Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 3 de decembro de 2025

O mércores 3 de decembro abre o prazo para solicitar a carreira extraordinaria de 2025

 

👥 QUEN A PODE SOLICITAR?

  • Persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas do persoal funcionario sanitario da Lei 17/89 e doutras Administracións que preste servizos nesta, e dos entes da LOFAXGA 45 a)

  • O persoal laboral que asine o compromiso de participar e superar o proceso de funcionarización

  • Sempre que NON obtivese ningún grao na convocatoria extraordinaria de 2024

  • Estar en servizo activo o 31 de decembro de 2024

  • Cumprir os requisitos de antigüidade e formación (ou, no seu caso, docencia, xefaturas etc.)

Da nosa administración, A QUEN EXCLÚEN?

luns, 24 de novembro de 2025

OEP 2025: e repíteno outra vez, unha oferta de emprego ridícula e sen apenas promoción interna

 

martes, 18 de novembro de 2025

Carreira extraordinaria para o acceso aos graos I, II e III: nin unha mellora con respecto ás convocatorias anteriores

 

A Administración volve a insistir cun modelo de carreira que non cumpre as mínimas expectativas nin da CIG nin das persoas empregadas públicas. De todos os problemas, eivas, discriminacións e desigualdade que leva consigo este modelo, e que levamos anos denunciando, non corrixen nin un.

Tráennos, ademais, un texto que foi negociado fóra das mesas e sen a presenza da CIG polas outras organizacións sindicais e isto é o produto desa submisión:

1. Seguen a teimar en que exista prazo para as solicitudes no canto da nosa proposta de que o recoñecemento dos graos debe producirse no momento en que a persoa empregada pública reúna os requisitos. Non admiten que sexa un sistema aberto análogo ao dos trienios ou ao dos sexenios do profesorado. O sistema de prazos implica que aínda que unha persoa cumpra os requisitos non vai poder acceder á carreira ata que a Xunta abra o prazo, e isto pode prolongar a perda do dereito en ata 3 anos. O prazo para solicitala vaise prolongar ata mediados de decembro de 2025 e terá efectos retroactivos dende o 01/01/2025.

luns, 10 de novembro de 2025

BAREMACIÓN PROVISIONAL CONCURSO CORPOS XERAIS: DE VERDADE SERÁ EN NOVEMBRO?

Na mesa sectorial do día 13/10/2025, a dirección xeral de Emprego Público afirmou que a baremación provisional do concurso de corpos xerais sairía durante o mes de novembro, e repetiu a mesma afirmación na mesa xeral do 7/11/2025. Ante o recente anuncio de que as listas definitivas de admitidos e excluídos do concurso de corpos xerais estarían para o día 14 de novembro, pregunteime, iluso de min, se aproveitarían para sacar tamén a baremación provisional xunto a citada lista, pois parecía bastante lóxico.

Chamei esperanzado e xovial a Emprego Público e, como tantas outras veces, como si fora o protagonista dunha película cómica, recibín unha xarra de auga xeada na cabeza a modo de resposta: "O día 14 só sairá o listaxe de admitidos/as e excluídos/as. Sobre a baremación provisional no mes de novembro non te digo nin que si nin que non..."

Eu díxeno, vive deus que o dixen: “A directora de emprego público asegurou que a baremación provisional sairía perante o mes de novembro. Está nas actas das mesas sectoriais!”. Pero foi como falar ao profundo dunha cova ou ao fondo dun pozo. Case puiden escoitar o eco da miña voz ao outro lado da liña, como se me respondera un abismo.

Botando a vista atrás, lembrei con nostalxia a época en que os concursos convocábanse nunha data determinada e estaban resoltos nun ano xusto. Daquela, pensabamos que un ano para resolver un concurso era unha cousa excesiva, un desatino tremendo que non se explicaba. E iso que nesa morriñosa época os/as funcionarios/as éramos como artesáns e baremábamos os concursos coa man, contando os méritos como se contan moedas. Ante a nosa desesperación pola tardanza, dende as altas instancias, un tal Barreiro aseguraba que en canto houbera unha ferramenta informática, os concursos resolveríanse na metade dun segundo premendo co dedo índice a tecla ENTER.

Asina a Proposición Non de Lei pola cláusula de garantía salarial!

 

Na CIG consideramos unha promesa baleira o anuncio do Goberno de negociar un acordo salarial e chamamos á mobilización para acadar incrementos dignos que permitan reverter a perda de poder adquisitivo. Ademais, iniciamos unha campaña de recollida de sinaturas para avalar a Proposición Non de Lei (PNL) coa que demandamos unha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC para todo o persoal empregado público.

Na Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Saúde e CIG-Ensino) entendemos que non hai nada que celebrar na «intención» do Goberno español de sentar negociar un novo acordo retributivo para o persoal empregado público. Criticamos que as direccións de CCOO, UGT e CSIF se apresuren a vender como un éxito sindical este anuncio, cando se trata dunha promesa baleira, que pretende desactivar o crecente malestar do persoal e que, ademais, nin sequera se formula no ámbito da Mesa Xeral de Negociación.

Advertimos que, unha vez máis, se pretende negociar só cunha parte das organizacións sindicais con dereito a representación, fóra dos marcos institucionais que corresponden, e sacar un acordo pola porta de atrás que —moito nos tememos— seguirá afondando no deterioro salarial.

Neste contexto, na Área Pública da CIG avanzamos a convocatoria de mobilizacións para que tanto os orzamentos xerais do Estado como os orzamentos da Xunta de Galiza contemplen incrementos retributivos que revertan a continua perda de poder adquisitivo que ano tras ano sofre o persoal empregado público.

xoves, 6 de novembro de 2025

Lotería de nadal CIG 2025

Temos á vosa disposición a lotería de Nadal da CIG para o sorteo do vindeiro nadal (22/12/25).  Xogamos o mesmo número que anos anteriores, e as participacións voltan a ser de 5 euros sen recargo.

Os puntos de venda están no local da CIG en San Caetano, Edificio Central (Presidencia) 3º andar, teléfonos 981 545 909 / 981 545 987.

E no local da CIG en San Lázaro, baixo da Consellaría de Promoción do Emprego, teléfonos 981 546 999 / 881 997 290.

Ante as desilusión que nos dan cada día os responsable da Xunta (procesos selectivos eternos, concurso eterno, comisións de servizo sine die, promocións internas eternas...) a ver se podemos darnos unha alegría.

venres, 24 de outubro de 2025

A CIG reclama unha suba do 5% para o persoal empregado público e unha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC

       A Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) vén de iniciar a recollida de sinaturas da Proposición Non de Lei (PNL) para blindar por lei a revalorización salarial na Administración Xeral, o Ensino e a Sanidade.

A Área Pública da CIG  compareceu en rolda de prensa este luns para reiterar as demandas para garantir a recuperación da capacidade adquisitiva do persoal empregado público e dar a coñecer a campaña de recollida de sinaturas da PNL para o estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial, de xeito que os salarios no sector público se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real.

As federacións da Área Pública denunciaron que o Goberno do Estado aínda non trasladou ningunha proposta de incremento para este exercicio ou os vindeiros, malia que xa nos atopamos no último trimestre do ano. Dende a CIG-Administración Pública lembrouse que a última revalorización salarial que tivo o persoal empregado público foi o cobro dos atrasos correspondentes á suba do 0,5%, que se debería ter aplicado xa en xaneiro. Un incremento que para nada compensa a perda acumulada do 2,30% que supuxo a estafa do acordo marco 2022-2024, asinado polos sindicatos españois co Goberno.

Para reverter os efectos prexudiciais deste “pacto de perdas”, para este 2025 reivindicamos un incremento dos salarios do 5%, con carácter retroactivo a xaneiro; a recuperación íntegra das pagas extraordinarias recortadas dende 2010 no salario base e os trienios (conceptos que dependen do Estado); e a incorporación dunha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC.