venres, 25 de abril de 2014

Flexibilidade: Que non che quiten os venres!

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais vén de lanzar unha campaña na que distribuiu entre o persoal tres modelos de queixa ante a imposibilidade de traballar os venres pola tarde na modalidade de horario flexible.

As queixas van dirixidas ante a comisión de seguemento da Orde de flexibilidade e no caso da flexibilidade familiar tamén ante a Comisión 1ª do Parlamento galego. Con estas queixas preténdese iniciar a modificación da Orde co obxecto de adaptala á lei de igualdade no caso da flexibilidade familiar e permitir a flexibilidade automática os venres pola tarde no mesmo horario que de luns a xoves.

martes, 15 de abril de 2014

Pola convocatoria inmediata da promoción interna do persoal funcionario

A Xunta de Persoal dos SSCC vén de dirixirse ao director xeral de Función Pública no enésimo intento de desbloquear a convocatoria da promoción interna do persoal funcionario. A través dun escrito contundente comezan expresando a súa "preocupación pola excesiva demora e reiterados incumprimentos sobre as previsións para a convocatoria".

Recordan que son xa tres as Ofertas de Emprego Público acumuladas no que se refire a estas prazas: 2009, 2011 e 2012. Durante este tempo, prazas do turno libre de corpos xerais foron xa convocadas, resoltas e as persoas que superaron o proceso selectivo están xa traballando. Argumentan tamén que "utilizando o discurso imperante na Xunta de Galicia sobre a xestión dos recursos humanos propios, hai que considerar que as convocatorias de promoción interna teñen un impacto económico moito menor para a propia Administración que o que ten o desenvolvemento doutros procesos selectivos de acceso libre".

A Xunta de Persoal de SSCC empraza ao Presidente da Xunta a retirar a lei de medidas

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais, consonte ao acordado no último Pleno, vén de dirixir un escrito ao Presidente da Xunta co obxecto de revertir a lei de medidas unha vez cumpridos os dous anos da súa entrada en vigor, consonte ao disposto na disposición derradeira da propia lei.

No escrito, esta xunta de persoal manifesta o seguinte:


"Que a LEI 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia leva en vigor dende o 3 de marzo de 2012.

Que o conxunto de empregadas e empregados públicos da Xunta de Galicia leva sufrindo unha serie de recortes sen precedentes dende a entrada en vigor desta lei, tales como a perda do complemento por incapacidade temporal, a perda do fondo de acción social, eliminación de días de asuntos persoais, o dereito á prolongación de permanencia no servizo activo, imposicións con respecto ao horario de traballo, a posibilidade de redución obrigatoria para o persoal interino e diversas modificacións unilaterais de determinados artigos do V Convenio Colectivo, entre outros.

Ademais desta serie de medidas que sufrimos o persoal da Xunta de Galicia, tamén hai que sinalar a perda de poder adquisitivo polo recorte do específico nas pagas extras de 2013 e 2014.

luns, 7 de abril de 2014

Últimos acordos da Xunta de persoal dos Servizos Centrais

No último pleno celebrado o 3 de abril pola Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, os principais puntos e acordos que se aprobaron foron os seguintes:
  • Logo de analizar os diferentes problemas que están a xurdir coa aplicación da orde de flexibilidade, con respecto á conciliación familiar, como son a tardanza inxustificada en resolver solicitudes de flexibilización horaria (hai detectados casos de oitenta e pico días de retraso na AMTEGA, Sanidade e Facenda), que logo de emitir informe a XP tárdanse máis de un mes en resolver, falta documentación nas peticións de informes e resolucións que obrigan a ter un tempo de presenza efectiva no caso da conciliación familiar, acordouse presentar alegacións ás instrucións que remitiu a Administración e comunicar tamén a nosa queixa pola tardanza en respostar e informar con reparos cando se observe algunha irregularidade.

venres, 4 de abril de 2014

O Partido Popular pretende culpabilizar aos/as empregados/as públicos/as da corrupción do seu partido

Inadmisibles leccións de ética da persoa que lidera o partido que bate marcas en casos de corrupción.

Nun arrebato máis de indignidade, o Partido Popular, asediado por múltiples casos de corrupción política, pretende desviar a atención e apunta directamente aos/as empregados/as públicos/as como culpables dos casos de corrupción. Os casos de corrupción do Partido Popular (Pokemon, Gurtel, Patos, etc.) non son casos de corrupción de empregados/as públicos/as, senón a pesar dos controis exercidos polos funcionarios/as públicos/as, e perseguidos polos mesmos.

Precisamente, nun ambiente corruptóxeno, onde se mercantilizan os servizos públicos e son fonte de lucrativos negocios, onde os bens públicos son mercadoría, é aí onde se aprestan a facer negocio os que consideran que son parte da operación mercantil da súa venda. Si os Servizos Sociais, a Educación e a Sanidade, non son dereitos senón mercadorías privatizabeis, querer sacar partido da súa venda se percibe como lexítimo por quen defende ideoloxicamente eses presupostos.