Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase
Amosando publicacións coa etiqueta bolseir@s. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta bolseir@s. Amosar todas as publicacións

xoves, 23 de febreiro de 2017

Oferta Pública de Emprego Precario na Xunta: 7 bolsas de "formación"

A falta da formalización da Oferta de Emprego Público para 2017, na Xunta xa van adiantando traballo (en precario) e convocando varias bolsas de "formación" que agocha un abuso laboral para cubrir a falta de persoal propio.

No DOG do 17 de febreiro convocávanse 4 bolsas para traballar na Dirección Xeral de Comercio e Consumo. Perdón, na teoría, para "formarse en temas de comercio". Son as 4 bolsas que convocan todos os anos para suplir a falta de persoal propio nunha unidade administrativa que actualmente conta con 14 traballadoras e traballadores. Un pouquechiño desproporcionado de máis a ratio de bolseir@ para o cadro de persoal e que indica unha necesidade estrutural de persoal desta dirección xeral.

luns, 18 de abril de 2016

Amplíase a Oferta Pública de Emprego da Xunta con outras 63 bolsas de "formación"

En menos dun mes xa van convocadas un total de 77 ofertas de traballo en precario na Xunta de Galiza.

O mellor para non ter vergonza é deixala na casa, pois alí quedou a pouca vergonza desta Administración que segue suma e segue coas convocatorias de bolsas de formación como sustitutivo de postos de traballo dignos. E así ano tras ano, publícanse convocatorias de bolsas durante 6 meses para cubrir a falta de persoal propio nos centros públicos.

Desta volta temos ofertadas un total de 63 bolsas no que é a Área de Cultura da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, desagregadas do seguinte xeito:

luns, 11 de abril de 2016

Ampliase de novo a Oferta Pública de Emprego da Xunta con outras 4 bolsas de "formación"

Desta volta serán 4 bolseiros/as nun centro con 17 traballadores e traballadoras no cadro de persoal, o que supón un 20% de persoal en precario.

A resolución das 4 bolsas xunto coa lista de agarda publícase no DOG do 11 de abril. A convocatoria fora publicada no DOG do 30 de decembro de 2015. A estas únense tamén as 10 recentemente convocadas pola Axencia Galega de Turismo sobre as que xa faláramos vai unhas semanas.

As bolsas de "formación" no lugar dos contratos de traballo está á orde do día na nosa vida laboral como forma extrema de precarización do traballo. Segundo a Comisión Europea estima que en España hai máis de 180.000 persoas traballando sen cobrar un peso; do mesmo xeito que un 72% das bolsas de "formación" son para realizar o traballo da falta de persoal en plantilla. Na Dirección Xeral de Comercio a maiores ten, ano tras ano, unha porcentaxe de persoal "en formación" máis alto do que se entende por "normal", chegando esta porcentaxe ao 20%. Se precisa persoal, que aumenten a RPT.

mércores, 23 de marzo de 2016

Ampliáse a Oferta de Emprego Público da Xunta con 10 bolsas de "formación"

Segue a Xunta fomentando a política de traballo precario nas súas instalacións, desta volta desde a Axencia Galega de Turismo. No DOG do 23 de marzo publícase a convocatoria de dez "bolsas de formación práctica en diversas áreas" desta axencia para o ano 2016; 8 para traballar en oficinas de turismo e 2 para traballar na Área de Estudos Turísticos. No DOG do 2 de marzo do 2015 xa figuraba a convocatoria do ano pasado e sume e segue.

Chega o verán, vacacións e repunte do turismo e se hai que reforzar as oficinas de ídem pois tiramos de bolseiros, iso si, para a súa formación práctica, a pesar de que puntúea a "experiencia previa" na propia convocatoria. Ou a caso o 100% do traballo derivado desa formación, desbótase ou non se aproveita? E aí xa temos materia de demanda laboral. Precisamente, no eido laboral recordamos que existe un modelo de contrato de formación para persoas con titulación universitaria ou de formación profesional de grao medio ou superior que se chama "contrato de traballo en prácticas".  No eido da Función Pública e visto que se repite, non estaría de máis crear as prazas necesarias en RPT e cubrilas consonte aos procedementos legalmente establecidos.

venres, 23 de xaneiro de 2015

Novas bolsas de formación para cubrir a falta de persoal propio na Xunta

Volve a carga a Dirección Xeral de Comercio cunha nova convocatoria de 4 bolsas de "formación". Nesta dirección xeral hai un total de 17 traballadoras e traballadores públicos.

No DOG do 23 de xaneiro publícase a convocatoria de 4 bolsas de “formación” na Dirección Xeral de Comercio. As ditas bolsas veñen convocándose con periodicidade anual desde o ano 2008 cun número variable tanto en persoas bolseiras como retribucións. Actualmente, e consonte á Orde da convocatoria,  as retribucións son de 10.800 € anuais e súmanselle outros 500€ en concepto de cotas á seguridade social.

