Publicación destacada

O Radón na Xunta ou como obter boletos para un cancro de pulmón

venres, 5 de agosto de 2016

Así sanea as contas a Xunta ás costas do seu persoal

Que hai que sanear as contas, pois recorta en persoal público. Que non hai xente, chama alguén de TRAGSA.

A Xunta recortou, unha e outra vez, primeiro e máis que calquera outra Administración: velaí o "milagre galego", non se trata de maior eficiencia no gasto, trátase directamente de menos e peores servizos e de maiores recortes sobre seu persoal. E de milagre non ten nada pois a débeda pública multiplicouse por máis de 2 durante estes anos, subindo e subindo, ata rozar os 11.000 millóns de euros.

Dicía Feijóo en 2012 que non podía pedirnos máis e desde 2013 ficamos sen complemento específico (ou equivalente para o persoal laboral) nas nosas extras, medida coa que están quitándonos preto de 200 millóns de euros ao ano e que temos pouca confianza en volver recuperar algún día por moito acordo que haxa asinado de volver cobralo en 2017, pois os acordos ante as imposicións de máis arriba son sempre papel mollado. Sen esquecer todos aqueles dereitos que aínda nos deben, que ían ser temporais e se convertiron en permanentes.

Estes días, estes meses, estes últimos anos, hai moito sorriso sobre o "traballo ben feito", sobre os números que dan, sobre a senda do crecemento e a creación de emprego (aínda que sexa de baixa cualificación, de baixa retribución, de pésimas condicións e de horas, días ou semanas de duración). A última esta: "Galiza, á marxe da esixencia de Facenda de pechar xa o gasto".

Resulta fácil "cumprir" coas esixencias de estabilidade, a pesar de rebaixar os impostos (maiormente a quen máis ten), cando recortas nos servizos públicos como nunca se recortara, cando aumentas a ratio de alumnado por profes, privatizas a sanidade, a xestión dos hospitais, a xestión dos servizos sociais, cando recortas en empregadas e empregados públicos e cando unha vez recortadas, recortas sobre as nóminas e os dereitos das que quedan.

E se te pasaches recortando e non chega o persoal tiras de subcontratación, legal ou ilegal, en gran parte en precario, e o que facía un empregado público, agora encárgaselle a unha empresa que explota a varios currelas, cando non explota a Xunta directamente a bolseir@s.

O milagre basicamente é noso, do noso esforzo, así como das milleiras de galegas e galegos que sufrimos os recortes nos servizos públicos ao mesmo tempo que sufrimos a situación de precariedade laboral e familiar, imposta pola propia Administración autonómica, sen traballo, sen casa, sen sustento. Xusto cando a vida máis apretaba, foi cando as Administracións públicas máis deixaron tiradas á xente do común, na rúa moitas veces, en casas ocupadas, na casa das nais e pais, mentres corruptos e corruptas, bancos e acreedores podían engadir un novo cero á súa conta de beneficios.... ás nosas costas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario