martes, 29 de novembro de 2022

A carreira administrativa poderá solicitarse a partires do venres día 02/12

 

O día 28 de novembro publicouse no DOG os acordos para o desenvolvemento transitorio dos sistemas de carreira (carreira administrativa para o persoal funcionario e complemento de desempeño para o persoal laboral) tal e como vos indicamos aquí.

Pero OLLO. Isto non é a convocatoria para o acceso extraordinario aos graos I e II.

As ordes polas que se convocan os procedementos para o acceso aos graos I e II, serán publicadas, segundo nos confirma Función Pública no DOG do día 01/12/2022, e polo tanto o prazo de 15 días hábiles comezará a contar o venres día 02/12/2022 onde xa se poderá solicitar a través de http://fides.xunta.gal.

A aquelas persoas que con anterioridade á apertura do prazo presentaran ou presenten solicitudes SE LLES VAI DENEGAR, e polo tanto non é recomendábel facelo.

Para quen xa a presentou deberá facelo outra vez a partir do día 2 e a través do FIDES.

martes, 22 de novembro de 2022

Calendario Laboral 2023 dous moscosos adicionais

Para o ano 2023 ao caer o 24 e 31 de decembro en domingo, haberá dous moscosos adicionais. 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou en data 05/08/2022, unha vez aprobado polo Consello da Xunta, o calendario laboral de Galicia para o próximo ano 2023. 

A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro (para o 2023 coincide en domingo e pasa o 25 de xullo), Venres Santo (7 de abril), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. 

Ademais, outros tres festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (6 de abril), que Galicia non cambia tradicionalmente; e dáselle a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo. 

Pola súa banda, o Concello de Santiago de Compostela aprobou en xullo como festivos locais para 2023 os tradicionais da Ascensión e San Roque (que este ano non ten substitución ao non caer en domingo). 

 No 2023 haberá dous días moscosos adicionais 

Consonte ás actuais instrucións de permisos, vacacións e licenzas, no seu punto 12º establecese que os días 24 e 31 de decembro permanecerán pechadas as oficinas públicas, agás os servizos de Rexistro Xeral e Información. Cando os días 24 e 31 de decembro coincidan en sábado, domingo ou día non laborable, terase dereito a dous días adicionais de asuntos persoais. 

Así mesmo, o persoal que traballe os días 24 e 31 de decembro poderá desfrutar de dous días adicionais de asuntos persoais. 

Estas potenciais incorporacións foron feitas a raíz do contundente recorte nos moscosos (e outros dereitos) no 2012. Inicialmente o persoal da Xunta tiñamos 9 días de asuntos propios ao ano pola lexislación autonómica e máis os días adicionais por antigüidade recoñecido polo EBEP. Lembramos que os moscosos foron compensacións pasadas de non subir o salario ante un IPC desbocado.  

Si queres descargar o calendario laboral de Santiago de Compostela para o ano 2023 pica no siguinte enlace: Calendario 2023                                                                           





xoves, 17 de novembro de 2022

Ordes de convocatoria de acceso aos graos I e II da carreira profesional

 

A nova Orde para acceder ao grao I e II do sistema extraordinario de carreira ultímase en Mesa Xeral de Empregados Públicos. A Administración tráeos en formato de "Acordos" para que CCOO e UGT continúen dóciles a dicir amén, mais non aproveitan para corrixir as eivas anteriores. Limítanse só a cumprir as sentenzas firmes ao mínimo indispensable.

Despois de que Función Pública decidira non publicar a Orde de acceso ao grao II no segundo semestre de 2020 (e lembramos que daquela non había ningunha sentenza que llo impedira), tráennos agora uns borradores nos que inclúen a case todo o persoal que cumpra os requisitos, obrigados polas sentenzas gañadas pola CIG.

