Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 31 de maio de 2023

Novos chiringuitos na Xunta: presentámosvos a Rede de polos de emprendemento Xempre Contigo

 

Os chiringuitos na Xunta de Galiza medran coma os cogomelos. Non ben se extinguen uns, xa se argalla algo para repoñelos con outros, a ducias se fai falla.

A nova ocorrencia vén agora da man da Dirección Xeral de Emprendemento e Emprego, a cargo de Margarita Ardao (Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade), cunha rede de chiringuitos constituída por 15 entidades denominadas "polos de emprendemento e apoio ao emprego", e que están repartidos polas catro provincias. Na actualidade hai activos 8 polos, mentres que aínda están pendentes outros 7. Os polos activos son os seguintes:

Polo da Costa da Morte (Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, Coristanco)
Polo das Rías Altas e Arco Ártabro (Ferrol)
Polo da Mariña (Mondoñedo)
Polo da Montaña Lucense (A Fonsagrada)
Polo de Lugo Sur (Monforte de Lemos)
Polo de Ourense Centro e Sur (Verín)
Polo de Miño Central (O Carballiño)
Polo de Pontevedra Norte e Rías Baixas (“La Moda” Rural Lab, local da Fundación Roberto Rivas, Silleda)

E que veñen sendo estes "polos"?

Son novas oficinas onde a Xunta disque que ofrece asesoramento personalizado e permanente a persoas emprendedoras, para que desenvolvan proxectos empresariais. Con esa finalidade impártenselles sesións de titorización, que están a cargo de "persoal titor experto de primeiro nivel", persoal que traballa para a Xunta pero que está directamente contratado por unha fundación privada.

O lema empregado pola Xunta na propaganda institucional para esta “rede de polos” é “Xempre contigo”, e dende ela convócanse axudas económicas de 9.2 millóns de euros en 2023, segundo a Xunta, provenientes dos fondos europeos de recuperación Next Generation EU, mediante os cales se implementa o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. 

Quen xestiona estes fondos? Vexamos...

Esta rede de "polos" é un conglomerado de fundacións privadas, e tamén doutras entidades privadas vinculadas co Opus Dei, coas que a Xunta de Galiza está a conveniar os servizos e funcionamento destes polos.

O persoal que está a traballar nestes polos, a pesar de ter contrato cunha fundación privada, traballa en oficinas da Xunta (aínda que segundo se indica nos webs dos polos, algún dos locais é dunha entidade privada). O material, os logos e as aplicacións son da Xunta tamén. Dará lugar unha vez máis todo isto a novas responsabilidades pola cesión ilegal de traballadores/as? Xa advertimos dende aquí á directora xeral e a todas as persoas que poidan ter responsabilidade que no caso de que ocorran situacións como as descritas, que a maiores da responsabilidade disciplinaria derivada do artigo 28 da LEPG dende a CIG imos utilizar a vía penal por delitos contra a administración pública.

A coordinación de toda a rede de polos está nas mans da Fundación Juana de Vega, fundación privada. Á súa vez, a Fundación Juana de Vega coordina a outras fundacións, e tamén a outras entidades privadas, entre as que se atopan as seguintes:

 

Volvemos ás andadas e chiringuitadas!

Orzamentos da Comunidade Autónoma Galega. Ano 2023: Polos de emprendemento

 

Entidade beneficiaria

Concepto

Dotación orzamentaria 2023

Fundación Juana de Vega

Coordinación dos polos emprendemento

120.000 €

Fundación Juana de Vega

Convenio polo Rías Altas e Arco Ártabro

120.000 €

Fundación Venancio Salcines

Convenio polos emprendemento

240.000 € 

Fundación Cel - Iniciativas por Lugo

Convenio polos emprendemento 

240.000 €

Fundación Ronsel

Convenio polos emprendemento

240.000 €

EFA Fonteboa

Convenio Polo Costa da Morte

110.686 €

EFA Fonteboa

Convenio Polo Costa da Morte

9.314 €

Fundación Roberto Rivas

Convenio polo Pontevedra Norte e Rías Baixas

111.000 €

Fundación Roberto Rivas

Convenio polo Pontevedra Norte e Rías Baixas

9.000 €

Sen especificar

Convenios entidades polos emprendemento áreas xeográficas de Galiza

120.000 €

Sen especificar

Asistencia polo Ourense Centro e Sur

120.000 €

Sen especificar

Asistencia polo Lugo Sur (Monforte)

120.000 €

Sen especificar

Convocatoria axudas polos emprendemento

5.425.462 €

Sen especificar

Actividades de difusión e promoción polos emprendemento

440.000 €

Sen especificar 

Mantemento servizos web polos emprendemento

60.000 €

 

Total

7.485.462,00 €

Ningún comentario:

Publicar un comentario