A DXARA (Dirección Xeral de
Avaliación e Reforma Administrativa) confirma que será real a partir de
xaneiro de 2014 en todos os centros onde estea implantado o sistema
Kronos.
Actualmente, nos Servizos Centrais, na
tramitación de vacacións, permisos e licenzas obrígase a duplicar a
solicitude en papel e a través do Portax, a pesar de que este sistema, xunto ao Kronos
(que leva o control horario) xa levan tempo en funcionamento. Nun
escrito dirixido á DXARA, a Xunta de Persoal propuña aproveitar a
infraestrutura montada para que a xestión de vacacións, permisos e
licenzas se puidera facer telematicamente sen necesidade de gastar papel
e permitindo tamén presentar escaneados os diversos xustificantes.
Por outra banda, cómpre destacar a falta
de homexeneidade á hora de ver cal é a figura que autoriza os permisos,
vacacións e licenzas (ata 3 sinaturas chegan a aparecer nos escritos
xunto á da persoa solicitante) e tampouco se establecen prazos nin
obriga de resolución.
Proxecto Morpheo
A directora da DXARA informou á Xunta de
Persoal que existe actualmente un grupo de traballo a tres bandas
(xunto con Función Pública e AMTEGA) para explorar as posibilidades
telemáticas da tarxeta de empregado/a público/a e máis os sistemas
Kronos/Portax. Dentro dese proxecto contemplábase que xa en setembro
estivera implantada a xestión telemática en exclusiva das vacacións,
permisos e licenzas. A dita xestión sería factible dado que todas as
tarxetas incorporan o certificado que permite asinar dixitalmente
calquera documento (tamén desde a casa) e que incluiría tamén a
posibilidade de anexar os xustificantes escaneados. Finalmente non será
posible ata xaneiro de 2014.
O atraso vén motivado porque aínda non
se pechou a posta en funcionamento do Kronos en todas as consellarías e
máis a desactualización das EPTs (Estrutura de Postos de Traballo) que
reflicten a situación exacta de cada RPTs e onde se sitúa cada empregada
ou empregado pública. Segundo nos comentan nos Servizos Centrais están
case o día. Tamén falta por definir cuestións como quen vai autorizar os
permisos ou os prazos.