Publicado o Real Decreto 402/2025 que regula o procedemento previo para determinar os supostos para xubilación anticipada mediante coeficientes redutores.
Confírmase o recorte nas pensións ao non
recoñecerse a xubilación anticipada nin garantirse os coeficientes nos
traballos máis penosos. O novo Real Decreto recolle os criterios para
que os traballadores de actividades penosas, perigosas ou insalubres
teñan a posibilidade de acceder á xubilación anticipada, determina se
ese colectivo ou actividade poderá ter dereito aos coeficientes
redutores, pero non contempla un procedemento para a súa aplicación
directa.
Na perigosidade da actividade terase en conta a
incidencia de baixas no colectivo tanto por continxencias comúns como
por profesionais e sucesos graves con resultado de morte ou incapacidade
permanente.
Un procedemento previo e complexo
O procedemento resulta extremadamente
longo e difícil, consta de tres partes que son o inicio da solicitude,
emisión de informes da Seguridade Social, do Instituto Nacional de
Seguridade e Saúde no Traballo e para persoal da Administración
requírese tamén do Ministerio de Traballo e Administración Pública.
Despois dun trámite de audiencia e alegacións remitirase a unha Comisión
de avaliación que emitirá unha resolución do procedemento que permitirá
iniciar o trámite de rebaixa da idade de xubilación. Sinala como mínimo seis meses unha vez iniciado e que de non conseguilo non se poderá iniciar outro en 4 anos.
Estará disposta a nosa Administración a cotizar máis?
Esixe cotizacións adicionais polo que o financiamento das xubilacións anticipadas recaerán no persoal e na Administración, aumentando a cantidade a aportar polos/as traballadores/as e pola Administración.
Como no noso caso, as que están
lexitimadas para iniciar o procedemento son conxuntamente as
organizacións sindicais máis representativas e a Administración da
Xunta…a pregunta é inevitable: estarán dispostas as consellerías a pagar
máis e a solicitalo?
A Comisión de avaliación sen representación da Galiza
Dende a CIG-Autonómica levamos anos
loitando pola xubilación anticipada naqueles colectivos que, polas
características do seu traballo, son susceptibles da aplicación de
coeficientes redutores. Promovimos facelo mediante leis con accións no
Congreso para que os aplicaran de forma directa como foi o caso do
persoal gardacostas ou o do sector sociosanitario. Ambos foron
bloqueados politicamente á espera desta regulación que agora vemos que
ademais de ser complexa, deixa fóra da comisión de avaliación ás
organizacións sindicais que temos un ámbito autonómico polo que o
persoal da Galiza vai quedar desamparado, outra vez, fronte intereses
estatais.
Unha reforma das pensións - outra vez - con trampa
Lembramos que a xubilación anticipada para traballadores/as de determinadas profesións penosas foi a compensación prometida polo Goberno e o axentes do Pacto Social no seu Acordo de pensións. Era a compensación para os/as traballadores/as de profesións máis duras despois de alongar até os 67 e endurecer a xubilación ordinaria ao necesitar máis tempo de cotización para cobrar o 100% e reducir a contía das nosas pensións, xa que aumenta o tempo para o seu cálculo a 29 anos. Resulta lamentábel que UGT e CCOO teñan avalado este acordo e ao tempo, de xeito cínico e hipócrita, chamen á mobilización en sectores como a construción ou o transporte para que se recoñezan coeficientes redutores da idade de xubilación, cando estes sindicatos son colaboradores da normas que restrinxen este dereito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario