Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase
Amosando publicacións coa etiqueta procesos selectivos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta procesos selectivos. Amosar todas as publicacións

mércores, 1 de xuño de 2022

Publicada a OEP-2022 extraordinaria, chapuceira, sen garantías e sen a identificación das prazas.

 


Publicada no DOG do 30/05/22 a Oferta de Emprego  Público  (OEP) extraordinaria de estabilización, sen a  identificación das prazas e con falta de concreción dalgúns  aspectos fundamentais que quedarán para a súa decisión no  momento das convocatorias.

Oferta extraordinaria sen a identificación de prazas nin  concreción de aspectos básicos

A falta de identificación das prazas ofertadas fai  difícilverificar o cumprimento dos requisitos da Lei/2021 e comprobar si o número de prazas ofertadas coincide coas dos listados que facilitou Función Pública. E xa adiantamos que as contas de hoxe non coinciden coas listaxes que levou a negociar. Ata faltan entes enteiros que incluso saían nos primeiros listados e agora, onde foron?

Outra negociación chapuceira e sen garantías

mércores, 25 de maio de 2022

Concurso xeral e destinos provisionais: o prazo de toma de posesión abrirase a partir do 6 de xuño

Non era sen tempo, na Comisión de Persoal do 24/05/22, o director xeral da Función Pública confirma que o día 6 de xuño será a data de comezo do prazo de cesamento e toma de posesión


Despois de convocarse en novembro de 2019, o concurso xeral máis longo e berlanguiano da historia da Administración Xeral da Xunta de Galiza parece que chega ao seu final en xuño de 2022. No punto de rogos e preguntas da Mesa Xeral do 20 de maio, falouse deste tema mais foi na Comisión de Persoal do 25 cando deu a data definitiva. O venres 27 publicarase no DOG a resolución de cesamentos e tomas de posesión e a partir do 6 de xuño abriranse os prazos (o 6 os cesamentos e a partir do 7 as tomas de posesión). Estas datas afectan non só ao persoal que obtivo posto no concurso xeral senón tamén a quen estaba en destino provisional tras superar un proceso selectivo previo.

A situación non deixa de ser vergoñenta e a xestión nefasta, xestión que non tivo consecuencias máis que para centos de persoas participantes e para as que estaban en destino provisional. Dous anos e medio para resolver un concurso. Esto era o que entendía o director xeral por "concurso permanente"? Esiximos responsabilidades ao máis alto nivel e un cambio de rumbo na xestión dos nosos dereitos e senón terannos en fronte.

A totalidade das informacións e demandas da CIG na Mesa Xeral do 20/05/22 foron as seguintes:

mércores, 18 de maio de 2022

É xusto que a promoción interna vaia despois de libre?

No DOG do 6 de maio de 2022 publícase a Resolución pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso... de distintas quendas dos corpos xerais, tanto de promoción interna como de libre.

Ao problema de non ofertar todas as vacantes que teñan pasado polo concurso se lle suma agora o de ofertar vacantes que non pasaron polo concurso, entre elas, vacantes con nivel, como xefaturas de sección ou negociados.

Para retorcer isto aínda máis e seguir creando problemas e agravios, Función Pública decide que a orde de elección de destino será a seguinte: A1 PI, A1 libre, A2 PI, A2 libre, C1 PI, C2 PI, C2 libre.

En definitiva, que sobre a natureza do proceso (libre-promoción interna), priman o subgrupo/corpo na elección de destino: e establecen unha orde onde as persoas aspirantes que aprobaron na promoción interna van antes que os de libre do seu mesmo corpo, pero van despois dos aspirantes de acceso libre dos corpos superiores a eles.

luns, 2 de maio de 2022

Concurso de traslados de corpos xerais e elección de destino definitivo: remata o cachondeo coa data de toma de posesión?

Tralo cachondeo destes últimos meses sobre a apertura do prazo de toma de posesión e a falta logo de postos para ofertar nos actos de elección de destino definitivo, cremos que agora pode ir á vencida, máis con este director xeral nunca se sabe. Fala, xa non de meses, senón días concretos: 30/31 maio - 1 de xuño.

Estamos ante o concurso de traslados da Xunta de Galiza máis vergoñento da historia: convocado en novembro de 2019 e resolto en febreiro de 2022 cunha presunta toma de posesión a finais de maio deste mesmo ano. Vale que houbo unha pandemia polo medio pero a  Administración, alomenos a que non implicaba cuestións presenciais, seguiu funcionando dixitalmente... salvo o concurso de traslados.

E agora qué? Pois esta é a información que temos do propio director xeral. Porén, ben é certo que vai haber multitude de movementos en período prevacacional e as eivas que van causar nos servizos van ser considerables, unha eivas que se verían reducidas de implantar o concurso aberto permanente.

mércores, 2 de marzo de 2022

Resumo das xuntanzas dos días 28/2 e 1 e 2 de marzo con Función Pública


O luns, martes e mércores de entroido tivemos xuntanzas con Función Pública por dúas RPTs e falamos de asuntos como as tomas de posesión de corpos xerais (concurso e procesos selectivos), a aplicación da lei da temporalidade, situación das RPTs (o que incide no concurso especial), a carreira profesional e funcionarización.

mércores, 26 de xaneiro de 2022

A despromoción interna na Xunta de Galiza

Todas as Administracións públicas coidan do seu persoal, tratan que desenvolvan habilidades e coñecementos ao longo do tempo, que incrementen a súa formación e que acaden novas cotas de responsabilidades a través da promoción interna; e así o din as leis que regulan a función pública nas  institucións públicas. Pero todas?....Todas non!!! Unha irredutible Administración do Noroeste ibérico segue a machucar ao seu persoal que para poder superar a promoción interna (PI) vai ter que ir de procesión a Fisterra.

martes, 28 de decembro de 2021

Manifesto das cinco Xuntas de Persoal sobre o informe do Consello de Contas que constata numerosas irregularidades de Función Públi


Tras o Informe de Fiscalización de Gastos de persoal da Administración Xeral durante os exercicios 2014 e 2019 do Consello de Contas, onde conclúe que se cometeron numerosas irregularidades na xestión do persoal da Xunta de Galiza, as xuntas de persoal funcionario analizaron o seu contido que ven de ratificar o que veñen denunciando nos últimos dez anos. Así elaboran un manifesto que dirixen ao conselleiro de Facenda e Administracións Públicas no que se trasladan as eivas, solicitan o cese do director xeral de Función Pública e se propoñen solucións como:

martes, 21 de decembro de 2021

Manifesto da Xunta de Persoal de SSCC en contra das políticas de persoal da Xunta de Galiza

A Xunta de Persoal de SSCC ,a proposta da CIG, aprobou na derradeira permanente un manifesto en contra das políticas de persoal da xunta de Galicia. Este acto enmárcase no contexto do Informe publicado polo  Consello de Contas onde non deixou títere sen cabeza ao analizar  a xestión do persoal da Xunta de Galicia por parte da Dirección xeral da Función Pública. O Manifesto podes descargalo aquí.

Para máis inri o goberno galego, por parte do seu presidente,  escudouse vanalmente que parte da culpa da súa ineficacia está en que os procesos selectivos tardan porque os sindicatos piden 6 meses de tempo entre convocatoria e exames (que cara dura!!!). Ogallá só duraran 6 meses e non anos como nos teñen acostumados. Aproveitamos o texto para denunciar as principais eivas neste Titanic chamado Función Pública:

  • Concursos de traslados regulares na súa convocatoria (anuais) e rápidos na súa execución (3 meses).
  • Procesos selectivos áxiles e organizados por unha comisión profesionalizada.
  • Promoción interna ampliada e que se base na medición de competencias reais e non exames inasumibles.
  • Organización axeitada de todas as Rpts
  • Comisións de servizo transparentes, obxectivas  e con procesos avaliables.
  • Reactivación  da carreira profesional.
  • Dotación de medios persoais e técnicos á propia DXFP para que poida cumprir en tempo e forma todas as súas competencia.
Este texto foi enviado ao resto de Xuntas de Persoal da Xunta de Galicia para facer un fronte común de todo o persoal funcionario, para facer ver aos nosos xestores e a opinión pública o que se move debaixo da alfombra dos grandes titulares de prensa.

mércores, 24 de novembro de 2021

Mobilización en San Caetano contra a demora do concurso de traslados

Mobilizámonos contra a demora do concurso de traslados e a ineptitude da dirección xeral da Función Pública

Arredor de 200 persoas, entre delegadas e persoal de servizos centrais, rodeamos este martes 23 de novembro, en manifestación, o edificio administrativo da Xunta de Galiza de San Caetano para esixir a dimisión do Director Xeral de Función Pública. É inadmisible a demora do concurso de traslados en seis meses máis, cando leva xa dous anos de retraso. Dilación que afecta tamén a outros concursos de traslados como os de corpos especiais, escalas e persoal laboral que levan, nalgúns casos, até 12 anos dende o último concurso.

luns, 22 de novembro de 2021

Martes, 23 de novembro, é o día do cabreo

Barreiro vaite xa!
Levamos anos denunciando a desfeita na xestión da Dirección Xeral da Función Pública; anos de denuncias nos xulgados, anos de concentracións e mobilizacións, anos de broncas nas mesas do suposto diálogo laboral.

A cousa non mellorou e certamente empeorou e existen unha  manchea de eivas na organización do persoal da Xunta de Galicia: os concursos sen convocar nen resolver, a carreira profesional parada, as comisións de servizo a moreas, os procesos selectivos dando problemas un día si e outro tamén, xa non digamos nada de como se leva o da promoción interna, etc, etc.

Nos últimos meses recibimos centos de chamadas de cabreo por estes motivos, e mañán é o día no que tedes que mostrar ese cabreo. Así, a CIG Administración pública convócavos a todas e todos o MARTES DÍA 23 AS 11.00 HORAS NA EXPLANADA DIANTE DE PRESIDENCIA.

É a hora de berrar e mostrar a nosa indignación e non queixarnos só polos corredores, na cafetaría ou nos locais sindicais.

Acude e faite escoitar!!!!!

venres, 12 de novembro de 2021

As cinco Xuntas de Persoal Funcionario da Xunta de Galiza piden o cesamento do director xeral da Función Pública


Os motivos son a manifesta incompetencia na xestión dos concursos de traslados e dos procesos selectivos.


Levamos xa varios anos nos que se amorean unha serie de despropósitos por parte de Función Pública que teñen un denominador común: o prexuízo dos dereitos das persoas empregadas públicas que desenvolven o seu labor na Xunta de Galiza.

A xestión do persoal pola Dirección Xeral da Función Publica da Xunta está sendo nefasta. Éo tanto na xestión dos procesos selectivos como na adxudicación de postos por concursos de traslados. A tramitación dos procesos selectivos, especialmente os de promoción interna, xa é máis unha carreira de obstáculos que un proceso de promoción dun persoal que xa conta con coñecementos e experiencia acreditada coa súa antigüidade.

mércores, 27 de outubro de 2021

Función Pública complica o acceso á información na súa web

Dende hai un par de meses están a modificar o web de Función Pública, cambiando a forma de acceso ás listaxes e á información xeral de procesos selectivos. Agora a información queda mais oculta e pode escapársenos como ocorreu coa data do segundo exame da promoción interna do corpo superior (A1), nova que pasou desapercibida durante días. Tamén cuestionamos que para acceder as listaxes, que son públicas, teñamos que introducir o número dun documento de identidade calquera, aínda que non participemos no proceso.

Así, as novas de procesos xa non aparecen nas novas xerais de Función Pública (saen clasificadas nun cadro específico) polo que coidamos que debera seguir a saír nas novas xerais e ter tamén acceso directo dende o proceso selectivo en cuestión. Fixémosllo saber á Dirección Xeral de Función Publica. Recoñecen a dificultade, din que mellorarán o acceso e estudarán se é necesario ou non ter que introducir o documento de identidade (para a consulta das listas do persoal docente ou do Sergas non se pide).

O caso é que acceder a información dos procesos selectivos hoxen en día é un verdadeiro galimatías.

xoves, 12 de novembro de 2020

ANTINOVAS DE FUNCIÓN PÚBLICA

 Xa non lle podemos chamar novas pois son cousas sempre vellas (levan meses no tinteiro) e por riba sen solucionar, por eso elaboramos a nova acepción denominada Antinova que vai ser adxudicada no diccionario ao bon facer do señor Director xeral da Función Pública. Van esas antinovas:


* CONCURSO: Xa non podemos decir nada pois se nos revolve o estómago. O que está claro e que depende das tomas de posesión. Por certo seguen a sacar prazas da listaxe coa excusa de amortización e inmediatamente aparecen dadas en Comisión de servizo (señores de Turismo , entre outros, vai por vos).

* TOMAS DE POSESIÓN: Parece que van para adiante, pero agora está o follón de que non hai prazas para escoller (claro mestúraselle todo ao mesmo tempo: concurso, consolidación, estabilización, PI). E estamos a observar incrédulos como hai algunha organización sindical que ata propón sacar das listaxes as prazas cubertas por interinos. Como sigamos así imos ter que ofertar as prazas dos gabinetes....

* CONCURSOS DE CORPOS ESPECIAIS: Aparte do de gardacostas que están no allo, o resto virá para o ano que ven; ou sexa ide pensando no 2025 máis ou menos, visto o que pasou no Concurso xeral.

* CARREIRA PROFESIONAL: A cousa non pinta ben, pois seica non hai cartos e amáis temos as novas incorporacións das funcionarizacións; pero se recortamos as axudas a La Coz de Galicia. as externalizacións a mansalva (Tragsa, Tragsatec, Indra, e Boquete style) e as papatorias en San Caetano, igual temos xa algo no peto.

* COVID: Despois de varias denuncias a inspección de traballo xa sabemos que a Adminsitración ten que suministrarnos máscaras (ten de prazo ata decembro) e parece que vai xestionar unha compra masiva; pero seguimos con problemáticas como unha instrucción do uso da máscara no posto de traballo e da ventilación das unidades, así como unha implantación urxente do teletraballo COVID. Pero a esto último xa vimos na última reunión que o señor Barreiro dixo que non se ía implantar mentre a situación da pandemia seguira nestes termos (debe pensar  que é boa...)

*TELETRABALLO: Andamos a voltas coa nova regulación do teletraballo ordinario, e xa imos coa terceira versión. O texto mellorouse notablemente coa aportación das OOSS pero segue a ter certo sabor discrecional. Na vindeira semana aprobarase; e esperemos que se poida solicitar con celeridade.

* CONCURSO ESPECÍFICO: Pois aínda que pareza mentira existir existe, de feito xa se negociou alá polo ano 2018 pero debeuse meter nun caixón. Temos así centos de xefaturas de servizo aínda en comisión de servizo, que ben poderían deixar liberadas moitas prazas de nivel 25 para o concurso de méritos dos mortais.

* COMISIÓNS DE SERVIZO: Se un o pensa ben a Xunta é actualmente unha Gran Comisión de servizo, pois dado o bloqueo e retraso dos concursos, as comisións están todas nunha situación de ilegalidade, cruzándose e recruzándose para que non cante moito que pasan dos catro ou cinco anos. Onde está aquela tan demandada regulación obxectiva da concesión das comisións? Seguimos como na época Fraga, ou peor....



venres, 18 de setembro de 2020

Función Pública desenténdese dos problemas derivados da COVID a espera "do que digan de Madrid"

O 17 de setembro acudimos a unha reunión en Función Pública para ver se o director xeral da Función Pública seguía vivo, preocupadas pola súa inacitivade, e para falar dalgunhas cuestións das que temos evacuados varios escritos sen que tiveran ningún tipo de resposta e que preocupan a gran parte do persoal. Atendeunos, sen moita gana e en 10 minutos, o seu subdirector.
 
Dá igual que lle preguntedes polo teletraballo, polos permisos por confinamento ou polos procesos selectivos. O resumo é rápido: ou non van facer nada ou directamente non contestan. Entremos en materia:

xoves, 17 de setembro de 2020

Esta a Xunta de Galiza preparada para retomar a realización dos procesos selectivos con todas as garantías sanitarias?

Función Pública confirma que os primeiros exames, comezando pola funcionarización do persoal laboral fixo, van ser na primeira semana de outubro.

A Xunta decidira por maio aprazar todos os procesos selectivos ata pasar o 1 de outubro. Segundo o conselleiro de Facenda, porque llo pediron algúns sindicatos nunha conversa entre amigos (non existiu negociación). Daquelas a CIG defendeu que non era bo paralizar todo ata unha data determinada, que o correcto era reactivar todo en canto as condicións o permitisen, fose antes ou despois do 1 de outubro.

Chegamos a esa data, e o nivel de contaxio volve a ser perigoso. Que facemos? Debe a Xunta retomar os procesos selectivos?

mércores, 16 de setembro de 2020

Seguen paralizados os procesos selectivos de corpos xerais pendentes de resolución

381 persoas pendentes da decisión de Función Pública de rematar os procesos selectivos de corpos xerais; destas, 267 son de promoción interna.

Función Pública prometeu o 29 de xullo que estaban a estudar a proposta que lle facíamos, pero que non terán resposta ata a primeira quincena de setembro. Rematou a primeira quincena e seguen sen dar sinais de vida.

É máis, hoxe 16 de setembro, publican no DOG os tribunais dos procesos selectivos dunha OEP posterior, entre eles os dos corpos xerais, e seguen sen resolver o que teñen pendente.

mércores, 4 de decembro de 2019

Función Pública coa enchenta de Nadal

A Función Pública está a indixestar
Chegannos noticias de que a Dirección Xeral da Función Pública está a punto de rebentar de gordura; pois vai ter un menún de Nadal cáseque indixesto.
Así a bote pronto vémoslle na cociña para estes vindeiros meses as seguintes viandas:
  • Desenvolvemento dos procesos de consolidación e estabilización da Adm. Xeral e algunhas escalas.
  • Desenvolvemento dos procesos selectivos das escalas de política social.
  • Posta en marcha do Decreto de funcionarización e reforma das relacións de postos de traballo.
  • Avance na consecución da carreira profesional.
  • Xestión e resolución do concurso de traslados da Adm. Xeral

luns, 11 de novembro de 2019

A Xunta esixe máis dereito administrativo para ser conserxe que para ser dalgún corpo superior.

A inexistencia de criterios xerais fai que procesos equiparables teñan convocatorias diferentes. As diferencias entre convocatorias constitúen unha discriminación e unha desigualdade segundo que corpos e escalas se convoquen.

A nada que comparemos entre si algunhas convocatorias de procesos selectivos dos últimos anos, sexan de acceso libre, de promoción interna ou de consolidación, observamos diferencias substanciais entre procesos do mesmo grupo. Estes días Función Pública levou ás mesas de negociación máis borradores de convocatorias de diferentes escalas. E como non, máis diferencias substanciais.

xoves, 3 de outubro de 2019

O concurso de traslados de corpos xerais non será en outubro

O martes 01/10/2019 tivemos unha reunión "técnica" con Función Pública para as alegacións ao buzón de postos do concurso xeral. O caso é que ao final rematou sendo unha reunión "política" onde apareceu o director xeral e nos volveu vender un montón de novos prazos que de seguido vos comentamos e que terminará incumprindo. Todo, de novo, co obxecto de desmobilizar e dilatar calquera acción de protesta pois imos agardar a ver que pasa en outubro e se non xa facemos algo...

Como dicíamos, para ser unha mera reunión "técnica" do buzón de postos do concurso, pola Administración acudiu até o director xeral de Función Pública acompañado do subdirector de réxime xurídico, da subdirectora de provisión de postos, e da xefa do servizo de concurso. Pola parte sindical estabamos todos os sindicatos con representación na mesa xeral de negociación.

martes, 24 de setembro de 2019

O pesadelo de preparar as oposicións á Xunta: OPE do 2014 e pendentes de elexir destino

A raíz da última reunión da comisión de seguimento do acordo de concertación social, déronlle aos sindicatos asinates diferente información dos procesos selectivos "vivos" desde a OPE de 2014. Nós queremos aproveitar esta información que nos chega de rebote para volver a denunciar o pesadelo que supón preparar as oposicións na Xunta.

Neste cadro que envían atopamos un proceso da OPE de 2014 que aínda está pendente de elección de destino, trátase de 7 prazas de enxeñería técnica industrial (A2). Podería parecer algo anecdótico pero é que en 2015 relatan outros 6 procesos selectivos (86 prazas) que aínda están pendentes de algún exercicio. E da OPE de 2016 pois xa relatan ata 14 procesos  (388 prazas) onde en boa parte nin se convocou o primeiro exercicio.