Desde a Xunta de Persoal dos servizos
centrais impulsáronse varias cuestións relacionadas coa accesibilidade,
mantemento e servizos comúns dos diferentes centros dos servizos
centrais da Xunta de Galiza. A meirande parte fican parados por cuestión
orzamentarias, outros porque hai que estar continuamente enriba para
que conseguir pequenos cambios.
Aparcamento San Caetano
O aparcamento a cuberto que ten a Xunta
en San Caetano contratado só conta con 400 prazas e os problemas para
aparcar polos arredores son evidentes para as traballadoras e
traballadores de San Caetano pero tamén para o resto do persoal doutros
centros dos servizos centrais que teñen que vir a San Caetano por
cuestións xerais, sindicais, de persoal, servizo médico, etc.
Temos queixas de traballadoras e
traballadores públicos que se lle desactivou a tarxeta mentres persoal
que non é Xunta fai uso gratuíto. Solicitamos criterios de uso e acceso a
este aparcamento.
Aparcamento vetado no exterior diante de Facenda
Insiste a Xunta que non está vetado unicamente por unha cuestión exclusivamente de que entra e sae o presidente pola porta grande de Presidencia.
O libramento de prazas que conseguiu a xunta de persoal no 2012 di que
se fixo contra a recomendación policial que cedeu en parte pero insiste
en manter a zona de seguridade actual. Do informe policial falan de:
aparcamento de vehículos policiais, manifestacións, posibles actos
terroritas e punto de encontro da evacuación de emerxencia do edificio.
Solicitamos o dito informe.
Control de acceso de Facenda que pecha ás 15:30
Coa entrada en vigor da Orde de
flexibilidade amorease a xente na saída contra as 15:30h antes de que
peche e, en moitos casos, hai que dar toda a volta ata a saída da
estación de autobuses. Comentan que resulta case imposible manter aberto
o control de Facenda toda a tarde co recorte da contrata da seguridade
privada. Instamos a busqueda de alternativas para ampliar o horario da
porta, canto menos, ata as 16:00h para facilitar a saída e que a xente
non ande ás carreiras.
Esvaróns nas entradas de San Caetano
Nas entradas de Educación e Facenda para
cumprir coas indicacións de avaliación de riscos instalaron pasamáns
pero faltan as alfombras nas entradas para secar os pés e non ir
mollando todos os corredores. O da instalación do líquido para non
esvarar vanno meter nos pregos da próxima contrata da limpeza (...)
Deficiencias no mantemento no edificio de San Caetano
A Xunta di que lles preocupa moito e que
cando vexamos algunha deficiencia que avisemos a Mantemento ou a
Oficina Técnica, referido esta recomendación para calquera traballadora
ou traballador. De todos os xeitos, din que fan roldas de inspección
pero na realidade son moi difíciles de manter co recorte de persoal
técnico. Destacase o mal estado xeral do edificio, sobre todo agora coa
auga e as humidades. Van facendo apaños pero moi timidamente.
Estado dos firmes de San Caetano e San Lázaro
En San Caetano máis que o firme, faise
referencia á petición de bandas reductoras de velocidade e repintado dos
pasos de peóns, liñas amarelas e prazas de aparcamento de persoas con
discapacidade. Van repintar e pode que instalen bandas reductoras no
punto de cruce da porta de Facenda á garita de acceso, dada a velocidade
elevada a que circula algún vehículo polo interior.
En San Lázaro destacamos as fochancas que parecen propias dun escenario bélico post-bombardeo. Quedaron en miralo e din que cando deixe de chover van facer diversas actuacións: volveran a tapar os buracos, asfaltar a rampa de acceso ao aparcamento de enfronte da entrada de Traballo e prohibir o aparcamento na rotonda do IGE ou a dobre circulación entre Medio Ambiente e Montes polos problemas que ocasiona. Aquí fixose fincapé na necesidade de facer un arranxo máis pensando a longo prazo que un rebacheado que aguanta ata a próxima época de choivas. En todo caso, hai un par de fochancas que precisan dunha intervención urxente.
Máquinas de café
Houbo denuncias da calidade da auga,
limpeza e demais; o das formigas din que foi un tema puntual e xa está
solucionado. Insistimos en colocar en cada máquina un rexistro de cando
se limpa. Por outro lado, destacamos a baixada da cantidade do café nas
máquinas expendedoras; mantiveron os prezos si, pero baixaron a
cantidade (deberíano ter en conta nos pregos).
Salas de repouso e lactación
Consonte a Lei galega de Igualdade a
Administración debera facilitar que as traballadoras embarazadas e
mulleres lactantes teñan a posibilidade de descansar tumbadas no lugar
apropiado, así como lactar ao seu fillo ou filla con tranquilidade, e
máis en centros administrativos con espazo dabondo. A realidade é que
soe gozarse o permiso de lactación todo seguido pero sí que tivemos
demanda de varias traballadoras dun sitio onde poder descansar tumbadas
nun lugar apropiado, sen ter que poñer os pes enriba da mesa diante de
todo o mundo para aliviar as molestias propias da gravidanza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario