venres, 27 de novembro de 2015

A manifestación pola derrogación da lei de medidas e polo concurso de traslados percorre Compostela

Pasadas as 10:30 horas, saía de diante do Parlamento de Galiza a manifestación do persoal laboral da Xunta a que tamén se lle uniu persoal funcionario en apoio. A demanda principal foi a recuperación dos numerosos dereitos laborais, salariais e sociais –recollidos no V Convenio Colectivo- sustraídos polo goberno do PP nestes últimos anos, so pretexto da crise. A marcha finalizaba diante do edificio administrativo de San Caetano.

En primeiro lugar, reclamouse a derrogación  da Lei 1/2012 de medidas do emprego público pola que se suspenderon os artigos 19; o 29 de dereito a comedor; o 34.2 e a disposición adicional terceira, referida ao fondo de acción social. Unha lei que aínda sigue en vigor, cando non os seus artigos incorporados á actual Lei de emprego público como o de pagar por enfermar.

martes, 24 de novembro de 2015

Manifestación: POLA RECUPERACIÓN DOS DEREITOS DO V CONVENIO

Xoves, 26 de novembro.
Saíra ás 10:30 dende o Parlamento de Galiza con chegada a San Caetano.

Convoca Comité Intercentros.


POLA DERROGACIÓN DA LEI DE MEDIDAS.


PARTICIPA!

luns, 23 de novembro de 2015

25N, día internacional contra a violencia machista

http://www.galizacig.gal/avantar/novas/18-11-2015/a-secretaria-da-muller-da-cig-lanza-a-campana-na-tua-empresa-tamen-hai-violencia-co
O vindeiro mércores 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

A violencia machista é a principal causa de morte das mulleres de entre 15 e 44 anos, por diante do cancro, a malaria, os accidentes de tráfico e mesmo as guerras.

Na cúspide da pirámide de violencia está o feminicidio, o asasinato de mulleres polo mero feito de selo. Mais na base da sociedade patriarcal atopamos outras manifestacións, formas sutís de violencia que podemos atopar nas nosas relacións familiares, sociais, no ámbito da parella, no traballo, na escola, nas organizacións e na comunidade no seu conxunto. 

Borrador das novas instrucións de permisos, vacacións e licenzas: que hai de novo?


Dito e feito. O mércores denunciabamos a utilización da vía de feito na xestión do permiso por exame, en concreto da Consellaría de Política Social, e ao día seguinte chegou o borrador das novas instrucións de permisos onde vén recollida parte desa vía de feito como unha proposta de modificación das instrucións. Pois ben, canto menos que garden as formas e esperen a aplicar a nova norma ata que estea aprobada e publicada.

Este novo borrador vén a fusionar as instrucións de 2013 coa modificación recente de xullo deste ano (para adaptalas á nova lei de emprego público) e incluír ademais as recentes modificacións referentes ás vacacións e aos mosocos. Como non, polo camiño, meten tamén algunha puntilla e outras que estaban metidas, deixannas igual.

En calquera caso, parabéns, que isto ían remitilo vai dúas semanas e o atraso foi só dunha, non como outras moitos temas que escoitamos que "van remitir un borrador esta semana" e logo nin esta semana, nin a seguinte, nin a seguinte....

Que hai de novo? 

Novidades temarios EGAP, calidade irregular e non oficialidade

Xa cando coñecíamos que ía haber novas modificacións nos temarios que rexerán as probas de acceso aos corpos xerais (libre e promoción interna), a EGAP publicaba no seu web os temarios correspondentes ao acceso libre A2 e A1 (só en castelán, ollo). Recordamos que os temarios correspondentes a promoción interna foron publicados entre xullo e setembro. E onde están os de C2 e C1 de libre?


O curioso disto é que, tras tanto agardar, xa podían ter metido as actualizacións recollidas no DOG 18 de novembro, ou sexa, que aínda terán que vir (como no caso de promo interna) unha nova versión destes temarios cos últimos cambios. A nota de edición final destes temarios é do 12 de novembro. O compromiso incial da EGAP era telos listos antes do 15 de setembro.

O peor de todo é que a día de hoxe non hai previsión para a publicación actualizada destes temarios que empregan moitas opositoras e opositores para preparar estas probas ("canto antes" dixo o director xeral da Función Pública) A única data que se nos facilitou é que os primeiros exames non serán antes do 1 de abril. Confiamos e solicitamos á EGAP que as actualizacións estean listas, como moito, o mes que vén.

Calidade irregular nos temas e non vinculación para os tribunais

A Xunta non cubre nin todas as baixas por maternidade nin ningunha paternidade

Nota pública da Xunta de persoal dos Servizos Centrais

É preciso que se recolla por lei a obrigatoriedade das Administracións públicas de cubrir as baixas, canto menos, en todos os casos de conciliación da vida familiar e laboral.

Do mesmo xeito, propoñemos que se cubran temporalmente todas aquelas prazas que teñan previsto ofertar con carácter definitivo no ano 2016.


Neste contexto de pulo económico, que parece indubidablemente constatado polo Goberno galego, non entendemos os problemas de infradotación e falta de cobertura de postos vacantes que se están a producir na Administración autonómica, e en particular nos Servizos Centrais onde a cobertura temporal de postos é algo excepcional.

Denunciamos sobre todo a non cobertura con carácer xeral de baixas derivadas de incapacidade temporal por motivos de conciliación da vida familiar e laboral como son: maternidades, paternidades, adopción, acollemento, redución por garda legal, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural. E isto, a pesar de que existe reserva legal de posto e non presentan un incremento de gasto para a Administración autonómica.  Por suposto, tampouco están cubrindo con carácter xeral as baixas por incapacidade temporal, independentemente do tempo que leven vacantes e por tanto tamén de que lle supoña un custo menor á Administración autonómica cubrilas porque están subsidiadas pola Seguridade Social ou mutualidade correspondente.

venres, 20 de novembro de 2015

Tras a entrega de máis de 3 millóns de sinaturas a UE promete melloras no CETA (o TTIP con Canadá)

Martin Schulz, presidente do Parlamento Europeo, non perdeu a oportunidade de aceptar as firmas da Iniciativa Cidadá Europea (ICE) para deter o TTIP durante as mobilizacións en contra deste tratado, que vai a favor única e exclusivamente das grandes empresas e a gran banca e en contra da xente do común.

Estaba claramente impresionado polo gran número de firmas (para que conste: 3.284.289!!) e fixo dúas promesas: En primeiro lugar, quería pedirlle persoalmente á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo que valorase se se podería conceder unha audiencia aos promotores do Stop TTIP. En segundo lugar, referiuse ao acordo CETA UE-Canadá na súa forma actual como problemática e pediu á Comisión Europea que inicie renegociaciones co novo goberno de Canadá.

mércores, 18 de novembro de 2015

A Xunta invéntase as instrucións de permisos a golpe de casuística

Como non o actor principal é Política Social, antiga Consellaría de Traballo e Benestar, que nesto do réxime de permisos sempre marca distancia co resto... pero para mal. Nesta ocasción remiten ao persoal unha aclaración sobre o permiso para exames no caso de realizarse noutra localidade. O caso é que desta volta fixeron a consulta a Función Pública e foi Función Pública a que refrenda unha interpretación sobre o permiso por exame indo máis aló do que está escrito, ou sexa, limitando máis do que poñen as actuais intrucións.

A limitación consiste en que se as instrucións actuais xa non fan diferenciación entre se o exame é na mesma ou distinta localidade. En calquera caso, nas anterirores si o facía pero esa era a única, non en función se as probas defintivas de aptitude eran derivadas de "cursos de formación do persoal". Pois ben, Traballo e Función Pública decidiron entrar en máis detalles do que hai escrito actualmente e din que iso de "todo o día cando sexa noutra localidade" é só para exames que non sexan nin da EGAP nin dos sindicatos, que para estes últimos só "o tempo imprescindible".

Derrogación da lei de medidas: 26 de novembro, segundo asalto

Dentro do calendario de mobilizacións emprendido desde os comités da Consellaría de Política Social, o vindeiro 26 de novembro terá lugar a 2ª data da manifa que partirá do Parlamento de Galiza ás 10:30h e rematará en San Caetano, como a anterior.

Precisamente, representantes do persoal laboral reuníanse esta semana cos grupos parlamentares para reiterarlle a necesidade de derrogar a Lei de medidas "temporal" do 2012. Coma sempre, total apoio dos grupos da oposición e discurso de "recuperación económica" por parte do grupo do Goberno. 

Publicadas no DOG as modificacións nos temarios das oposicións de corpos xerais de acceso libre e promoción interna

Pouco máis dunha semana despois de dalo a coñecer, a Administración publica no DOG do 18 de novembro a modificación nos temarios dos procesos selectivos de corpos xerais de acceso libre e promoción interna convocados en xuño. Ver convocatorias inciciais.

Estas modificacións xustifícanse pola recente aprobación da nova Lei de procedemento administrativo común das Administracións públicas, a nova Lei de réxime xurídico do sector público e mais do novo texto refundido do EBEP. Máis información

Accede ás modificacións

martes, 17 de novembro de 2015

Acto informativo: A Sanidade pública en perigo. Calendario de vacinas infanto-xuvenil

A plataforma SOS Sanidade Pública, da que forma parte a CIG, organiza este mércores, 18 de novembro, un acto informativo con relación ao calendario de vacinas infanto-xuvenil. 

Este tema está de triste actualidade debido a recente morte dun neno en Boiro por meninxite B, que se une ao do ano pasado en Arteixo, así como das recentes mobilizacións pedindo a inclusión da vacina no calendario oficial. Recordamos que en outubro se legalizou a venta da vacina en establecementos farmaceuticos do estado español a un prezo desorbitado, a pesar do cal o seu desabastecemento segue sendo xeneralidado. 

Se che interesa o tema e a defensa da Sanidade Pública, acude este mércores ao Centro Sociocultural do Ensanche (Compostela) ás 20h.

luns, 16 de novembro de 2015

Cando se fai caixa coa alimentación das nosas nenas e nenos

Comedores públicos nos colexios xa!

Que é iso de andar cociñando a comida en Málaga e "ultimala" en Galiza!? Iso por non falar de que fan 2 empresas de Málaga nestas concesións. Esa é aposta da Xunta de Feijóo polo emprego no noso país, por non falar da súa aposta por privatizar un servizo público como é os comedores escolares que como vemos trae os seus riscos.

Esta é unha cuestión que nos interesa xa non só como traballadoras e traballadores do público senón como nais e pais.

Criterios de excepcionalidade para a cobertura de postos de xefaturas de servizo ou equivalentes por LD

Descargar criterios

Achega a Dirección Xeral de Función Pública os criterios de excepcionalidade para a cobertura de postos de xefaturas de servizo ou equivalentes por libre designación. Este texto vai consonte ao artigo 91 da actual Lei de emprego público de Galiza onde se recolle que todos os postos de xefatura de servizo ou nivel equivalente serán cubertos por concurso específico salvo excepcións, que se farán por libre designación, polas súas "especiais características". Recorda moito esto a aqueles criterios que tamén se sacaron da manga para seguir cubrindo por LD 28 e algúns 25 a pesar da última modificación da lei de función pública que falaba tamén de cubrilos por concurso.

A realidade é que esta excepcionalidade estaba sendo empregada na maioría de RPTs como algo bastante habitual; máis ben a excepción era o concurso específico. En todo caso, que conste que entre libre designación e este modelo de concurso específico que recolle a lei (mesmo para postos de nivel inferior ao 28) é como comparar entre Guatemala e Guatepeor. A realidade é que os concursos específicos están deseñados como LDs encubertas cunha blindaxe durante 5 anos. A realidade é tamén que esta proposta non é máis que unha blindaxe xurídica para que a Xunta se cure en saúde e que  permite cubrir calquera destes postos por libre designación como xa se viña facendo.

Actuacións do último pleno da Xunta de Persoal SSCC de outubro

No último pleno ordinario que se celebrou no órgano de representación do persoal funcionario que traballa nos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, chegáronse aos varios acordos, todos por consenso, relacionados coa penalización da Xunta á conciliación familiar do seu persoal, a non cobertura de vacantes, baixas e maternidades, falta de precisión nas datas de Función Pública, traslados de unidades administrativas, dependencia das secretaría xerais técnicas dos postos base,  ano de imputación do FAS, altos prezos da cafetaría de Gaias e outros temas que están aínda abertos, relacionado coa denuncia á Valedora do Pobo e a publicidade das RPTs.

A Xunta de Galiza penaliza a conciliación familiar do seu persoal

A resolución do 10 de xullo de 2015, que modifica as instrucións do réxime de vacacións, permisos e licenzas para adaptala á nova Lei do Emprego Público colou unha modificación que sinala o seguinte "Os empregados públicos que teñan concedida a flexibilidade horaria por motivos de conciliación familiar e laboral, deberán xustificar a imposibilidade de cumprir cos  seus  deberes  de  conciliación  no  dito  horario  para  poder  facer  uso  deste permiso", con respecto ao acompañamento dun familiar dependente á hora de ir a calquera cuestión médica.

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais esixe a derrogación inmediata desta modificación. Impón unha penalización gratuita ao persoal que dispón desta modalidade horaria que o discrimina con respecto ao resto do persoal ao converilo para este persoal en recuperable; algo que non contempla a lei. Co mesmo argumento poderían impor que calquera permiso ou licenza, por exemplo, cando teñamos a un familiar ingresado no hospital, acabe sendo compensado, se non podemos xustificar a imposibilidade de cumprir cos deberes de conciliación no dito horario... pero de que horario estamos a falar? por outra banda... Presentarase escrito dirixido aos órganos competentes nesta materia, máis á Comisión de Seguimento da Flexibilidade e á Valedora do Pobo.

Isto está tamén relacionado con outra denuncia do órgano de representación relacionado coa non cobertura en todas as consellarías das baixas en todos os casos relacionados con aspectos da conciliación familiar e laboral, comezando polas maternidaes, paternidades, adopcións e acollementos, lactancia, ou riscos durante o embarazo ou lactación natural.

venres, 13 de novembro de 2015

Modificación dos programas que rexen os procesos selectivos de corpos xerais por promoción interna e acceso libre

Descargar modificacions nas ordes das convocatorias

Este tema estivo cocéndose durante todo o mes de outubro mais ao final a resposta chegou en novembro. Na reunión do luns, 9, avisaron e enviaron a proposta de modificación dos temarios convocatorias que iría á Comisión de Persoal do mércores, 11, pero só a título informativo. Fica pendente a publicación no DOG. 

Esta modificación nos programas das convocatorias é consecuencia da publicación o 2 de outubro da Lei 39/2015 de procedemento administrativo común e da Lei 40/2015 de réxime xurídico do sector público, ademais da actualización do Real Decreto Lexislativo /2015, de 30 de outubre, polo que se aproba o texto refundido de la Lei do Estatuto Básico do Empregado Público.

Presentan as modificacións, din que a EGAP fará os cambios oportunos nos seus temarios "o máis rápido" e que, a modo compensatorio, os exames non serán en nigún caso antes do 1 de abril do 2016.

Planificación de persoal: tirar para adiante tapando buracos

A política de personal na Xunta, aparte de escasa en medios, é escasa en ideas. O exemplo témolo no que está a acontecer estos días coa proposta de modificación da Área de Cultura da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria na que teñen que crear 4 postos de Tec. Superior de Bibliotecas porque non teñen suficientes para a elección de destino.

Na oferta de emprego público do ano 2011  aprobouse un  proceso selectivo das escalas nas que se ofertaban 7 prazas do grupo A1 de Técnico Superior de Bibliotecas.
No ano  2013 elaborouse unha proposta de modificación da actual RPT que incluía unha importante amortización de prazas das escalas da área de Cultura, a saber afectando tanto as especialidades de arquivos como de bibliotecas onde se eliminaban varias prazas de grupos A1 e A2 (sen dotación actual e pendentes de eliminar)

Dúas novas sentenzas a prol do pagamento da parte devindicada do complemento específico da paga extra do 2013

A vantaxe de ser a Xunta, que non pagas o que é de lei ao teu persoal e non pasa absolutamente nada... xa irán á Xustiza se queren cobrar.

O Xulgado do Contencioso Administrativo Nº 1 de Ourense e o Nº 1 de Pontevedra veñen de ditaminar senllas sentenzas nas que se estabelece o pagamento do complemento específico das pagas extras. O Goberno galego segue negándose a restituír este concepto adiando o seu pagamento, supostamente, ao ano 2017. O que xa confirmou é que nada de recuperalo con efectos retroactivos, non sendo a xente que está indo aos xulgados pola parte divindicada do ano 2013.

No ano 2013, o goberno de Feijoo decidiu recortar, no pagando o complemento específico (ou concepto equivalente) as dúas pagas extras de todo o seu persoal pasando a ser Galiza unha das escasas comunidades nas que se recortaba este complemento nas pagas extras. Recorte que continúa hoxe en día e que está previsto que se prorrogue até o 2017 e co que aproximadamente están a quitarnos uns 200 millóns de euros por ano.

mércores, 11 de novembro de 2015

Seguimos a cámara lenta nos asuntos da Función Pública

Non máis populismo eleitoral cos nosos dereitos!
Descarga CIG-Informa Migallas Electorais

O luns, 9 de novembro, houbo unha desas reunións do director da Función Pública cos sindicatos nas que se din moitas palabras pero realmente a información é moi pouca. Falaron dos seguintes temas: RPTs, procesos selectivos persoal funcionario, concursos, OPE 2016, permisos, contratación temporal, refundición categoraías persoal laboral... O mércores, 11 de novembro, na Mesa Xeral completaron algunha cousa máis.

Iso por non falar de que no fondo subxacte unha falta total de vontade negociadora; a Administración leva a súa idea e é esa a que sae adiante porque yo lo valgo. Baste como exemplo que avisan ese luns que o mércores hai Mesa Xeral e, de seguido, Comisión de Persoal na que meten tamén as ordes de modificación dos temarios das oposicións de persoal funcionario.

Agora, co tema electoral, están facendo moitas reunións de escaso contido e cunhas míseras concesións, desas que polo que lle costaba, xa podían telas feito antes pero recordade que antes as traballadoras e traballadores públicos eramos vagos e ineficientes, agora fálase de recoñecer as nosas contribucións e de facernos partícipes tamén da "recuperación económica"... lástima que non gocemos dela como están a gozar a banca e as grandes empresas.

Datos de concesións e denegacións de flexibilidades horarias e teletraballo de outubro 2015

A Administración remítenos os datos acumulados das flexibilidades horarias e do teletraballo con relación á data de 31 de outubro.

Disparouse neste mes pasado a flexibilidade automática nos servizos periféricos (+206), pasando por primeira vez os datos globais de 7000 resolucións favorables (menos da metade de todo o persoal que traballa en Administración Xeral da Xunta (ou sexa, sen Ensino, Saúde e Xustiza). 

As flexibilidades familiares seguen avanzando lentamente cara as 1000; subiron este mes 14 nos servizos periféricos e 2 tan só nos Servizos Centrais. O teletraballo, que mellor forma de conciliar a vida laboral, familiar e persoal, aínda se move máis lentamente e está en 86. Só 86 persoas en toda a Administración Xeral da Xunta fai teletraballo de xeito oficial dos 2000 potenciais usuarios/as que vendía a Xunta a comezos de 2014.

venres, 6 de novembro de 2015

Modificación Decreto de listas de substitución: alegacións

A CIG presentou alegaciónsao proxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, que regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

Descarga

Novas relacionadas:

Un microconcurso de traslados con 10 postos e ademais 3 deles para amortizar

Esto é o que sucede no concurso de traslados da escala de estatística e anuncia o camiño da extinción que xa inciaron cos postos públicos en xeral e que sufren en marior medida canto máis pequena é a escala. 

A realidade é que a amortización de postos de libre designación non leva a mesma intensidade cos de concurso, co que se está a producir unha inversión da piramide de recursos humanos máis que evidente no que cada vez máis choio acaba sendo subcontratado. O obxectivo final: privatizar todas as funcións posibles. Os efectos: menos servizos públicos, menos postos para concursos ou promoción profesional e tamén máis posibilidade de corrupción.

Modificación da RPT de Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, AAPP e Xustiza

Achega a empresa os cambios que vai facer respecto da súa proposta inicial logo das alegacións das organizacións sindicais e tamén achegan un par de cambios a iniciativa propia. 

Escaso, moi escaso para todo o que podían cambiar... nas amortizacións, na inversión da pirámide dos recursos humanos, na titulitis, na apertura de postos a outras Administracións ou no da recentralización dos postos bases na SXT e mover ao persoal ao seu antollo baleirando de sentido os concuros de traslados...

