Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 16 de xullo de 2013

Os minijobs nos servizos centrais da Xunta: Dirección Xeral de Comercio

Baixo teóricas bolsas de formación a Dirección Xeral de Comercio pon a traballar no seu centro a mozas e mozos universitarios cun alto grao de cualificación para facer desde introdución de datos para Comercio ata Powerpoints para o Gabinete.

No DOG do 15 de xullo publícase a resolución de concesión de 4 bolsas de “formación” na Dirección Xeral de Comercio. As ditas bolsas veñen convocándose con periodicidade anual desde o ano 2008 cun número variable tanto en persoas bolseiras como retribucións. O punto álxido tivo lugar en 2010 con 8 bolsas cunha retribución brutas de 1.300; actualmente, e consonte á Orde da convocatoria,  as retribucións son de 900€ e as persoas bolseiras teñen que pagar do seu peto tanto un seguro de saúde como de accidentes laborais.

Non son únicos, estes minijobs foron sempre moi empregados na Xunta por outros organismos ou centros, entre os que atopábamos: a Secretaría Xeral de Universidades, a extinta Dirección Xeral de I+D+I, o Instituto Galego de Vivenda e Solo e mesmo a Asesoría Xurídica Xeral. Na actualidade, e xunto a Comercio, seguen contando con persoas bolseiras a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e a EGAP. Sen ir máis lonxe, o actual secretario xeral de Industria gozou no ano 2004 dunha bolsa de colaboración na EGAP simultaneamente con outra de terceiro ciclo mentres preparaba as oposicións da Subescala de Secretaría-Intervención de Administración Local; todo un crack.

O traballo que desenvolven baixo esta condición depende moito da relación de favor coa persoa responsable política da unidade pero a norma xeral é que terminen sendo empregados de “chicos/as para todo”. De facto a súa etapa de formación soe durar días ou mesmo horas e acaban pasando polos distintos departamentos ou servizos botando unha man no que “faga falta” mentres por outra banda se deixa aparcadas nun curruncho a determinadas empregadas e empregados públicos que non gozan da “suficiente confianza”.

En concreto, na Dirección Xeral de Comercio, as persoas bolseiras que por alí pasaron desempeñaron traballos do máis distinto: desde facer Powerpoints para o Gabinete da consellaría, enquisas a pé de mercado ou facer vulto na entrega de Premios a Mellor praceiro do ano. De feito, no día a día estas persoas non tiñan coordinador e estaba ao que “se lle mandase” desde unha figura de cargo político ou libre designación.

O resultado: a Xunta consegue man de obra barata, que non en formación, e sumamente obediente. No escenario actual da Dirección Xeral de Comercio as 4 persoas bolseiras pasarían a acompañar ás 17 persoas que ocupan posto de empregada e empregado público e máis 1 asistencia técnica dunha fundación pública que leva anos nesta dirección xeral facendo funcións de persoal funcionario. Evidentemente a Xunta volve a crear o caldo de cultivo ideal para denuncias por cesión ilegal e fraude laboral cuxas consecuencias económicas acabará asumindo a cidadanía.

Tamén acompañarían á persoa que ocupe o novo posto da xefatura de sección con licenciatura en Dereito. Na proposta de RPT da Consellaría de industria que se está a negociar coas organizacións a consellaría insiste moitísimo na necesidade de licenciatura en Dereito para varios postos, entre eles unha sección en Comercio. Porén a obsesión da consellaría pola licenciatura en Dereito non é a mesma que polo cumprimento da legalidade laboral.


Como dixemos noutros comunicados o noso obxectivo é defender uns Servizos Públicos de calidade e dentro da legalidade, non uns Servizos Públicos nos que a propia Administración se aproveite da desesperación da nosa mocidade por encontrar traballo na nosa terra. Un modelo de Servizos Públicos prestados de xeito directo, contando cos recursos propios e non con falsas “bolsas de formación” que fan ata traballo de Gabinete.  Só deste xeito gaña a cidadanía en control, a través do acceso ao emprego público, pero tamén a través da garantía de confidencialidade respecto dos seus datos persoais, e a través da profesionalidade e da imparcialidade que só pode garantir unha empregada ou empregado público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario