martes, 27 de decembro de 2016

Feijóo sóbese o soldo 2 caixas e media de Vega Sicilia

O mellor para evitar calquera sombra de dúbida sobre a propia honorabilidade é pagar os vicios cos cartos de cada quen. Dito e feito: de cara ao ano que vén os cargos políticos da Xunta (Feijóo tamén) subiranse o soldo  entre un 7 e un 7,5% do salario.

En termos absolutos, Feijóo verá crecer o seu soldo en 5.500 € brutos ata chegar aos 73.000€ anuais. Tendo en conta o resultado do informe da fiscalía que foi admitido pola xustiza e envíado ás altas instancias, iso suporía 2,5 caixas de Vega Sicilia (das de 6 unidades, ollo). Realmente non dá para moito.... e é que cobrar só 7,5 veces o SMI non dá para case nada.

O Voceiro - Nadal 2016: Rey Varela inensible, cruel e irresponsable

https://drive.google.com/file/d/0B1evwCG_jwK2Sy15VDI0SlVtTFk/view?usp=sharing
Xa está dispoñible para descarga o número de Nadal de 2016 do Voceiro, o boletín informativo da sección sindical da Consellaría de Traballo e Benestar da Coruña.

Neste número:
  • Rey Varela: insensible, cruel e irresponsable
  • Mobilizacións e convocatorias, cambios no comité, residencia de maiores de Caranza,  CAPD A Coruña
  • Cobertura cero do persoal laboral de atención directa de Política Social durante as festas do Nadal
  • Humor: Feijóo "Feliz Navidad! Viva el vino!"

A CIG lanza unha campaña de mobilizacións pola recuperación de dereitos

Está prevista unha manifestación nacional o 28 de xaneiro; mobilizacións comarcais o 14 de febreiro e mobilizacións o 10 de marzo, sen descartar folga xeral contra o mes de maio


O secretario xeral da CIG , Suso Seixo, compareceu esta mañá en rolda de prensa, acompañado polo secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, para anunciar unha campaña de mobilizacións pola recuperación de dereitos laborais e sociais que, polo momento, se traduce na convocatoria dunha manifestación nacional en Compostela, o 28 de xaneiro, en defensa das pensións; concentracións comarcais o 14 de febreiro e mobilizacións o 10 de marzo, sen descartar cara os meses de abril ou maio a convocatoria dunha folga xeral.

Campaña de concienciación de seguridade. Redes Wifi inseguras e roubo da información

Achegamos información e consellos de interese da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) sobre a alería coa que empregamos as zonas de "wifi gratis" sen cifrar. Seguimos agardando, por outro lado, esa reunión para tratar das problemáticas do persoal informático da Xunta.

Redes Wifi.

Nos últimos tempos o emprego das redes de acceso sen fíos (Wifi) experimentou un enorme crecemento pasando a empregarse de modo habitual nos domicilios, empresas, edificios de acceso público e nas rúas. Existen moitos lugares onde hai redes sen fíos de cortesía que non teñen contrasinais de acceso e que permiten o acceso a Internet ás persoas que as empregan.

luns, 26 de decembro de 2016

Bo nadal e feliz aninovo

Co desexo dunhas boas festas e un feliz ano novo 

Pola defensa dos Servizos Públicos Galegos e pola recuperación e avance de dereitos laborais e sociais para todas e todos os e as galegas.  

Unha forte aperta nacionalista e de clase. 

venres, 23 de decembro de 2016

Seguridade e saúde laboral para traballadores/as maiores de 55 anos

Pica sobre a portada para descargar
Está a túa disposición a nova ferramenta “Asesoramento Técnico” que permite realizar consultas on line en materia de prevención de riscos e saúde laboral; o acceso ao formulario de contacto pode atoparse na  portada da web ou premendo aquí.

O Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral vén de publicar o seu boletín número 22, no que, entre outras cuestións, se recollen artigos sobre os riscos novos e emerxentes relacionados coa seguridade e saúde laboral das traballadoras e traballadores maiores de 55 anos; o centenario da OIT e o Informe Executivo da Eurofound: “Traballo sostible ao longo de toda a vida: políticas e estratexias nacionais”, ademais dunha síntese da actividade do propio Gabinete ao longo do ano 2016.

xoves, 22 de decembro de 2016

Cambio do sentido do silencio nas reclamacións retributivas

Entre o proxecto de lei de acompañamento dos Orzamentos 2017 colaron un artigo (o 40) adicado a nós. O dito artigo establece o sentido do silencio desestimatorio en reclamacións retributivas formuladas polas empregadas e empregados públicos da administración xeral e do sector público autonómico de Galiza. Pensaredes que é algo evidente pero non o é tanto cando até estaba formulada unha cuestión de constitucionalidade con relación a isto.

Este cambio lexislativo deriva da campaña de reclamación das pagas extras 2013 que ao final acabou coas sucesivas derrotas en vía xudicial do Goberno de Feijóo e devolución de facto coa nómina de agosto. Para o persoal funcionario rexe a vía do contencioso-administrativo e nesta operan os sentidos do silencio. Foi tanto o pasotismo (e prepotencia) da Xunta que ao final acabouno pagando... e tanto. Aquí tes a explicación.

Publicación das listas DEFINITIVAS de persoas admitidas e excluídas para as listas de substitución

O DOG do 22 de decembro anuncia a publicación das listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, regulado no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, modificado polo Decreto 124/2016, do 8 de setembro.

As listas de persoas admitidas poden consultarse no portal web da Xunta de Galicia (www.xunta.gal), na epígrafe de listas de contratación de Función Pública.

mércores, 21 de decembro de 2016

Centros de ensino: a ameaza da nova “escala Frankenstein” de persoal de servizos xerais

No proxecto de Lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación (Lei de acompañamento dos Orzamentos 2017) o goberno galego inclúe a creación dunha nova escala do corpo auxiliar (subgrupo C2), misturando diversas funcións propias de corpos de funcionarios e de categorías de persoal laboral xa existentes. É a "Escala de Persoal de Servizos Xerais (PSX)"

É no artigo 9 deste proxecto de Lei onde crean esta "escala Frankenstein", feita con retais de funcións doutros corpos para ter “chicos para todo”, o cal contravén o disposto no artigo 40.2 da Lei do emprego público de Galiza: “Non poden crearse novos postos e escalas cando a súa titulación e funcións sexan iguais ás doutros que xa existan”.

A nova escala, tería as seguintes funcións:

martes, 20 de decembro de 2016

A Xunta de Galiza crea unha nova categoría na administración pública: “chico/a para todo”

Dende a CIG-Autonómica exixen que se inclúan nas categorías existentes no V Convenio


“A Xunta de Galicia leva 8 anos incumprindo o convenio colectivo para o persoal laboral da Administración galega e negándose reiteradamente a convocar a mesa de funcións para definir as mesmas en todas as categorías, tal e como recolle o convenio, e agora pretenden eliminar todas as funcións de dito persoal para crear categorías que fagan de todo”.

Importantes cambios na Lei de emprego público a través da Lei de acompañamento dos Orzamentos 2017

Tamén introduce cambios na Lei de medidas do 2012, na LOFAXGA ou na Lei do Consello Consultivo


Coas leis de acompañamento dos Orzamentos cada ano métense un montón de cambios lexislativos en plan caixón de xastre. Desta volta, no título II hai un novo capítulo adicado ao persoal público. Principalmente modifican a Lei de emprego público de Galiza pero tamén a Lei de medidas do ano 2012, aquela que ía ser temporal e ao final converteuse en perpétua. Negociación 0. Estos cambios chegaron aos sindicatos despois de ser remitidos ao Parlamento. Agora veñen e piden alegacións desde a Administración que seica as "poden meter como emendas en vía parlamentar". Viva a separación de poderes! Accede ao texto

luns, 19 de decembro de 2016

Avance da programación 2017 do Servizo de Prevención de Riscos Laborais

Achegamos documento que será tratado nunha vindeira reunión do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral. O dito documento recolle, entre outras, as avaliacións de riscos, medidas de emerxencia e actividades formativas previstas para o ano que vén.

Descargar documento

Mobilizacións en repulsa polos asesinatos machistas de Ana María e Elena

Facemos un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG forma parte, para este martes 20 de decembro, en repulsa aos asasinatos machistas de Ana María Enjamio e Elena Michaela Marcus.

Estes asasinatos non poden ser considerados como dous casos máis dunha longa lista de feminicidios. Son catro xa as galegas asasinadas durante o ano 2016. Estas en tan só dous días, mais deberan ser os derradeiros. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos. É preciso denunciar os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade a violencia contra as mulleres.

Desde a CIG unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega contra o feminicidio. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta.

Situación dos procesos selectivos en curso na Xunta e modificacións borradores Gardacostas

Achéganos Función Pública información dos "procesos selectivos en curso". Outra volta non ofrece moita máis información da que xa estaba dispoñible na súa páxina web. De novo, agradécemos o detalle pero insistimos que o que estamos demandando é un verdadeiro cronograma coa previsión do desenvolvemento dos diferentes procesos de inicio a fin e, sobre todo, que cumpran cos prazos de execución.

Por último, envían tamén  as correccións á Orde de convocatoria do proceso selectivo da escala de axentes do servizo de guardacostas de Galiza. Ver cambios.

venres, 16 de decembro de 2016

A CIG disposta á folga xeral se non se derrogan a lei mordaza e as reformas laboral, da negociación colectiva e das pensións

Inicia un proceso de acumulación de forzas para exixir a recuperación de dereitos laborais, sociais e condicións de vida dos traballadores/as


A CIG celebrou este mércores asembleas de delegados/as e mobilizacións en todas as comarcas para analizar as consecuencias das “contrarreformas” laborais, da negociación colectiva e das pensións nas condicións laborais e de vida da clase traballadora galega. A central acordou o inicio de protestas para exixirlle ao Goberno español un cambio de políticas que posibilite a recuperación de dereitos perdidos.

Adiantar a saída do traballo ás 18 horas para conciliar: unha medida de márqueting político irreal e insuficiente

A Secretaría da Muller denuncia a hipocrisía dun goberno que mantén medidas tan lesivas para a clase traballadora como a reforma laboral


O anuncio da Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, anunciando que buscará un Pacto de Estado para a conciliación e a racionalización dos horarios de xeito que a xornada laboral finalice ás 18 horas, pode parecer positivo e necesario, xa que é unha demanda  sostida no tempo pola nosa central sindical. Mais é insuficiente e pouco realista, tendo en conta a situación actual das relacións laborais.

mércores, 14 de decembro de 2016

Asembleas e concentracións nas comarcas pola recuperación de dereitos laborais, salariais e condicións de traballo dignas

A CIG prevé darlle continuidade ás mobilizacións nos próximos meses


A CIG convoca para mañá mércores, día 14 de decembro, asembleas de delegados/as e concentracións en todas as comarcas para presionar o Goberno español e exixir que haxa un cambio de políticas que posibiliten a recuperación de dereitos perdidos nos últimos anos como consecuencia das sucesivas reformas en materia laboral, de negociación colectiva ou pensións.

martes, 13 de decembro de 2016

COMO PRESENTAR RECLAMACIÓN A EXENCIÓN DA TRIBUTACIÓN DA PRESTACIÓN POR MATERNIDADE NO IRPF

Achegamos información detallada que pode ser de interese sobre como presentar a reclamación de dereito á exención da tributación da prestación por maternidade por IRPF.

PREVIO:

1º.- O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (Sentenza da Sala do CA de 6 de xulho do 2016) determinou, nun caso concreto, que a prestación de maternidade que satisfai a seguranza social está exenta do IRPF, criterio contrario ao aplicado pola Axencia Tributaria.

2º.- A sentenza do TSX de Madrid non senta xurisprudencia e, por tanto, non obriga a Axencia Tributaria a adoptar ise criterio: só é válido para o caso concreto axuizado.

venres, 9 de decembro de 2016

Información sobre procesos selectivos en curso

Achéganos Función Pública unha guía cos "procesos selectivos en curso". Realmente  que non ofrece máis información da que xa deron na Comisión de Persoal e/ou xa estaba dispoñible na súa páxina web. Agradécese o detalle pero o que estamos demandando é un verdadeiro cronograma coa previsión do desenvolvemento dos diferentes procesos de inicio a fin e, sobre todo, que cumpran cos prazos de execución.

A maiores, no DOG do 9 de decembro publicáronse varias novedades con relación a varios procesos, entre elas, os procedementos de acreditación de méritos da fase de concurso das promocións internas do C1 e C2.

luns, 5 de decembro de 2016

Como serán as retribucións públicas na Xunta para 2017? As de Feijóo excelentes

Feijóo e as persoas titulares das consellarías subiranse o soldo o 7 e 7,5%. 


O pasado xoves houbo un paripé de Mesa Xeral previa á aprobación do anteproxecto de Lei dos Orzamentos da Xunta para 2017. A esta Mesa Xeral acudiu o director xeral da Función Pública sen facilitarlle á parte social nin un mísero documento nin negociar nada do relativo ao punto que alí se levaba: a masa salarial do capítulo I. 

Procesos selectivos, concursos e outras informacións da última mesa xeral

Na Mesa Xeral do xoves 1/12/2016, e na Comisión de Persoal do día seguinte, tratáronse as bases dos procesos selectivos para ingreso na escala superior de finanzas, técnica de finanzas, e axentes de gardacostas.

Tamén tivemos ocasión de tratar outros asuntos, como o estado de diversos procesos selectivos que están actualmente en marcha, o vindeiro concurso de traslados de persoal laboral, o recurso do concurso de corpos xerais, a apertura dos rexistros os sábados, os días 24 e 31 de decembro, etc. 

mércores, 30 de novembro de 2016

Comisións de servizo: o abuso continúa

Mira que o temos denunciado,  pero por activa e por pasiva a Administración négase a regular esta maneira caciquil de prover temporalmente os postos. Di a Lei do Emprego Público de Galicia que a provisión por comisión de servizos deberá ser algo excepcional pero os datos din o contrario.

Servizos privatizados: máis caros e precarios. Exemplo da xestión da nave de libros do Tambre por EULEN.

No DOG do 29 de novembro anúnciase a contratación do servizo de xestión dos fondos bibliográficos da nave que a  Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universiatria ten no Polígono do Tambre en Compostela.

O caso é que se van a gastar 180.000 euros (en tres anos) para empaquetar libros que enviarán aos centros escolares e culturais do país. No prego de prescripcións técnicas solicítase que para este contrato un posto de mozo/a de almacén, amáis dun seguro de responsabilidade civil e unhas traspaletas. O mozo ou moza de almacén vai estar ben pagado porque ata os 60.000 euros/ano ten que valer moito o seguro e a traspaleta.

A realidade é que estamos ante outro contrato montado para a empresa Eulen (que leva coa adxudicación do servizo desde 2012) para darlle uns cartiños cunha grande marxe de beneficio. E sabedes quen figura de apoderada na dita empresa?: a irmá de Feijóo

Volven as Mesas Xerais: retribucións 2017 e oposicións

O xoves 1 de decembro está convocada a Mesa Xeral de Negociación de Empregados/as Públicos/as onde se van tratar: as bases dos procesos selectivos para ingreso nas escalas superior de finanzas (A1), técnica de finanzas (A2) e axentes de gardacostas (C1); tamén se vai discutir o anteproxecto relativo á masa salarial do capítulo I do proxecto de lei de orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2017.

Respecto os orzamentos do 2017, dicir que nestes momentos descoñecemos a proposta da Administración, pois xunto á convocatoria da Mesa Xeral non achegaron ningún documento. Esto é todo un síntoma do nulo interese por negociar e chegar a un acordo. Só temos declaracións na prensa de cargos políticos falando de que se suba do 1%, que se recuperaremos o complemento específico nas extras en 2017...

venres, 25 de novembro de 2016

Aclaracións á sentenza da exención do IRPF na prestación de maternidade

Con relación á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (810/2016 de 6 de xullo, sala contencioso-administrativo) que declara a PRESTACIÓN POR MATERNIDADE QUE ABONA A SEGURIDADE SOCIAL COMO EXENTA DO IRPF, o cal vai en contra do criterio seguido pola Axencia Tributaria, tras revisar o asunto coa nosa Asesoría Xurídica, esta é a información  xeral da que dispoñemos:

xoves, 24 de novembro de 2016

25 de novembro, COMBATENDO A VIOLENCIA MACHISTA

Desde a Confederación Intersindical Galega facemos un chamamento a participar nos actos e mobilizacións convocados arredor do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres.

A CIG convoca unha manifestación nacional que partirá ás 12:00 horas desde o edificio CERSIA (situado fronte á segunda entrada do Estadio de San Lázaro, preto do edificio sindical, en Compostela) até o edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, porque simboliza a nosa resposta ante os recortes e a pasividade do goberno fronte a violencia machista.

A CIG presenta conflito colectivo para reclamar os días 24 e 31 de decembro do persoal laboral de Política Social

A Resolución do 24 de febreiro de 2016 da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas (DOG n.º 44, do 4 de marzo 2016), establece na súa instrución 14.4 o dereito a dous días adicionais de asuntos particulares cando  os días 24 e 31 de decembro coincidan en sábado ou domingo.

A Consellería de Política Social interpreta a súa maneira esta resolución e denega ao persoal dos seus centros os dous días adicionais de asuntos particulares que se conceden ao resto do persoal da Xunta de Galiza. Así, a Subdirección Xeral de Persoal da Consellería de Política Social enviou, a través das xefaturas territoriais, a seguinte nota de rexime interior:

Solicitude de reunión coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Homologación salarial do persoal laboral informático. concurso de traslado, días de teletraballo, centros de destino na RPT e as esaxeradas privatizacións serían os temas a tratar.


A CIG solicitou unha entrevista urxente coa xerencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para tratar a homologación salarial do persoal laboral informático. Esta situación, que se remonta ao ano 1993,  foi exposta reiteradamente pola representación da CIG en varias reunións coa AMTEGA e da Xunta, sen que até o momento as persoas responsábeis teñan convocado unha reunión para chegar a unha solución.

Peche das oficinas de rexistro da Xunta os días 24 e 31 de decembro

A entrada en vigor da Lei 30/2015 do procedemento administrativo común das Administración Públicas, que declarou como non hábiles os sábados, e o feito de que este ano os días 24 e 31 de decembro coincidan en sábado, fai superfluo e inútil o feito e abrir as oficinas de rexistro eses días.

A CIG destaca que o peche dos rexistros neses dous días non vai provocar ningún prexuízo ao público xeral nin a ningunha Administración e sería coincidente co recollido na Resolución do 24 de febreiro sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas sobre o peche neses dous días de todas as oficinas públicas e facilitaría a conciliación da vida familiar coa laboral das persoas traballadoras nas oficinas dos rexistros.

martes, 22 de novembro de 2016

A Xunta de Galicia repartiu 12 millóns a dedo aos medios nos últimos anos sen cumprir as normas de contratación e subvencións

Principais achegas da Xunta de Galiza vía convenios con medios
  • Utiliza a figura do convenio de forma recorrente para repartir diñeiro público a xornais, radios e televisións
  • O texto completo destes acordos non é público
  • A maioría están destinados a publicar noticias ou anuncios de publicidade institucional, aínda que non se xestionan como contratos
  • La Voz de Galicia e Editorial Prensa Ibérica, as máis beneficiadas

luns, 21 de novembro de 2016

Recoñecemento do tempo do servizo militar

Vén de comunicar a Dirección Xeral de Función Pública que van publicar no DOG do 22 de novembro o Acordo sobre o recoñecemento do tempo do servizo militar ou equivalente para o cómputo de trienios (dereito recoñecido no artigo 26.1 do V Convenio Colectivo).

Logo da correspondente publicación do acordo, todo o persoal laboral que dispoña da certificación expedida polo Ministerio correspondente poderá achegala á Dirección Xeral da Función Pública.

No seu día a CIG interpuxo un conflito colectivo para o recoñecemento do servizo militar para o computo dos trienios do persoal laboral do V Convenio Colectivo da Xunta de Galicia. O persoal letrado da administración contactaron cos servizos xurídicos da CIG para pospoñer o xuízo de cara a unha negociación. O xuízo foise aprazando ata lograr un acordo favorable as nosas pretensións e a aquelo que as sentenzas previas viñan recoñecendo.

venres, 18 de novembro de 2016

A CIG chama á mobilización en defensa das pensións

Persoas xubiladas e pensionistas da CIG denuncian que se está poñendo en cuestión a súa viabilidade para favorecer os plans privados.


O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG iniciou este xoves, con concentracións nas sete cidades e en Verín, unha campaña para sensibilizar á poboación, nomeadamente aos xubilados/as e pensionistas, sobre a necesidade de mobilizarse en defensa do sistema público de pensións, do poder adquisitivo das mesmas e polo dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao SMI.

xoves, 17 de novembro de 2016

Denuncian a paralización das oposición aos corpos xerais da Xunta de Galiza

A CIG-Administración Autonómica alerta de que non cumprir os prazos xera “inseguridade xurídica” nas opositoras/es


O sector da Autonómica da CIG-Administración vén de denunciar o lento desenvolvemento dos procesos selectivos de Corpos Xerais da Xunta de Galiza. Unha lentitude provocada polo indeterminado tempo que pode transcorrer entre a publicación da Oferta de Emprego Público e a da convocatoria e a inconcreción nas datas de realización dos exercicios e o exceso nos prazos entre cada un destes.

Os procesos máis afectados polos atrasos son:

luns, 14 de novembro de 2016

Mobilizacións o 17 de novembro "ante a ameaza constante ás nosas pensións"

O colectivo de Xubiladas/os e Pensionistas da CIG convoca concentracións nas sete cidades


O Colectivo de Xubiladas/os e Pensionistas da CIG vai iniciar unha campaña para "propiciar a mobilización e a participación activa" deste colectivo na defensa do sistema público de pensións, do poder adquisitivo das mesmas e polo dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao SMI. Con tal motivo, o 17 de novembro teñen convocadas concentracións nas sete cidades galegas.  

venres, 11 de novembro de 2016

"NOVO" GOBERNO: NOVAS (des) ESPERANZAS


Tralas eleccións do pasado 25 de setembro, o Partido Popular revalidou a sua maioría absoluta, e vai gobernar este país outros catro anos. Así, o xoves día 10 de novembro o candidato Feijoo foi investido polo Parlamento como novo presidente e nos seguintes días nomeara aos membros do novo goberno.

Calendario laboral 2017 actualizado (inclúe festas locais)


Trala publicación en xullo do calendario laboral 2017 coas festividades propias do noso país, en outubro chegou a publicación no BOE do calendario para todo o estado español coas festividades nas diferentes comunidades autónomas.

O último en chegar é a publicación nos boletíns oficiais das provincias das festas locais en cada concello (2) que habería que sumar ao calendario laboral. Para todas aquelas persoas que traballamos nos Servizos Centrais temos que ter en conta que o 25 de maio, xoves, (Ascensión) e o 16 de agosto, mércores, (San Roque) serán os festivos locais no concello de Santiago de Compostela e, polo tanto, non laborables.

xoves, 10 de novembro de 2016

Feijóo di que nesta lexislatura recuperaremos "o nivel salarial perdido"

Recuperaremos tamén o resto de dereitos non salariais recortados, haberá concursos permanentes, os procesos selectivos serán áxiles e respectarán os prazos, haberá unha tarxeta benvida para persoal de novo ingreso e soltará unicornios rosas polos corredores de San Caetano.


Por recuperar o nivel salarial perdido, se lemos entre liñas do discurso da investidura, seguramente se está referindo ao que xa nos vendera antes das eleccións con aquel acordo de teatriño no que recollían que para 2017 se comprometía a devolvernos o complemento específico nas pagas extras (ou equivalente para persoal laboral). Este recorte implantado no 2013 supuxo un recorte do 4%, ano tras ano, no noso salario. O truco é que esta recuperación dependerá das dispoñibilidades orzamentarias e no horizonte planean novos recortes da Troika.

mércores, 9 de novembro de 2016

A Xunta incrementa o negocio privado cos helicópteros da loita contra incendios forestais

A xunta retira os helicópteros das bases con persoal propio do Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) e mantén a pleno rendemento as bases xestionadas pola empresa privada NATUTECNIA.


Unha vez rematou a tempada de alto risco de incendios forestais, que este ano se prolongou até o 15 de outubro, a Xunta de Galiza – Consellaría do Medio Rural- retirou os helicópteros do SPDCIF das bases nas que conta con persoal propio da administración. Trátase das bases de Marroxo en Lugo, Campiño en Pontevedra e Vilamaior en Ourense. Estas bases contan con persoal fixo descontinuo de 9 meses, traballadores da Administración Autonómica que agora están a prestar servizo como brigadas helitransportadas sen helicóptero.

Publicación das listas provisionais de persoas admitidas e excluídas para as listas de substitución

O DOG do 9 de novembro de 2016 anuncia a publicación das listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, regulado no Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

As listas poderán consultarse no Servizo do Rexistro Xeral e Información da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no Servizo de Información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia, nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia e na seguinte ligazón.

luns, 7 de novembro de 2016

Borradores de novas convocatorias de 16 prazas de persoal funcionario nas escalas de Finanzas

Aínda sen rematar os actuais procesos selectivos en marcha, achéganos xa Función Pública os borradores das seguintes ordes de convocatoria: 
  • Corpo superior de Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas. OPE 2013. 8 prazas (2 promoción interna). Requisito de titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama. Descargar

  • Corpo de xestión de Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas. OPE 2014. 8 prazas (2 promoción interna). Requisito de titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de diplomado/a universitario/a, enxeñeiro/a técnico/a, arquitecto/a técnico/a ou grao de calquera rama. Descargar

xoves, 3 de novembro de 2016

Persoal da Xunta está sendo obrigado a prestar servizos para empresas privadas de cátering escolar

CIG-Administración denuncia que a Xunta podería estar incorrendo nunha cesión ilegal de traballadores/as


CIG-Administración Autonómica da Coruña alerta da situación na que se atopa determinado persoal laboral da Xunta do colectivo de auxiliares coidadoras/es, que están sendo obrigadas/os a prestar os seus servizos nos comedores  escolares xestionados por entidades privadas “sen ánimo de lucro”.

mércores, 2 de novembro de 2016

Lotaría de Nadal da CIG - Núm. 84.535


Xa temos participacións da lotaría de Nadal para o mesmo número de sempre, o 84.535, ao que xogamos todos os anos nos Servizos Centrais da Xunta de Galiza. As participacións son de 5€ e os décimos están depositados na Administración de loterías nº11 de Santiago de Compostela.

Se desexas adquirir unha participación (ou as que queiras, mentras non a esgotemos...) só tes que acudir aos locais da CIG en San Caetano ou San Lázaro.

Resolución definitiva do Fondo de Acción Social 2015

No DOG do 31 de outubro anunciase a exposición das listaxes definitivas de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do fondo de acción social do exercicio económico 2015. Actualmente, e trala lei de medidas do 2012, segue restrinxido exclusivamente para axuda á atención de persoas con discapacidade que abranguiu este ano a 626 persoas.

Aquí podedes consultar a resolución e aquí podedes consultar as listaxes. Para o coñecemento íntegro do acto, as persoas solicitantes deberan introducir nos espazos habilitados para o efecto o NIF e mais o código de impresión da súa solicitude. De non estar conforme, podes interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes.

venres, 28 de outubro de 2016

Formación obrigatoria que despois non conta para nada

O día 24 de outubro de 2016 comezou unha actividade formativa on-line para o persoal auxiliar dos centros de ensino enfocada a que coñezan a nova aplicación informática que se utilizará a partir do curso 2017-2018 xa que a dita ferramenta vai ser de uso obrigatorio nos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato.

Esta formación, a pesar de ser cuase obrigatoria, non ten asociado o recoñecemento de horas de formación e tratouse de ocultar ata o momento no que decidiron aplicala. Deste xeito podemos dicir que ata a comunicación ás traballadoras e traballadores destinatarios, nin a nosa central sindical nin a representación do persoal tivo coñecemento desta.

Publicación das listas provisionais de contratación e apertura de varias listas

Nos próximos días vaise abrir un prazo extraordinario de apertura das listas das categorías III-14 (Xefe/a de cociña) e do V-1 (Camareito/a limpador/a) que se esgotaron no verán. A resolución pola que se abre este prazo de inscrición de novas solicitudes nestas dúas listas publicarase no DOG do día 31/10/2016. Dito prazo, por ser excepcional, será máis curto polo que as persoas interesadas en apuntarse poderán facelo ata o día 8 de novembro.

Por outra banda, nos primeiros dez días de novembro vanse publicar no DOG as listas provisionais de admitidos/excluídos do período ordinario de novas inclusións. A idea da Administración é publicar as listas definitivas no mes de decembro.

mércores, 26 de outubro de 2016

A CIG exíxelle á Xunta a negociación inmediata dunha OEP que remate coa precariedade no emprego público

Co fin de evitar á previsible xudicialización derivada das sentenzas emitidas polo TXUE con respecto ao persoal funcionario interino e laboral temporal, a CIG reitérase por enésima vez no seu posicionamento de exixirlle á Xunta de Galiza a negociación con carácter inmediato dunha oferta de emprego público extraordinaria nos seguintes termos:
  • Oferta de todas as vacantes existentes en todas as categorías do persoal laboral e en todos os corpos e escalas de persoal funcionario.

luns, 24 de outubro de 2016

Persoal interino, indefinicións, indemnizacións

A raíz de varias sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) e de varios xulgados, estes días está a ter repercusión mediática unha serie de asuntos que afectan ao persoal que temporal ou interinamente desempeña postos de traballo nas Administracións Públicas.

En primeiro lugar facer constar que hai unha diferenza entre persoal laboral, por unha banda e persoal funcionario interino ou estatutario, por outra. Compre diferencialo porque no caso das indemnizacións por cese afectan ao persoal laboral temporal, e pode, de aí que animemos a presentar demandas, ao persoal funcionario interino.

xoves, 20 de outubro de 2016

A EGAP cobrará pola formación: corrección de erros

O mércores 19 publicamos unha nova titulada “A EGAP cobra polos cursos de formación ao persoal público”, onde informabamos de que a EGAP faría caixa coa formación das empregadas e empregados públicos. Faciamos referencia a dous cursos publicados no DOG dese día: curso superior sobre as leis 39/2015 e 40/2015 do procedemento administrativo común (LPAC) e do réxime xurídico do sector público (LRXSP) e curso superior sobre transparencia, bo goberno e datos públicos.

Ao redactar a nova, fixemos pola nosa parte unha interpretación errada ao afirmar que co curso sobre as leis 39/2015 e 40/2015 sucedía o mesmo que co curso sobre transparencia. Advertido o erro, corrixímolo: mentres no curso superior sobre transparencia si se lle vai cobrar o persoal funcionario e laboral da Xunta de grupos A1, A2, I e II 200 euros, no curso sobre as leis 39/2015 e 40/2015 só terán que pagar aquelas persoas que non sexan empregados/as públicos da Xunta de Galiza.

mércores, 19 de outubro de 2016

A EGAP cobra polos cursos de formación ao persoal público

No DOG do 19 de outubro saen convocados dous cursos da EGAP destinados a persoal funcionario polos que hai que pagar: 100 € por un de procedemento administrativo e réxime xurídico do sector público e 350 € por un de transparencia. 

As empregadas e empregados públicos da Xunta de Galiza imos ter que pagar por formarnos para desenvolver mellor o noso traballo. A EGAP (en diante, “Escola Galega de Administración Privada”), quere facer caixa coa formación do persoal público.

luns, 17 de outubro de 2016

Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 21: A sinistralide laboral dispárase un 6,6% na primeira parte do ano

Xa está dispoñible para descarga electrónica o número 21 da revista de Saúde Laboral da CIG. Neste número trátanse os seguintes temas:
  • Accidentes laborais no conxunto do Estado e na Galiza: primeiro semestre de 2016
  • Primeiros auxilios en resucitación cardi-opulmonar (RCP) e principios para a utilización do desfibrilador
  • Os/as traballadores/as do estado español entre os/as menos absentistas de Europa
  • Novo regulamento europeo sobre Equipos de Protección Individual (EPIs)
  • Os accidentes cardiovasculares configúranse como primeira causa de morte no traballo.

Asesoramento técnico telemático

xoves, 13 de outubro de 2016

A Xunta saca a lingua a pacer cos "moitos" concursos de traslados realizados nestes últimos 7 anos

Presume de ter resolto nestes últimos 7 anos un total de 14 concursos, cando de axustárense á norma terían que ter sido moitos máis.

A Xunta vén de sacar unha nota de prensa sobre a toma de posesión e datos numéricos do último concurso de traslados: o de corpos xerais. Son 1.100 funcionarias e funcionarios os que tomaron posesión, tras non pouco agardar, na primeira semana de outubro. Partíamos de 1.872 postos ofertados e 2.791 solicitudes. Ata aí correcto.

O curioso é o feito de se remontaren aos datos totais desde o 2009 para sacar peito de que se teñan convocado e resolto 14 concursos de traslados, con 4.800 persoas que obtiveron un posto “que se adapta mellor ás súas necesidades”. Nada reflexionan sobre o fracaso de non ter posto en marcha en 7 anos o concurso permanente ou que, canto menos na teoría, terían que ter sacado un concurso por ano para os diferentes tipos de administración (xeral/especial), escalas e persoal laboral.  Así o recolle o V Convenio Colectivo e así o recollía até o ano pasado a Lei galega de Función Pública.

luns, 10 de outubro de 2016

341.000 € para animar a natalidade nos medios de comunicación

No DOG do 10 de outubro publícase a relación de convenios de colaboración suscritos pola Consellaría de Política Social no segundo cuadrimestre deste ano. Entre outras cuestións, figuran un total de 341.000 € destinados para "accións divulgativas e información vencellada ao fomento da natalidade nos medios de comunicación".

O premio gordo, como xa é habitual, lévao Corporación Voz de Galicia, S.L.U., con practicamente 150.000 €, seguido en segundo lugar polo Faro de Vigo con menos da metade, 68.373 €. A bastante máis distancia atópanse Progreso de Lugo, S.L. e La Región con 25.000 € e 21.000 € respectivamente. Tamén atopamos diversos convenios coas radios de implantación galega de entre 700 e 4.000 €.

A CIG convoca concentracións en todas as cidades galegas contra o TTIP para o vindeiro 15 de outubro

Alerta de que os tratados de libre comercio que se están a negociar “son a ruína do pobo galego”e chama a mobilizarse para paralos.


A CIG convoca, para o sábado 15 de outubro, concentracións na Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vilagarcía e unha manifestación unitaria en Vigo contra o TTIP. As mobilizacións en Galiza coinciden cunha xornada internacional de rexeitamento a este e outros tratados de libre comercio que se están a negociar, como o CETA e o TISA, que a central sindical considera que terán graves consecuencias para a nosa economía, para o emprego e para a propia soberanía nacional.

mércores, 5 de outubro de 2016

Actualización dos sistemas informáticos das Oficinas de Emprego

A CIG denuncia que non se migrase a unha plataforma de software libre, de acceso universal e cun mantemento e mellora que podería desenvolverse de xeito local cun custo máis reducido.


Neste sindicato temos recibido queixas das traballadoras e traballadores públicos pola obsolescencia dos sistemas informáticos das oficinas de emprego. Na CIG temos coñecemento de que a AMTEGA iniciou os traballos necesarios para a súa renovación xa a finais de 2015. O tempo pasa e parece que o tema non adianta moito. Puxémonos en contacto coa AMTEGA para saber a que era debido o atraso na implantación do novo sistema e para que nos explicasen como vai ser este plan de mellora da infraestrutura.