Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 24 de xaneiro de 2017

A Xustiza chimpa outra oposición máis na Xunta: Delineantes 2013

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza obriga a repetir o exame práctico da oposición convocada no 2013


Estes días saíron na prensa moitas noticias sobre irregularidades en procesos selectivos da Xunta que dan lugar a admisión de aspirantes suspendidos, repetición de probas, rebaremación de notas… pero nunca a asunción de responsabilidades por parte dos tribunais e de quen os nomeou, ou sexa Función Pública a través do señor Barreiro.

Hoxe traemos aquí outra chapuza examinadora por parte desta Administración; o caso é que no ano 2014 realizáronse os exames para varias prazas da escala de Delineantes convocados no 2013 e no exame práctico había dúas opción: a opción B que non dou problemas, e a opción A que tiña un exame irresoluble e que fixo que cada opositor tivese que buscarse a vida, sen datos obxectivos, para poder elaboralo.

O caso é que varios dos afectados recorreron ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a elaboración do exame; e así a Sala do Contencioso acaba de fallar a favor dos opositores (ver sentenza) e manda repetir o exame, dándolle nos fociños ao Tribunal de selección con lindezas como (extractos da Sentenza 00591/2016):
  • Discrepa da discrecionalidade total do Tribunal para emitir os seus acordos. Esta discrecionalidade só atinxe aos conceptos puramente técnicos, atando á lexislación adminsitrativa todo o relativo ao procedemento, valoración, fundamentación, criterios de corrección, etc… deixando claro aspectos como (literal): “Os criterios de valoración ou corrección non só teñen que ser fixados previamente polo tribunal, senon que teñen que ser postos en coñecemento dos opositores”.
  • Aínda así dentro do núcleo da valoración dun exame (xuízo técnico), esta deberá ser motivada, con especial referencia a: fontes de información, criterios e resultado individualizado por opositor.
  • Non só se deben publicitar os criterios de avaliación con anterioridade á realización do exame, senón que unha vez feito este, é necesario motivar a decisión (a tan famosa publicación do modelo de corrección); así di a sentenza literalmente: ”De todo o anteriormente argumentado despréndese que a moderna xurisprudencia esixe a expresión previa dos criterios de valoración de acordo aos cales o Tribunal axuizará aos aspirantes no proceso selectivo, debendo exteriorizar posteriormente as razón da dita decisión adoptada”.

Ante todo dicir que esta trapallada tamén ten como prexudicadas ás persoas que aprobaron a oposición pola inseguridade que lles crea, e que de ningún modo deben padecer ningún prexuízo.

Nos últimos tempos xa houbo problemas con sentenzas xudiciais noutros procesos selectivos (Turismo, Consolidación A1, .. ). Non oímos nin unha autocrítica da Dirección Xeral de Función Pública e xa nada dicir dunha investigación ou reprimenda aos presidentes dos tribunais infractores; e por suposto ningunha asunción de responsabilidades. O de mirar para outro lado é a tónica xeral na xestión das oposición pola Dirección Xeral da Función Pública.

Este caso sérvenos de exemplo para que dunha vez por todas, se asuman responsabilidades políticas e administrativas e por outro lado se nomeen tribunais cualificados, independentes e tecnicamente habilitados para que isto non volva pasar.

Esiximos ao igual que a sentenza: transparencia nas oposición da Xunta de Galiza e absoluto respecto aos principios de igualdade, capacidade e mérito.

Dende este sindicato seguimos a pelexalo!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario