Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 15 de outubro de 2013

Bolsas: Deformación no Parlamento

No canto de contratos, o  Parlamento opta por cubrir as súas necesidades de arquivo, informática, comunicación ou publicacións mediante a figura precaria da “bolsa de formación”.

O DOG do luns 14/10 publica o anuncio da convocatoria por Parte do Parlamento de Galiza de 8 bolsas e formación en diferentes áreas: 4 de arquivo, biblioteca e documentación, 2 de informática, 1 de comunicación institucional e outra máis en publicacións. Estas bolsas veñen sendo convocadas ano tras ano.

Teoricamente son bolsas de formación, e polo que nos consta, polo menos no eido dos arquivos, non hai personal técnico especializado no Parlamento, polo que cabe preguntarse quen lles vai proporcionar a formación?


Por outro lado, chama a atención que haxa 4 bolsas de formación nun departamento no que traballan 3 persoas (un facultativo e dous axudantes), Qué inflada "becarial", non? Non será que @s bolseir@s van facer o traballo puro e duro? A ratio de bolseiros nunca pode superar o 10% do cadro de persoal para poder ser considerado como “formación”.

Outro aspecto que marca a diferenza entre o contrato e a bolsa é se o traballo desenvolto pola persoa é aproveitable. O traballo desenvolto anos atrás por este persoal bolseiro non se destrúe, non é un exemplo, forma parte do traballo diario dos distintos departamentos no que se integran.

Cómpore destacar que existen contratos de formación, para ter a xente en condicións axeitadas de seguridade e compensación económica; e non  pagar 1000 euros brutos/mes a mozas e mozos hipercualificados que na súa desesperación por non ter que marchar do país para traballar, aceptan este traballo precario, cobrando a metade e sen dereito a seguridade social.

Existe nas Administracións Públicas, nestes momentos de escasez, unha volta ao traballo precario, ás subcontratas, privatizacións e tamén ao “becariato” como modo fácil de conseguir man de obra cualificada e barata que non é de recibo e que só serve para agochar, precarizar e abaratar os postos de emprego público. Véxase tan só en arquivos as bolsas municipais da Xunta ou as bolsas do arquivo da Deputación, ou nos Servizos Centrais da Xunta a recente convocatoria de bolsas na Dirección Xeral do Comercio.


Para a CIG resulta unha vergoña que unha institución defensora da legalidade, como o Parlamento, bote man das bolsas de formación para bordear a normativa laboral co obxectivo de abaratar e agochar o que deberan ser postos de emprego público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario