Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 10 de novembro de 2025

BAREMACIÓN PROVISIONAL CONCURSO CORPOS XERAIS: DE VERDADE SERÁ EN NOVEMBRO?

Na mesa sectorial do día 13/10/2025, a dirección xeral de Emprego Público afirmou que a baremación provisional do concurso de corpos xerais sairía durante o mes de novembro, e repetiu a mesma afirmación na mesa xeral do 7/11/2025. Ante o recente anuncio de que as listas definitivas de admitidos e excluídos do concurso de corpos xerais estarían para o día 14 de novembro, pregunteime, iluso de min, se aproveitarían para sacar tamén a baremación provisional xunto a citada lista, pois parecía bastante lóxico.

Chamei esperanzado e xovial a Emprego Público e, como tantas outras veces, como si fora o protagonista dunha película cómica, recibín unha xarra de auga xeada na cabeza a modo de resposta: "O día 14 só sairá o listaxe de admitidos/as e excluídos/as. Sobre a baremación provisional no mes de novembro non te digo nin que si nin que non..."

Eu díxeno, vive deus que o dixen: “A directora de emprego público asegurou que a baremación provisional sairía perante o mes de novembro. Está nas actas das mesas sectoriais!”. Pero foi como falar ao profundo dunha cova ou ao fondo dun pozo. Case puiden escoitar o eco da miña voz ao outro lado da liña, como se me respondera un abismo.

Botando a vista atrás, lembrei con nostalxia a época en que os concursos convocábanse nunha data determinada e estaban resoltos nun ano xusto. Daquela, pensabamos que un ano para resolver un concurso era unha cousa excesiva, un desatino tremendo que non se explicaba. E iso que nesa morriñosa época os/as funcionarios/as éramos como artesáns e baremábamos os concursos coa man, contando os méritos como se contan moedas. Ante a nosa desesperación pola tardanza, dende as altas instancias, un tal Barreiro aseguraba que en canto houbera unha ferramenta informática, os concursos resolveríanse na metade dun segundo premendo co dedo índice a tecla ENTER.

O concurso do ano 2019 tardou case catro anos en resolverse.

O concurso actual leva convocado ano e medio e, a 10 de novembro, aínda non saíu nin sequera a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as, prevista para o día 14.

Ademais de ser unha falta de respecto ós/ás traballadores/as, todos e todas sabemos os problemas que están a traer a súa tardanza nas convocatorias e nas resolucións dos concursos (xerais e específicos).

No caso de que a esperada baremación provisional non saia este mes, invito a todas e todos a que preguntedes vós mesmos. Aínda que é posible que en vez de obter unha resposta, teñades o sentimento de falar co fondo dunha cova ou dun pozo.

Ou quizá non faga falta. Eu penso que esta vez si, que esta vez a directora de Emprego Público cumprirá a súa palabra e a famosa baremación estará lista en novembro, e despois, axiña, sairá a baremación definitiva, a adxudicación de postos e as tomas de posesión. E logo, haberá un concurso permanente e unha carreira profesional automática, promocións internas cada ano, as comisións de servizos se conseguirán por méritos e un longo etc., de boas novas en Emprego Público porque, por fin, funcionará dun xeito normal e non interesado... Non perdamos a esperanza, que é o penúltimo que se perde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario