mércores, 31 de maio de 2023

Novos chiringuitos na Xunta: presentámosvos a Rede de polos de emprendemento Xempre Contigo

 

Os chiringuitos na Xunta de Galiza medran coma os cogomelos. Non ben se extinguen uns, xa se argalla algo para repoñelos con outros, a ducias se fai falla.

A nova ocorrencia vén agora da man da Dirección Xeral de Emprendemento e Emprego, a cargo de Margarita Ardao (Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade), cunha rede de chiringuitos constituída por 15 entidades denominadas "polos de emprendemento e apoio ao emprego", e que están repartidos polas catro provincias. Na actualidade hai activos 8 polos, mentres que aínda están pendentes outros 7. Os polos activos son os seguintes:

Polo da Costa da Morte (Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, Coristanco)
Polo das Rías Altas e Arco Ártabro (Ferrol)
Polo da Mariña (Mondoñedo)
Polo da Montaña Lucense (A Fonsagrada)
Polo de Lugo Sur (Monforte de Lemos)
Polo de Ourense Centro e Sur (Verín)
Polo de Miño Central (O Carballiño)
Polo de Pontevedra Norte e Rías Baixas (“La Moda” Rural Lab, local da Fundación Roberto Rivas, Silleda)

E que veñen sendo estes "polos"?

A CIG insta a Xunta a restituír os dereitos recortados ao persoal público coa escusa da crise en 2012

 

Remitímoslle un escrito a Función Pública para que restableza as condicións á espera da sentenza tras a denuncia presentada en 2019.

Reclamamos a restitución dos dereitos laborais que foron recortados ao persoal empregado público coa escusa da crise en 2012. Máis dunha década despois o Goberno galego segue a utilizar os mesmos argumentos para non restablecer as condicións de traballo suspendidas o que nos levou a presentar demanda no 2019 ante o TSXG contra as decisións da Xunta de manter os recortes.

Queremos lembrar que a Xunta aproveitou a crise económica iniciada en 2008 para sacar adiante a lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público de Galiza, unha norma que impuxo recortes de dereitos laborais que se manteñen a día de hoxe a pesar de que o texto da propia lei establece que “o carácter desta lei é temporal, polo que a súa vixencia queda supeditada á subsistencia das difíciles circunstancias económicas que afectan a sustentabilidade das contas públicas”.

venres, 19 de maio de 2023

Todo indica que Función Pública quere saltarse 3 promocións internas

 

Pasarían por diante os procesos de libre e de estabilización, malia que as prazas de promoción interna son de ofertas de emprego anteriores

A propaganda política ten consecuencias que o persoal funcionario pode pagar. En xuño convocaron 506 prazas por acceso libre para os corpos xerais que anunciaron aos catro ventos falando de oportunidades de emprego para a cidadanía, etc. Como os prazos son os que son non quedou outra que poñer para este mes de xullo as datas dos exames.

E mentres convocaban xa hai un ano estas prazas das OEP´s de 2020 e 2021 deixaban sen convocar a promoción interna deses mesmos anos e, a maiores, a de 2022, como xa che contamos aquí. Ademais destas tres ofertas sen executar, habería que sumar a promoción interna da OEP de 2023 que a Xunta tampouco quere aprobar.

E agora, cando os exames de libre xa están fixados para este mes de xullo nos din que falaremos da promoción interna... en setembro!!!

Cos ritmos que ten Función Pública iso implica que os exames serán no 2024 e igual a toma de posesión no 2025, cando xa estean resoltos e feitas as tomas de posesión dos procesos de libre e de estabilización de OEP´s posteriores.

Non se pode adiar máis a promoción interna nin castigar ao persoal funcionario de carreira sen oportunidades de promoción. A promoción interna débese negociar no que queda de maio e principios de xuño, e debe publicarse a convocatoria no mes de xuño e fixar os exames para fin de ano, ou en todo caso ten que rematar antes ou simultaneamente cos procesos de libre e estabilización.

Seguimos mantendo que a prelación para optar aos postos de traballo na Xunta deber ser 1º concurso de traslados, 2º promocións anteriores que estean actualmente en destino provisional, 3º persoal de promoción interna e 4º persoal de estabilización e libre.

Tratar de relegar ás persoas que teñen dereito a promocionar, non convocando xa, ou incluso manexando a posibilidade de deixar caducar as ofertas de emprego é síntoma da nefasta xestión e escuros intereses que se manexan en Función Pública.

venres, 12 de maio de 2023

A CIG reclama unha atención "de calidade e sen discriminación" nas administracións públicas

 

No marco da campaña en demanda de atención presencial, de calidade e sen discriminación, a CIG-Administración Pública, xunto co colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG, mobilizouse o 26 de abril na Coruña diante do edificio da Delegación do Goberno e o 10 de maio diante da Valedora do Povo en Santiago de Compostela. Na protesta denunciouse que coa escusa da transformación dixital e a cita previa a parte máis vulnerábel da cidadanía está a ser expulsada sen pudor das nosas administracións e servizos públicos.

Dende a CIG advertimos que o avance nas tecnoloxías non pode implicar que haxa unha discriminación na atención á cidadanía. Entendemos que o futuro da administración será pola vía telemática e dixital pero non se pode desatender a demanda dunha grande parte da sociedade porque non teña os medios ou a formación adecuada. Por iso, reclamamos un reforzo da atención presencial e a atención directa, que é fundamental para prestar un servizo de calidade.

Neste senso, rexeitamos que se utilice o sistema de cita previa, que pode ser unha ferramenta útil, para reducir a cantidade de persoas que acoden á administración e desvialas á vía telemática. Reclamamos que se axusten as ratios de cita previa ás necesidades reais, porque non é aceptábel que se estean a dar citas a dous meses vista, como está pasando no INSS ou na Tesoureiría da Seguridade Social. Dous ámbitos nos que existe unha elevada carga de traballo e nos que falta persoal, que ademais se deriva a cubrir a atención telemática.

35 horas, e nós que?

 

O SERGAS establece as 35h semanais para o seu persoal a partir do 2025. E para o persoal dos corpos xerais e especiais da Administración Xeral, que?

A Comunidade de Madrid, a Generalitat de Catalunya e, como non! a Xunta de Galiza son as tres administracións públicas que aínda non teñen implantada a xornada de 35 horas semanais para o seu persoal empregado público.

Nós, sempre á cola, sempre a rastro, sempre os últimos, así é a Función Pública Galega. Comunidades autonómas como Murcia e Castela e León veñen de chegar a acordos para reducir a xornada semanal e implantar unha mellora para o conxunto do persoal público.

A redución de xornada non é un “capricho do funcionariado”, no ámbito privado xa hai medidas que fomentan unha tendencia a redución de xornada, á implantación de obxectivos e á conciliación familiar sen deixar de lado a produtividade. Nomeadamente o goberno central aprobou este mes de abril unha serie de axudas para reducir a catro xornadas semanais sen tocar salarios, destacando os beneficios para a redución do consumo enerxético aumentando os beneficios sociais e a produtividade. Será unha conquista social máis, como foron no seu día as vacacións, non traballar sete días á semana, a prohibición do traballo infantil, etc. O que agora alguén pode vender como un privilexio non deixará de ser outro dereito laboral.

E que pasa na Xunta de Galiza?