Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 9 de xullo de 2026

Xuntanza con Emprego Público polos autos de extensión de efectos de sentenzas de destino definitivo

 

O venres 3 de xullo de 2026 tivemos unha xuntanza informativa coa directora xeral de Emprego Público na que deu unha serie de información a respecto dos autos de extensión de efectos de sentenzas de destino definitivo.

O 29 de abril a Xunta de Galiza recibiu o veredicto do Tribunal Supremo polo que desestimaba o recurso de casación interposto pola Xunta de Galiza contra tres sentenzas de autos de extensión de efectos.

A Xunta presentou recursos de casación contra todos os autos de extensión de efectos que foron saíndo pero, unha vez emitido este veredicto, o Tribunal Supremo estaos inadmitindo, polo que todos os autos adquiren firmeza e xeran xurisprudencia.

O 22 de maio tivo lugar unha xuntanza cos sindicatos para informar que lles ían enviar unha serie de comunicacións a todas as persoas que promovesen autos de extensión de efectos e que, dependendo da situación desas persoas, elaboraron diferentes modelos de comunicacións.

Tiñan un modelo para aquelas persoas que solicitasen medidas cautelares e xa estaban ocupando o posto con carácter definitivo por execución provisional do auto. A esas persoas o que lle indicaron nese modelo é que permanecerían nese posto no que xa tiñan unha resolución de adxudicación e que, por tanto, non as convocarían para a elección de destino.

Despois había outras solicitudes con autos que non estaban executados de forma provisional ou incluso que aínda non tiñan auto porque estaban suspendidas polo TSXG mentres non se pronunciase o Tribunal Supremo. Agora que o Tribunal Supremo se pronunciou, os autos das solicitudes de extensión de sentenza adquiriron firmeza e xa lles están chegando ás persoas afectadas, que xa poden instar a súa execución á Xunta de Galiza. Para todas estas persoas, segundo a súa situación, Emprego Público elaborou dous modelos:

mércores, 8 de xullo de 2026

A crueldade da DXEP nos actos de elección de destino e RPT da Aturga


Na Comisión de Persoal do pasado venres o único punto da orde do día foi a modificación da RPT da Axencia de Turismo de Galiza (Aturga), na que non se tivo en conta ningunha das alegacións feitas pola CIG na mesa sectorial de persoal funcionario ante a D.X. de Emprego Público e onde a súa directora rabenou a negociación previa dos sindicatos coa Axencia na cal se conseguira a posibilidade de incremento do complemento especifico dos dous postos de técnicos/as de cociña polo cambio substancial de horario. Ante iso, o voto da CG foi en contra desta modificación.

Na rolda de intervencións recordamos que o día anterior rexistramos un escrito dirixido á DXEP no que expresamos o noso total desacordo coa retirada para os vindeiros actos de elección de destino de postos que xa pasaron polos concursos de traslados. Pedimos transparencia nestes procesos e esiximos unha explicación de por que actúan como actúan, así como polos criterios de elaboración das listaxes de postos para os diferentes actos de elección de destino.

Cando o normal sería que esas listaxes estivesen conformadas cos postos que non se adxudicaron no concurso de traslados, o que nos atopamos son listaxes nas que desaparecen postos sen argumento ningún, tendo que facer investigacións e suposicións do que sucede, xa que recibimos multitude de chamadas de parte do persoal notificando que faltan postos, en moitos casos en centros periféricos, co que supón isto nun acto de elección de destino tan masificado. Mentres, o que si inclúen son postos que non pasaron previamente polo concurso de traslados.

As respostas da directora xeral resultan abraiantes, tanto como a súa actitude non negociadora, xa que o que nos veu dicir en repetidas ocasións no transcurso da xuntanza é que a única obriga que ten é a de ofrecer tantos postos como persoas aprobadas. Que simpática! Sen máis explicacións nin argumentos sólidos, resulta cruel a súa negativa a incluir todos os postos vacantes, como sempre esiximos dende a CIG, condenando o persoal a ter que desprazarse ao longo da xeografía galega en busca dun destino definitivo.

Tamén insistiu en que as listaxes de postos que figuran na web de Emprego Público son totalmente informativos, que os postos que van para o acto de elección de destino son "cousa" da Dirección Xeral de Emprego Público, co cal "non se retira nada" e que a directora creou esas listaxes como considerou oportuno. Tal cual.

O totum revolutum de Emprego Público: a nova receita do caos nas eleccións de destino


Hai días nos que un pensa que a capacidade de Emprego Público para sorprendernos chegou ao límite, pero despois supérase. Vaia cristo formaron! Se o obxectivo era xerar o caos absoluto e cabrear a todo o persoal, temos que darlles un aplauso. Conseguírono.

Non sabemos moi ben quen está aos mandos da cociña en San Caetano, pero decidiron que a mellor forma de xestionar os recursos humanos era facer unha boa queimada administrativa: todo para dentro, que arda, e que Deus reparta sorte.

Cunha falta de respecto total e absoluta para os que levamos anos traballando aquí, meteron nunha barafunda monumental a todo o mundo. Dá igual a túa categoría, a túa traxectoria ou o teu esforzo. Na pota de Emprego Público entrou por igual o persoal dos subgrupos A1, A2, C1, C2 e mais a agrupación profesional de persoal funcionario subalterno da Administración xeral.

Todos xuntos e revoltos, sen orde nin concerto. Procesos cruzados onde mesturaron sen pudor o acceso libre, a promoción interna (esa grande esquecida á que agora lle dan a estocada final), os procesos de funcionarización e como o ingrediente estrela, para que a mestura fose aínda máis explosiva, sumáronlle as prazas de estabilización da Lei 20/2021.

xoves, 25 de xuño de 2026

Solicitude de certificado de delitos sexuais

Para aquelas persoas que teñan que presentar certificado de delitos sexuais:

O certificado de delitos sexuais é de carácter obrigatorio para aquelas persoas que exerzan ou vaian exercer unha profesión ou actividade que implique contacto habitual con menores. Pódese descargar directamente desde a seguinte ligazón: Certificado de Delitos de Naturaleza Sexual - sede.mjusticia.gob.es (é preciso dispor de certificado dixital, DNI electrónico ou sistema Cl@ve). Deberá estar en vigor e cunha antigüidade máxima de 3 meses desde a súa expedición. 


luns, 22 de xuño de 2026

Actos de elección de destino definitivo: restritivos e chapuceiros

O venres 15/06/2026 publicáronse os actos de elección de destino de varias escalas, despois de ter rematado o concurso de traslados das mesmas (arqueólogos, facultativos, axudantes e auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos, restauración en bens artísticos e arqueolóxicos e delineantes).

O caso máis rechamante é o da escala de delineación, con 15 prazas que quedaron vacantes despois do concurso e tan só ofrecen 6 prazas para as as 6 persoas que teñen que elixir destino. E para máis inri, na DXEP cometeron unha chapuza e “esquecéronse” de que teñen a outra promoción máis con 9 persoas aprobadas pendente de escoller destino definitivo e agora parece que van sacar unha corrección de erros para poder incluír á promoción “perdida” no acto de elección de destino.

Na escala de arqueoloxía onde sobraron 20 vacantes do concurso ofrecen 15 prazas para 15 aspirantes.

No caso de auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos hai 57 vacantes sobrantes do concurso e ofrecen 28 prazas para 28 persoas aprobadas.

A XUNTA "NOSTRA": uso de prácticas mafiosas no concurso de traslados. Podería perigar o concurso?

Ameazas de desterro de oficio a quen non ceda o seu posto

Estrañas manobras en Emprego Público para que algunhas persoas renuncien aos postos obtidos no concurso. A lei do silencio chega á Función Pública galega. A DXEP pretende tapar os seus erros xudiciais roubándolle os postos aos persoal mediante a táctica do susto ou trato telefónico. O "trato" é que colles un posto peor; o "susto", que te mandan de oficio onde non molestes. Unha estratexia de extorsión pura e dura que substitúe as garantías democráticas polas formas de Cosa Nostra de andar por casa.

Dende hai uns días, algunhas persoas puxéronse en contacto coa CIG porque dende Emprego Público están instándoas a que renuncien ao seu posto obtido por concurso. O modus operandi é o seguinte:

Alguén de Emprego Público chama por teléfono e dilles que o seu posto está dalgún xeito xudicializado por estar reclamado por outra persoa. Como solución ofrécenlles outros similares na mesma localidade. Eses postos similares, segundo nos comunican, non son tan similares como expresan: a distancia é bastante maior, as funcións serían completamente distintas e, nalgún caso, até ofreceron postos dun nivel inferior.

A "Televenda" de Emprego Público

Parece que na DXEP cambiaron a Lei de Emprego Público de Galiza polo catálogo de Teletenda. Iso de chamar por teléfono para ofrecer un posto de nivel inferior a cambio do que gañaches por concurso é unha estratexia de márketing brutal: "Se renuncia hoxe ao seu posto merecido, regalamoslle un castigo de oficio e un nivel menos! Chame xa!". Só faltou que che ofreceran un xogo de coitelos coa rebaixa de soldo.

xoves, 18 de xuño de 2026

Xefaturas de sección, sentenzas de destino definitivo, persoal veterinario e escolas infantís (MSPF 17/06/2026)

 

Nesta Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSPF), dende a CIG puxemos enriba da mesa as seguintes cuestións: A1-xefaturas de sección que non saíron no concurso de traslados; chamadas de Emprego Público indicando persoas con tomas de posesión feitas que teñen que elixir outro destino (sentenzas de destino definitivo); aclaración sobre o persoal veterinario que superou concurso e concurso-oposición; escolas infantís: manteñen tomas de posesión o 1 de setembro e comezo de curso o 4 dese mes.

A1 - Xefaturas de sección en corpos xerais que non saíron no concurso de traslados

Pedimos que aclaren que van facer con estes postos. A DXEP confirma que non se poden incluír na listaxe de postos que van ofertar no próximo acto de elección de destinos xa que, como noutras ocasións, deben ofertarse nun vindeiro concurso de traslados. Este sería o caso das que hai no Consorcio e das xubilacións noutras consellarías.

Emprego Público chama a persoas con tomas de posesión asinadas para que elixan outro destino debido a sentenzas de destino definitivo

Trasladamos que están contactando con nós persoas que ocupan postos con tomas de posesión asinadas incluso hai 8 meses ou que participaron no actual concurso de traslados, e que as están chamando para comunicarlles que teñen que elixir outro destino, xa que o que elixiran (ou, incluso, no que levaban meses incorporadas) está afectado por unha sentenza con destino definitivo.

Dende a CIG entendemos que a única solución é duplicar prazas, pero a DXEP contesta que procederán como están procedendo. É dicir, non hai transparencia nesta xestión dunha situación que continuará sucedendo ao longo dos meses.

Criterios de actuación co persoal veterinario que superou o concurso e o concurso-oposición

Calendario de adxudicacións de postos e actos de elección de destino (MSF 17/06/2026)

 

Nesta Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario, a directora xeral de Emprego Públiico trasládanos o seguinte calendario de resolucións de adxudicacións de postos dos concursos de traslados e dos actos de elección de destino:

Informática: van publicar unha corrección de erros para cambiar dúas cuestións: 

  • Modifican o apartado D), referido ao traballo desenvolvido, de xeito que no lugar de tempo desempeñado na escala de participación terá que poñer «nas escalas obxecto da convocatoria» (xa que hai varias escalas). 
  • Modifican a primeira parte referida ás renuncias: anteriormente cada persoa só podía participar dende un subgrupo, pero isto cambiou, e neste caso pode haber renuncias como resultado do concurso, xa que unha mesma persoa pode ter varias adxudicacións, e isto non quedou regulado e teñen que especificar como teñen que proceder.

F0225 – Arqueoloxía; técnica de restauración; técnica de delineantes; de facultativas de arquivos, bibliotecas e museos; de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos; técnica de arquivos, bibliotecas e museos, e auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos: publican no DOG este venres 19 de xuño (toma de posesión en setembro).

F0325 - Corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de veterinarias: publicarán o baremo provisional en xullo.

mércores, 17 de xuño de 2026

Horario de verán de 2026: corta e pega do de 2025


HORARIO DE VERÁN DE 2026

Horario oficial:


Do 16 de xuño ata o 15 de setembro deberán realizarse 6 horas diarias continuadas de traballo entre as 8.00 e as 15.00 horas. O cálculo do cumprimento da xornada laboral será en cómputo diario.

Horario de flexibilidade automática:

Do 16 de xuño ata o 15 de setembro deberán realizarse 6 horas diarias continuadas de traballo entre as 8.00 e as 15.00 horas. O cálculo do cumprimento da xornada laboral será en cómputo diario.

Ata o 30 de xuño será posible compensar débeda do mes de maio e ata o 31 de xullo, débeda da primeira quincena do mes de xuño. O tramo horario de compensación será de 8.00 a 15.00 horas.

Horario de flexibilidade por conciliación:

Do 16 de xuño ao 15 de setembro deberán realizarse 6 horas de traballo diarias na franxa horaria autorizada pola Secretaría Xeral Técnica na resolución de concesión de flexibilidade por conciliación. O cálculo do cumprimento da xornada laboral será en cómputo mensual.

Ata o 30 de xuño será posible compensar débeda do mes de maio e ata o 31 de xullo, débeda da primeira quincena do mes de xuño.

Horario con redución de xornada de traballo diaria:

Do 16 de xuño ao 15 de setembro deberá realizarse diariamente dentro da franxa horaria autorizada polo órgano de persoal correspondente para a concesión desa redución de xornada o tempo de traballo que se determine mediante a seguinte fórmula:

xoves, 11 de xuño de 2026

Corpos xerais: modificación da RPT, datas de elección de destino e tomas de posesión


Na Comisión de Persoal de hoxe, 5 de xuño de 2026, o único punto da orde do día foi a modificación da RPT de corpos xerais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que nace da necesidade de contar con prazas suficientes para dar destino definitivo a todas as persoas de todos os procesos de corpos xerais que están pendentes de que ese acto se realice.

Aínda que non se atenderon algunhas das nosas demandas, o fundamental, que é o saldo neto de ao redor de 170 prazas de nova creación, é para nós positivo. E tendo en conta ademais a urxencia (e isto é unha falta de previsión e deberíase ter abordado moito antes, pois xa era algo sabido), o noso voto foi a favor da modificación da RPT, ao igual que o resto das organizacións sindicais.

Ademais, na rolda de intervencións indicou a DXEP que para corpos xerais (concurso de traslados e actos de elección de destinos) as datas serán as seguintes:

  • Semana do 22 ao 26 de xuño: será a publicación da resolución do acto de elección de destino: 2 días para recibir o código para acceder á aplicación informática, e 5 para a elección de postos.
  • Semana do 13 ao 17 xullo: a resolución cos nomeamentos e a adxudicación de destino definitivo. Nesta resolución indicarán que por motivos organizativos (vacacións) o prazo de toma de posesión comezará o martes 15 de setembro (co cal os cesamentos serán o 14 de setembro). Estas datas incluiranas nesta resolución do 13 ao 17 de xullo e establecerán 15 días para incorporarse (por trámite de urxencia).

mércores, 3 de xuño de 2026

Corpos xerais: RPT para as tomas de posesión, as promocións internas e algo máis


Na reunión da mesa sectorial do luns 01/06/2026 abordáronse varias cuestións relativas ás tomas de posesión de corpos xerais:

 A RPT para incrementar prazas para os actos de elección de destino

En primeiro lugar, o asunto que se levaba á mesa era a RPT da Administración xeral, onde se creaban postos para poder realizar as tomas de posesión.

Créanse 341 postos e amortízanse 170, polo que o saldo neto é de 172 postos creados. Os postos creados son basicamente postos base, excepto 6 C2 con nivel 14, que se crean en centros de ensino. Os postos amortizados son maioritariamente nos Servizos Centrais.

Á primeira pregunta sobre se as prazas son suficientes para facer os actos de elección de destino das 8 promocións de persoal funcionario, di que si. Preguntamos se as prazas amortizadas son vacantes puras, cousa que confirma.

En segundo lugar, expomos que se poden crear postos base nos servizos periféricos porque, se sobraron do concurso, non habería problema en crear máis e que existan máis probabilidades de que as persoas poidan escoller cerca ou a unha distancia razoábel do seu domicilio.

Consideramos que non se deben amortizar prazas en centros pequenos porque aí tería máis repercusión sobre o incremento da carga de traballo. E tamén destacamos que as creacións de prazas de auxiliar e subalterno en centros de ensino, se se fai por ratio, non debería de ter a contrapartida de amortizacións, pois é unha obriga crealas.

Non atenden estas últimas demandas. Aínda así, pensamos que deben actuar con celeridade para ter todo listo para os actos de elección de destino.

A nós non nos saen as contas porque para que comecen a mediados de xuño terían que estar publicados xa.

luns, 1 de xuño de 2026

CCOO, UGT E CSIF, contra as persoas da promoción interna do 2020 e 2023

 

Despois de ter realizado unha masiva concentración o mércores 27, as compañeiras e compañeiros que alí nos concentramos vemos como estes tres sindicatos sacan unha nota botándolle a culpa á CIG, no canto de botarlla á directora xeral, do que pretende facer creando unha incompatibilidade ficticia entre o concurso e as tomas de posesión da promoción interna.

Na Comisión de Persoal deste venres 29/05/2026 a directora insinuou que poderían dar destino á promoción interna do 2023, pero que o confirmarían o luns, e tamén adiou a información sobre as datas e prazos, prelacións, número de prazas, etc, para o luns.

E tamén comentou algo que nos sorprendeu: que se a promoción interna do 2020 e do 2023 escollían agora, entón as persoas desas promocións que collan posto no concurso, aínda que estea aberto ao subgrupo superior, van ter que optar por unha cousa ou outra.

Pensamos que isto podería ser un erro, unha chantaxe, e quixemos estudar a liña de acción á seguir para o luns, antes de pronunciarnos.

Pero hoxe sorprendeunos a demagoxia de CCOO, UGT e CSIF, que calan e, en vez de opoñerse a esta decisión da directora xeral, opóñense á CIG. En realidade están a opoñerse ás persoas das promocións internas e non buscan solución nin rebaten á administración.

Que fan para defender os intereses das persoas das dúas promocións internas?

Estase a crear un problema que non existe e que CCOO, UGT e CSIF validan

luns, 25 de maio de 2026

COMITÉ DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL DE SSCC AS COUSAS DE PALACIO VAN DESPACIO

O venres 21 de maio tivemos unha xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Servizos Centrais coa seguinte orde do día:

1. Aprobación da acta anterior

2. Informe dos asuntos tratados na reunión anterior

3. Dación de conta da elaboración e rexistro do Plan de autoprotección do Edificio Administrativo de San Caetano

4. Dación de conta das últimas avaliacións de riscos emitidas correspondentes a este comité

5. Renovación dos cargos de presidencia e secretaría do Comité

6. Rolda aberta de intervencións

A presidenta iniciou a sesión pedindo desculpas por desconvocar unha xuntanza do Comité onde se incluía na orde do día tratar sobre as medicións do radon e alegou que o motivo foi non dispor de todos os datos para poder informar. Como tampouco dispoñía aínda deles, indicou que se realizará unha reunión extraordinaria sobre esa cuestións. A CIG preguntou por unhas xornadas realizadas sobre o radon ás cales non foron convocados os sindicatos e alegou que foron técnicas e relacionadas con solucións construtivas.

xoves, 21 de maio de 2026

A CIG solicitou unha reunión de urxencia co conselleiro de Facenda ante o pasotismo da directora xeral de Emprego Público respecto ás tomas de posesión


Este luns 18/05/2026, a CIG solicitoulle ao conselleiro de Facenda unha xuntanza para dar solucións e que nos actos de elección de destino participen todas as promocións que estean nesa situación, sen que ningunha quede relegada a un futuro incerto.

As case 500 persoas funcionarias de corpos xerais que concorreron á promoción interna do ano 2023 en convocatorias derivadas das ofertas de emprego dos anos 2020 e 2021 non van poder acceder ao destino definitivo por unha decisión da directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

Das oito promocións de corpos xerais que están pendentes de obter o seu destino definitivo, unha delas, a promoción interna de 2023 non vai poder facelo, coa conseguinte perda de dereitos.

mércores, 20 de maio de 2026

Concursos de informática, turismo, urbanística, estradas, mobilidade, hidráulico

 

Dos tres novos concursos de traslados que estamos a negociar (Mesa Sectorial do martes 19), un deles, o das escalas de informática, servirá de “piloto” para un futuro concurso aberto permanente do que pouco concreta a Xunta. Os outros dous concursos son: a) Inspección e subinspección urbanística (A1 e A2); b) Turismo (A2); vixilancia de estradas, mobilidade, dominio público hidráulico (C1).

Unha semana antes, o mércores 13, a directora xeral de Emprego Público (DXEP) declarou no Parlamento de Galiza que estaban a traballar nun novo modelo de concurso de traslados aberto e permanente, e que nas vindeiras semanas negociarían coas organizacións sindicais o concurso de informática “que servirá como proxecto piloto” para estar a nova ferramenta informática (refírese ao Fides do Sergas con adaptacións).

A CIG manifestou na Mesa que este proceder é inadecuado, que o correcto sería sentármonos a falar polo miúdo dese novo modelo aberto e permanente que queremos, e non actuar sobre feitos consumados en medio da negociación ordinaria de tres concursos.

martes, 19 de maio de 2026

A directora xeral de Emprego Público segue sen dar resposta para a promoción interna de 2023


Na Mesa Xeral do 18/05/2026 a directora xeral de Emprego Público tampouco quixo dar resposta razoada á demanda de que a promoción interna de 2023 poida participar nos actos de elección de destino definitivo.

A resposta que deu é que aínda hai un prazo de 20 días para presentar a documentación e un prazo dun mes para presentar recursos de alzada.

Sobre isto último supoñemos que coñece que o recurso de alzada non é suspensivo con carácter xeral, xa que a continuación dixo que teriamos que esperar ata o 30 de maio.

Pois ben, entendemos que non habería desculpa para que se no día 30 de maio non está xa resolta a negociación para modificar a RPT e crear postos e abrir outros, preparada a listaxe de postos e feita a resolución para o acto de elección de destino, entón SI PODERÍAN dar destinos. E se remata pouco despois do 30, TAMÉN, porque sería esperar uns días para evitar un mal maior.

Ou o asunto dos prazos é unha desculpa?

martes, 12 de maio de 2026

Corpos xerais: información complementaria sobre actos de elección de destino e tomas de posesión


Complementado a información que onte difundimos, achegamos máis información sobre os actos de elección de destino e tomas de posesión de corpos xerais.

No concurso de traslados adxudicáronse 833 prazas na 1ª fase, 240 en resultas e 2 de oficio. Quedaron sen adxudicar 6 xefaturas de sección e máis ou menos 110 prazas de xefatura de negociado (das que unhas 90 estarían en Santiago).

 Acto de elección de destino

Tal e como vos trasladamos onte, o acto de elección de destinos será único para os dous bloques (os bloques só indican a prioridade na elección, pero non implican actos sucesivos).

Para estes actos están valorando a posibilidade de que se poida escoller, ademais de por posto, por localidades ou niveis, o cal facilitaría o acto de escolla.

Esperan que as datas posesorias finalicen previsiblemente a mediados de xullo.

Teñen que elixir destino nestas tomas de posesión 1.330 persoas do bloque 1 e 762 do bloque 2, que sumarían 2.092 persoas.

BLOQUE 1
FUNCIONARIZACIÓN 5
PROMOCIÓN INTERNA 2020 92
LIBRE 2019 721
PROMOCIÓN ESPECÍFICA 23
LIBRE 2022 489
BLOQUE 2
CONCURSO 2022 635
CONCURSO-OPOSICIÓN 2022 127

 Prazas

Para a elección destas persoas disporase de máis ou menos 2.630 prazas, tendo déficit nos grupos A1 e A2 (sen especificar a cantidade) e superávit nos grupos C1, C2 e AP.

Postos do Consorcio

Corpos xerais: toma de posesión do concurso de traslados e elección de destino


venres, 8 de maio de 2026

Oferta de emprego público para o ano 2026

 

No DOG do 08/05/2026 publican o DECRETO 35/2026, do 27 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galiza para o ano 2026.

1. O anexo I recolle as prazas que se ofertan para cubrir as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deben proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso con cargo á taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2026.

2. O anexo II recolle as prazas que se ofertan de promoción interna, cuxos procesos selectivos se realizarán en convocatorias independentes das ordinarias de novo ingreso.

3. O anexo III recolle as prazas que se ofertan de promoción interna para o persoal laboral fixo da Administración xeral da Comunidade Autónoma que van ser obxecto dun proceso de funcionarización.

4. O anexo IV recolle as prazas de persoal laboral de entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galiza para o ano 2026.

xoves, 30 de abril de 2026

Faltan prazas para os actos de elección de destino definitivo de corpos xerais?


Despois de solicitarllo, a Xunta segue sen achegarnos o dato clave que falta: o número de prazas vacantes que se xeraron na fase de resultas do concurso.

Na última mesa anunciaron que nos convocarían para dar unha explicación técnica sobre como van ordenar os procesos para evitar o problema de que puidesen quedar sen prazas para algúns corpos, pero polo de agora nin nos chamaron nin nos facilitaron os datos.

Cos datos aos que podemos acceder EXISTE un problema evidente: hai 376 persoas do subgrupo A1 que teñen que tomar posesión e hai, no mellor dos casos, e non vai ser así, 378 prazas sobrantes do concurso abertas ao A1. E se sumamos a promoción interna de 2023 (da que non sabemos cantas persoas van ter que escoller posto), a cousa vaise complicar bastante.

Promoción interna aos subgrupos A1, A2, C1 e C2: aspirantes que superaron os procesos selectivos

 

No DOG do 30/04/2026 publican:

- RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2026, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, pola que se fai pública a relación de persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo.

- RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2026, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2, pola que se fai pública a relación de persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo.

- RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2026, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, pola que se fai pública a relación de persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo.

- ACORDO do 30 de marzo de 2026, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, convocado pola Resolución do 16 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galiza número 222, do 22 de novembro), pola que se fai pública a relación de persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo.

Fan públicas as relacións de persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos como anexos I destas resolucións.

De conformidade co disposto na base IV.2, as persoas aspirantes disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galiza destas resolucións, para presentar a documentación prevista na citada base.

luns, 27 de abril de 2026

Corpos xerais: teñen unha lea monumental coas eleccións de destino e non dan información

 

Na Comisión de Persoal do 24/04/2026 volvemos esixir que nos convoquen xa á reunión á que se comprometeron. Na Mesa Xeral do 21/04/2026 comprometéronse a convocarnos a unha xuntanza de carácter técnico para solucionar o problema dos actos de elección de destino. Nin nos enviaron datos nin a listaxe de postos. Non podemos saber cantos postos quedaron vacantes da fase de resultas se non nos facilitan os datos.

O que si podemos saber, por exemplo, é que do subgrupo A1 na primeira fase só quedaron 180 postos abertos a ese subgrupo sen adxudicar. E só contando coas persoas aprobadas de libre, promoción interna, concurso de estabilización e concurso-oposición suman 297 persoas. Onde están os 117 postos que faltan? Sobran 117 postos de resultas? E así sucesivamente. E todo isto sen computar as persoas aprobadas de libre e da promoción interna pendente (que a ver se sacan a lista de aprobadas XA!), posterior á estabilización. ACHEGUEN OS DATOS, porque sen telos non podemos saber se é posible evitar a idea da DXEP dos “bloques”.

E como, ademais, temos constancia de que en moitas xefaturas territoriais están avisando as persoas que están en comisión de servizos en postos vacantes XERADOS DESPOIS DO CONCURSO, é dicir, que non pasaron polo concurso, e que teñen nivel, todo isto fainos sospeitar de que hai unha falla de previsión absoluta na convocatoria de ofertas de emprego público e provisión de postos. NON PODE HABER MENOS POSTOS QUE PERSOAS.

xoves, 23 de abril de 2026

Corpos xerais: elección de destino (MX 21/04/26)

 

Na Mesa Xeral do martes 21 de abril, demandamos á directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) as seguintes cuestións sobre a elección de destino definitivo dos corpos xerais (administración xeral sen escala).

En primeiro lugar, como xa saben cales son as prazas vacantes tras a resolución do concurso de traslados, queremos a relación das que van ofertar para os destinos, pois os compañeiros e compañeiras demandan información. A DXEP limítase a dicir que están a revisar as prazas.

En segundo lugar, reclamamos que nos convoquen á xuntanza comprometida pola DXEP para falar sobre o método e a orde de prelación na elección de postos. Esta xuntanza non tería sentido despois da publicación en DOG da resolución pola que se convoca á elección de postos, polo que tería que ser nestes días. A DXEP resposta que a información de que esa publicación en DOG sería na semana do 20 ao 24 de abril, “era unha previsión”. Así que aumenta as incógnitas. Engade que para esa xuntanza van a amosarnos un exemplo do problema que teñen coas prazas.

martes, 21 de abril de 2026

EGAP: convocatoria do plan de autoformación

 

No DOG do 20/04/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2026 pola que se convoca o programa de autoformación para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza, das entidades locais e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) das universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG).

Todo o persoal destinado ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza, das entidades locais e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) das universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG) que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e, concretamente, na base primeira do anexo II, pode acceder aos contidos das actividades do programa de autoformación, sen pasar por un proceso de selección, inscribíndose na zona de matrícula da EGAP, no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>.

A inscrición para o acceso aos contidos poderá facerse en calquera momento a partir do dia 28 de abril de 2026, día seguinte ao da finalización do prazo de matrícula da proba de avaliación das actividades do programa de autoformación.

Poderase acceder aos ditos contidos na aula virtual da EGAP desde a inscrición de acceso ata o 30 de decembro de 2026, agás para o seguinte contido, que estará dispoñible a partir do día 1 de outubro de 2026. AF26009: Aplicación práctica da normativa de emprego público na Comunidade Autónoma de Galiza.

venres, 17 de abril de 2026

Nin 35 horas, nin máis teletraballo nin plan de mobilidade


Mentres a guerra en Oriente Medio e a tensión no estreito de Ormuz agravan a crise enerxética e a carestía da vida, a Xunta segue sen adoptar medidas que reduzan os desprazamentos do seu persoal. Reclamamos actuacións inmediatas para reducir custos económicos, desprazamentos e consumo enerxético

A escalada da crise enerxética e da carestía da vida, agravada pola guerra en Oriente Medio e a tensión no estreito de Ormuz, está a ter un impacto directo nos custos da enerxía e dos desprazamentos. Neste contexto, empresas e diferentes administracións están a adoptar medidas para reducir o consumo e a mobilidade, mentres a Xunta de Galicia segue sen activar ningunha iniciativa específica para o seu persoal.

Dende a CIG-Autonómica xa advertimos de que a situación actual non permite a inacción. O encarecemento da enerxía e dos desprazamentos está a afectar a toda a sociedade, mais tamén ao persoal empregado público, e entre todos e todas temos que facer un esforzo para reducir o consumo enerxético ante o agravamento da crise. A Xunta ten a responsabilidade de actuar para mitigar este impacto.

Resolución do concurso de traslados da Administración xeral da Comunidade Autónoma


No DOG do 17/04/2026 publican a RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se resolve o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, convocado pola Resolución do 13 de maio de 2024.

Exclúen os postos sinalados no anexo I desta resolución da relación de postos vacantes da Resolución do 13 de maio de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 94, do 15 de maio), por sentenzas e medidas cautelares ditadas por ordes xudiciais ou por falta de dotación orzamentaria.

Adxudican e fan públicas as adxudicacións dos postos de traballo que se relacionan no anexo II ás persoas que nel se especifican. Esta información atópase ao dispor das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta. gal, na epígrafe <concurso de traslados>.

Difiren os prazos posesorios derivados da resolución do concurso ata que se publique no Diario Oficial de Galiza a resolución pola que se indique a data de inicio dos ditos prazos.

De acordo co disposto na base X da convocatoria do concurso de traslados, os destinos adxudicados serán irrenunciables salvo que, con anterioridade á finalización do prazo posesorio, se obteña outro destino mediante convocatoria pública, polo procedemento de libre designación ou por concurso, en que poderá optar entre os dous postos adxudicados.

Os traslados que deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios polo que, en consecuencia, non xerarán dereito á indemnización.

xoves, 26 de marzo de 2026

Onde están as 35 horas na Xunta? Oito anos sen avances

 

Coa Administración Xeral do Estado a piques de pechar a implantación das 35 horas, na Galiza seguimos nas 37,5 semanais. A Xunta tivo desde 2018 capacidade legal para reducir a xornada, pero nin o fixo nin o acordo de concertación de 2019 incorporou medidas reais.

Nós, o persoal da Xunta de Galiza, seguimos nas 37,5 semanais. Non é unha cuestión legal, é falta de vontade política.

Un marco que permitía avanzar, pero non obrigaba

O Acordo estatal de 2018 abría a posibilidade de que cada administración puidese establecer unha xornada inferior mediante negociación colectiva. Non era unha obriga nin unha medida automática: dependía da vontade de cada goberno.

Desde a CIG-Autonómica xa advertimos daquela que deixar esta cuestión aberta significaba que podía non aplicarse na práctica. E iso foi exactamente o que aconteceu na Galiza.

Facemos memoria: un acordo sen medidas reais en xornada

MENÚS DA CAFETARÍA DA XUNTA, VOLVEMOS Á “AJADA”

A cafetaría de San Caetano, por mandado das actuais  prescricións técnicas, ten a obriga  de  publicar os seus menús tanto na lingua propia do país como en castelán. Na web de Google publícase semanalmente o menú, pero faise unicamente en castelán. Aínda que o propio sitio indica que non se trata dunha web oficial, é onde se publican os menús diarios que se serven na cafetaría.

Non é a primeira vez que ocorre. Xa no ano 2012 a CIG puxo de manifesto o desprezo que a anterior concesionaria da cafetaría de San Caetano tiña coa lingua propia da Nosa Terra. Daquela, todo hai que dicilo, si rectificou e comezou a realizar as publicacións nos dous idiomas oficiais.

mércores, 11 de marzo de 2026

Peligro radon na oficina!

O día 10 de marzo de 2026 tiñamos unha convocatoria ordinaria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Servizos Centrais (SSCC) despois de case un ano dende a anterior reunión, que foi o 31/03/2025. Nesa reunión a CIG xa preguntou polos resultados das medicións de radon nas diferentes oficinas de SSCC, ao que nos responderon que primeiro tiñan que reunirse co Comité Intercentros de Saúde Laboral e logo valorar as medidas que habería que tomar por causa deste gas canceríxeno. Nós non temos claro o porqué disto último, dá a impresión de que son desculpas de quen non quere facer ben o seu traballo.

Pois un ano despois iamos reunirnos para falar deste tema do radon. A subdirectora de Servizos Comúns da Xunta de Galiza, que é a presidenta deste comité, indicoume  que non se podían incluír máis puntos na reunión do 10 de marzo dado que se trataba dunha reunión monográfica sobre o tema que nos ocupa, de feito o punto número 2 da convocatoria indícao expresamente: “Comunicación resultados medicións gas radon no Edificio Administrativo de San Caetano e informe explicativo”. Saliento que é tan só no edificio de San Caetano, como pon o punto, non en todos os edificios dos SSCC.

E para sorpresa de todos os axentes sociais e mais da CIG, a presidenta do Comité suspendeu esta xuntanza con menos de 24 horas de anterioridade  sen pór o motivo desta suspensión. Á CIG parécelle totalmente impresentable esta situación e que nos están tomando o pelo.

Dende a CIG queremos lembrar que o radon é un gas que en cantidade pode producir cancro de pulmón, cuestión que está demostrada. Cómpre dicir tamén que Compostela é unha zona de máximo risco ante este gas, que é inholoro e incoloro, motivo polo que se deberían facer medicións dende a directiva europea, publicada no ano 2013, data dende a cal a CIG está a solicitar estas medicións, porque nos consideramos europeos, aínda que a Xunta nos trate como indíxenas.

luns, 9 de marzo de 2026

INCUMPRIMENTOS DO ACORDO DE TELETRABALLO POR PARTE DA XUNTA

Tres anos sen convocar a Comisión Técnica de Teletraballo: a Xunta segue permitindo recortes arbitrarios nas xornadas de teletraballo

Na Comisión de Persoal deste venres 6 de marzo de 2026 volvemos denunciar o incumprimento reiterado do Acordo de Teletraballo e a aparición de novas restricións arbitrarias que non teñen amparo na norma. A directora xeral de Emprego Público resposta, unha vez máis, que están preparando a Comisión Técnica, igual que leva facendo dende hai 2 anos.

En primeiro lugar, non se están remitindo á Comisión de Persoal os datos relativos ás persoas teletraballadoras, tal e como establece o propio Acordo. Esta información é imprescindible para poder facer o seguimento e control do sistema de teletraballo. Non enviala supón impedir a transparencia e a supervisión que lle corresponde á representación do persoal.

Estamos a comprobar como, nalgunhas consellarías, se están aplicando reducións de xornada e interpretacións restritivas do teletraballo que non figuran no Acordo, reducindo dereitos e introducindo obstáculos sen ningunha xustificación real. Non necesitan reducir xornadas para aseguraren a presenza mínima, só necesitan organización.

Non podemos aceptar que, mentres se fala de modernización da Administración e de conciliación, se estea baleirando de contido o teletraballo mediante decisións discrecionais e criterios cambiantes.

Dende a CIG, no 2024, interpuxemos unha demanda xudicial contra a Xunta para facer valer os dereitos previstos no Acordo de Teletraballo. Porén, estamos aínda pendentes de data de xuízo.

venres, 6 de marzo de 2026

REUNIÓN SINDICATOS E ADMINISTRACIÓN SOBRE O FONDO DE ACCIÓN SOCIAL (FAS) 2025


Na reunión da Mesa Delegada da Mesa Xeral de Empregados Públicos sobre os criterios de repartición do Fondo de Acción Social, o día 5 de marzo de 2026 as 13 horas, a que asistiron CIG, CCOO e UGT, por parte da Administración están o Xefe de Servizo de Relacións Laborais e a Directora Xeral de Emprego Público, a CIG alegou o que sigue:

A CIG pensa que xa é hora de chamar as cousas polo seu nome xa que como vimos denunciando dende hai anos é o mal chamado Fondo de Acción Social porque del só queda unha única axuda: axuda para atención de persoas con discapacidade. Mantén suprimidas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como eran a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos.

Nesta proposta que é un “corta e pega” de anos anteriores, solo muda o nivel das rendas anuais das persoas causantes, que pasa do límite dos 15.120 aos 15.876 euros pero non muda a cantidade da axuda que fica en 2.160 euros por causante, exactamente igual que no ano 2020, 2021, 2022 , 2023 e 2024 sen actualizar nen tan sequera o IPC.

Neste corta e pega, ata ten algún erro no borrador que nos envían como que excluen a CIG da representación na Mesa Xeral de Negociación do Persoal Empregado Público.

A CIG reitera as alegacións presentadas en anos anteriores e que se resumen en:

• Incrementar o importe actual como mínimo conforme o Índice de Prezos o Consumo (IPC) dos derradeiros anos, para esta axuda.

• Recuperar todas as modalidades de axudas do anterior FAS recoñecidas antes dos recortes, e incrementalas progresivamente.

• Recuperar os importes subtraídos no 2012 e chegar ao 1% da masa salarial.

martes, 24 de febreiro de 2026

A CIG chama a acumular forzas na loita contra a precariedade e a desigualdade camiño do 8 e 10 de Marzo

 

A nosa central sindical tivo asembleas de persoal nas comarcas para analizar a situación socioeconómica e abordar as problemáticas laborais.

 

 

A CIG fixo este 11 de febreiro un chamamento a acumular forzas mediante a loita nas empresas e administracións e na rúa contra a precariedade e a desigualdade camiño do 8 e 10 de marzo, datas en que a central sindical aposta por unha importante mobilización da clase traballadora galega en demanda de traballo digno nunha Galiza con dereitos.

Precisamente con este obxectivo, a CIG realizou asembleas de persoas delegadas en todas as comarcas do país, nas cales tamén se analizou o actual contexto socioeconómico e se abordaron as principais problemáticas laborais.                                                                                                                                                          

Nas asembleas a CIG sinalou a importancia dunhas convocatorias que para o noso sindicato teñen unha especial significación polo que representan historicamente para o sindicalismo nacionalista galego, e que chegan nun momento de extensión da precariedade laboral e dos baixos salarios, especialmente entre as mulleres e a xente nova. Un intre no que asistimos, ademais, á medra do fascismo da ultradereita, que se alimenta da aplicación de políticas neoliberais a través das últimas reformas laborais e dun diálogo social que o único que fai é lexitimar medidas que provocan o empobrecemento xeneralizado da poboación.                                                                                                    

E todo isto nun contexto internacional en que o proceso de globalización neoliberal non ten límite na súa agresividade, impoñendo a guerra e o militarismo como arma para seguir acumulando riqueza, sen importarlle o mantemento dun sistema mundial inxusto baseado na desigualdade e no bloqueo a países como Cuba, na intervención directa noutros, como Venezuela, e nas ameazas, como no caso de Groenlandia ou Irán.

Fronte a todo isto, instamos a trasladar as alternativas aos centros de traballo e a animar á participación do maior número de persoas nas convocatorias do 8 e 10 de marzo, porque só con loita e mobilización seremos quen de conquistar dereitos.

Medidas urxentes

xoves, 19 de febreiro de 2026

Neste cuadrimestre resolverase o concurso de traslados da Administración xeral

 

A directora xeral de Emprego Público contestou a pregunta da CIG sobre o prazo para resolver o concurso que afecta milleiros de persoas empregadas públicas da nosa Administración na Mesa Sectorial de Persoal Funcionario deste 18 de febreiro de 2026.

Despois de que CCOO informase de que a resolución do concurso se faría a finais de febreiro ou primeiros de marzo, na CIG non contabamos con esa información e quixemos saber que nos podía dicir Emprego Público ao respecto.

A directora xeral sinalou que viu con sorpresa os prazos publicados por CCOO e aclarou que esta semana é a derradeira reunión da comisión que revisa as reclamacións. Unha vez rematadas as xuntanzas, teñen que implementar todas as alegacións estimadas e facer unha revisión, e este proceso non sabe canto tempo lles vai levar. Insistiu en que están rematando.

En definitiva, a directora deu como prazo correcto de resolución o primeiro cuadrimestre do ano 2026, agás catástrofe.

mércores, 11 de febreiro de 2026

Campaña da vixilancia periódica da saúde para o ano 2026 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galiza


No DOG do 03/02/2026 publican a Resolución do 19 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se dá publicidade á campaña da vixilancia periódica da saúde para o ano 2026 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galiza.

É aplicable a todos/as os/as traballadores/as da Administración xeral da Xunta de Galiza, agás ao persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ao persoal dos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións.

A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento, que está dispoñible no Portax (Portal do empregado público da Xunta de Galiza) ou do Opax (Oficina virtual do persoal da Administración de xustiza).

