Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 9 de abril de 2025

TELETRABALLO: O QUE DIN OS DE "ARRIBA" E O QUE FAN OS DE "ARRIBA"

De un tempo a esta parte estamos a recibir en Servicios Centrais informacións contraditorias acerca do teletraballo:

Por unha banda, viñeron ou chamaron ao local da CIG en San Caetano traballadores/as para comunicarnos que querían restrinxirlles o teletraballo dende unha determinada data. Non se podería teletraballar nin os luns nin os venres. Ante esta noticia fomos falar cun/cunha “xefe/a” confirmáronnos que había ordes de “arriba” para restrinxir o teletraballo por “razóns de servizo”.

Por outra, ante as preguntas á directora xeral de emprego público na comisión de persoal do día 27 de marzo, sobre se había algunha instrución para a restrición do teletraballo os luns e os venres, esta negou a maior dicindo que non existía ningún tipo de restrición.

Sen embargo, despois da comisión de persoal, resulta que diferentes persoas de diferentes servizos insitiron en que se sigue a falar da modificación dos días nos que se permitiría teletraballar. Hoxe mesmo dixéronme varias persoas dunha Subdirección encadrada na Dirección Xeral de Emprego Público, que lles comunicaron dun xeito verbal que a partir de maio non se poderá teletraballar nin os luns nin os venres. 

Ante estas informacións, creo que é necesario lembrar varios aspectos:

1º Unha resolución de teletraballo só pode modificarse por outra resolución. Hai que seguir o procedemento establecido na orde. Non valen ordes verbais nin correos electrónicos.

2º A nova resolución debe de ser motivada. Non se pode denegar ou restrinxir o teletraballo de xeito discrecional, pois daría lugar a discriminación duns/dunhas traballadores/as a outros/as, e isto está prohibido expresamente e de xeito transversal polo ordenamento xurídico.

Por ende, a motivación debe de ser suficiente e real. Non vale inventar motivacións pois entón estaríamos unha resolución inxusta; e ditar unha resolución inxusta a sabendas de que inxusta, ten un nome que todos coñecemos.

3º Se na modificación aléganse “razóns de servizo”, segundo a xurisprudencia, teñen que individualizar esas razóns de servizo e dicir cales son exactamente. Non vale, que de súpeto aparezan razóns de servizo simultaneamente en varios servizos. Isto é moi, moi estraño.

Ademais, as “razóns de servizo” non pode ser eternas. E se resulta que son permamentes, teñen que estar moi ben xustificadas: debería de haber algún cambio na organización que faga imposible teletraballar algún determinado día. E ese cambio ten que ser verdadeiro e non implementado coa única causa de impedir o teletraballo.

4º Cando desaparecen as razóns de servizo, debe volverse a situación anterior.

5º As razóns polas que non se podería restrinxir o teletraballo a unos días ou prohibir noutros son as seguintes:

a) Non permitir teletraballar determinados días vai contra o espírito da norma: se hai que concentrar o teletraballo en martes, mércores o xoves, por poñer un exemplo, dificultaría moito máis conseguir a ratio do 40% exisida na orde, de tal xeito que impediría “de facto” a realización do mesmo.

b) Non permitir traballar en determinados días a unhas persoas e permitirlle a outras, dentro da Xunta de Galicia, cando non haxa razóns que xustifiquen as diferencias dun xeito obxectivo, supoñería unha discriminación de uns/unhas traballadores/as sobre outros/as. E esta, insistimos, está prohibida polo ordenamiento xurídico.

Dende a CIG invitámosvos a que nos comentedes a situacións que se vaian dando nos vosos servizos en relación a este tema. Na CIG estamos dispostos a escoitar e a denunciar. Tamén queremos dicirvos que non tedes que conformarvos co que vós digan. É moi típico dos de “arriba” invocar unhas “razóns do servizo” sen que esas “razóns” se expliquen ben.

Máis que “razóns” son opinións e desconfianza cara os/as traballadores/as.

Non temos que deixarnos pisar. Os/as traballadores/as da Xunta de Galicia somos, con casi toda seguridade, os peor tratados entre todas as Comunidades Autónomas. Non se conta con nós para nada. De feito, estamos entre os peores pagados, con menos concursos, menos e peores promocións internas, menos e peor formación en comparación con outras Comunidades Autónomas.

Para rematar, quero lanzar unha pregunta ó aire: quen serán os de "arriba"? Eu penso que non se refiren ós santos, anxos, arcanxos ou outros seres celestiais... Pero nesta administración todo é posible.



Ningún comentario:

Publicar un comentario