Os importes anuais, tanto do grao I como do grao II van ser os seguintes:

IMPORTES ANUAIS DA CARREIRA
Ano % A1/I A2/II C1/III C2/IV AP/V
2022 60% 1.553,47 € 1.087,20 € 774,72 € 595,08 € 480,89 €
2023 80% 2.071,30 € 1.449,60 €

1.032,96 €

793,44 €

641,18 €

2024

100%

2.589,12 €

1.812,00 €

1.291,20 €

991,80 €

801,48 €

O procedemento para solicitar o acceso, unha vez aprobado, será a través da plataforma FIDES que de xeito automático determinará se se cumpren os requisitos. No caso de que o programa non admita a solicitude de carreira dunha persoa, esta disporá dun prazo de 10 días para poder presentar a solicitude e documentación xustificativa en sede electrónica. Non van aceptar actualizacións de expedientes no Portax, polo que se non temos introducida a formación, deberemos agardar a que nola requiran.

Pero ollo esta carreira trae trampa:

xoves, 10 de novembro de 2022

Pacto salarial 2022-2024 para todo o persoal empregado público: máis perda de poder adquisitivo

 

A proposta, aceptada por CCOO e UGT, e rexeitada pola CIG, ELA e CSIF, non compensa sequera a perda do poder adquisitivo que xa temos consolidada en 2022, de preto do 10%, a un trimestre de rematar o ano

A suba acordada para os anos 2022, 2023 e 2024 non chega a compensar a inflación de prezos que xa temos neste ano 2022. Neste sentido, hai que ter en conta que en setembro o IPC interanual situouse nun 9%, mais que estivo por riba do 10% boa parte do ano.

Goberno, CCOO e UGT están a propoñer para o actual ano 2022 un incremento do 3,5%, que en realidade inclúe o 2% que xa está aplicado dende xaneiro e ao que lle sumarían un pago único do 1,5% en decembro. Xa que logo, o persoal ao servizo das administracións públicas perdemos como mínimo un 5,5% de poder adquisitivo só no ano 2022.

A Xunta segue a manter o nivel de comisións de servizo en cantidades intolerabeis

 

O concurso de corpos xerais rematou (e xa eran horas) en xuño deste ano coas tomas de posesión; pensabamos que con isto minguaría a adxudicación e prórrogas de prazas en comisión de servizos. Non foi así: abonda botar unha ollada ao cadro que segue para decatarnos do despropósito: 

  XANEIRO - XUÑO XUÑO- NOVEMBRO
COMISIÓNS DE SERVIZO 206 832
PRÓRROGAS DE COMISIÓNS 178 511
TOTAL 384 1.343

Así podemos observar un incremento de case o 400% de cobertura de prazas o cal é unha mofa para o persoal funcionario dos corpos xerais que esperan e esperan por concursos cuadrienais (para o resto do persoal, como escalas e corpos especiais ou persoal laboral, o concurso de traslados é ciencia ficción). 

A Conselleira de Infraestruturas, beneficiada polos atrasos na integración da EPOSH


O DOG de 08/04/2015 publicou a orde do 25 de marzo pola que se inicia o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galiza do persoal laboral fixo da extinta Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH), adscrita á entidade pública empresarial Augas de Galiza. O número de postos a integrar era de 48 e se establecía un prazo de 15 días  para manifestar a opción de integración.

Non sabíamos se houbera ou non peticións de integración do persoal laboral fixo da EPOSH. O caso é que polo transcurso do prazo de tres meses previsto sen existir resolución expresa, quedaron todas desestimadas.

As retribucións do persoal do EPOSH son totalmente opacas e son as establecidas no ano 2005 no convenio asinado polo goberno, en funcións, de Manuel Fraga,  sendo Alberto Núñez Feijoo o conselleiro de Política Territorial,  de quen dependía organicamente este chiringuito. No convenio se establecen unhas retribucións mui por enriba das do convenio único do persoal laboral da Xunta e o valor do trienio representa un 5% da suma de todos os seus haberes.

martes, 8 de novembro de 2022

Lotería de nadal CIG 2022

Temos á venda a lotería de Nadal da CIG.  Xogamos o mesmo número que anos anteriores, e as participacións voltan a ser de 5 euros sen recargo.

Como sempre o punto de venda principal está no local da CIG en San Caetano, soto de Educación, teléfono 981 545 909.
Tamén esta a venda no local da CIG en San Lázaro, baixo da Consellaría de Promoción do Emprego, teléfono 981 546 999.

Ante as desilusión que nos dan cada día (procesos selectivos, concurso, comisións de servizo...) a ver se podemos darnos unha alegría.