mércores, 30 de decembro de 2015

A Xunta destina 1,7 millóns de € de subvencións aos grandes medios de comunicación privados só por existir

A resolución destas clásicas subvencións de concorrencia non competitiva publicouse no DOG do 28 de decembro.

A maior subvención levouna La Voz de Galicia, S.A. con 681.901,96€; séguelle a bastante distancia Faro de Vigo, S.A. con 265.075,75€ e El Progreso de Lugo S.L. con 126.635,24€. Por outra banda, en cuarto e quinto lugar temos dúas empresas con fondas dificultades económicas, como son Editorial Compostela S.A. e Editorial La Capital S.L. con 90.086,01€ 86.118,78€, respectivamente. 

360.000€ en convenios coa prensa para amosar a potencialidade de Santiago e divulgacións de I+D+I

Ao final do ano publican estes convenios subscritos xa no primeiro e segundo cuadrimestre.

Se as subvencións para os medios de comunicación publicadas no DOG do 28 de decembro souberon a pouco, no DOG do 29 de decembro publícanse un total de 360.000€ en convenios de colaboración subscritos pola Secretaría Xeral de Medios coa Corporación Voz de Galicia, S.L.U e máis coa Editorial Compostela, S.A.

No primeiro cuadrimestre a Secretaría Xeral de Medios suscribiu un convenio de colaboración con Editorial Compostela, S.A. para a difusión informativa da potencialidade de Santiago de Compostela nos medios de comunicación do grupo El Correo Gallego por valor de 115.000€.

No segundo cuadrimestre este mesmo órgano suscribiu dous convenios coa Corporación Voz de Galicia, S.L.U: o primeiro por valor de 125.000€ tamén para a difusión informativa da potencialidade de Santiago de Compostela nos medios de comunicación do grupo e o segundo por valor de 120.000€ para a divulgación de información relacionada coa investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) en Galicia.

martes, 29 de decembro de 2015

Novo borrador: criterios de excepcionalidade para a cobertura de postos de xefaturas de servizo ou equivalentes por libre designación

Algunhas das "escusas" mesmo son un insulto para a profesionalidade do colectivo de persoal funcionario

Achéganos o director xeral da Función Pública o 2º borrador dos “Criterios de excepcionalidade para aplicar a postos de nivel 28 (ou equivalente) en desenvolvemento do artigo 91 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia”. Descargar

A este novo borrador din ter incoporadas incorporadas en cor vermella "algunhas das alegacións presentadas polas organizacións sindicais". Este novo borrador remíteno para que formulemos novas alegacións ata o 8 de xaneiro de 2016.

luns, 28 de decembro de 2015

Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 17: 20 anos da Lei de prevención de riscos laborais, pouco ou nada que celebrar

http://www.cigsaudelaboral.org/files/documentos/Boletin%20CIG%20Saude%20Laboral%20N%C2%BA%2017%20%28version%20galego%29.pdf
Para a súa visualización e descarga únicamente prema sobre a portada

Xa está dispoñible para descarga electrónica o número 17 da revista de Saúde Laboral da CIG. Neste número trátanse os seguintes temas:
  • 20 anos da Lei de prevención de riscos laborais, pouco ou nada que celebrar
  • Glifostato: o herbicida total
  • Sinistralidade laboral: un monstro que non para de medrar
  • Síntese de actividade 2015 do Gabinete de Seguridade Laboral da CIG
Está a disposición a nova ferramenta “Asesoramento Técnico” que permite realizar consultas on line en materia de prevención de riscos e saúde laboral; o acceso ao formulario de contacto pode atoparse na  portada da web ou premendo aquí.

mércores, 23 de decembro de 2015

A Xunta eleva para 2016 o límite dos contratos a dedo

Unha emenda do grupo popular no parlamento galego ao Proxecto de Lei de ordenación de asistencia xurídica eleva os límites actuais para os contratos menores da administración galega de 25.000€ ata 50.000€ no caso de obras e de 9.000€ ata 18.000€ para o resto. Tamén  se elimina a obrigatoriedade de solicitar 3 ofertas. Isto pasou case sen pena nen gloria entre a opinión pública.

A anterior emenda vén nun momento crítico  para o PP no que o ano que vén xóganse a Xunta. Non esgrimen máis razóns para esta modificación que "unificar o criterio co que establece a lexislación básica" pero nada fala das razóns de oportunidade eleitoral.

71.900,00 € para a contratación dun servizo de avaliación da eficacia das campañas institucionais na Xunta

O DOG de 22 de decembro publica o anuncio de licitación (benditos contratos con publicidade!) para contratar un servizo de avaliación da eficacia das campañas institucionais. O orzamento de licitación, IVE engadido, é de 71.900,00 €. A ver quen ten a sorte que lle toca esta lotaría.

Non semella moito,  aínda que se podían comprar unhas cantas vacinas do menigococo B ou tratamentos médicos para a hepatite C. En realidade é un escándalo como sempre foron un escándalo e moi criticadas polo seu elevado custo e baixa eficacia esas marabillosas campañas institucionais na Xunta que "nos animan" a emprender,  a ter descendencia, a ir vivir ao rural, a consumir medicamentos xenéricos, etc. Na seguinte ligazón podedes atopar unha escolma.

Quizáis por eso veñan agora con este contrato para ver a eficacia de tantos millóns en gasto publicitario que marcharon polo retrete. Para cando unha regulamentación seria dos cartos malgastados en publicidade institucional? É necesario ver tanto logo da Xunta en tantos valos, páxinas de prensa e páxinas web?

Non teñen palabra: no 2016 íamos recuperar o 33% do complemento específico nas extras

Por moito que se faga coincidir o ingreso das nóminas co día da lotería de Nadal, non nos fan esquecer que esta xa é a 6º paga extraordinaria na que non cobramos o complemento específico (ou equivalente para persoal laboral). E polos Orzamentos aprobados onte, aínda seguiremos así todo o 2016 se non lle pomos remedio.

Con esta medida o goberno galego obten uns "ingresos" de 200 millóns ao ano e claro, a base de non pagarnos é sinxelo andar a cumprir cos obxectivos macroeconómicos. Porque o que non entendemos é tanto presumir de ser os primeiros en cumpir cos obxectivos de déficit pero logo nada de ser os primeiros en recuperar dereitos. É un insulto que nos traten como persoal público de 2ª ao ser os únicos traballadores e traballadoras públicas con este recorte sobre as nosas costas.

Na confección dos Orzamentos para o 2015 dixeran que recuperaríamos un terzo do complemento específico no 2016, outro terzo en  2017 e finalmente no 2018 cobraríamos de novo os complementos específicos nas extras. Na confección dos Orzamentos para 2016 din que recuperaremos a totalidade dos específicos nas extras para 2017. Sempre prometendo un ano por diante do diñeiro que poñen nos orzamentos e logo incumprindo. No 2016 hai eleccións. Poderemos crerlles algo?

A CIG rexeita uns orzamentos continuístas que manteñen os recortes nos servizos públicos e no seu persoal

É necesario un Plan de Recuperación do Emprego que permita garantir unha sanidade, ensino, servizos e administración públicos e de calidade.

Concentración de delegadas e delegados da CIG-Área Pública este martes ás portas do Parlamento de Galiza coincidindo coa sesión de debate e aprobación da Lei de Orzamentos para 2016. Uns orzamentos continuístas porque seguen recortando os servizos públicos, as condicións laborais do persoal dependente da Xunta de Galiza e non garanten a cobertura de todas as vacantes que se produciron ao longo destes anos.

luns, 21 de decembro de 2015

Prevención de riscos laborais: programación de actividades para 2016

Achegamos o documento da programación para 2016 en materia de prevención de riscos laborais na Xunta de Galiza. Descargar 

Inclúe a previsión dos centros nos que se realizarán avaliacións de riscos e medidas de emerxencia. Tamén conta con apartados adicados á vixilancia da saúde e a formación e cursos previstos tanto pola EGAP como polo Servizo de Prevenzón e a mutua.

Actuacións nos centros dos Servizos Centrais

venres, 18 de decembro de 2015

17D: A marcha das velas do Parlamento á porta santa

Pola recuperación dos dereitos ao descanso e a conciliación da vida familiar do persoal de atención directa de política social. Mais de 300 persoas participaron con velas nun recorrido reivindicativo e emotivo.

