Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 26 de marzo de 2026

Onde están as 35 horas na Xunta? Oito anos sen avances

 

Coa Administración Xeral do Estado a piques de pechar a implantación das 35 horas, na Galiza seguimos nas 37,5 semanais. A Xunta tivo desde 2018 capacidade legal para reducir a xornada, pero nin o fixo nin o acordo de concertación de 2019 incorporou medidas reais.

Nós, o persoal da Xunta de Galiza, seguimos nas 37,5 semanais. Non é unha cuestión legal, é falta de vontade política.

Un marco que permitía avanzar, pero non obrigaba

O Acordo estatal de 2018 abría a posibilidade de que cada administración puidese establecer unha xornada inferior mediante negociación colectiva. Non era unha obriga nin unha medida automática: dependía da vontade de cada goberno.

Desde a CIG-Autonómica xa advertimos daquela que deixar esta cuestión aberta significaba que podía non aplicarse na práctica. E iso foi exactamente o que aconteceu na Galiza.

Facemos memoria: un acordo sen medidas reais en xornada

MENÚS DA CAFETARÍA DA XUNTA, VOLVEMOS Á “AJADA”

A cafetaría de San Caetano, por mandado das actuais  prescricións técnicas, ten a obriga  de  publicar os seus menús tanto na lingua propia do país como en castelán. Na web de Google publícase semanalmente o menú, pero faise unicamente en castelán. Aínda que o propio sitio indica que non se trata dunha web oficial, é onde se publican os menús diarios que se serven na cafetaría.

Non é a primeira vez que ocorre. Xa no ano 2012 a CIG puxo de manifesto o desprezo que a anterior concesionaria da cafetaría de San Caetano tiña coa lingua propia da Nosa Terra. Daquela, todo hai que dicilo, si rectificou e comezou a realizar as publicacións nos dous idiomas oficiais.

mércores, 11 de marzo de 2026

Peligro radon na oficina!

O día 10 de marzo de 2026 tiñamos unha convocatoria ordinaria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Servizos Centrais (SSCC) despois de case un ano dende a anterior reunión, que foi o 31/03/2025. Nesa reunión a CIG xa preguntou polos resultados das medicións de radon nas diferentes oficinas de SSCC, ao que nos responderon que primeiro tiñan que reunirse co Comité Intercentros de Saúde Laboral e logo valorar as medidas que habería que tomar por causa deste gas canceríxeno. Nós non temos claro o porqué disto último, dá a impresión de que son desculpas de quen non quere facer ben o seu traballo.

Pois un ano despois iamos reunirnos para falar deste tema do radon. A subdirectora de Servizos Comúns da Xunta de Galiza, que é a presidenta deste comité, indicoume  que non se podían incluír máis puntos na reunión do 10 de marzo dado que se trataba dunha reunión monográfica sobre o tema que nos ocupa, de feito o punto número 2 da convocatoria indícao expresamente: “Comunicación resultados medicións gas radon no Edificio Administrativo de San Caetano e informe explicativo”. Saliento que é tan só no edificio de San Caetano, como pon o punto, non en todos os edificios dos SSCC.

E para sorpresa de todos os axentes sociais e mais da CIG, a presidenta do Comité suspendeu esta xuntanza con menos de 24 horas de anterioridade  sen pór o motivo desta suspensión. Á CIG parécelle totalmente impresentable esta situación e que nos están tomando o pelo.

Dende a CIG queremos lembrar que o radon é un gas que en cantidade pode producir cancro de pulmón, cuestión que está demostrada. Cómpre dicir tamén que Compostela é unha zona de máximo risco ante este gas, que é inholoro e incoloro, motivo polo que se deberían facer medicións dende a directiva europea, publicada no ano 2013, data dende a cal a CIG está a solicitar estas medicións, porque nos consideramos europeos, aínda que a Xunta nos trate como indíxenas.

luns, 9 de marzo de 2026

INCUMPRIMENTOS DO ACORDO DE TELETRABALLO POR PARTE DA XUNTA

Tres anos sen convocar a Comisión Técnica de Teletraballo: a Xunta segue permitindo recortes arbitrarios nas xornadas de teletraballo

Na Comisión de Persoal deste venres 6 de marzo de 2026 volvemos denunciar o incumprimento reiterado do Acordo de Teletraballo e a aparición de novas restricións arbitrarias que non teñen amparo na norma. A directora xeral de Emprego Público resposta, unha vez máis, que están preparando a Comisión Técnica, igual que leva facendo dende hai 2 anos.

En primeiro lugar, non se están remitindo á Comisión de Persoal os datos relativos ás persoas teletraballadoras, tal e como establece o propio Acordo. Esta información é imprescindible para poder facer o seguimento e control do sistema de teletraballo. Non enviala supón impedir a transparencia e a supervisión que lle corresponde á representación do persoal.

Estamos a comprobar como, nalgunhas consellarías, se están aplicando reducións de xornada e interpretacións restritivas do teletraballo que non figuran no Acordo, reducindo dereitos e introducindo obstáculos sen ningunha xustificación real. Non necesitan reducir xornadas para aseguraren a presenza mínima, só necesitan organización.

Non podemos aceptar que, mentres se fala de modernización da Administración e de conciliación, se estea baleirando de contido o teletraballo mediante decisións discrecionais e criterios cambiantes.

Dende a CIG, no 2024, interpuxemos unha demanda xudicial contra a Xunta para facer valer os dereitos previstos no Acordo de Teletraballo. Porén, estamos aínda pendentes de data de xuízo.

venres, 6 de marzo de 2026

REUNIÓN SINDICATOS E ADMINISTRACIÓN SOBRE O FONDO DE ACCIÓN SOCIAL (FAS) 2025


Na reunión da Mesa Delegada da Mesa Xeral de Empregados Públicos sobre os criterios de repartición do Fondo de Acción Social, o día 5 de marzo de 2026 as 13 horas, a que asistiron CIG, CCOO e UGT, por parte da Administración están o Xefe de Servizo de Relacións Laborais e a Directora Xeral de Emprego Público, a CIG alegou o que sigue:

A CIG pensa que xa é hora de chamar as cousas polo seu nome xa que como vimos denunciando dende hai anos é o mal chamado Fondo de Acción Social porque del só queda unha única axuda: axuda para atención de persoas con discapacidade. Mantén suprimidas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como eran a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos.

Nesta proposta que é un “corta e pega” de anos anteriores, solo muda o nivel das rendas anuais das persoas causantes, que pasa do límite dos 15.120 aos 15.876 euros pero non muda a cantidade da axuda que fica en 2.160 euros por causante, exactamente igual que no ano 2020, 2021, 2022 , 2023 e 2024 sen actualizar nen tan sequera o IPC.

Neste corta e pega, ata ten algún erro no borrador que nos envían como que excluen a CIG da representación na Mesa Xeral de Negociación do Persoal Empregado Público.

A CIG reitera as alegacións presentadas en anos anteriores e que se resumen en:

• Incrementar o importe actual como mínimo conforme o Índice de Prezos o Consumo (IPC) dos derradeiros anos, para esta axuda.

• Recuperar todas as modalidades de axudas do anterior FAS recoñecidas antes dos recortes, e incrementalas progresivamente.

• Recuperar os importes subtraídos no 2012 e chegar ao 1% da masa salarial.