Non se trata dunha situación puntual, senón dunha continuidade na situación de falta de persoal propio. Esta situación non tiveron a vontade de solucionala a través da creación deses 4 postos máis que fan falta na súa relación de postos de traballo; preferiron serguir traendo "man de obra barata". Evidentemente a Xunta continúa mantendo as condicións para denunciar por cesión ilegal e fraude laboral cuxas consecuencias económicas acabará asumindo a cidadanía.

martes, 16 de decembro de 2014

Seguen as bolsas como traballo en precario nas Administracións: Parlamento de Galiza

O pasado 19 de Novembro o Boletín Oficial do Parlamento de Galiza, convocaba entre outras, 4 bolsas de arquivo, biblioteca e documentación dentro do seu plan de formación de bolseiros.

Dende os últimos anos, o Parlamento ven ofertando este tipo de bolsas, que entendemos que non se estruturan nun plan de verdadeira saída profesional dos bolseiros dentro da institución e por outro lado non coñecemos que conten cun persoal formador con coñecementos axeitados tanto en biblioteconomía, documentación e especialmente arquivística.

Nos últimos anos estamos a ver por parte de todas as Administracións Públicas un exceso de bolseiros e un defecto de contratación de persoal propio, polo que sospeitamos como é neste caso, que se trata non tanto de formar persoal para acadar un posto de traballo, senón de utilizar man de obra dunha maneira “barata”; pois temos dúbidas razoables de  que estes bolseiros irán a desenvolver traballo en solitario sen a necesaria supervisión e control dun técnico na materia.

venres, 25 de outubro de 2013

Bolsas de formación si pero para persoal directivo: continúa o abuso das bolsas de "formación" nos servizos centrais

Resulta curioso que a Xunta nunca teña cartos para crear os postos necesarios nunha RPT e opte por contratar asistencias técnicas e convocar bolsas de formación pero sempre atope os cartos necesarios para crear postos de persoal directivo que son moito máis caros.

O luns, 28 de outubro, a Xunta aprobará na Comisión de Persoal as primeiras RPTs de Axencias con persoal directivo, mesmo de fóra da Administración e cunhas retribucións superiores. Mentres, no DOG do 23/10/2013 publica a resolución de adxudicación de dúas bolsas para traballar na EGAP: a) unha vinculada á xestión de sistemas de teleformación e b) outra de documentación e biblioteconomía.

As ditas bolsas convocáronse no DOG do 25 de abril.  O que se pide basicamente é xente nova hipercualificada (titulación superior con bo expediente, cursos, comunicacións congresos, publicacións, idiomas, etc.) e a cambio ofrecen 1200€ brutos/mes, sen ataduras de contratos e durante uns poucos meses. A súa etapa formativa vai ser breve ou inexistente, máis tendo en conta, no caso da biblioteca, que na recentemente reformada RPT da EGAP non hai postos especializados para formar á nova bolseira.

martes, 15 de outubro de 2013

Bolsas: Deformación no Parlamento

No canto de contratos, o  Parlamento opta por cubrir as súas necesidades de arquivo, informática, comunicación ou publicacións mediante a figura precaria da “bolsa de formación”.

O DOG do luns 14/10 publica o anuncio da convocatoria por Parte do Parlamento de Galiza de 8 bolsas e formación en diferentes áreas: 4 de arquivo, biblioteca e documentación, 2 de informática, 1 de comunicación institucional e outra máis en publicacións. Estas bolsas veñen sendo convocadas ano tras ano.

Teoricamente son bolsas de formación, e polo que nos consta, polo menos no eido dos arquivos, non hai personal técnico especializado no Parlamento, polo que cabe preguntarse quen lles vai proporcionar a formación?

martes, 16 de xullo de 2013

Os minijobs nos servizos centrais da Xunta: Dirección Xeral de Comercio

Baixo teóricas bolsas de formación a Dirección Xeral de Comercio pon a traballar no seu centro a mozas e mozos universitarios cun alto grao de cualificación para facer desde introdución de datos para Comercio ata Powerpoints para o Gabinete.

No DOG do 15 de xullo publícase a resolución de concesión de 4 bolsas de “formación” na Dirección Xeral de Comercio. As ditas bolsas veñen convocándose con periodicidade anual desde o ano 2008 cun número variable tanto en persoas bolseiras como retribucións. O punto álxido tivo lugar en 2010 con 8 bolsas cunha retribución brutas de 1.300; actualmente, e consonte á Orde da convocatoria,  as retribucións son de 900€ e as persoas bolseiras teñen que pagar do seu peto tanto un seguro de saúde como de accidentes laborais.