No 2022 ao caer o 24 e 31 de decembro en sábado, haberá dous moscosos adicionais. Adicionalmente, ao caer festivo o 1 de xaneiro en sábado, haberá un terceiro moscoso adicional Descargar calendario
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, unha vez aprobado polo Consello da Xunta, o calendario laboral de Galicia para o próximo ano no que a Comunidade galega terá como festivos propios os días das Letras Galegas (17 de maio) e de San Xoán (24 de xuño).
A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (15 de abril en 2022), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2022 hai dous festivos nacionais que coinciden en domingo: o 1 de maio (día do Traballo), que se substitúe polo 17 de maio, día das Letras Galegas; e o 25 de decembro (Nadal), que se cambia polo día de San Xoán (24 de xuño).
Ademais, outros tres festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2022 se celebrará o 15 de abril), que Galicia non cambia tradicionalmente; e dáselle a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.
Pola súa banda, o Concello de Santiago de Compostela aprobou en xullo como festivos locais para 2022 os tradicionais da Ascensión e San Roque (que este ano non ten substitución ao non caer en domingo).
No 2022 haberá tres días moscosos adicionais
Consonte ás actuais instrucións de permisos, vacacións e licenzas, no seu punto 12º establecese que os días 24 e 31 de decembro permanecerán pechadas as oficinas públicas, agás os servizos de Rexistro Xeral e Información. Cando os días 24 e 31 de decembro coincidan en sábado, domingo ou día non laborable, terase dereito a dous días adicionais de asuntos persoais.
Así mesmo, o persoal que traballe os días 24 e 31 de decembro poderá desfrutar de dous días adicionais de asuntos persoais. Por outra banda, ao caer en sábado o ano que vén o 1 de xaneiro (festividade laboral de ámbito nacional de carácter retribuído, non recuperable e non substituíble pola Comunidade Autónoma) incorporarase un terceiro día adicional de asuntos persoais por este concepto.
Estas potenciais incorporacións foron feitas a raíz do contundente recorte nos moscosos (e outros dereitos) no 2012. Inicialmente o persoal da Xunta tiñamos 9 días de asuntos propios ao ano pola lexislación autonómica e máis os días adicionais por antigüidade recoñecido polo EBEP. Lembramos que os moscosos foron compensacións pasadas de non subir o salario ante un IPC desbocado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario