Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 13 de agosto de 2013

A Xunta de Persoal de SSCC insta a implantación 100% telemática na tramitación de permisos, vacacións e licenzas

A DXARA (Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa) confirma que será real a partir de xaneiro de 2014 en todos os centros onde estea implantado o sistema Kronos.

Actualmente, nos Servizos Centrais, na tramitación de vacacións, permisos e licenzas obrígase a duplicar a solicitude en papel e a través do Portax, a pesar de que este sistema, xunto ao Kronos (que leva o control horario) xa levan tempo en funcionamento. Nun escrito dirixido á DXARA, a Xunta de Persoal propuña aproveitar a infraestrutura montada para que a xestión de vacacións, permisos e licenzas se puidera facer telematicamente sen necesidade de gastar papel e permitindo tamén presentar escaneados os diversos xustificantes.

Por outra banda, cómpre destacar a falta de homexeneidade á hora de ver cal é a figura que autoriza os permisos, vacacións e licenzas (ata 3 sinaturas chegan a aparecer nos escritos xunto á da persoa solicitante) e tampouco se establecen prazos nin obriga de resolución.

Proxecto Morpheo

A directora da DXARA informou á Xunta de Persoal que existe actualmente un grupo de traballo a tres bandas (xunto con Función Pública e AMTEGA) para explorar as posibilidades telemáticas da tarxeta de empregado/a público/a e máis os sistemas Kronos/Portax. Dentro dese proxecto contemplábase que xa en setembro estivera implantada a xestión telemática en exclusiva das vacacións, permisos e licenzas. A dita xestión sería factible dado que todas as tarxetas incorporan o certificado que permite asinar dixitalmente calquera documento (tamén desde a casa) e que incluiría tamén a posibilidade de anexar os xustificantes escaneados. Finalmente non será posible ata xaneiro de 2014.

O atraso vén motivado porque aínda non se pechou a posta en funcionamento do Kronos en todas as consellarías e máis a desactualización das EPTs (Estrutura de Postos de Traballo) que reflicten a situación exacta de cada RPTs e onde se sitúa cada empregada ou empregado pública. Segundo nos comentan nos Servizos Centrais están case o día. Tamén falta por definir cuestións como quen vai autorizar os permisos ou os prazos.

A Xunta de Persoal solicitou non só que se manteña informada ás organizacións sindicais senón que se lles faga partícipes a través das canles adecuadas. Non ten sentido que se exclúa ás traballadoras e traballadores públicos nas cuestións que afectan directamente á xestión dos seus dereitos. Deixando a un lado as cuestións sometidas a negociación colectiva, atópase unha cuestión práctica: ninguén mellor que as persoas que utilizamos ou sufrimos a diario estes sistemas para conseguir a súa optimización e mellora.

Kronos

A directora da DXARA informou tamén que en setembro acabarán de implantar o sistema Kronos en todo Servizos Centrais (faltaba a consellaría de Sanidade) e máis no edificio administrativo de Pontevedra. Deste xeito se pecharían os grandes centros e a partir de aí comezaría a súa implantación no resto de centros máis pequenos das diferentes provincias.

Coméntase tamén que nos centros que non exista, habilitarase un equipo para que as traballadoras e traballadores poidan fichar. Normalmente cada tarxeta está asociada a un ordenador en concreto a través da IP pero en centros pequenos ou postos de traballo nos que non existe ordenador asociado, habilítase un para que varias persoas poidan fichar no mesmo equipo. Quedan excluídas as persoas con dispoñibilidade horaria.

Flexibilidade horaria

Por último, informóusenos do que xa comunicara o director xeral de Función Pública na última Comisión de Persoal: en setembro retomaríase a negociación da Orde de Xornada laboral, flexibilidade e teletraballo. Tamén fixo fincapé en que habería cambios respecto ao último documento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario