martes, 13 de agosto de 2013

A Xunta de Persoal de SSCC insta a implantación 100% telemática na tramitación de permisos, vacacións e licenzas

A DXARA (Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa) confirma que será real a partir de xaneiro de 2014 en todos os centros onde estea implantado o sistema Kronos.

Actualmente, nos Servizos Centrais, na tramitación de vacacións, permisos e licenzas obrígase a duplicar a solicitude en papel e a través do Portax, a pesar de que este sistema, xunto ao Kronos (que leva o control horario) xa levan tempo en funcionamento. Nun escrito dirixido á DXARA, a Xunta de Persoal propuña aproveitar a infraestrutura montada para que a xestión de vacacións, permisos e licenzas se puidera facer telematicamente sen necesidade de gastar papel e permitindo tamén presentar escaneados os diversos xustificantes.

Por outra banda, cómpre destacar a falta de homexeneidade á hora de ver cal é a figura que autoriza os permisos, vacacións e licenzas (ata 3 sinaturas chegan a aparecer nos escritos xunto á da persoa solicitante) e tampouco se establecen prazos nin obriga de resolución.

Proxecto Morpheo

A directora da DXARA informou á Xunta de Persoal que existe actualmente un grupo de traballo a tres bandas (xunto con Función Pública e AMTEGA) para explorar as posibilidades telemáticas da tarxeta de empregado/a público/a e máis os sistemas Kronos/Portax. Dentro dese proxecto contemplábase que xa en setembro estivera implantada a xestión telemática en exclusiva das vacacións, permisos e licenzas. A dita xestión sería factible dado que todas as tarxetas incorporan o certificado que permite asinar dixitalmente calquera documento (tamén desde a casa) e que incluiría tamén a posibilidade de anexar os xustificantes escaneados. Finalmente non será posible ata xaneiro de 2014.

O atraso vén motivado porque aínda non se pechou a posta en funcionamento do Kronos en todas as consellarías e máis a desactualización das EPTs (Estrutura de Postos de Traballo) que reflicten a situación exacta de cada RPTs e onde se sitúa cada empregada ou empregado pública. Segundo nos comentan nos Servizos Centrais están case o día. Tamén falta por definir cuestións como quen vai autorizar os permisos ou os prazos.