Pero non estaba suspendido o plus dos altos cargos? Pois si, pero hai outro.
O mércores, 17 de xullo, rebentou na prensa a existencia dun plus b dos altos cargos, que non en b. O plus ao que nos referimos aparece recoñecido no artigo 19 da Lei galega de Orzamentos para 2013 e chámase “complemento de persoal”. Este complemento trata de compensar a “perda retributiva” do persoal funcionario que pase a formar parte da élite de altos cargos e, sensu estricto, retribúe un traballo que non se está realizando. Semella unha brincadeira pero non o é:
Artigo 19. Complemento persoal
O persoal funcionario designado para ocupar postos incluídos nos anexos de persoal dos orzamentos da Administración xeral, dos seus organismos autónomos e das súas axencias públicas autonómicas que dean lugar á consideración de alto cargo e que no momento do seu nomeamento manteña unha relación de servizo permanente, non contractual, con algunha Administración pública non poderá percibir retribucións inferiores ás que tiña asignadas no posto de procedencia.
Cando se produza esa circunstancia, o persoal indicado terá dereito a percibir un complemento persoal equivalente á diferenza entre a totalidade dos conceptos retributivos, básicos e complementarios, do posto de orixe, con exclusión das gratificacións por servizos extraordinarios, en cómputo anual, e as retribucións do mesmo carácter que lle correspondan polo posto que ocupe na Administración autonómica galega.
O recoñecemento do dereito á percepción deste complemento será realizado en cada caso pola Dirección Xeral da Función Pública.
Os complementos persoais e transitorios permanecerán coas mesmas contías que o 31 de decembro do ano 2012.
Para entender isto cómpre pensar, por exemplo, en determinados soldos de persoal funcionario en concellos e deputacións que son superiores ao do titular dunha consellaría (58.659,48 €), o cal xa de por si é para algo máis que botarse as mans á propia cabeza. Porén, iste complemento non é novo, leva anos xa aplicándose na Xunta e pola información da que dispomos tamén na Administración Xeral do Estado.
O curioso é que Facenda recoñece que, actualmente, hai 12 funcionarios/as ocupando postos de alto cargo cobrando este complemento e réstalle importancia a este gasto por ser “poucas” as persoas beneficiadas.O único caso que recoñece é o do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que se embolsa a maiores 9.773,28 euros anuales por ese complemento.
Independentemente da cantidade económica afectada, este tipo de prebendas non poden recibir outra cualificación que a de inmorais e indignantes. Mentres se nos pide paciencia, comprensión e apertarnos o cinto á clase traballadora, non facemos máis que ver como as persoas próximas ao Poder Político e económico, que nos piden tantos sacrificios, ben que evitan elas o sacrificio a base do erario público.
Non comprendemos se a motivación radica en que alguén non poida chegar a fin de mes cun exigüo soldo de alto cargo da Xunta... agora ben, semella que a Consellaría de Facenda dá a entender que o persoal funcionario que non ocupamos posto de alto cargo e se nos quitan pagas extras, complementos específicos e demais recortes, non temos necesidade dun complemento para completar as sucesivas perdas retributiva. E que dicir do resto da cidadanía que se atopa sen traballo, en situación de precariedade laboral ou directamente tendo que pedir para poder comer!?
Desde a CIG vimos de esixirlle á consellaría de Facenda que faga públicos quenes son esas 12 persoas e o que veñen cobrando exactamente. Iste plus é un dereito recoñecido por lei pero tamén é un dereito recoñecido pola lei de transparencia facer público o que cobran as persoas que ocupan postos de alto cargo. A día de hoxe non están dispoñibles as retribucións de todas as persoas que ocupan un alto cargo no sector público galego ou fican desactualizadon como no caso de Industria, no que aínda figuran as retribucións do antigo conselleiro Javier Guerra. En todo caso, non estaría mal que en aras de non danar a MARCA GALIZA e non prexudicar á condición de funcionario público, renunciasen de xeito inmediato a seguir percibindo ese plus legal pero inmoral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario