xoves, 28 de outubro de 2021

Orzamentos e lei de medidas 2022

 

O acontecido na Mesa Xeral de Empregados Públicos do 15 de outubro non foi pasar o rodete, foi unha falta de respecto a todos os traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza. Non teñen escrúpulos e desta vez foi o recente falecemento do conselleiro de Facenda a escusa para non informar debidamente e modificar a lei de emprego público as présas e sen negociar.
Así, Función Pública solucionou en menos de 24 horas o amargo trago de cumprir coa lei e sentarse coas organizacións sindicais previa aprobación no Parlamento destas leis que afectan ao persoal empregado público.


Os Orzamentos para 2022

Non nos deron documentación ningunha. Soltaron uns poucos datos xerais (sen diferenciar nin sectores, nin consellerías, nin moito menos partidas orzamentarias). De seguro que serán máis completos no telexornal da RTVG. Preguntamos e... Isto é o que hai:

  • Suba salarial que marca o goberno do Estado: 2%
  • Recuperación do poder adquisitivo perdido na Galiza: CERO
  • Recuperación do complemento específico nas pagas extras: CERO
  • Recuperación do Fondo de Acción Social: CERO
  • Recuperación das compensacións e dereitos do V Convenio: CERO
  • Recuperación de emprego público: CERO
  • Graos extraordinarios 1 e 2 da carreira profesional: parece que si, pero non se sabe canto, nin onde, nin para cantos.
  • Orzamento para pasar o persoal de incendios de 9 a 12 meses: na “bolsa” (debe ser un caixón de xastre dos orzamentos)
  • Orzamento para as “primas” do persoal escollido para os Fondos de Recuperación e Resiliencia (FRR): unha incógnita.

mércores, 27 de outubro de 2021

Función Pública complica o acceso á información na súa web

Dende hai un par de meses están a modificar o web de Función Pública, cambiando a forma de acceso ás listaxes e á información xeral de procesos selectivos. Agora a información queda mais oculta e pode escapársenos como ocorreu coa data do segundo exame da promoción interna do corpo superior (A1), nova que pasou desapercibida durante días. Tamén cuestionamos que para acceder as listaxes, que son públicas, teñamos que introducir o número dun documento de identidade calquera, aínda que non participemos no proceso.

Así, as novas de procesos xa non aparecen nas novas xerais de Función Pública (saen clasificadas nun cadro específico) polo que coidamos que debera seguir a saír nas novas xerais e ter tamén acceso directo dende o proceso selectivo en cuestión. Fixémosllo saber á Dirección Xeral de Función Publica. Recoñecen a dificultade, din que mellorarán o acceso e estudarán se é necesario ou non ter que introducir o documento de identidade (para a consulta das listas do persoal docente ou do Sergas non se pide).

O caso é que acceder a información dos procesos selectivos hoxen en día é un verdadeiro galimatías.

Concurso de traslados: o xogo do calamar na Xunta de Galiza

Comisión de baremación seleccionando o persoal
O xogo do calamar é a serie de moda e o concurso de traslados leva de moda 5 anos, é unha telenovela que non é turca nin venezolana, é galega, unha telenovela desas que nunca se acaban, disque estamos polos capítulos finais, quen sabe...

A serie televisiva, a de ficción, consiste nun xogo organizado no que os participantes, se perden, son eliminados fisicamente. A telenovela galega, a real, consiste nun xogo organizado no que os participantes, se perden, caerán no mercado negro das comisións de servizo. Na serie de ficción hai un líder supremo que se toma un whisky mentres ve como os participantes son disparados por unha máquina que detecta o movemento. Se erras, morres. Na telenovela real hai un líder incompetente que leva anos e anos facendo burrada tras burrada, que solta mensaxes crípticos nas mesas de negociación, que promete que se resolverán as cousas en períodos de tempo “normais” pero que, realmente, se toma un cubata lendo os resumos de novas sindicais que anuncian a vindeira reunión de non se sabe xa que comisión do inframundo que lle dá voltas a todo pero que non resolve nunca nada.

martes, 26 de outubro de 2021

Adianto do calendario laboral galego para 2022: tres moscosos adicionais

No 2022 ao caer o 24 e 31 de decembro en sábado, haberá dous moscosos adicionais. Adicionalmente, ao caer festivo o 1 de xaneiro en sábado, haberá un terceiro moscoso adicional Descargar calendario

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, unha vez aprobado polo Consello da Xunta, o calendario laboral de Galicia para o próximo ano no que a Comunidade galega terá como festivos propios os días das Letras Galegas (17 de maio) e de San Xoán (24 de xuño). 

A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (15 de abril en 2022), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2022 hai dous festivos nacionais que coinciden en domingo: o 1 de maio (día do Traballo), que se substitúe polo 17 de maio, día das Letras Galegas; e o 25 de decembro (Nadal), que se cambia polo día de San Xoán (24 de xuño).