Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 27 de outubro de 2021

Concurso de traslados: o xogo do calamar na Xunta de Galiza

Comisión de baremación seleccionando o persoal
O xogo do calamar é a serie de moda e o concurso de traslados leva de moda 5 anos, é unha telenovela que non é turca nin venezolana, é galega, unha telenovela desas que nunca se acaban, disque estamos polos capítulos finais, quen sabe...

A serie televisiva, a de ficción, consiste nun xogo organizado no que os participantes, se perden, son eliminados fisicamente. A telenovela galega, a real, consiste nun xogo organizado no que os participantes, se perden, caerán no mercado negro das comisións de servizo. Na serie de ficción hai un líder supremo que se toma un whisky mentres ve como os participantes son disparados por unha máquina que detecta o movemento. Se erras, morres. Na telenovela real hai un líder incompetente que leva anos e anos facendo burrada tras burrada, que solta mensaxes crípticos nas mesas de negociación, que promete que se resolverán as cousas en períodos de tempo “normais” pero que, realmente, se toma un cubata lendo os resumos de novas sindicais que anuncian a vindeira reunión de non se sabe xa que comisión do inframundo que lle dá voltas a todo pero que non resolve nunca nada.

Este concurso de traslados, como a serie de ficción, deixa un camiño cheo de cadáveres entre responsables menores da Función Pública, creacións de prazas en relacións de postos de traballo e prazas vacantes por xubilacións que non sairán neste concurso e así todo... Pero, sobre todo, as secuelas que deixa este concurso de traslados, este desleixo indecente e miserable por parte do responsable do departamento máximo de Persoal da Xunta é un descrédito inmenso da principal ferramenta de cobertura de postos de traballo. E non falemos dos concursos dos corpos especiais, do persoal laboral, mellor diso nin falar, pero o concurso de persoal funcionario dos corpos xerais funcionaba. Mal, lento, incompleto, con trampas, pero funcionaba. Había concurso cada dous anos, quen collía praza nunha convocatoria non participaba na seguinte, máis ou menos saían todas as prazas... Había que acabar con isto e Barreiro, o máximo líder, acabou con el.

O persoal funcionario, coma na serie de ficción, nalgún momento nos rebelamos, queixámonos, non queremos participar pero a nosa desgraciada vida de carreira laboral condúcenos irremediablemente a participar, a pasar polo aro, a aceptar as nocivas normas que nos impoñen... Ou isto ou nada e volvemos a presentar a nosa solicitude, con algunha ilusión, pensando nos puntos que teremos, se nos darán para aquela praza que queremos para achegarnos perto da nosa casa ou para cobrar un pouco máis. Se non é agora, para a vindeira, pensamos, e con iso xogan e ata semella que gozan, coma na serie de ficción, xogan con nós, somos peóns prescindibles, se un cae virá outro. Canta xente se presenta a cada oposición? botade contas porque eles tamén as botan... Coma no xogo do calamar: para eles só é un xogo pero a nós vainos a vida nisto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario