mércores, 24 de novembro de 2021

Mobilización en San Caetano contra a demora do concurso de traslados

Mobilizámonos contra a demora do concurso de traslados e a ineptitude da dirección xeral da Función Pública

Arredor de 200 persoas, entre delegadas e persoal de servizos centrais, rodeamos este martes 23 de novembro, en manifestación, o edificio administrativo da Xunta de Galiza de San Caetano para esixir a dimisión do Director Xeral de Función Pública. É inadmisible a demora do concurso de traslados en seis meses máis, cando leva xa dous anos de retraso. Dilación que afecta tamén a outros concursos de traslados como os de corpos especiais, escalas e persoal laboral que levan, nalgúns casos, até 12 anos dende o último concurso.

luns, 22 de novembro de 2021

Martes, 23 de novembro, é o día do cabreo

Barreiro vaite xa!
Levamos anos denunciando a desfeita na xestión da Dirección Xeral da Función Pública; anos de denuncias nos xulgados, anos de concentracións e mobilizacións, anos de broncas nas mesas do suposto diálogo laboral.

A cousa non mellorou e certamente empeorou e existen unha  manchea de eivas na organización do persoal da Xunta de Galicia: os concursos sen convocar nen resolver, a carreira profesional parada, as comisións de servizo a moreas, os procesos selectivos dando problemas un día si e outro tamén, xa non digamos nada de como se leva o da promoción interna, etc, etc.

Nos últimos meses recibimos centos de chamadas de cabreo por estes motivos, e mañán é o día no que tedes que mostrar ese cabreo. Así, a CIG Administración pública convócavos a todas e todos o MARTES DÍA 23 AS 11.00 HORAS NA EXPLANADA DIANTE DE PRESIDENCIA.

É a hora de berrar e mostrar a nosa indignación e non queixarnos só polos corredores, na cafetaría ou nos locais sindicais.

Acude e faite escoitar!!!!!

venres, 12 de novembro de 2021

As cinco Xuntas de Persoal Funcionario da Xunta de Galiza piden o cesamento do director xeral da Función Pública


Os motivos son a manifesta incompetencia na xestión dos concursos de traslados e dos procesos selectivos.


Levamos xa varios anos nos que se amorean unha serie de despropósitos por parte de Función Pública que teñen un denominador común: o prexuízo dos dereitos das persoas empregadas públicas que desenvolven o seu labor na Xunta de Galiza.

A xestión do persoal pola Dirección Xeral da Función Publica da Xunta está sendo nefasta. Éo tanto na xestión dos procesos selectivos como na adxudicación de postos por concursos de traslados. A tramitación dos procesos selectivos, especialmente os de promoción interna, xa é máis unha carreira de obstáculos que un proceso de promoción dun persoal que xa conta con coñecementos e experiencia acreditada coa súa antigüidade.

luns, 8 de novembro de 2021

Lotaría de Nadal CIG 2021

Xa temos á venda a lotería de Nadal da CIG.  Xogamos o mesmo número e as participacións voltan a ser de 5 euros sen recargo.

Como sempre o punto de venda principal está no local da CIG en San Caetano (soto de Educación).
Tamén para aquelas compañeiras/os de centros de traballo afastados que non poidan achegarse ao local podedes ou ben mandarnos un correo (cig.sscc@gmail.com) ou chamarnos ao local sindical (981 545909) e iremos a levala ás vosas unidades.

Para iso será bo que faledes entre as compañeiras/os que queiran mercala  para pedila toda xunta e non teñamos que volver de segundas.

Ante as desilusión que nos dan cada día (procesos selectivos, concurso, comisións de servizo) a ver se podemos darnos unha alegría.

Concurso de traslados: a realidade pon a cada un non seu sitio

FP intenta puentear á CIG pero nos xa estamos curados destas trapalladas

Hoxe sae no DOG a ampliación de prazo para a resolución do concurso de traslados da Adm. Xeral. O motivo: que se van facer 6 meses desde a publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas e aínda non se resolveu. Pero é que o escándalo é que desde que se pechou o prazo para participar (aló por decembro de 2019) pasaron 16 meses; 16 meses para publicar unha listaxe de persoas admitidas e excluídas!!! E que non busquen a escusa na COVID porque a Administración galega seguiu funcionando en modo de teletraballo.