades horarias e do teletraballo con relación á data de 31 de maio. Volve ralentizarse o aumento do teletraballo que en termos globais ten unha implantación que só se pode cualificar de ridícula: 150 persoas das 2.000 inicialmente previstas pola propia Xunta. Xa seguía ralentizada a flexibilidade, que só aumenta de xeito máis destacado nos servizos periféricos, onde agora comezan a abrir a man, xa que nos Servizos Centrais é practicamente total.

Convocado o polémico programa de autoformación da EGAP que "non vale para os concursos"

No DOG do 6 de xuño publica a EGAP un novo plan de autoformación para o para o persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este programa de autoformación comezou a andar no 2013. Como novidade este ano aparece que estas actividades formativas valoraranse conforme establezan as bases dos concursos que convoque, no seu día, a Dirección Xeral de Función Pública. Recordamos que no último concurso de traslados de corpos xerais valoráronse como cursos os "certificados de equivalencia" que poden derivaron destes plans.

Porén, no actual concurso non apareceron valorados na puntuación provisional como equivalentes aos cursos con titoría. Se unha actividade formativa vale ou non vale no eido da Función Pública debería quedar fixado de antemán e non andar creando falsas espectativas na xente e problemas de inseguridade xurídica. E agora a pelota está na Comisión de valoración, máis esto debería quedar solucionado de xeito permanente. Recordamos tamén que no anterior concurso si puntuaron.

Doazón de sangue en San Caetano: 13, 14, 15 e 16 de xuño

Correo que nos achega o Centro de Transfusión de Galicia

Os vindeiros luns 13, martes 14, mércores 15 e xoves 16 de xuño, temos unha nova oportunidade para ser solidari@s.

O persoal sanitario do Centro de Transfusión de Galicia achegarase ata os edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Caetano, para atender as persoas que desexen participar das 09:30 horas ás 14:30 horas na unidade móbil diante da cafetería

Novos chamamentos da lista do A2 (agora sen titulación específica) para as Oficinas de Emprego e prórrogas

Despois das denuncias públicas da CIG con relación á contratación de persoal a través das listas de substitución do corpo de xestión (subgrupo A2), deturpando a orde de prelación nas listas ao esixir titulacións concretas, e que foi apoiado polas outras organizacións sindicais, a Dirección Xeral de Función Pública coméntanos que van contratar 20 persoas, a través das listas do A2 e sen requisitos de titulación específica,  para o reforzo das oficinas do Servizo Público de Emprego de Galiza.

Tamén nos confirman que se vai proceder á prórroga dos contratos das persoas da loita contra o fraude na contratación laboral.

xoves, 9 de xuño de 2016

Persoal laboral concéntranse nos edificios administrativos da Xunta de cada provincia “pola recuperación dos dereitos perdidos”

A protesta foi convocada polo Comité Intercentros

Traballadores e traballadoras laborais da Xunta de Galiza desenvolveron concentracións este xoves diante dos edificios administrativos da Coruña, Ourense, Lugo e Pontevedra en demanda da recuperación dos dereitos perdidos e pola non discriminación que se está a dar entre o propio persoal laboral, a causa da diferentes interpretacións das normativas vixentes.

mércores, 8 de xuño de 2016

A CIG denuncia a obriga do persoal da Xunta a ceder os seus datos con fins comerciais

O sector da Autonómica da CIG-Administración vén de presentar denuncia ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) contra a Xunta de Galiza e a empresa certificadora AC CAMERFIRMA S.A., propiedade de Banesto, do Consejo Superior de Cámaras de Comercio e de varias cámaras de comercio españolas, que, sen o persoal sabelo, teñen a súa autorización para usar os seus datos persoais con fins comerciais ou publicitarios.

Novo puteo, agora co horario de verán

Colgou a Dirección Xeral de Función Pública unha nota informativa con relación á vindeira entrada en funcionamento da xornada de verán regulamentada na Orde do 20 de decembro de 2013. Sen novidade respecto das condicións de 2015.

Supoñemos que en breve publicaráno tamén nos medios de comunicación. Moitas mentes privilexiadas mirarannos (para non variar) como un colectivo privilexiado, obviando a existencia dun réxime horario diferenciado en verán tamén na empresa privada, obviando que a conciliación da vida familiar, persoal e laboral é algo que só toman en serio de xeito xeral nos países do norte porque se demostra que a productividade é maior, e obviando que a envexa e a degradación dos dereitos das outras persoas non é o camiño para defender os propios, e senón, que llo digan á clase traballadora francesa.

A Consellaría de Medio Ambiente prosegue coa destrución de emprego público na Xunta a pesar das sentenzas de indefinición

E iso que din que "xa saímos da crise" e "non hai asistencias técnicas traballando na Xunta".

Unha Relación de Postos de Traballo que destrúe emprego, o centraliza en Servizos Centrais, continúa sen cortas cabezas aos responsábeis de contratacións ilegais, e cambia titulacións. Descarga proposta

Os sindicatos e as persoas responsábeis da política de persoal da consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio estamos a discutir unha modificación da RPT.

Os cambios na RPT xustificados na redución de estrutura e reordenación funcional non se adecúan á realidade descrita, xa que a nova estrutura engorda a parte superior xerárquica centralizando a creación de postos nos servizos centrais e adelgaza na base, situada nos servizos periféricos, base composta por persoal que está en contacto directo cos administrados e co medio, fundamental nesta Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio onde as funcións mais importantes están aí, no medio e no territorio. A súa decisión supón reducir as posibilidade de traballar na protección do medio.

Persoal laboral da Xunta concéntrase en San Caetano para exixir a restitución de todos os seus dereitos laborais

Denunciaron que as recentes medidas aprobadas polo PP son “claramente electoralistas”

Persoal da Xunta de Galiza concentrouse esta mañá en San Caetano, diante da estación de autobuses de Compostela, convocado polo Comité Intercentros do Persoal Laboral, para manifestar o seu rexeitamento ás recentes medidas aprobadas polo PP, que consideran “claramente electoralistas” e para exixir a restitución de todos os dereitos “cercenados tras cinco anos de políticas de recortes e austeridade”.

Remata o proceso contra Laura Bugallo tras 7 anos, 5 xuízos e baixo a ameaza de que “se non entras desta entrarás da seguinte”

Acorda coa Fiscalía 11 meses de cadea -que non terá que cumprir- e 750€ de multa “porque estou farta” deste proceso que “me inventaron”

 


Centos de persoas concentrábanse este martes diante dos Xulgados de Fontiñas, en Santiago, para exixir a libre absolución de Laura Bugallo, a compañeira da CIG acusada de falsificación documental tras denunciar unha suposta mafia que trataba con persoas inmigrantes. Transcorreron desde aquela sete longos anos durante os que alén de padecer ameazas tivo que pasar por cinco xuízos. Hoxe, no último, aceptou un acordo coa Fiscalía de 11 meses de cadea e 750 euros de multa “porque estou farta, teño 52 anos e quérome xubilar tranquila”.

Boletín especial: Extra 2013

https://drive.google.com/drive/folders/0B1evwCG_jwK2QUtzZmNkQnVoZlU
Podes descargalo picando na imaxe
Achegamos Boletín especial sobre a devolución dun cachiño dos complementos específicos da paga extra de xuño de 2013, que legalmente nunca deveron ternos roubado. Este Boletín está editado polas compañeiras e compañeiros de Ourense. Inclúe os seguintes artigos:
  • CSIF vainos pagar a extra de 2013
  • CIG non está disposta a asinar un acordo para a devolución de parte da paga extra de 2013 que a Xunta xa está obrigada a aplicar
  • AS COUSAS GÁÑANSE LOITANDO
  • As mentiras de Feijóo

Xuntanza coa Administración sobre deficiencias nas infraestruturas dos Servizos Centrais

O venres 3 de xuño fumos convocados a Permanente da Xunta de Persoal coa Subdirección de Servizos Comúns para unha reunión informativa sobre varios escritos de queixa presentados durante estes últimos meses con relación ao mal funcionamento de cuestións de infraestruturas e locais.

- Deficiente ilumninación do aparcadoiro de San Caetano: Din que en case todos os sitios que mediron superanse os 100 luxes -é o minimo neste tipo de locales - pero recoñecen que hai recunchos que incluso pode que non se superen. Asegura que se iluminará máis, e que as horas de entrada e saida estará todas as luminarias do aparcadoiro acendidas; ata agora estaba cendida unha si e otra non, a todas as horas do día.

martes, 7 de xuño de 2016

Apoio nos xulgados de Fontiñas á compañeira Laura Bugallo

Hoxe houbo unha mobilización convocada diante dos xulgados de Fontiñas, en solidariedade coa compañeira Laura Bugallo, para exixir o arquivo definitivo dunha causa que xa fora arquivado en 2013. A concentración coincidiu coa celebración dun xuízo no que a fiscalía a acusa dun suposto delito de falsificación documental continuada, polo que mantén a petición de 3 anos de cárcere.

Laura Bugallo traballa na CIG desde hai 24 anos. Durante un longo período de tempo desenvolveu a súa actividade no Departamento de Migración da central sindical desde o que atendía á poboación inmigrante galega retornada e a poboación migrante. Co progresivo endurecemento das leis de estranxeiría foise incrementando, ano tras ano, o traballo e pasou a atender non só cuestión laborais, senón tamén de papeis. Axudando ás persoas migrantes en aspectos relativos a todo o atinxía á súa vida, desde escolarización de nenas e nenos, até asistencia médica ou vivenda.

Comisión de Permisos, Licenzas e Vacacións. Xuntanza do 6/6/2016

En primeiro lugar manifestan que o horario de verán para o persoal que o pode gozar é dende o día 16 de xuño ata o día 15 de setembro será publicado hoxe ou mañá nos mesmos termos que o do ano pasado. Segue o agravio comparativo coa Administración Xeral do Estado, ao non querer incorporar a Xunta os avances da Resolución de 25 de novembro de 2015, da Secretaría de Estado deAdministracións Públicas (BOE 10/12/2015). Por outra banda, deixan de novo fóra, sen ningún tipo de compensación, ao persoal que traballa a quendas, dobremente puteado xa cos seguintes apartados:

1º.- Interpretación das “X” en Política Social e das “H” en Medio Rural


Función Pública manifesta que non considera as “x” e as “h” como días hábiles, polo que se teñen que contar para ás vacacións como si foran días de traballo normais.

A CIG manifesta que se da o paradoxo de que si se traballa eses días non se vai a traballar, pero si se está de vacacións si. As interpretacións de función pública son totalmente surrealistas.

Dereitos electorais do persoal traballador nas eleccións do 26 de xuño

Publicada no DOG do 7 de xuño a Orde que regula o exercicio dos dereitos electorais do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galiza nas eleccións convocadas para o día 26 de xuño. No DOG do 8 de xuño, publicouse a Orde que regulamenta o exercicio de dereito ao voto das persoas traballadoras por conta allea

O persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autonóma de Galiza que o vindeiro día 26 de Xuño non desfrute do seu descanso semanal terá dereito a un permiso retribuído de ata catro (4) horas libres para exercer o seu dereito ao voto, sempre que a súa quenda de traballo coincida polo menos en catro horas co tempo en que permanecerán abertas as mesas electorais.

luns, 6 de xuño de 2016

O Comité Intercentros chama á moblización do persoal laboral para a recuperación dos dereitos roubados

No pleno do Comité Intercentros do día 31 de maio de 2016 e ante a solicitude de varios Comités de Empresa de distintas Consellerías acordouse retomar as mobilizacións:

1- DIA 7/06/2016 - FACER UNHA CONCENTRACIÓN DE TODOS OS COMITÉS DE EMPRESA (ademáis de todass as traballadoras e traballadores que queiran acudir) EN SANTIAGO DE COMPOSTELA - SAN CAETANO  NA EXPLANADA DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES DE 11:00 A 12:00 HORAS.

 2. DÍA 9/06/2016 - PROPOÑEROS FACER CONCETRACIÓNS DIANTE DOS EDIFICIOS ADMINISTRATIVOS DE CADA PROVINCIA DE 11:30 A 12:00

Aberto o prazo de matrícula para os cursos de nivel superior de linguaxe administrativa galega

O prazo remata o vindeiro 11 de xuño

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística-, convoca cinco cursos de nivel superior de linguaxe administrativa galega para persoal ao servizo de distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia.

O número de prazas por curso será de 30, salvo o curso destinado a empregadas e empregados públicos ao servizo da Administración autonómica de Galicia, impartidos nas modalidades de teleformación e presencial, que conta con seis edicións e, polo tanto, con 180 prazas.

venres, 3 de xuño de 2016

Publicado o protocolo de acoso laboral na Administración Autonómica

No DOG do 3 de xuño publícase a resolución na que se acorda a publicación do Protocolo para a prevención, a detección, a actuación e a resolución de situacións de acoso laboral e outras discriminacións no traballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Podes consultar o protocolo na páxina de prevención de riscos laborais da Xunta de Galiza premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas:

AS COUSAS GÁÑANSE LOITANDO. Reintegro da parte devindicada da paga extra de 2013


http://www.elcorreogallego.es/img/noticias/20110520/cp20f04602565_517877.jpg
A loita sindical ten moitas vertentes, dende a máis primaria e directa, como é manifestarse na rúa, escraches, etc... pasando polas típicas recollidas de sinaturas, cartaces, queixas, escritos..., até a demanda xudicial, que é de onde provén esta novidade, esta proposta a “motu propio”, que semella que parte da grandísima boa vontade da Administración, sempre velando polos nosos intereses e que agora nos vén dicindo que nos vai pagar un cachiño da extra de 2013, unha parte do complemento específico. Pero a verdade é que nola pagan porque, no seu momento, meteron a pata até o fondo aprobando un recorte salarial nos orzamentos de 2013 en marzo, cando xa levabamos un par de meses de ano. Aprobaron os orzamentos tarde e agora teñen que apoquinar con isto.

De aquela chapuza veñen estes ingresos, daquel recorte dos nosos complementos específicos, que aínda non cobramos nas extras actuais -un claro agravio comparativo con respecto ao persoal do Estado e dos concellos- temos agora unha nova argucia eleitoral para os catro titulares de prensa que buscan e que agora xa teñen. En fin... España va bien! dicía o outro...

CIG non está disposta a asinar un acordo para a devolución de parte da paga extra de 2013 que a Xunta xa está obrigada a aplicar

A Área Pública considera que se trata dunha proposta electoralista que a central non avala

Como xa tiña anunciado, a CIG non asinou o acordo coa Xunta de Galiza de pagar a parte devindicada da paga extraordinaria do ano 2013, porque non se trata de ningún dereito a negociar, senón dun dereito recoñecido por múltiples sentenzas xudiciais gañadas pola central sindical, que a Xunta ten a obriga de executar. Para a CIG este acordo non supón máis que unha escusa para o goberno de Feijoo poder realizar outro anuncio electoralista.

xoves, 2 de xuño de 2016

24 e 31 de decembro: Política Social na súa liña de roubarlle ao seu persoal

O SUBDIRECTOR XERAL DE PERSOAL, EDUARDO MATO, ENVIOU AOS CENTROS DE TRABALLO DE POLITICA SOCIAL UNHA INSTRUCCIÓN QUE SEGUINDO NA SUA LIÑA, ROUBA DESCARADAMENTE OS DOUS DIAS A MAIORES QUE ESTABLECE O ACORDO DE PERMISOS, LICENZAS E VACACIÓNS PUBLICADO NO DOG.

Data dos exames dos procesos de acceso libre

ACTUALIZACIÓN

O xoves 2 de xullo, recibimos aviso de Función Pública de que había un erro nas datas de C1 e C2, co que as definitivas serían as seguintes:

- A1-Venres 8 de xullo pola tarde

- A2- Sábado 9 de xullo pola tarde

- C1- Sábado 9 de xullo pola mañán (nova data)

- C2- Venres 15 de xullo pola tarde (nova data)