Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 28 de xaneiro de 2026

Xa está demostrado: o 2´5 % é un novo recorte encuberto no noso salario

 

A CIG denuncia que o custo da vida subiu por riba da suba do Acordo salarial para 2025 e esixe incrementos superiores ao IPC, o establecemento dunha cláusula de garantía salarial e unha negociación colectiva real

O incremento salarial do 2,5 % que o persoal empregado público percibiu estes días na súa nómina non supón ningunha mellora real das retribucións posto que o IPC co que cerramos en 2025 foi o 2.9%. Así pois e malia que o Goberno español e os sindicatos estatais CSIF, CCOO e UGT o presenten como un logro do chamado “acordo salarial estatal”, a realidade é teimuda e a perda retributiva xa para este ano é o 0.4%.


Este incremento, pactado en Madrid por detrás das mesas xerais de negociación e, polo tanto, sen contar coa CIG -sindicato maioritario en Galiza-, non permite recuperar o poder adquisitivo perdido polo persoal e constitúe, na práctica, un novo pacto de perdas salariais.

A Xunta bloquea 790 postos de Concurso Específico dende hai máis de 10 anos

 

A CIG-Autonómica denuncia a decisión política consciente da Xunta de perpetuar as comisións de servizos establecendo unha ocupación provisional estrutural e “a dedo” dos postos de funcionarios/as con responsabilidade.

Na CIG-Autonómica denunciamos o bloqueo da Xunta de Galiza ao non convocar os concursos específicos. Entrado xa o ano 2026, supérase amplamente a década de parálise administrativa, unha situación que afecta, cando menos, a 790 postos de traballo das distintas consellarías e órganos da Administración autonómica.

O concurso específico é un procedemento de provisión de postos previsto na Lei 2/2015 do Persoal Empregado Público da Xunta de  Galiza para aqueles postos que “requiren unha valoración detallada de méritos e capacidades”. Porén, tal e como vimos advertindo dende o inicio, o modelo deseñado pola Xunta introduce un elevado compoñente subxectivo —como a entrevista persoal— convertendo na práctica o concurso específico nunha libre designación encuberta, personalizable e estable durante cinco anos.

Sen concursos específicos bloquéanse os postos para os concursos ordinarios

Aínda así, e malia a oposición expresa da CIG a esta forma de provisión, o feito de que estes postos figuren nas relacións de postos de traballo e non se convoquen os correspondentes concursos específicos, provoca un mecanismo estrutural de retención de postos, ao manterse unha ocupación prolongada mediante comisións de servizos, moitas delas de duración inxustificable e claramente contraria ao carácter excepcional que lles atribúe a normativa. 

Esta situación xera un grave efecto de bloqueo en cadea, xa que moitas das persoas que ocupan actualmente estes postos de concurso específico teñen outro destino en propiedade, que permanece reservado mentres desempeñan o posto provisional. Isto supón que un único nomeamento, pode estar bloqueando dous postos simultaneamente. 

“Esta realidade xa a vimos, por exemplo, nas tomas de posesión dos procesos selectivos de enxeñarías, onde non chegaban as prazas ao existir postos bloqueados, así como na perversión dos concursos de traslados de escalas especiais (enxeñarías, ciencias, arquitecturas..), nos que se “gardaban” numerosas prazas, como se existisen funcionarios e funcionarias de primeira e de segunda”


Escoller entre o menos malo ou o pior

luns, 26 de xaneiro de 2026

Orde de confección de nóminas do persoal da Administración autonómica para o ano 2026

 

No DOG do 26/01/2026 publican a Orde do 23 de xaneiro de 2026 pola que se ditan as instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da administración autonómica para o ano 2026.

Fíxase un incremento retributivo para 2025 do 2,5 % e para o 2026 establécese un incremento fixo do 1,5 %.

Con efectos do 1 de xaneiro de 2026, o persoal funcionario que desempeñe postos de traballo para os cales o Consello da Xunta de Galiza aprobou a aplicación do réxime retributivo previsto na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, percibirá as retribucións básicas, as pagas extraordinarias dos meses de xuño e decembro, e o complemento de destino nas contías que se detallan nos anexos II e III desta orde.

As pagas extraordinarias dos meses de xuño e decembro aboaranse nunha contía igual á suma da mensualidade de soldo e trienios fixada para a paga extraordinaria no anexo II máis o complemento de destino mensual, e devindicaranse conforme o disposto no punto 4 da instrución sexta desta orde.

O complemento específico anual detállase no anexo IV, percibirase en catorce pagas iguais, das que doce serán de percepción mensual e dúas adicionais, do mesmo importe que unha mensual, nos meses de xuño e decembro, respectivamente.

Con efectos económicos do 1 de xaneiro de 2026, o persoal laboral incluído no ámbito de aplicación do V Convenio colectivo único percibirá o salario base, complementos, antigüidade, pagas extraordinarias e contías adicionais, nos importes que se detallan no anexo VII.

venres, 16 de xaneiro de 2026

Presentadas máis de 5.500 sinaturas en apoio á PNL por unha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público

    

A CIG rexistrou o luns 12 de xaneiro as máis de 5.500 sinaturas recollidas en apoio á Proposición Non de Lei (PNL) promovida polo sindicato para instar ao establecemento dunha cláusula de garantía salarial que permita a actualización automática dos salarios do persoal empregado público conforme ao IPC real. Esta proposta preséntase nun contexto de empobrecemento constante dos soldos no sector público, que dende 2010 acumulan unha persoa da capacidade adquisitiva que xa supera o 20%.

De xeito paralelo, a CIG remitiu solicitudes de reunión aos grupos parlamentares para explicarlles o contido desta iniciativa, pedirlles que leven a PNL á Cámara galega e que voten a favor desta.

O obxectivo da PNL é que o Parlamento galego inste a Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado (que ten as competencias neste ámbito) para que elabore unha iniciativa lexislativa que contemple a creación dunha cláusula de revisión que garanta que os nosos salarios se incrementan cada ano de acordo ao IPC real. Esta cláusula funcionaría de maneira automática e á marxe dos acordos retributivos que se poidan acadar na mesa xeral de negociación das administracións públicas.