mércores, 29 de novembro de 2023

Concursos de traslados de axentes ambientais e de escalas do SPIF para 30/11/23, e así están os demais

 

Despois de semanas negociando as bases do concurso de traslados de Administración especial (que servirá de modelo para o resto de concursos), o director xeral de Función Pública (DXFP) convocounos para discutir e votar o día 30/11/23 os concursos de traslados das escalas do SPDCIF e de axentes técnicos ambientais.

CONCURSO DE TRASLADOS DA ESCALA DE AXENTES TÉCNICOS AMBIENTAIS

Convocatoria do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes técnicos medioambientais. O borrador vai para a Mesa Sectorial de Negociación de Persoal funcionario e para a votación na Comisión de Persoal. Descargar o borrador e o anexo de postos

CONCURSO DE TRASLADOS DAS ESCALAS DO SPDCIF

Convocatoria do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. O borrador vai tamén para a Mesa Sectorial de Negociación do Persoal funcionario e para a votación na Comisión de Persoal. Descargar o borrador e o anexo de postos

RETIRAN AS COMISIÓNS DE SERVIZO E A CADUCIDADE DA FORMACIÓN

venres, 17 de novembro de 2023

NO-DO: indemnizacións por razón de servizo

 

El ilustrísimo señor director general de la Función Pública ha pernoctado en el distinguido Parador Nacional de esta preciosa localidad (aloxamento: 120,92 €) donde ha sido agasajado con una degustación de platos del afamado chef francés Alphonse Rodé (media manutención: 26,67 €), mientras su simpático y servicial chofer Manolo se regalaba con un sabroso plato de atascaburras y vino de pitarra (media manutención: 16,63 €) en la Fonda Paquita (aloxamento: 57,68 €).

O que vés de ler evoca un pasado en branco e negro? Pois é o presente, un simple exemplo clasista, onde fora da anécdota, as cantidades que aparecen das indemnizacións por razón de servizo son reais e as quere aprobar a Xunta de Galiza traéndoas a unha mesa de negociación baixo a forma de acordo, como se fósemos tan rastreiros como para referendar unha proposta tan rancia.

Si, vannos dicir que todo sube un 17,90 % excepto a manutención dos altos cargos e subdirectores xerais que queda como estaba. Van tamén argumentar que noutras administracións sucede o mesmo.

xoves, 16 de novembro de 2023

Para UGT os trienios son para paliar a perda de poder adquisitivo

 

Non é que escriban as notas na barra dun bar, é que intelectualmente son uns palanquíns e non dan artellado unha mellor desculpa para convencernos de que non sufrimos unha perda de poder adquisitivo.

Na última nota de UGT sobre o incremento do 0,5% nos din varias cousas de interese, como que no ano 2022 nos subiron un 6,66% as retribucións e no 2023 un 4,5%, co cal a perda de poder adquisitivo pásanos de largo ao persoal da Xunta. Todos os anos, nos orzamentos xerais do Estado e con carácter básico se establece unha suba (ou non) das retribucións co fin de paliar (outra vez ou non) a inflación.

Pero contarnos que un complemento de carreira ou de desempeño é para iso é o mesmo que dicir que os trienios teñen por función evitar a perda de poder adquisitivo e non retribuír a antigüidade.

Pois isto é o que fan os amigos da UGT, sumar á suba salarial do 3,5% do 2022 e do 3% en 2023, os incrementos da carreira profesional. Resulta entón que o complemento de carreira profesional non é unha retribución adicional ao complemento de destino, senón que existe “para non perder tantos cartos”.

martes, 14 de novembro de 2023

Promoción ao C2: os tempos son chegados... da Olivetti 98

 

A chulería e ignorancia de Función Pública non ten límite, ou se lle descoñece teito.

Despois de que nas catro últimas promocións internas ao corpo auxiliar (subgrupo C2) quedaran prazas desertas e que o sistema selectivo se demostrara un desastre, inxusto e ineficiente, e que se detectara claramente o problema, este director xeral segue queréndose rir das persoas empregadas públicas do corpo subalterno.

O problema é que a proba de coñecementos informáticos é un obstáculo infranqueable, e non por falta de coñecemento dos opositores, senón porque así está deseñada para facer de barreira, cun nivel de esixencia que non se corresponde coas necesidades reais que vai ter o persoal para traballar no corpo auxiliar.

O da proba de coñecementos ofimáticos do C2 vén herdado de cando as persoas do corpo auxiliar tiñan que saber mecanografía porque o resto dos corpos non tiñan por que usala. E os aspirantes tiñan que ir cargados ata Compostela, A Coruña ou Silleda, segundo onde fora o exame, coas súas máquinas de escribir Olivetti 98 de 14 kg de peso, que era o modelo estándar que se usaba nas administracións.

luns, 6 de novembro de 2023

Comisión de Persoal: OPE 2023, toma de posesión de varias escalas e outros asuntos

 

Na Comisión de Persoal do día 06/11/2023 se levaron a votación os seguintes asuntos.

Oferta de emprego 2023

Oito minutos antes do comezo da Comisión de Persoal, Función Pública envíanos un novo borrador da OEP 2023 con cambios. O fundamental é que se incrementan as prazas do anexo II (promoción interna independente do persoal funcionario).

No caso da promoción ao corpo de xestión (subgrupo A2) se incrementan as prazas pasando de 30 a 60. E no caso do corpo administrativo (subgrupo C1) as prazas pasan de 50 a 100.

Para a CIG este incremento é insuficiente, tanto para o caso concreto destes dous corpos onde se detecta un grande número de aspirantes, como tendo en conta os outros dous, o corpo superior (subgrupo A1) e o corpo auxiliar (subgrupo C2), que é precisamente onde quedan prazas vacantes, e non porque non haxa aspirantes se non porque nestes dous casos o modelo de promoción interna demóstrase que falla.

Pero a maiores disto non atenderon a demanda de estender a promoción interna ao resto de escalas e aos corpos especiais.

Das alegacións da CIG non atenderon a ningunha:

Non hai promoción cruzada.
Non hai opción de elixir destino ou abrir o posto ao subgrupo superior.
Seguen sen fixar o concurso-oposición como sistema de acceso en libre.
Seguen funcionarizando á baixa ao grupo III-99.
Os tribunais seguen sendo de designación política.
Non aceptan a taxa adicional do RD-l 5/2023.
Non aceptan desenvolver o grupo B.
Etc.

Polo tanto o voto da CIG é EN CONTRA.

Puntos 3º, 4º, 5º, 6º. Procesos de funcionarización do persoal laboral fixo na modalidade específica (aprobados do último proceso de consolidación)

xoves, 2 de novembro de 2023

Calendario laboral Compostela 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou en data 17/07/2023, unha vez aprobado polo Consello da Xunta, o calendario laboral de Galicia para o próximo ano 2024. 

A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (29 de marzo), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro (domingo en Galicia pasa o 17 de maio día das letras galegas) e 25 de decembro. 

Ademais, outros tres festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (28 de marzo), que Galicia non cambia tradicionalmente. E dáselle a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.

Pola súa banda, o Concello de Santiago de Compostela aprobou como festivos locais para 2024 os tradicionais da Ascensión e San Roque, a relación de festas laborais de carácter local publicouse no DOG do 02/11/2023. 

No 2024 haberá un día asuntos propios adicionais o coincidir o día 12 de outubro en sábado, tamén coincide en sabado o 6 de xaneiro, máis o ser sustituible por as CCAA, non xera día adicional de asuntos propios. 

Así mesmo, o persoal que traballe os días 24 e 31 de decembro poderá desfrutar de dous días adicionais de asuntos persoais. 

Estas potenciais incorporacións foron feitas a raíz do contundente recorte nos días de asuntos propios (e outros dereitos) no 2012. Inicialmente o persoal da Xunta partiamos de 9 días de asuntos propios ao ano pola lexislación autonómica e máis os días adicionais por antigüidade recoñecido polo EBEP. Lembramos que os días de asuntos propios foron compensacións pasadas de non subir o salario ante un IPC desbocado, dende o 2012 partimos de 6 días de asuntos propios.  

Si queres descargar o calendario laboral de Santiago de Compostela para o ano 2024 pica no siguinte enlace: Calendario 2024