xoves, 20 de marzo de 2014

O Boletín - marzo 2014: o mercado dos concursos

No seguinte enlace, podedes acceder ao boletín sindical da CIG nos Servizos Centrais da Xunta de Galiza deste mes de marzo.

Neste número temos:

- Editorial. O Mercado dos Concursos. Os recortes nos Servizos Públicos e as súas consecuencias nas políticas de persoal.

- Cousas que Cheiran. Diversas denuncias cortas, entre outras: subvencións aos medios de comunicación, un cargo da Xunta que se cre John Wayne, horas extras en unidades con despedimentos, tribunais que cheiran mal e máis subvencións a empresas privadas que xestionan Servizos Públicos.

- Breves. Información sobre os concursos de traslados, procesos selectivos, normativa, RPTs e Varios.

- Humor. Unha proposta retranqueira para convertirse en Feijóo nuns sinxelos sete pasos.


Pero ademais, aproveitando a ocasión, tamén vos enviamos un par de CIG-Informa´s:

- Estamos chegando ao Cabo de Fornos. Feijóo volve a dar as grazas ás traballadoras e traballadores públicos.

- Situación dos procesos selectivos. Corpos Especiais, OEP de 2009-2011-2013.

mércores, 19 de marzo de 2014

Medio Rural compra medios de comunicación con diñeiro público

No DOG do 19/03/2014 publícanse os convenios de Medio Rural de 2º cuadrimestre do ano pasado (xa vedes que presa se dan). O caso é que entre todos estes convenios hai un total de 15 convenios con medios de comunicación (14 medios privados "convencionais" e 1 coa televisión pública galega) por un valor total de 1.018.000€.

Esto é tan só a punta do iceberg en canto a como desde as distintas Administracións se compran os medios de comunicación con diñeiro público. Chámaselles "convenios de colaboración" cando na realidade a única colaboración que existe é que a Administración paga e o xornal/televisión saca o que lle mandan. Ista é a política do fume: pagar por vender que se fai, no canto de pagar para facer cousas que redunden no beneficio da cidadanía.

xoves, 13 de marzo de 2014

Chega a Marea Azul á Xunta de Galiza

Xa podes facer a reserva da túa camiseta da #mareaazul da Xunta nos locais sindicais dos servizos centrais.
Na Xunta de Galiza os recortes levan un ritmo propio, un ritmo propio que por desgraza é máis intenso que o doutras Administracións. Vímolo, por exemplo, cos recortes no complemento específico da paga extra do 2013 e que veremos tamén no 2014 (consonte á lei de orzamentos vixente). Por outra banda, temos enriba da mesa a proposta de nova lei de función pública de Galiza, unha lei que afecta a miles de traballadoras e traballadores públicos da Administración autonómica pero tamén á Administración local e universidades. Porén, o máis duro desta lei ímolo levar na Administración autonómica xeral (persoal directivo, concursos específicos, avaliación do desempeño subxectiva, carreira profesional subxectiva…).

Por outro lado, algo que compartimos todas e todos os traballadores públicos nesta ofensiva liberal non só son os recortes sobre os nosos dereitos laborais e a politización da Administración, senón os recortes sobre os servizos públicos con amortización de prazas e privatización de servizos. Algo, isto último, que ao final volve como un boomerang afectar aos nosos dereitos, ao reducir o número de postos dispoñibles, por exemplo, nun concurso de traslados ou nunha elección de destino.
“Polo futuro... defende o público”

A Xunta dedica 50.000€ ao ano para o novo posto de secretario/a da Delegación en Montevideo

En plena “racionalización do gasto público do persoal propio”, ao Goberno da Xunta non se lle ocorre mellor cousa que crear un posto de libre designación en Montevideo dos máis caros. Para conseguir o crédito orzamentario amortizan 3 postos base (conductor/a, telefonista e limpador/a) que se suman aos máis de 100 postos de traballo que xa eliminaron nunha recente reforma anterior (DOG 24/01/2014).

Por se fóra pouco, esta creación de secretario/a de Delegación da Xunta no exterior únese ao xa existente en Bos Aires e en ambos postos realizan a modificación substancial de permitir a súa cobertura por persoal funcionario dos concellos.

Curiosamente, mentres se eliminan postos de traballo a eito na nosa terra, na memoria funcional presentada pola Consellaría de Presidencia argumenta que se “fai imprescindible a creación do posto de Secretario/a da Delegación da Xunta en Montevideo”.

Dependencia: primeiro despiden ao persoal e agora reparten horas extras

As unidades da Dependencia da Xunta teñen sen resolver expedientes dende o ano 2010 

Unha vez denunciado dende a Xunta de Persoal da Coruña, estes días vén de facelo tamén a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais. Este último órgano de representación, ademais, leva remitido varios escritos tanto as diferentes secretarías xerais como á Dirección Xeral da Función Pública pedindo datos sobre as horas extras autorizadas. A motivación desta última solicitude de información é que hai constancia de que están a utilizar as ditas horas extras en unidades onde se produciron recentes amortizacións e despedimentos, en maio do ano pasado.

Se ben non é exclusiva da Consellaría de Traballo e Benestar esta forma clientelar de repartir traballo (fainas habitualmente a Axencia Tributaria de Galicia), neste caso resulta moito máis escandaloso logo do proceso de amortización de prazas que se desenvolveu nesta consellaría aínda hai uns escasos dez meses. Nomeadamente, nas oficinas de Compostela, Ferrol e Vigo destruíronse daquela un total de 17 postos de traballo ocupados, na súa maioría, por asistentes sociais que acabaron engrosando a longa lista do paro do noso país.

A Comparsa de entroido da CIG percorreu de novo San Caetano... até que a botou a policía



Un outro ano máis a comparsa da CIG nos Servizos Centrais percorreu os corredores dos edificios administrativos centrais da Xunta de Galiza. As compañeiras e compañeiros que formaban a comparsa parodiaron a personaxes da farándula como a Duquesa de Alba, o ministro do interior,  Ana Botella, Luís Bárcenas ou Rouco Varela e a infanta Cristina.

Tivo cabida tamén algunha parodia con respecto ao aborto na forma de crítica aos procesos de amortización de prazas que está a levar o goberno da Xunta con seguinte lema: “Non ao aborto de prazas de Funcionarios”, “Si á vida dos Servizos Públicos”; así como tamén unha mensaxe coa foto de Gallardón que sinalaba “Defensor dos dereitos do funcionario concebido e non nacido”.

mércores, 12 de marzo de 2014

O TSXG dálle un novo pau o Goberno de Feijóo e obriga a devolver parte da paga adicional da extra 2013 ao persoal laboral

Esta é a primeira sentenza referida ao recorte das pagas extraordinarias para o ano 2013 que só aplicou a Xunta de Galiza


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ditar sentenza pola que recoñece o dereito do persoal laboral da Xunta –sometido ao V Convenio Colectivo- a percibir a paga adicional ás paga extraordinaria de decembro de 2012, así como a paga adicional de xuño de 2013, que foi suprimida aos traballadores/as da Xunta por decisión propia do Goberno galego.

Unha vez máis, a xustiza dá un pau ao Executivo de Núñez Feijoo, negando o carácter retroactivo das medidas de recortes aplicadas aos traballadores e traballadores ao servizo das administracións públicas. Ademais, está é a primeira sentenza referida ao recorte nas pagas extraordinarias do ano 2013, detraída aos empregados e empregadas da Xunta a través da Lei de Orzamentos de Galiza e que o resto do persoal ao servizo das administracións (local, estatal, etc.) non padeceu.