Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 24 de outubro de 2025

A CIG reclama unha suba do 5% para o persoal empregado público e unha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC

       A Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) vén de iniciar a recollida de sinaturas da Proposición Non de Lei (PNL) para blindar por lei a revalorización salarial na Administración Xeral, o Ensino e a Sanidade.

A Área Pública da CIG  compareceu en rolda de prensa este luns para reiterar as demandas para garantir a recuperación da capacidade adquisitiva do persoal empregado público e dar a coñecer a campaña de recollida de sinaturas da PNL para o estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial, de xeito que os salarios no sector público se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real.

As federacións da Área Pública denunciaron que o Goberno do Estado aínda non trasladou ningunha proposta de incremento para este exercicio ou os vindeiros, malia que xa nos atopamos no último trimestre do ano. Dende a CIG-Administración Pública lembrouse que a última revalorización salarial que tivo o persoal empregado público foi o cobro dos atrasos correspondentes á suba do 0,5%, que se debería ter aplicado xa en xaneiro. Un incremento que para nada compensa a perda acumulada do 2,30% que supuxo a estafa do acordo marco 2022-2024, asinado polos sindicatos españois co Goberno.

Para reverter os efectos prexudiciais deste “pacto de perdas”, para este 2025 reivindicamos un incremento dos salarios do 5%, con carácter retroactivo a xaneiro; a recuperación íntegra das pagas extraordinarias recortadas dende 2010 no salario base e os trienios (conceptos que dependen do Estado); e a incorporación dunha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC.

 

Reclamamos tamén que a negociación de calquera acordo plurianual se realice en base a estes principios e que se acorde un plan de recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos 15 anos que, co acumulado deste 2025, xa supera o 20%.

PNL por unha cláusula de garantía salarial       

Este deterioro continuado provocou que a día de hoxe moitas persoas traballadoras da administración teñan serias dificultades para facer fronte aos gastos  derivados  da vivenda ou mesmo para cubrir necesidades básicas. De feito, os soldos dalgúns corpos e escalas básicas xa están igualados co SMI e soben  grazas á alza do salario  mínimo, revelando  así o  nivel  de  deterioro retributivo do persoal público.

No camiño da recuperación dos soldos, a CIG iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para avalar a Proposición Non de Lei para que o Parlamento de Galiza inste á Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado para  que  presente de  inmediato  unha proposta lexislativa que estabeleza unha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público, de xeito que os seus salarios se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real. Unha suba, que debe ser independente e complementaria dos incrementos salariais que poidan acordarse no ámbito da negociación colectiva xeral.

Neste senso, cuestionamos que CCOO, UGT e CSIF anuncien agora mobilizacións e ameacen cunha convocatoria de folga cando foron partícipes dos acordos asinados co Goberno español que impediron a recuperación dos salarios e afondaron no empobrecemento do persoal empregado público; e cando non asumen a necesidade de blindar por lei a revalorización conforme ao IPC na administración pública. Vai ser complicado que un acordo da mesa xeral que non teña xa recoñecida esta cláusula nos deixe nunha situación de recuperación de dereitos e moito tememos que quedemos nas mesmas condicións de perda de poder adquisitivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario