Dende hai un tempo están a desenvolverse diversos procesos selectivos por quenda de promoción interna e libre. O caso é que emprego público demora tanto en resolver as diversas fases e tarda tanto en pasar ás seguintes (aínda que poda facelo) que, en moitas ocasións, solápanse as novas convocatorias co a resolución das antigas. Isto fai que os empregados públicos non teñamos a posibilidade de planificar o noso tempo dun xeito adecuado.
As novas convocatorias dos grupos C2, C1, A2 e A1 de promoción interna están previstas para outubro de 2025 e os exames a maioría para maio e algúns para xuño. Moitos/as dos/as traballadores/as están inmersos en anteriores convocatorias e están pendentes da fase de concurso para saber se obtiveron praza.
Por poñer un par de exemplos, as persoas que promocionan dende asociacións profesionais ao grupo C2, levan esperando dende abril; e as que promocionan do grupo C2 ao C1 fixeron o único exame da promoción... o 2 de febreiro!! Se Emprego Público actuara con algo de axilidade, moitos/as deles e delas poderían planificar o verán para estudar ou apuntarse unha academia ou, por fin, para descansar de tanta lei. A desidia por parte de Emprego Público á hora de comezar as fases de concurso vai sempre en prexuízo das persoas traballadoras.
O mesmo pode dicirse do concurso xeral de traslados o dos concursos de escalas, que se convocan cada milenio e tardan outro milenio en resolverse, ou das fases de concurso de acceso libre, como a fase de méritos do proceso selectivo para a Inspección de Turismo, que levan esperando dende maio.
A espera é tan longa que, en ocasións, hai xente que acaba xubilada ou, no peor dos casos, xa nin está vivo (coñezo algunha situación de primeira man).
É certo que hai unha gran carga de traballo e que é necesario respetar os prazos, pero, por que non sucede o mesmo en todos os ámbitos da Xunta de Galicia? Como é posible que todos os anos haxa milleiros de persoas en Educación que se examinan e/ou concursan, escollen praza e comezan a traballar en apenas dous meses? Todos os anos!!!
Os prazos non xustifican esta demora, nin moito menos, pois dende que se cumpre un, ate o seguinte trámite da a sensación de que pasan eones.
Algo ou alguén está a fallar.
Dende a CIG pedimos a Emprego Público que, mire como fai a Consellería de Educación co seu persoal de ensino, en aras do bo coidado e da correcta plafinicación do tempo, pensen por unha vez nos/as empregados e empregadas públicas e comecen canto antes coas fases de méritos dos diferentes procesos selectivos e desatasque os concursos pendentes, o que tamén beneficiará ás persoas pendentes da estabilización.
A súa vez, pedimos que a partires de agora empece a estudarse a maneira de evitar estos tempos eternos que acaban coas ganas e a ilusión de calquera.
Por favor, que non suceda como en anteriores ocasións, onde moita xente tivo que pagar as taxas e matricularse en academias para logo enterarse que estaban aprobados/as, perdendo tempo e cartos.
Quedamos á espera da súa resposta que, esperemos, que por unha vez non sexa desesperante, e non tarde milenios e responder, valga a redundancia.
Temos a ilusión que para antes de rematar xullo deste ano 2025 xa estará todo, o case todo...
Ningún comentario:
Publicar un comentario