O xoves, 17 de decembro, celebrouse en Compostela, en xornada de tarde, a MARCHA DAS VELAS POLA DEFENSA DOS DEREITROS DO PERSOAL LABORAL DE POLITICA SOCIAL. O motivo de dita MANIFESTACIÓN  é demandar da Consellería de Política Social, anteriormente de Traballo e Benestar, a defensa dos servizos sociais, contra os recortes en atención directa e contra as privatizacións. Denunciando as especiais condicións de traballo do persoal dos centros dependentes deste departamento da Xunta de Galicia. Negándose en todo momento o dereito de negociación e impoñendose carteleiras de traballo abusivas e machacadoras, sen posibilidade de conciliar a vida laboral e familiar.


mércores, 16 de decembro de 2015

NON ESQUEZAS: O 20-D BÓTAOS!


Dúas sentenzas obrigan á Xunta a pagar a totalidade das pagas extras do 2013

Son xa dúas as sentenza que lle recoñecen ao persoal funcionario dos servizos centrais da Xunta a cobrar de xeito íntegro os dous complementos específicos das pagas extras de 2013. Este complemento específico na Xunta oscila entre 400€ nun posto de subalterno/a ata 1500 nun posto de subdirección. A estas cantidades as sentenzas súmanlle os xuros de demora e ata 400 € de costas xudiciais. As sentenzas son firmes e non cabe recurso.

No ano 2013, o goberno de Feijoo decidiu recortar o complemento específico (ou concepto equivalente para o persoal laboral) nas dúas pagas extras de todo o seu persoal pasando a ser Galiza unha das escasas comunidades nas que se aplicou un recorte adicional. Recorte que continúa hoxe en día e que está no proxecto de Lei de Orzamentos que se prorrogará mínimo este 2016, medida co que aproximadamente están a quitarnos uns 200 millóns de euros por ano.

Máis de 3 millóns en persoal de Gabinete e aínda queren crear unha xefatura de sección por LD para botar unha man

Falamos da proposta de modificación da RPT dos órganos superiores da Presidencia e falamos da creación da XEFATURA SECCIÓN DE COORDINACIÓN, nivel 25, que propoñen que sexa de libre designación.

Nas nosas alegacións opoñémonos rotundamente a súa creación como Libre Designación e máis coas argumentacións que se nos dan, entre elas  INFORMACIÓN ESTRATÉXICA PARA A TOMA DE DECISIÓNS DO PRESIDENTE E  VICEPRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA.

Poderían explicar para quen traballa este posto  para a Consellería da Presidencia ou para a Consellería de Vicepresidencia? ASESORAMENTO E DEPENDENCIA DIRECTA DUN ALTO CARGO, cal dos dous? O Presidente ou O Vicepresidente? e que vai asesorar ? Tendo en conta que a Consellería  da Presidencia ten destinado nos orzamentos de 2016 un total 1.483.000,00 euros para persoal  eventual, e a Consellería da Vicepresidencia ten unha partida de 717.000,00 euros no mesmo concepto sumando ambas 2.200.000,00 euros. 

A Valedora do Pobo admite a trámite tres queixas da Xunta de Persoal

A Valedora do Pobo vén de mandar comunicación de que admite a trámite as últimas tres queixas presentadas pola Xunta de Persoal. 

A primeira queixa vai con relación á non cobertura temporal de postos vacantes nos Servizos Centrais por mor de maternidades/paternidades, circunstacias derivadas da conciliación da vida familiar e laboral e outros casos derivados de incapacidade temporal.  + información

A segunda está relacionada coa penalización dos permisos para as persoas que gozan de flexibilidade horaria por motivos familiares. + información

Derrogación da lei de medidas: terceiro asalto, xoves, 17 de decembro

Quen algo quere, algo lle custa

Dentro do calendario de mobilizacións emprendido desde os comités da Consellaría de Política Social, o vindeiro xoves, 17 de decembro terá lugar a 3ª data da manifa que partirá do Parlamento de Galiza ás 17:00h e rematará na Praza da Quintana. Desta volta, como novidade a manifestación discorrerá con velas.

Cómpre recordar que o proxecto de Lei de Orzamentos 2016 mantén prorragadas boa parte da Lei de medidas de 2012 entre as que se atopa a suspensión do artigo 19 do convenio colectivo (dereito a descansos en domingos e festivos) que empeora a prestación dos servizos públicos. Outras como a de "pagar por enfermar" xa forons convetidas en permanentes a través da Lei de emprego público. Pero a recuperación económica non era sólida!? Pois non o é a recuperación dos servizos públicos.

Xustiza convoca 1.644 prazas de auxilio xudicial, tramitación e xestión procesual

Presentación de instancias desde o 12 de xaneiro ata o 1 de febreiro de 2016

Pica na imaxe para ampliar
No BOE do 15 de decembro publicáronse as convocatorias da Administración de Xustiza para o ingreso nos seguintes corpos:

Auxilio xudicial (C2): 752 prazas
Tramitación procesual (C1): 376 prazas acceso libre; 376 prazas promoción interna
Xestión porcesual (A2): 140 prazas (só promoción interna)

luns, 14 de decembro de 2015

Amplíase a duración do horario de verán... na Administración Xeral do Estado

En plena campaña eleitoral, aínda que xa fora anunciado cando a recuperación dos días de vacacións e moscosos por antigüidade, o BOE vén de publicar a modificación das instrucións de xornada e horario laboral do persoal ao servizo da Administración Xeral do Estado.

As dúas modificacións son referentes ao horario de verán e máis a inclusión da reincorporación paulatina ao servizo efectivo tras tratamento de radioterapia ou quimioterapia. A principal crítica é o electoralismo da medida que desde xullo aínda van e a publican agora, precisamente agora. Supoñemos que a Xunta, dado que o ano que vén é ano electoral, fará o propio aquí, que facer electoralismo tamén saben aínda que non teñan máis imaxinación que para copiar, tarde, mal e arrastro o que vén de Madrid.

venres, 11 de decembro de 2015

Publicación das listas definitivas para cobertura temporal de postos na Xunta

No DOG do 11 de decembro recollese a resolución da Dirección Xeral da Función Pública pola que se fan públicas as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Administración da Xunta de Galicia, reguladas no Decreto 37/2006, do 2 de marzo. Accede á resolución

As persoas solicitantes admitidas en cada unha das listas dos anexos poden consultarse no portal web da Xunta de Galicia na epígrafe Función Pública. Accede á consulta de listas de substitución

Nas ditas listas figura a seguinte información:

286 comisións de servizo do persoal funcionario entre outubro e novembro de 2015

Achegamos a listaxe de comisións de servizo, prórrogas, adscricións e revogacións para o persoal funcionario da Xunta dos pasados meses de outubro de novembro. Descargar

Nestes dous meses, concedéronse un total de 78 novas comisións, a medio gas polo tanto, comparado cos meses anteriores. Con respecto ás prórrogas hai, nestes dous meses, 158, unha suba considerable tendo como referencia ás 48 en total do mes de setembro. Entre renovacións e novas, suman un total de 286. Polas datas de concesión dedúcese que isto obedece a que se están efectuando renovacións "sine die" até a data de resolución do concurso, algo que se seguirá producindo até... marzo, abril, maio, xuño?

A cuestión non é xa o tempo sen nova convocatoria pública da comisión, a cuestión é porque un posto pode ocuparse de xeito temporal baixo criterios arbitrarios cando ese mesmo posto para a súa ocupación definitiva ten uns criterios taxados e obxectivos. Iso por non falar de que non hai transparencia nin nas candidaturas presentadas a cada posto nin na puntuación outorgada. Para cando o concurso permanente? Por que non mentres tanto unha asignación das comisións de servizo en función da puntuación do último concursoo ou por que non comezar metendo un mínimo de criterios obxectivos de fácil baremación para a súa asignación como ten o persoal laboral? Á esta Xunta moderna, non lle interesa a obxectividade, senón a discrecionalidade.

Vergonzoso: prezos abusivos na cafetería do Gaiás

Desde que abriu as súas portas a Cantina, sobre todo desde a última concesión, aumentou o trato
Reclamamos prezos xustos na cafetaría da Cidade da Cultura
discriminatorio e as queixas polos prezos abusivos que se cobran ao tomar un refresco ou un café o persoal público da Xunta de Galiza que prestamos servizos na Cidade da Cultura. 

Hai que lembrarlles constantemente que somos traballadoras e traballadores públicos e que se chegou a un "acordo verbal" polo cal o prezo debe ser menor có PVP. En vez disto, cobran ás veces como se se tomase algo nunha das cafetarías máis luxosas e céntricas de Santiago. Escóitanse comentarios dos usuarios deste único bar en máis de 2 quilómetros á redonda como que “queren facer caixa cos traballadores”. Este e outros comentarios polo estilo é habitual oílos.

xoves, 10 de decembro de 2015

Adianto de Nadal para "o funcionariado"

Clica na imaxe para descargar o CIG-Informa
Din no PP que "fixeron os deberes", que por iso nos devólven o que era noso. Non, os deberes fixémolos nós, en todo caso.

Aproxímase o Nadal (e a aprobación dos Orzamentos 2016) e seguen soando ecos nos medios da sorte que temos "o funcionariado" da Xunta pois imos cobrar unha enésima devolución de paga extra de 2012. Algún xornal fala mesmo de "adianto de Nadal" e é que esa paga dá para moito... para moito xogo político.

Este ano cobraremos 5 pagas extras: xaneiro, maio, xuño, outubro e a que está por chegar de decembro. Desiguais si, e 3 con atrasos, pero non é de estrañar que logo a opinión pública se forme unha idea que non é correcta e que as traballadoras e traballadores públicos temos que andarlle aclarando mesmo ás nosas persoas máis próximas.

A través dos medios de comunicación a xente faise unha idea equivocada de que nos devolven cartos case todos os días: cando anunciaban a devolución, cando aprobaban a norma, nalgúns casos cando a debatían e ao final cando se cobraba definitvamente. Para maior agravio, na Galiza cobramos aínda en máis cachos (e máis tarde) que no resto do Estado: en xaneiro un 12,5%, e maio un 12,5%, en outubro un 25% e a saber como cobraremos o outro 50% en 2016. Iso de xeito bastante groso, polo miúdo o tedes aquí.

Festas locais galegas para o ano 2016

No DOG 9 de decembro publicaronse as festas laborais de carácter local para o ano 2016 (2 por concello), correspondentes aos concellos das catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia. No DOG de 24 de xullo xa se publicara o calendario laboral para 2016 para a Comunidade Autónoma. 

Estas festas laborais xa foran publicadas nos respectivos boletíns provinciais e se lle da publicidade agora no DOG ante a conveniencia de que se coñezan as festividades de ámbito local desta comunidade autónoma sen ter que consultar diferentes boletíns oficiais. 

Ligazóns de interese:

Inspectores/as farmacéuticos concéntranse para denunciar a incapacidade de Sanidade para xestionar alertas sanitarias

Demandan un maior compromiso da Xunta de Galiza coa saúde pública 

Farmacéuticos/as Inspectores de Saúde Pública manifestaranse este xoves, día 10 de decembro, diante da consellaría de Sanidade para reclamar da Xunta unha maior responsabilidade sanitaria que evite riscos innecesarios para a saúde da poboación. Alertan do escaso número de inspectores/as e da falta de medios para inspeccionar a totalidade das instalacións que sería preciso abranguer.

No comunicado que veñen de emitir sinalan que as recentes alertas sanitarias de tipo ambiental, tanto a da auga non apta para o consumo en Ferrol, como o abrocho de lexionelose en Lugo, “puxeron de manifesto a incapacidade da consellaría de Sanidade para xestionar estas situacións de crise, debido principalmente a unha falta de medios e a unha deficiente organización dos servizos de inspección”.

mércores, 9 de decembro de 2015

Novo sistema baixas: o persoal facultativo incompetente, a persoa traballadora delincuente e as mutuas entidades todopoderosas

A CIG denuncia que o novo sistema de xestión por IT é “un ataque frontal e directo contra a clase traballadora". 

O pasado martes, día 1 de decembro, entraba en vigor o novo sistema de tramitación das incapacidades temporais derivado da aplicación dos cambios lexislativos introducidos tras da aprobación do Real Decreto da Incapacidade Temporal e da nova Lei de Mutuas. Cambios que a CIG xa denunciou no seu momento e que afectan directamente aos dereitos e contraprestacións dos traballadores/as traballadoras por atacar directamente á clase traballadora”.

A modificación do sistema de tramitación das Incapacidades Temporais está intimamente ligado á reforma funcional das mutuas que pasan a ser as salvagardas dos intereses económicos das empresas, contra os dereitos dos traballadores e seguindo as directrices dun goberno de dereitas e neoliberal.

venres, 4 de decembro de 2015

16 postos retirados do concurso de traslados de corpos xerais e outros temas pendentes Función Pública

No DOG de 4 decembro publicaron a resolución da retirada de 16 postos do concurso de corpos xerais das que ofertaron inicialmente coa convocoatoria no DOG 20 de maio. No anexo I da resolución de Función Pública veñen desglosado a listaxe dos postos, varios deles de niveis 18, 25 ou 26, e as razóns da retirada que se agrupan en tres:
  • Amortización: 10 postos nos Servizos Territoriais da Inspección de Servizos Sanitarios; 1 posto na AMTEGA; 1 posto na SX de Medios.
  • Execución de sentenzas: 2 nos Servizos Territoriais do FOGGA en Lugo e 1 na xefatura territorial da Coruña
  • Erro material: 1 nos servizos territoriais da ATRIGA en Ourense.

Menos discursos e máis concursos: cousas que ían ser no 2015 e serán no 2016 (se é que son)

"Menos discursos e máis concursos" foi un dos lemas estrela
das concentracións de San Caetano
ACTUALIZACIÓN (30/12/2015): a estas alturas aínda non temos nada do pouco que dicían a comezos deste mes que estaría en decembro: non hai lista definitiva de persoas admitidas e excluídas do concurso de traslados de corpos xerais, non hai proposta de refundición de categorías laborais (e polo tanto seguen sen ter data para convocatoria do concurso de persoal laboral), non houbo reunión para mirar os cambios no Decreto das listas de substitución e non houbo mesa para "negociar" as novas instrucións de persmisos; destas dúas últimas cuestións xa se presentaron alegacións. Que pasa na Función Pública? Esiximos unha xestión eficiente e o director debería asumir a súa responsabilidade polas dilacións reiteradas e inexplicábeis da maioría dos procesos.

Estes días, entre reunión informal co director de Función Pública e Mesa Xeral, ofrecéronse algunhas pinceladas deses asuntos que van máis lentos que o cabalo do malo.

Atención especial merecen os concursos de traslados porque estaba previstos de xeito permanente no V Convenio Colectivo, estaba prometido ao inicio do novo goberno no 2009 (tamén para persoal funcionario)  e mesmo no último debate do estado da autonomía o conselleiro de Facenda avanzaba para o 2016 "concursos máis áxiles, sinxelos e con maior periodicidade". Só temos promesas que non valen nada e un uso político do noso dereito de mobilidade e hoxe en día única forma de facer carreira profesional por méritos propios. Baste recordar a última nota de prensa sacada pola Xunta por mór da publicación da lista provisional de persoas admitidas e excluídas. Moi triste...

Todo o que debes saber sobre a nova regulamentación da Seguridade Social sobre as incapacidades temporais

Entre moita polémica polo poder que se lle da ás mútuas con relación á alta en enfermidades comúns, publicouse en 2014 a nova "Lei de mútuas" e o RD 625/2014 de xestión de incapacidades. Estas normas xa avanzaban os cambios dos que hoxe en día falan os medios de comunicación e que xa faloron precisamente o ano pasado cando se publicaron.

En xuño de 2015 chegou a Orde ESS/1187/2015 de desenvolvemento se ben ata o 1 de decembro non entrou en vigor. Precisamente, a raíz desta entrada en vigor, volven a facerse eco os medios de cousas que xa se coñecían, pois coa entrada en vigor desta Orde só se matizaron algúns aspectos ou ben se fixeron públicos os novos modelos de partes de baixa, alta e confirmación.

Deixámosvos a continuación material que vos pode ser de utilidade na vosa xestión das incapacidades temporais nos primeiros 365 días de duración, ou o que comunmente coñecemos como "baixas":

xoves, 3 de decembro de 2015

Política Social segue pasando polo arco do triunfo as sentenzas do TSXG


Reunirse coa representación do persoal non equivale a negociar.
O Comité de Empresa de Política Social da Coruña con data 25 de Novembro de 2015 trasladaba un escrito á Xefatura Territorial é á Secretaría Xeral Técnica co fin de proceder a unha negociación real das quendas de traballo e os seus criterios. Recordamos que este comité ten gañadas tres sentenzas ante o TSXG por incumprimento da Xunta da súa obriga de negociar as carteleiras, a última de outubro deste ano.

Pois ben, recibiron ao comité de empresa o 1 de decembro (o que fan 3 sentenzas do TSXG...). As persoas representantes da consellaría din o seguinte:

Regulamentación de permisos para as eleccións do 20 de decembro

No DOG do 2 decembro publícase a resolución onde se regulan os dereitos electorais do  persoal  ao  servizo  da  Comunidade  Autónoma  de  Galicia nas eleccións convocadas para o día 20 de decembro. 

Esta resolución afecta tanto para o persoal que tendo queda de traballo ese domingo, como para aquel que forme parte dunha mesa, dunha candidatura, ou actúe como intereventor/a ou apoderado/a.

mércores, 2 de decembro de 2015

A Xunta estáfanos 33 millóns nas pagas extras do 2013 que recoñece a Xustiza

Catro novas sentenzas só nos Servizos Centrais da Xunta favorables á recuperación dunha cantidade que oscila entre 130 e 500€ correspondentes á paga extra de xuño de 2013. Destas, tres xa foron pagadas coa nómina de novembro.

A contagotas van chegando as sentenzas xudiciais pero todas baixo un mínimo común denominador: recoñecen o dereito a 1/3 do complemento específico na paga extra de xuño de 2013. A maiores, unha delas, ao haber silencio administrativo, estima na súa totalidade a recuperación dos dous complementos específicos das pagas extras do 2013 e mesmo condena a 400€ en custas procesuais á Xunta. As catro sentenzas recollen que á cantidade que se ten dereito a percibir débenselle engadir os xuros desde a data de reclamación.

Campaña vixiancia da saúde para persoal de centros de ensino: solicitudes até 10 de decembro

Ábrese o prazo para solicitar as revisións médicas de empresa para o persoal que traballa en centros docentes da Consellaría de Educación. Remata o 10 de decembro.

Mediante a Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do 27  de novembro de 2015, autorízase a difusión da campaña de vixilancia periódica da saúde para o persoal docente e non docente destinado en centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A Xunta duplicará a súa PRESUNTA oferta de emprego público no ano das eleccións autonómicas

Para 2016 prometen máis de 2000 prazas de emprego público, así o anunciou o conselleiro de Facenda na súa intervención parlamentar do martes, 24 de novembro. Este ano a oferta foi dun total de 1163 prazas das que 1/3 foron para para Administración Xeral.

Estas últimas semanas soaba na prensa que se duplicaría a oferta de emprego público da Xunta para o ano que vén. O primeiro do que se soubo foi Ensino porque o conselleiro de Educación xa o anunciara no Parlamento a finais do mes pasado a convocatoria de máis de 1.000 prazas. Despois algúns medios, previo pago, desglosaban mesmo os datos do resto dos 2000 postos que facilitou o conselleiro.

En reunión do 27 de novembro o director de Función Pública ofrece as seguintes pinceladas adicionais: desminte o publicado nalgúns medios de convocar as 700 prazas de incendios que están en réxime de temporalidade,  fala de que como moito serán 200 prazas en Administración xeral entre persoal funcionario e laboral, que por primeira vez se ofertarán 6 prazas específicamente para a quenda de persoas con discapacidade intelectual, que valoran sacar o proceso de funcionarización na OPE 2016 e que nada da consolidación das OPE 2008 que para 2016 o Ministerio de Facenda non autoriza

martes, 1 de decembro de 2015

Modificación da RPT dos órganos superiores da Presidencia

Achéganos a Secretaría Xeral da Presidencia unha modificación da RPT dos seus órganos superiores (Emigración, Medios, Deportes e a propia SX da Presidencia). Dan de prazo para facer alegacións ata o 14 de decembro.


Nesta proposta avánzase na estratexia da Xunta de inverter a súa pirámide de recursos humanos, amortizando unha pila de postos base para crear postos de nivel. A nivel de promoción profesional é positivo ter postos de niveis 18 e 25 aos que poder concursar pero non a costa de seguir segando por abaixo. Con esta política estamos vendo situacións de servizos sen ninguén debaixo ou con moi poucas persoas e mesmo sen ningún posto base e logo virán as subcontratas (con ou sen 3%), as asistencias técnicas ou encomendas de xestión.