Proposta inicial

Cambios respecto do borrador da memoria xustificativa, logo da reunión coas organizacións sindicais

Concurso de traslados de corpos xerais: 2752 persoas admitidas provisionalmente

No DOG do 6 de novembro publicouse a resolución de aprobación da lista provisional de persoas admitidas e excluídas no concurso de traslados de corpos xerais de persoal funcionario da Xunta de Galiza.

Esta lista xa foi anunciada que ía ser publicada en setembro e finalmente demorouse ata novembro sen moitas máis explicacións. Supoñemos que se trataba de depurar os posibles erros. En total, e de xeito provisional, hai 2752 persoas admitidas e 169 excluídas. Recordamos que o número de postos inicialmente ofertados ascende a 1310 pero hai que ter en conta a fase de resultas e as persoas que só concursan nesta fase, por vez primeira

As persoas que non aparezan en ningunha destas listas e aquelas excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para reclamar.

xoves, 5 de novembro de 2015

Calendario laboral 2016 actualizado (inclúe festas locais)

https://drive.google.com/file/d/0B1evwCG_jwK2dWRYZ2k0Q2JrNzg/view

Trala aprobación en xullo do calendario laboral 2016 coas festividades propias do noso país, a finais de outubro chegou a publicación no BOE do calendario para todo o estado español coas festividades nas diferentes comunidades autónomas.

O ùltimo en chegar é a publicación nos boletíns oficiais das provincias das festas locais en cada concello (2) que habería que sumar ao calendario laboral. Para todas aquelas persoas que traballamos nos Servizos Centrais temos que ter en conta que o 5 de maio, xoves, (Ascensión) e o 16 de agosto, martes, (San Roque) serán os festivos no concello de Santiago de Compostela e por tanto non laborables.


Ligazóns relacionadas:

Lotaría de Nadal da CIG - Núm. 84.535

Xa temos lotaría de Nadal, o mesmo número de sempre, o 84.535, ao que xogamos todos os anos nos Servizos Centrais da Xunta de Galiza.

Se desexas adquirir unha participación (ou as que queiras, mentras non a esgotemos...) só tes que acudir aos locais da CIG en San Caetano e San Lázaro.

No local de San Caetano téñena á vosa disposición a compañeira Mar Peteira e Xosé Ramón Vázquez. Tamén vos podedes poñer en contacto con nós a través da conta cig.sscc@gmail.com.

Xa está chamando Amancio Ortega que quere a metade dos números, así que non vos durmades...

Convocadas 1.332 prazas na Administración Xeral do Estado

Instancias até 23 de novembro de 2015

En marzo foi publicada a Oferta de Emprego Público para 2015 e agora (xusto agora) chega a convocatoria de varios dos procesos selectivos con maior demanda. Como sempre, a encargada da súa realización será a Comisión Permanente de Selección.


Novo sistema telemático de autocálculo da pensión de xubilación da Seguridade Social

A partir do día 5 de novembro está dispoñible na Sede Electrónica da Seguridade Social a nova aplicación para facer o autocálculo da pensión de xubilación. Ter un certificado dixital ou DNI electrónico facilita a obtención dos datos precisos para o cálculo.


Con este servizo, poderás efectuar un cálculo aproximado da contía da túa futura pensión de xubilación. Deberás introducir os datos que se che van requirindo, contando en determinados casos cunha opción de "axuda" con explicacións para o seu correcto enchemento.

De acordo cos datos introducidos, o sistema determinará:

Principais novidades da nova versión consolidada do Estatuto Básico do Empregado Público

No BOE do 31 de outubro publicouse o Real Decreto Lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público.

Son varios os textos legais que o Goberno do estado español sacou adiante a última hora (recordamos a nova Lei de Procedemento Administrativo e a de Réxime Xurídico das Administracións Públicas) e tamén son varias as versións consolidadas baixo a forma de Real Decreto Lexislativo que están a publicar: a semana pasada foi o novo texto refundido do Estatuto dos Traballadores e nesta semana tocoulle ao Estatuto Básico do Empregado Público mais tamén, entre outros, ao texto refundido da Lei da Seguridade Social.

Principais novidades do texto refundido do Estatuto Básico do Empregado Público