xoves, 28 de decembro de 2023

Aprobada unha terceira carreira que non resolve os problemas das anteriores


Estas ordes de carreira aprobadas na Comisión de Persoal do día 22/12/2023, abren un novo prazo do sistema extraordinario para as persoas que non cumprían os requisitos de formación ou antigüedade no ano 2019 e 2022, ou que, cumprindo os requisitos non a solicitaron. Pero ollo, non o fan de xeito absoluto e deixan fora a moito persoal.

• Se es interino ou temporal con máis de 11 anos de servizos e concedéronche o grao I no 2022, non vas poder solicitar o grao II. (De feito, dos case 4.000 interinos e temporais que poden solicitar a carreira tan só 13 van poder solicitar o grao II).

• Se es funcionario de carreira ou laboral fixo con máis de 11 anos de servizos e non solicitaches o grao I no 2019 e obtivéchelo no 2022, tampouco vas poder solicitar o grao II agora.

• Se es laboral fixo que non se quixo funcionarizar e paralizáronche o cobro dos graos I e/ou II seguen esixíndoche que te funcionarices.


Propuxemos instaurar a carreira ordinaria e encaixala co sistema extraordinario aberto, permanente e automático para todo o persoal, sen exclusións e pagando os atrasos ao persoal ao que se lles negou no 2019. Pero Función Pública sigue tirando para adiante co apoio doutras organizacións, cun modelo fracasado, discriminatorio e que non executa as sentenzas. Preguntámonos, por que cada vez que a CIG pon solucións enriba da mesa eles prefiren seguir arrastrando os problemas do pasado.


xoves, 21 de decembro de 2023

Listas provisionais para a contratación temporal de persoal funcionario e laboral da Xunta de Galiza

 

No DOG do 20/12/2023 publican a RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

Fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos e escalas que se relacionan no anexo I desta resolución, así como para o desempeño temporal de postos reservados a persoal laboral dos grupos e categorías que se relacionan no anexo II.

As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, htz://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de Listas de contratación; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galiza (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes).

As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellaría de Facenda e Administración Pública, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).