O prazo de inscrición rematará transcorridos 4 meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás para o persoal de nova incorporación, o persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e o persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

mércores, 28 de xaneiro de 2026

Xa está demostrado: o 2´5 % é un novo recorte encuberto no noso salario

 

A CIG denuncia que o custo da vida subiu por riba da suba do Acordo salarial para 2025 e esixe incrementos superiores ao IPC, o establecemento dunha cláusula de garantía salarial e unha negociación colectiva real

O incremento salarial do 2,5 % que o persoal empregado público percibiu estes días na súa nómina non supón ningunha mellora real das retribucións posto que o IPC co que cerramos en 2025 foi o 2.9%. Así pois e malia que o Goberno español e os sindicatos estatais CSIF, CCOO e UGT o presenten como un logro do chamado “acordo salarial estatal”, a realidade é teimuda e a perda retributiva xa para este ano é o 0.4%.


Este incremento, pactado en Madrid por detrás das mesas xerais de negociación e, polo tanto, sen contar coa CIG -sindicato maioritario en Galiza-, non permite recuperar o poder adquisitivo perdido polo persoal e constitúe, na práctica, un novo pacto de perdas salariais.

A Xunta bloquea 790 postos de Concurso Específico dende hai máis de 10 anos

 

A CIG-Autonómica denuncia a decisión política consciente da Xunta de perpetuar as comisións de servizos establecendo unha ocupación provisional estrutural e “a dedo” dos postos de funcionarios/as con responsabilidade.

Na CIG-Autonómica denunciamos o bloqueo da Xunta de Galiza ao non convocar os concursos específicos. Entrado xa o ano 2026, supérase amplamente a década de parálise administrativa, unha situación que afecta, cando menos, a 790 postos de traballo das distintas consellarías e órganos da Administración autonómica.

O concurso específico é un procedemento de provisión de postos previsto na Lei 2/2015 do Persoal Empregado Público da Xunta de  Galiza para aqueles postos que “requiren unha valoración detallada de méritos e capacidades”. Porén, tal e como vimos advertindo dende o inicio, o modelo deseñado pola Xunta introduce un elevado compoñente subxectivo —como a entrevista persoal— convertendo na práctica o concurso específico nunha libre designación encuberta, personalizable e estable durante cinco anos.

Sen concursos específicos bloquéanse os postos para os concursos ordinarios

Aínda así, e malia a oposición expresa da CIG a esta forma de provisión, o feito de que estes postos figuren nas relacións de postos de traballo e non se convoquen os correspondentes concursos específicos, provoca un mecanismo estrutural de retención de postos, ao manterse unha ocupación prolongada mediante comisións de servizos, moitas delas de duración inxustificable e claramente contraria ao carácter excepcional que lles atribúe a normativa. 

Esta situación xera un grave efecto de bloqueo en cadea, xa que moitas das persoas que ocupan actualmente estes postos de concurso específico teñen outro destino en propiedade, que permanece reservado mentres desempeñan o posto provisional. Isto supón que un único nomeamento, pode estar bloqueando dous postos simultaneamente. 

“Esta realidade xa a vimos, por exemplo, nas tomas de posesión dos procesos selectivos de enxeñarías, onde non chegaban as prazas ao existir postos bloqueados, así como na perversión dos concursos de traslados de escalas especiais (enxeñarías, ciencias, arquitecturas..), nos que se “gardaban” numerosas prazas, como se existisen funcionarios e funcionarias de primeira e de segunda”


Escoller entre o menos malo ou o pior

luns, 26 de xaneiro de 2026

Orde de confección de nóminas do persoal da Administración autonómica para o ano 2026

 

No DOG do 26/01/2026 publican a Orde do 23 de xaneiro de 2026 pola que se ditan as instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da administración autonómica para o ano 2026.

Fíxase un incremento retributivo para 2025 do 2,5 % e para o 2026 establécese un incremento fixo do 1,5 %.

Con efectos do 1 de xaneiro de 2026, o persoal funcionario que desempeñe postos de traballo para os cales o Consello da Xunta de Galiza aprobou a aplicación do réxime retributivo previsto na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, percibirá as retribucións básicas, as pagas extraordinarias dos meses de xuño e decembro, e o complemento de destino nas contías que se detallan nos anexos II e III desta orde.

As pagas extraordinarias dos meses de xuño e decembro aboaranse nunha contía igual á suma da mensualidade de soldo e trienios fixada para a paga extraordinaria no anexo II máis o complemento de destino mensual, e devindicaranse conforme o disposto no punto 4 da instrución sexta desta orde.

O complemento específico anual detállase no anexo IV, percibirase en catorce pagas iguais, das que doce serán de percepción mensual e dúas adicionais, do mesmo importe que unha mensual, nos meses de xuño e decembro, respectivamente.

Con efectos económicos do 1 de xaneiro de 2026, o persoal laboral incluído no ámbito de aplicación do V Convenio colectivo único percibirá o salario base, complementos, antigüidade, pagas extraordinarias e contías adicionais, nos importes que se detallan no anexo VII.

venres, 16 de xaneiro de 2026

Presentadas máis de 5.500 sinaturas en apoio á PNL por unha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público

    

A CIG rexistrou o luns 12 de xaneiro as máis de 5.500 sinaturas recollidas en apoio á Proposición Non de Lei (PNL) promovida polo sindicato para instar ao establecemento dunha cláusula de garantía salarial que permita a actualización automática dos salarios do persoal empregado público conforme ao IPC real. Esta proposta preséntase nun contexto de empobrecemento constante dos soldos no sector público, que dende 2010 acumulan unha persoa da capacidade adquisitiva que xa supera o 20%.

De xeito paralelo, a CIG remitiu solicitudes de reunión aos grupos parlamentares para explicarlles o contido desta iniciativa, pedirlles que leven a PNL á Cámara galega e que voten a favor desta.

O obxectivo da PNL é que o Parlamento galego inste a Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado (que ten as competencias neste ámbito) para que elabore unha iniciativa lexislativa que contemple a creación dunha cláusula de revisión que garanta que os nosos salarios se incrementan cada ano de acordo ao IPC real. Esta cláusula funcionaría de maneira automática e á marxe dos acordos retributivos que se poidan acadar na mesa xeral de negociación das administracións públicas.