xoves, 12 de marzo de 2020

A Xunta de Persoal esíxelle á Xunta de Galiza medidas inmediatas ante o coronavirus

A Xunta de Persoal de SSCC vén onte, mércores día 11de marzo, de solicitar unha reunión urxente coas responsables de Función Pública, Sanidade e Vicepresidencia, para a adopción de medidas urxentes nos centros de traballo.

O texto que podedes descargalo dende aquí; incide na posta en marcha inmediata de protocolos claros de actuación, limpeza, teletraballo, que van redundar na minoración da incidencia da propagación do coroavirus.

Última hora!!! Hoxe as 14.00 están convocadas  todas as OOSS a unha reunión para tomar medidas na Administración Pública. Seguiremos informando.....

mércores, 11 de marzo de 2020

A administración dixital ten que implicar unha redución da xornada laboral e aumento do teletraballo

En 7 anos que aumentou a administración dixital, a Xunta non fixo a penas cambios na Orde de xornada laboral, teletraballo e flexibilidade


Ano 2012: daquela o Goberno da Xunta gustaba de empregar "racionalizar" e "modernizar" como sinónimos de recortes nos servizos públicos e/ou privatizacións. O moderno e o racional era despedir xente, non cubrir xubilacións, pagar por enfermar, ter menos días de vacacións e por suposto, cobrar menos e baixar impostos.

Ano 2013: nun acerto serodio, aínda que con importantes eivas que fican sen solucionar a data de hoxe, aproban a Orde de xornada laboral, flexibilidade e teletraballo, no que por fin "moderno" equivalía a "conciliación persoal, familiar e laboral" e algo favorábel para a clase traballadora que somos.

Desde o 2013 ata o 2020 pasaron xa 7 anos e moitos cambios na actividade productiva da Administración xeral da Xunta de Galiza coa introdución de diversas ferramentas de tramitación electrónica, coroados coa publicación en xullo de 2019 da Lei de administración dixital que vén sentar as bases xurídicas dunha Administración galega dixital plena, alomenos, nos servizos que non implican atención presencial obrigada.

EGAP - convocadas actividades formativas para preparación promoción interna (con medios propios parece ser)

No DOG núm. 48 Mércores do 11 de marzo de 2020 publícase a RESOLUCIÓN a convocatoria de actividades formativas en liña de apoio á preparación das probas selectivas para o acceso, pola quenda de promoción interna, a diversos corpos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ofertan catro actividades formativas dirixidas, cada unha delas, a apoiar a preparación das probas selectivas para o acceso, pola quenda de promoción interna, aos corpos superior, subgrupo A1; de xestión, subgrupo A2; administrativo, subgrupo C1; e auxiliar, subgrupo C2 da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo.

martes, 10 de marzo de 2020

A Xunta non protexe ao seu persoal no tema do coronavirus

Xa vimos vai semanas o que lle importa á Xunta a reunión dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral, pero é que nin co tema do coronavirus queren reunirse a tempo. Tamén co tema do radón demostrou un desleixo fóra do normal.

O día 5 de marzo 2020 solicitamos a convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Intercentros para acordar a implantación  de medidas de prevención de riscos perante a infección do COVID 19 no ámbito laboral do Xunta de Galiza. A resposta da Xunta foi convocarnos para o día 17 de marzo.

A día de hoxe a Xunta non implantou medidas específicas de protección fronte este virus infeccioso nos centros de traballo. É necesaria a convocatoria dos Comités de Seguridade e Saúde laboral para propor e avaliar ditas medidas e valorar a determinación do risco. Tralas medidas adoptadas polo Consello de Ministros este martes na Función Pública da Administración Xeral do Estado, a Xunta debera aprobar algo similar este xoves.

luns, 9 de marzo de 2020

O concurso xeral suspendido polo coronavirus ou que?

Semella esta a única medida implantada polo Goberno da Xunta con relación a este tema ou non, tampouco se pronuncia nin sobre o concurso nin sobre o plan fronte o coronavirus nos propios centros da Xunta, que son moitos.

O concurso xeral convocouse a finais de novembro e a día de hoxe aínda non se abriu nin o prazo para solicitar os postos. Semella pois que o concurso permanente era eso, vivir nunha situación permanente de espera polo concurso.  Dende a CIG xa denunciamos varias veces a deixadez destes máis que malo, os siguinte, director da Función Pública Galega cos dereitos dos traballadores e traballadoras desta administración. Neste caso vamos falar do dereito a movilidade e a carreira profesional a traves do concurso. 

mércores, 4 de marzo de 2020

Á Xunta de Galiza non lle importa a saúde do seu persoal

O día 24/02/2020 tivemos reunión ordinaria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Servizos Centrais, despois de ano e catro meses sen reunir dito comité, cando a lei di que se ten que reunir cada tres meses (a acta da reunión anterior e do 15/10/2018).

Dicir que o presidente, que é o que organiza hora, dia e convocatoria, non asistiu, e mandou un substituto. Comentar tamén que sendo a hora e tendo un comité paritario entre representantes da administración e representantes das organizacións sindicais de 10 membros por cada parte, estaban 9 membros das organización sindicais e 4 da Administración. O presidente substituto tivo que facer varias chamadas para que asistira un máis para ter quorum, e facer un paripé de reunión con catro “mariachis” que non tiñan materia para dar explicacións (non se avaliara ningún centro da súa consellería) e onde faltaban os principais actores.